Esta orde ten por obxecto concretar os criterios que rexerán a segunda convocatoria de concesión de axudas para impartir accións formativas de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, para persoas traballadoras ocupadas.
Esta convocatoria apróbase ao abeiro do disposto na Orde do 13 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2024-2026 e se efectúa a primeira convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, co fin de financiar accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, destinadas a persoas traballadoras ocupadas, para o exercicio 2024 .
A Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, estableceu un novo marco normativo que ten por obxectivo a constitución e ordenación dun sistema único e integrado de formación profesional.
A súa finalidade é regular un réxime de formación e acompañamento que sexa capaz de responder con flexibilidade aos intereses, expectativas e aspiracións de cualificación profesional das persoas ao longo da súa vida e ás competencias demandadas polas novas necesidades produtivas e sectoriais, tanto para o aumento da produtividade como para a xeración de emprego.
Para estes efectos, a Lei orgánica 3/2022 establece que as ofertas de formación profesional deberán cubrir as necesidades de cualificación, entre outros colectivos, das persoas traballadoras ocupadas que necesiten adquirir, ampliar ou actualizar competencias profesionais identificadas no mercado de traballo que lles permitan a incorporación ou reincorporación ao mercado laboral e a reorientación do seu itinerario profesional.
O capítulo II do título II da Lei orgánica 3/2022, describe as tipoloxías de ofertas e graos de formación que, para o suposto concreto dos graos A, B e C, figuran regulados nas súas seccións 1ª, 2ª e 3ª.
A disposición derrogatoria única da Lei orgánica 3/2022 derroga a Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, así como cantas disposicións da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, se opoñan ao establecido na dita lei.
A disposición transitoria primeira do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, establece que mentres non se efectúe regulamentariamente a súa modificación, permanecerá vixente a ordenación dos certificados profesionais recollida en cada un dos reais decretos que os regulan, e a súa oferta quedará integrada nos graos C do sistema de formación profesional coa denominación de certificados profesionais.
O punto 1 da disposición derrogatoria única do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, dispón que queda derrogado, agás o anexo IV, o Real decreto 34/2008 do 18 de
xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, sen prexuízo do mantemento en vigor dos requisitos recollidos no Real decreto 62/2022, do 25 de
xaneiro, de flexibilización dos requisitos exixibles para impartir ofertas de formación
profesional conducentes á obtención de certificados de profesionalidade, así como da
oferta de formación profesional en centros do sistema educativo e de formación
profesional para o emprego.
Así mesmo, o punto 5 da disposición derrogatoria establece que quedan derrogados todos aqueles aspectos da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, pola que se desenvolve o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, e os reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación, que contradigan ou queden regulados neste real decreto.
Coa publicación no BOE do 5 de outubro de 2022 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, regulouse a oferta formativa do Sistema de formación profesional no ámbito laboral asociada ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais, efectuada polas administracións competentes, e establecéronse as bases reguladoras e as condicións para o seu financiamento. Con base nesta orde, e con carácter extraordinario, as entregas de fondos con carácter anticipado realizaranse segundo o disposto no artigo 36 da Orde de bases reguladoras do 13 de agosto de 2024.
Entre as distintas iniciativas de oferta formativa que regula a Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, inclúense as acciones formativas dirixidas ás persoas traballadoras ocupadas.
A Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación do Decreto 69/1993, do 10 de marzo, asume as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional para o emprego.
O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración atribúelle á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego as competencias relativas á formación profesional para o emprego en toda a súa extensión, incluídos os graos A, B e C da Lei orgánica 3/2022, do 1 de marzo, sen prexuízo das competencias da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e en coordinación con ela.
O Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional, establece no seu artigo 209.3.c) que as administracións competentes poderán establecer unha rede de centros sostidos total ou parcialmente con financiamento público para impartir os graos A, B e C, que lles permitan axilizar a posta en marcha das ofertas de formación. Para tales efectos cita, entre outras opcións, os centros e entidades autorizados para impartir accións formativas do Sistema de formación profesional que concorran ás convocatorias de subvencións destinadas á impartición de accións formativas.
Valorando que actualmente non existe oferta formativa dirixida prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas conducente á obtención dun certificado profesional, e tendo en conta as características deste tipo de formación e o perfil do alumnado participante, enténdese que un sistema que permita solicitar as accións formativas cando exista demanda constatada para a súa impartición é o modo máis idóneo de poñer en marcha esta liña de subvencións.
A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, regula entre outros aspectos os procedementos de concesión de subvencións e, no seu artigo 19.2, dispón que as bases reguladoras poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.
O artigo 2.2 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, establece que as administracións públicas competentes poderán optar por aplicar o réxime de concesión de subvencións mediante concorrencia competitiva ou por calquera outro procedemento de concesión de subvencións previsto na normativa das administracións competentes que permita a concorrencia entre entidades beneficiarias.
Vista a viabilidade legal da súa aplicación, este procedemento de concorrencia non competitiva ten como obxectivo o financiamento de actividades formativas que non requiren dunha valoración comparativa con outras propostas, polo que as resolucións de concesión se ditarán pola orde de presentación das solicitudes, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos exixidos e ata o esgotamento do orzamento dispoñible en cada convocatoria.
Con base no exposto, é propósito da orde axilizar o proceso de concesión de subvencións e axustar ao máximo posible o momento en que existe demanda de formación por parte das persoas traballadoras ocupadas e dispoñibilidade das entidades de formación para a súa impartición.
A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dispón no seu artigo 5.2 que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, aos cales se axusta esta disposición. Tamén será de aplicación o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O orzamento destinado ás distintas convocatorias que poidan publicarse ao abeiro destas bases reguladoras está financiado por fondos finalistas transferidos polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
A concesión e a xustificación das subvencións concedidas realizaranse a través do réxime de módulos económicos. Para os efectos de aplicar o dito réxime, a determinación da contía dos módulos económicos específicos das distintas especialidades formativas que se van ofertar establecerase na correspondente convocatoria e de acordo co disposto no artigo 3 e no anexo I da Orde EFP/942/2022.
O cálculo do importe dos módulos económicos efectuouse conforme criterios obxectivos, en atención aos valores medios de mercado dos distintos compoñentes dos custos directos e indirectos da actividade formativa, en función da familia profesional, área profesional ou especialidade formativa, así como da modalidade de impartición.
Esta segunda convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.
Consecuentemente con todo o anterior e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta orde ten por obxecto efectuar, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a segunda convocatoria de subvencións para a realización de accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, destinadas a persoas traballadoras ocupadas (código de procedemento TR301X).
2. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde de convocatoria terán como finalidade o financiamento das especialidades formativas relacionadas no anexo III e estarán dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais con impacto no mercado laboral conducentes a unha formación formal total ou parcial incluída nun certificado profesional, ou á adquisición de competencias clave.
3. As bases reguladoras desta convocatoria están recollidas na Orde do 13 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2024-2026 e se efectúa a primeira convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, co fin de financiar accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, destinadas a persoas traballadoras ocupadas, para o exercicio 2024.
Artigo 2. Procedemento de concesión das subvencións
A concesión das axudas realizarase polo procedemento de concesión directa en réxime de concorrencia non competitiva.
Artigo 3. Financiamento
1. Destínase a esta segunda convocatoria, correspondente á anualidade 2025, un crédito polo importe total de catro millóns de euros (4.000.000 €), que se imputarán con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.03.323B.471.0 e 14.03.323B.481.0, ou a aquelas que as substitúan, de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2021 00150. Esta aplicación está financiada con fondos finalistas transferidos polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
O crédito orzamentario está recollido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 17 de outubro de 2024.
|
Aplicación orzamentaria |
Total |
|
14.03.323B.471.0 |
3.200.000,00 € |
|
14.03.323B.481.0 |
800.000,00 € |
|
Total |
4.000.000,00 € |
2. Esta segunda convocatoria, dado o seu carácter de tramitación anticipada, queda sometida á condición suspensiva da existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
3. Os créditos orzamentarios a que se refire este artigo poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación para o emprego.
Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
Calquera modificación ou ampliación dos créditos dispoñibles estará condicionada ao cumprimento dos supostos e das condicións previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.
4. Na modalidade presencial, o módulo económico euro/hora por persoa alumna aplicable a esta convocatoria será o establecido, para cada especialidade formativa, no anexo III. Nas especialidades formativas impartidas na modalidade virtual será de aplicación o 70 % do importe do módulo económico presencial euro/hora por persoa alumna, cunha contía máxima de 6 €.
5. Para os custos adicionais de adaptación da acción formativa á participación do alumnado con discapacidade establécese un custo unitario de 16 € por hora lectiva.
6. Para os gastos destinados a promover a adecuación das condicións físicas e/ou tecnolóxicas, e a dotación de recursos materiais e medios didácticos apropiados ás persoas con discapacidade, establécese unha contía máxima por persoa alumna de 500 €.
7. O módulo de formación en empresa financiarase, de ser o caso, con 3 € por alumna ou alumno e hora de prácticas efectivamente titorizadas, que se destinarán ao financiamento dos custos da actividade da titorización das prácticas, así como ao custo da subscrición dunha póliza colectiva de accidentes de traballo e de responsabilidade civil.
Excluiranse deste cómputo as horas correspondentes ás prácticas non realizadas polas persoas participantes exentas.
Artigo 4. Entidades beneficiarias
1. Poderán solicitar e obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as empresas e as entidades sen ánimo de lucro que, con anterioridade á data de presentación da solicitude de subvención, estean acreditadas ou, de ser o caso, inscritas para impartiren no ámbito da Comunidade Autónoma as ofertas formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C e/ou as competencias clave para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial ou virtual, entendida esta última como modalidade de teleformación.
As entidades solicitantes deberán estar acreditadas ou inscritas para impartir as ofertas de formación profesional dos graos A, B e C, ou as especialidades formativas de competencias clave, no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia ou, no caso de que a formación se imparta na modalidade virtual, no correspondente rexistro estatal.
2. As entidades deberán dispor, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións debidamente homologadas que permitan a impartición das actividades presenciais das accións formativas solicitadas.
3. As entidades que soliciten impartir a formación na modalidade virtual deberán contar con autorización previa para a impartición das mesmas ofertas na modalidade presencial.
No caso de contar coa autorización para impartir a oferta presencial, deberá garantirse que se dispón dos requisitos de espazos e recursos necesarios para a súa realización ou, de ser o caso, formalizar un convenio ou acordo público cun centro de formación profesional localizado na Comunidade Autónoma de Galicia que, estando acreditado con anterioridade á data de presentación da solicitude de subvención para impartir as referidas ofertas na modalidade presencial, garanta a presencialidade nos casos necesarios, incluídas, de ser o caso, as probas finais de cada módulo profesional. Estes centros non se poderán modificar durante o desenvolvemento da acción formativa.
O convenio ou acordo de vinculación deberá estar formalizado, vixente e dado de alta no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia, logo de resolución favorable da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.
4. O incumprimento por parte da entidade solicitante do requisito de acreditación e inscrición en prazo para impartir algunha certificación profesional ou algunha competencia clave solicitada dará lugar á exclusión das accións formativas afectadas da solicitude.
5. As entidades beneficiarias poderán facer uso da aula virtual nos termos establecidos na Orde de bases reguladoras do 13 de agosto de 2024, na presente orde de segunda convocatoria e nas instrucións que ao respecto publique a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
6. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde aquelas nas cales concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 7.6 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro.
A xustificación polas entidades solicitantes de non estar incursas en ningunha das anteditas circunstancias realizarase mediante unha declaración responsable incluída no modelo de solicitude definido no anexo I da convocatoria, cuxo contido deberá respectar o disposto no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Tampouco poderán ser persoas beneficiarias, en aplicación do disposto no artigo 82 da Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, aquelas entidades que cometan, inciten ou promocionen LGTBIfobia, incluíndo a promoción ou a realización de terapias de conversión.
7. Para poder seren persoas beneficiarias da subvención, as entidades deberán contar co compromiso de participación do número mínimo de persoas traballadoras ocupadas que en cada convocatoria se determine para poder iniciar a acción formativa, asi como do persoal docente acreditado encargado da súa impartición.
Este compromiso acreditarase, de acordo co disposto no artigo 7.1.d) desta orde, mediante a presentación dunha declaración responsable por cada acción formativa solicitada. A declaración incluirá a relación de persoas que se comprometen a asistir á formación, con indicación do persoal formador.
O número de persoas participantes comprometidas a participar como persoas alumnas nunha acción formativa deberá ser coincidente co número de persoas para as cales se solicita subvención.
8. As entidades deberán dispor e manter durante todo o período de execución da formación solicitada a capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, e de aulas, talleres e instalacións e equipamento en xeral, para asumir a xestión e a impartición da totalidade das accións formativas que solicitan.
Para estes efectos, deberán dispor da documentación acreditativa do cumprimento dos citados requisitos, documentación que porán á disposición da Administración cando esta llelo demande.
Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, anexo I, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos establecidos na Orde de bases reguladoras do 13 de agosto de 2024 e/ou na presente orde de segunda convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.
No caso de que o requirimento afecte só algunha das accións formativas da solicitude, entenderanse como desistidas unicamente estas, e continuarase coa tramitación do resto do expediente.
Non se admitirán a trámite, e por conseguinte non existirá a posibilidade de emenda, as solicitudes presentadas fóra de prazo.
3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
As entidades de formación poderán formular unha única solicitude de subvención e incluirán nela, dentro da súa capacidade real de execución e atendendo aos límites e requisitos que se determinan na Orde de bases reguladoras do 13 de agosto de 2024 e nesta orde de segunda convocatoria, todas as accións formativas para as cales solicita subvención.
Para os posibles efectos de superación, de ser o caso, do límite máximo do importe de subvención para conceder que se estableza en cada convocatoria, ou de esgotamento do orzamento dispoñible, as accións formativas para as cales se solicita subvención deberán ir ordenadas en función da prioridade de impartición que lles outorgue a entidade solicitante, de xeito que estas figuren ordenadas segundo criterio de maior a menor preferencia.
Non poderán formularse solicitudes de subvencións para impartir accións formativas que teñan previsto comezar nunha data anterior ao prazo ou data que, de ser o caso, se estableza para cada convocatoria.
4. A solicitude, que incluirá a ficha das accións formativas que se pretenden impartir (anexo II), deberá presentarse acompañada da documentación complementaria relacionada no artigo 7 desta orde.
Artigo 6. Declaración responsable que forma parte da solicitude
1. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e na cal se farán constar os aspectos seguintes:
a) Que, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:
Non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para este mesmo proxecto e conceptos para os cales se solicita esta subvención.
De se solicitaren e/ou ter concedidas outras axudas para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención, deberán relacionarse estas.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.
c) Que coñece as estipulacións da presente orde, que cumpre cos requisitos establecidos nela e que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada.
d) Que cumpre os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria, que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións e que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia no artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no artigo 7 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro.
e) Que as dotacións, equipamentos, medios materiais, instalacións, lugares e modalidades de impartición das accións formativas serán aquelas para as cales están acreditadas e inscritas para tal fin, e que son aptas e que cumpren e manterán durante todo o período de impartición das accións formativas as condicións e requisitos que exixe a normativa aplicable.
f) Que conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, así como, de ser o caso, de aulas, talleres e instalacións en xeral, para asumir na súa totalidade a execución completa das accións formativas que solicita.
g) Que dispón da documentación que acredita o cumprimento das letras anteriores e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida.
2. A presentación dunha declaración responsable que falsee ou oculte circunstancias que impidan ou limiten a concesión da subvención ou o seu pagamento terá a consideración dunha infracción moi grave, nos termos do artigo 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
Coa finalidade de garantir a veracidade das declaracións responsables contidas neste artigo, poderán realizarse comprobacións durante calquera das fases do procedemento por parte do persoal técnico da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, das cales poderán derivar, de ser o caso, as consecuencias sinaladas neste número para os supostos de falseamento do contido das declaracións responsables.
Se así se encomenda a través do instrumento xurídico correspondente, estas actuacións de comprobación poderán efectuarse a través doutra entidade, pública ou privada.
Artigo 7. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Ficha da acción formativa (anexo II).
b) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito).
c) De ser o caso, cando as accións formativas que se solicitan se correspondan con ofertas formativas do grao C, compromiso de subscrición dun convenio ou acordo coa empresa ou empresas en que terá lugar o módulo de formación en empresa incluído no certificado profesional.
d) Declaración responsable asinada pola persoa responsable da entidade en que manifeste que, para cada acción formativa que solicita, conta co compromiso de participación do número mínimo de persoas traballadoras ocupadas que se determine na convocatoria, así como do persoal docente acreditado encargado de impartir a acción formativa. A declaración deberá incluír a relación de docentes acreditados e de persoas comprometidas en asistir a cada acción formativa solicitada.
e) De ser o caso, naquelas accións formativas en que estea previsto o uso de aula virtual como medio complementario e adicional para desenvolver o proceso formativo, memoria explicativa detallada que acredite, de acordo co disposto no artigo 24.6 da Orde de bases reguladoras do 13 de agosto de 2024, a viabilidade de impartir mediante aula virtual aqueles contidos da(s) acción(s) formativa(s) solicitada(s) que estea previsto realizar utilizando este medio.
A memoria deberá indicar expresamente que contidos se impartirán mediante aula virtual, a súa duración e as datas de realización, así como o calendario de sesións presenciais e de exames que se van realizar.
f) De ser o caso, as entidades de formación que soliciten impartir ofertas formativas na modalidade virtual deberán acreditar que contan con autorización previa para impartilas na modalidade presencial. Esta acreditación non será necesaria no caso de estar dada de alta no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia para impartir as ofertas solicitadas na modalidade presencial.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, seerá requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.
A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. De existir discrepancia entre a información contida na solicitude (anexo I) e/ou na ficha da acción formativa (anexo II), en relación coa información achegada no resto de documentación que se vaia presentar, será considerada como correcta, para os efectos de tramitar e revisar a solicitude, a alegada nos citados anexos I e II, con independencia, de ser o caso, de que para ter validez esta deba acreditarse documentalmente.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 9. Trámites posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban efectuar tras a presentación da solicitude deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática SIFO, e deberá adecuarse a presentación de documentación derivada das notificacións efectuadas pola Administración ao disposto no artigo 11.6 da presente orde.
Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes
A presentación das solicitudes deberá axustarse ao disposto nos artigos 5, 6, 7 e 8 da presente orde. O prazo de presentación estará aberto desde o día da entrada en vigor da orde, establecido na disposición derradeira segunda, ata o 30 de setembro de 2025 ou, de ser o caso, ata que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.
Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
Artigo 11. Réxime das notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal
Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico.
En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. A presentación de documentación derivada das notificacións efectuadas será realizada exclusivamente mediante o programa informático SIFO ou, de ser o caso, a través do programa de notificación xenérico do aplicativo Forman, https://emprego.xunta.es/forman, que disporá dun punto único para efectuar todos os envíos de documentación á Administración.
Unicamente no caso de que non fose posible, por problemas técnicos acreditados que imposibilitasen a presentación de documentación polos medios establecidos no parágrafo anterior, a persoa interesada podería realizar a súa presentación por medio dos trámites ordinarios da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), a través do procedemento PR004A.
Artigo 12. Recursos
As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, se o acto fose expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se o acto non fose expreso, de conformidade co que preceptúan os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 13. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlles á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación coas accións formativas financiadas no marco da Orde de bases reguladoras do 13 de agosto de 2024 e da orde de segunda convocatoria poderá, a través da canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na ligazón https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias, pór os ditos feitos en coñecemento desta Administración.
Artigo 14. Publicidade das subvencións
1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
2. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, con indicación da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, persoa beneficiaria, cantidade concedida e finalidade ou finalidades da subvención.
3. Igualmente, publicaranse na páxina web oficial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.
Artigo 15. Accións formativas
1. A acción formativa está constituída polo contido específico da especialidade formativa que se vai impartir e polos módulos formativos transversais a que se refire esta orde.
Para os efectos desta orde, entenderase con carácter xenérico como especialidade formativa calquera oferta do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, ou calquera competencia clave, que se vaia impartir nunha acción formativa.
Artigo 16. Módulos formativos transversais
1. En todas as accións formativas subvencionadas ao abeiro da presente orde será obrigatoria a impartición dos módulos transversais establecidos no número 1 e, de ser o caso, no número 2 do artigo 30 da orde de bases reguladoras do 13 de agosto de 2024.
2. Independentemente da modalidade de impartición en que se desenvolva a parte específica da acción formativa, os módulos transversais, coa excepción do disposto no número 2 do artigo 30 da orde de bases reguladoras en relación co módulo de prevención de riscos laborais, poderán impartirse na modalidade virtual.
A modalidade de impartición do módulo formativo transversal non poderá ser obxecto de modificación con respecto á establecida na resolución de concesión da subvención.
3. A impartición dos módulos formativos transversais requiriralle ao alumnado participante que supere unha proba final de aptitude.
Artigo 17. Modalidade de impartición
1. A formación obxecto de financiamento por esta orde poderá realizarse, de acordo co que para tal efecto estableza e autorice o correspondente programa formativo da especialidade que se vai impartir, nas modalidades presencial ou virtual.
Non serán obxecto de subvención aquelas accións formativas solicitadas polas entidades de formación que incumpran o disposto no parágrafo anterior.
O tipo de modalidade de impartición estará definido pola modalidade en que se imparta o contido específico da especialidade formativa da acción formativa.
2. As accións formativas dirixidas a impartir competencias clave desenvolveranse na modalidade presencial e non estará permitida a formación a través de aula virtual.
3. Independentemente da modalidade de impartición en que se desenvolva a parte específica da acción formativa, os módulos formativos transversais, coa excepción do disposto no artigo 30.2 da Orde de bases reguladoras do 13 de agosto de 2024 en relación coa realización do módulo de prevención de riscos laborais, poderán impartirse na modalidade virtual.
Artigo 18. Persoas destinatarias da formación
As accións formativas obxecto de financiamento dirixiranse ás persoas traballadoras ocupadas.
A consideración de persoa traballadora ocupada virá determinada pola súa situación laboral referida á data de validación da acta de selección polas oficinas de emprego. As persoas traballadoras ocupadas que accedan á situación de desemprego cando se encontren en período formativo poderán seguir participando na acción formativa que están cursando.
Artigo 19. Máximo e mínimo de participantes nas accións formativas
1. Nas accións formativas que se van impartir na modalidade presencial, o número mínimo de persoas alumnas por acción formativa para as cales as entidades deberán contar cun compromiso de participación para presentar unha solicitude de subvención será de 10. No caso de que a formación se imparta na modalidade virtual, este compromiso mínimo previo por acción formativa será de 15 persoas.
2. Non se poderá solicitar unha subvención para impartirlle a formación a un número de persoas alumnas distinto ás relacionadas no compromiso de participación na acción formativa.
3. Se con anterioridade á data de inicio da acción formativa ten lugar algunha modificación na relación de persoas comprometidas en asistir á formación, a entidade deberá comunicar tal circunstancia, con indicación, de ser o caso e para os efectos de que as novas altas de participantes teñan a consideración de persoas alumnas, das persoas que substitúen aquelas que son baixa.
4. O número máximo de participantes en accións formativas que se impartan na modalidade presencial será de 15 persoas e o mínimo, de 10. Non poderá iniciarse a acción formativa se non se reúne o mínimo de participantes o primeiro día do curso.
As accións formativas que se van impartir na modalidade presencial non poderán desagregarse en grupos.
5. Na formación que se imparta na modalidade virtual o número máximo de participantes será de 30 persoas por acción formativa. Para os efectos de cumprir os requisitos de capacidade das actividades presenciais previstas, a acción formativa poderá desagregarse en grupos.
Non poderá iniciarse ningunha acción formativa ou, de ser o caso, ningún grupo que non reúna os requisitos de capacidade e conte co mínimo de 10 participantes por grupo. A acreditación da existencia deste número mínimo de persoas alumnas realizarase polo acceso á plataforma de teleformación das persoas participantes durante os 5 primeiros días lectivos, que se corresponden cos 5 primeiros días naturais, contados desde a data de inicio da acción formativa.
Se transcorrido o prazo establecido na convocatoria para que o alumnado acceda á plataforma o número de persoas alumnas que se conectou é inferior ao número mínimo de participantes exixido, a entidade de formación deberalle comunicar tal circunstancia ao órgano competente e a acción formativa entenderase como non iniciada e non poderá continuar a súa impartición.
6. Nas ofertas de grao C, as persoas que estean exentas de realizar o primeiro módulo profesional, e que figuren incluídas na relación nominal do alumnado seleccionado a que se refire o artigo 19.2.a) da Orde de bases reguladoras do 13 de agosto de 2024, computarán como participantes da acción formativa.
7. De se produciren baixas no alumnado participante unha vez iniciada a acción formativa, será de aplicación o disposto no artigo 28 da Orde de bases reguladoras do 13 de agosto de 2024.
Artigo 20. Límites de aplicación na convocatoria
1. As entidades interesadas deberán presentar unha única solicitude, que poderá incluír ata un máximo de tres accións formativas para as cales solicita subvención.
Unha vez iniciada a totalidade das accións formativas concedidas, a persoa beneficiaria poderá presentar unha nova solicitude de subvención. A presentación da nova solicitude estará condicionada ao cumprimento dos seguintes criterios
Que xa se impartise un mínimo do 20 % do total de horas de cada unha das accións formativas concedidas. No caso de que a acción formativa estivese estruturada en máis dun grupo, o cómputo desta porcentaxe realizarase sobre cada un deles.
Que o número de persoas alumnas de cada unha das accións formativas concedidas que estean a recibir a formación subvencionada no momento de presentar a nova solicitude sexa dun mínimo dun 80 % de participantes en relación co número de persoas alumnas comprometidas a formarse.
Sen prexuízo do disposto no artigo 23.2 da Orde de bases reguladoras do 13 de agosto de 2024 respecto ao incumprimento do prazo establecido para o inicio das accións formativas, as renuncias a impartir unha acción formativa subvencionada que teñan a consideración de non xustificadas darán lugar á perda, durante un período de seis meses contados desde a data de notificación da resolución de consideración da renuncia como non xustificada, do dereito da entidade beneficiaria a obter unha nova subvención para o financiamento de accións formativas reguladas por esta orde.
2. Poderán ser obxecto de subvención aquelas especialidades formativas que se determinen no anexo III desta convocatoria, así como os módulos formativos transversais que se impartan asociados a estas. Serán igualmente subvencionables todos os graos A e B contidos dentro dos graos C do citado anexo, así como as competencias clave.
3. Unha mesma entidade de formación non poderá ser beneficiaria dunha subvención, entendida como o sumatorio de todas as subvencións que lle foron concedidas na convocatoria, que supere o 25 % do crédito orzamentario dispoñible, calculado con base na aplicación orzamentaria que lle corresponda.
4. De acordo co disposto no artigo 16.2 da Orde de bases reguladoras do 13 de agosto de 2024, o prazo para resolver e notificar a resolución da Administración será dun mes, contado desde a data de presentación da solicitude de subvención.
5. En aplicación do disposto no artigo 210 do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, non será compatible a condición de centro asociado beneficiario coa participación en convocatorias de outorgamento de subvencións destinadas ao desenvolvemento de accións formativas, destinadas a centros e entidades autorizados e non catalogados como centros asociados, naquelas especialidades ou familias profesionais comprendidas na súa condición de centro asociado.
A condición de centro asociado beneficiario requirirá da existencia dunha relación contractual ou convenio formalizado e da asignación dunha consignación orzamentaria para impartir accións formativas do Sistema de formación profesional.
No caso de que o centro asociado xa sexa, no momento de adquirir esta condición, beneficiario dunha subvención ou adxudicatario dunha licitación para impartir accións formativas do Sistema de formación profesional, deberá renunciar a impartir aquelas especialidades incluídas na súa condición de centro asociado cuxa realización aínda non comezase. A dita renuncia terá a consideración de xustificada.
Artigo 21. Prazos de execución das accións formativas
As accións formativas deberán comezar no prazo máximo dun mes, contado desde a data de notificación da resolución de concesión, e requirirán a validación previa do persoal técnico da unidade administrativa competente, a través da aplicación informática SIFO.
A data límite para o remate das accións formativas desta segunda convocatoria será o 29 de novembro de 2025.
Artigo 22. Prazos de xustificación das accións formativas
A xustificación das accións formativas do expediente deberá realizarse a través da aplicación informática SIFO, nos prazos establecidos no artigo 37.2 da Orde de bases reguladoras do 13 de agosto de 2024 e coa data límite para a presentación da xustificación final do 12 de decembro de 2025.
Artigo 23. Anexos
Son anexos desta orde os seguintes:
Anexo I: modelo de solicitude.
Anexo II: ficha da acción formativa.
Anexo III: oferta de graos C e competencias clave subvencionables ao abeiro desta convocatoria, con indicación do importe dos módulos económicos por hora e alumna/o, e da obriga, de ser o caso, de impartir o módulo transversal de prevención de riscos laborais.
Disposición adicional primeira. Resolucións adicionais
Poderán ditarse resolucións adicionais cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, da asignación ou redistribución de fondos ou de incrementos das cantidades asignadas á Comunidade Autónoma pola Administración do Estado.
Disposición adicional segunda. Modificación da resolución no caso de alteración das condicións
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión e ao reintegro da subvención percibida.
Disposición adicional terceira. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para resolver a concesión, denegación, modificación e reintegro das subvencións, así como para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.
Disposición adicional cuarta. Normativa de aplicación supletoria
En todo o non disposto nesta orde será de aplicación o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no que sexa de aplicación, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve.
Asi mesmo, será de aplicación o establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional; no Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, que a desenvolve, e no Real decreto 658/2024, do 9 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, e o Real Decreto 659/2023, do 18 de xullo. Será tamén de aplicación a Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, pola que se regula a oferta formativa do Sistema de formación profesional no ámbito laboral asociada ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais efectuada polas administracións competentes, se establecen as bases reguladoras, así como as condicións para o seu financiamento.
Disposición adicional quinta. Información sobre a xestión de subvencións
1. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto de cada convocatoria pública efectuada no marco destas bases e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), nos termos do Real decreto 130/2019, de 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.
A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da correspondente convocatoria para a súa publicación.
2. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Disposición derradeira primeira. Autorización para ditar resolucións e instrucións
Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor aos sete días naturais seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2024
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
