DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 2025 Páx. 8301

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2025 de nomeamento dun novo membro do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia.

A presidenta do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia comunicou a proposta do 9 de xaneiro de 2025 de modificación da composición do referido comité.

Antecedentes:

1. Mediante a Resolución do 17 de decembro de 2021, que se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 31 de decembro, concedeuse a renovación da acreditación do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIm-G) e nomeáronse membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

2. A presidenta do dito comité comunicou a proposta de nomeamento como nova membro do CEIm-G de María Francisca Vázquez Rivera, facultativa especialista en Oncoloxía Médica.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética de investigación en Galicia, no artigo 5.4, relativo á composición, refire que as persoas membros deste comité «serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres».

2. O número 7 do artigo 5 dispón que «o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo audiencia do/da interesado/a».

3. Acerca da composición numérica, en concreto, o número 1 do mesmo artigo sinala que «estará formado por un mínimo de nove e un máximo de vinte e cinco membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións». Coa proposta de nomeamento dun novo membro, o comité axústase na súa composición aos citados topes numéricos.

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta do 15 de xaneiro de 2025 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

Nomear a María Francisca Vázquez Rivera nova membro do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIm-G).

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2025

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade