DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2025 Páx. 8259

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 2025, do Departamento Territorial de Ourense, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, dunha instalación eléctrica no concello do Carballiño (expediente IN407A 2024/101-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que se describen a seguir:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida San Luís, 77, 28033 Madrid.

Denominación: seccionamento en dobre circuíto LMTA ALB803.

Situación: lugares de Fondo de Vila e O Tellado, concello do Carballiño.

Orzamento: 91.206,82 €.

Características principais do proxecto, que foi asinado o 24.7.2024 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado núm. 2233 do Coeticor.

– Substitución na LMTA ALB803 dos apoios números D37, D38 e AVCOL7PK, respectivamente, por novos apoios de celosía metálica do tipo C-16/3000, C-16/2000 e C-20/7000. Substitución do condutor existente en dobre circuíto entre os apoios números D37 e AVCOL7PK, por 251 m de novo condutor LA-110 en simple circuíto.

– Substitución na LMTA ALB803 dos apoios números D91 e D92, respectivamente, por novos apoios de celosía metálica, do tipo C-18/2000 e C-16/7000. Substitución do condutor existente en dobre circuíto entre o apoio núm. D90 e o apoio proxectado núm. D92, por 146 m de novo condutor LA-110 en dobre circuíto.

– Instalación de dous interruptores-seccionadores telecontrolados de 5 posicións nos apoios da LMTA ALB803 números AVC0L7PK e D91.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo deste departamento territorial do 10.9.2024, que foi inserido no DOG do 2.10.2024 e no xornal La Región de Ourense do 25.9.2024. O proxecto tamén estivo en exposición pública neste departamento territorial e no portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso non foron presentadas alegacións.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), este departamento territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e nas horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 2 de xaneiro de 2025

Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense