DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 31 de xaneiro de 2025 Páx. 9066

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2025 pola que se fai público o importe do canon específico de tratamento por tonelada na planta da fracción orgánica dos residuos urbanos que deberá aplicar a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) para o ano 2025.

Antecedentes:

Primeiro. A disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, prevé que a consellería competente en materia de residuos, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), e dentro do sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, poñerá en marcha varias plantas de produción de compost a partir da fracción orgánica dos residuos urbanos (FORSU), coa finalidade de incrementar as porcentaxes de recuperación de materiais, e fixará as condicións de adhesión das entidades locais, así como a aprobación do modelo de adhesión para a súa formalización, o que se fixo mediante a Orde da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, do 22 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro).

Segundo. Na mencionada disposición adicional terceira fixouse un canon específico, para o ano 2024, de 50 euros por tonelada de residuos entregados que cumpran os requisitos mínimos para a xestión nas plantas de tratamento de materia orgánica, máis o IVE correspondente.

Terceiro. O punto terceiro da disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, establece que ese canon específico se actualizará, a partir do exercicio 2024, no mes de xaneiro de cada ano, conforme a evolución do índice de prezos de consumo, e a súa contía actualizada publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Fundamentos xurídicos:

I. O Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; e o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, configuran este departamento como o órgano da Administración da Comunidade Autónoma con competencias e funcións en materia, entre outras, de ambiente, e atribúen á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, ben directamente ou ben a través das súas unidades subordinadas, funcións e competencias en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana e o fomento de sistemas e estratexias de corrección da devandita incidencia, incluíndo diversas atribucións en materia de residuos.

II. A disposición adicional terceira da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, sinala que dentro do sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión institucional dos residuos domésticos, xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., de acordo co disposto na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, poñerá en marcha varias plantas de produción de compost a partir da fracción orgánica dos residuos urbanos (FORSU), coa finalidade de incrementar as porcentaxes de recuperación de materiais.

O punto terceiro da mencionada disposición adicional terceira, en garantía da sustentabilidade financeira da nova instalación de xestión, fixou o canon específico por tonelada de residuos entregados que cumpran os requisitos mínimos para a xestión nas plantas de tratamento de materia orgánica, e sinala que este se actualizaría anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos de consumo e que a súa contía actualizada se publicaría no Diario Oficial de Galicia.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Facer público o importe, para o ano 2025, do canon específico por tonelada de residuos entregados que cumpran os requisitos mínimos para a xestión nas plantas de tratamento de materia orgánica, no marco do Programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha e a xestión de plantas de compostaxe promovidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), que se establece na suma de 51,40 euros por cada tonelada de residuos domésticos FORSU xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2025

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático