DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 31 de xaneiro de 2025 Páx. 8821

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 27 de xaneiro de 2025 pola que se declaran francos os terreos e se convoca o concurso público relativo a dereitos mineiros caducados correspondentes á provincia de Pontevedra.

Antecedentes.

Primeiro. De conformidade cos artigos 39.2 e 53 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, desenvolvida polo artigo 72 do Regulamento xeral para o réxime da minaría, aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, para o outorgamento dun permiso de investigación sobre terreos que resulten francos como consecuencia do levantamento dunha reserva a favor do Estado ou da declaración de caducidade dun permiso de exploración, dun permiso de investigación ou dunha concesión de explotación, requírese a tramitación previa dun concurso público.

Segundo. Pola súa banda, a Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que constitúe a lexislación propia da Comunidade Autónoma en materia de minas e ten como obxectivo definir o marco xurídico das actividades mineiras en Galicia en condicións de sustentabilidade e seguranza, promovendo un aproveitamento racional dos recursos compatible coa protección do ambiente, regula o referido concurso público nos seus artigos 35 e 36.

Pola súa vez, a recente Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, establece a obriga de incluír nos concursos públicos de dereitos mineiros os requisitos, criterios de selección e condicións de execución que valoren os beneficios sociais e económicos das propostas.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. De acordo co artigo 16.1 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, sen prexuízo das funcións atribuídas ao Consello da Xunta de Galicia, a persoa titular da consellería competente en materia de minas da Comunidade Autónoma de Galicia é o «órgano mineiro competente» e como tal correspóndelle, entre outras atribucións, realizar a convocatoria dos concursos públicos relativos a dereitos mineiros caducados, así como proceder á súa resolución.

Segundo establece o artigo 1.g) do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, correspóndelle a esta o exercicio das funcións en materia de recursos minerais e augas minerais e termais.

Pola súa vez, consonte o establecido no artigo 11.3 da Orde do 4 de novembro de 2024 sobre delegación de competencias en diversos órganos da Consellería de Economía e Industria, foron delegadas na persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas as competencias relativas ao despacho e á resolución dos expedientes que en materia de dereitos mineiros estean atribuídas á persoa titular da consellería e que non se deleguen expresamente noutros órganos.

Segunda. Nos artigos 35 e 36 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, regúlanse determinados aspectos da convocatoria, desenvolvemento e resolución do concurso en relación coa documentación que se presente, a constitución dunha mesa para a verificación da apertura das ofertas ou o establecemento na resolución do concurso dunha orde de prelación para a tramitación das solicitudes nos casos de concorrencia competitiva segundo a valoración que derive da aplicación dos criterios de selección. En concreto, o artigo 35.1 da devandita lei establece a obriga de realizar convocatorias de concurso diferenciadas por cada provincia, logo da firmeza das declaracións de caducidade dos dereitos mineiros correspondentes.

Pola súa banda, o artigo 20 da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, dispón que os criterios de calidade social e ética, así como de impacto socioeconómico dos proxectos na zona de implantación da explotación, representarán, polo menos, o 40 % dos criterios de selección na baremación das solicitudes de dereitos mineiros nos concursos públicos.

Todos estes aspectos recóllense e especifícanse nos anexos desta orde, e constitúen as bases do concurso.

Polo exposto, de conformidade co disposto no artigo 35 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, nos artigos 39.2 e 53 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e no artigo 72 do Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, polo que se aproba o Regulamento xeral para o réxime da minaría, e logo do informe facultativo da Asesoría Xurídica da Consellería de Economía e Industria do 13 de xaneiro de 2025,

ACORDO:

Primeiro. Declarar francos os terreos correspondentes aos dereitos mineiros caducados que se detallan no anexo I, con expresión do tipo de dereito, número, nome, recurso, superficie e termos municipais afectados.

Segundo. Convocar o concurso público respecto dos dereitos mineiros declarados caducados detallados no devandito anexo I, así como aprobar as bases polas que se rexerá esta convocatoria, que se conteñen no anexo II, e os criterios de valoración e selección consonte os cales se resolverá o concurso, que se recollen no anexo III desta orde.

Terceiro. Ordenar a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa última publicación, no Diario Oficial de Galicia ou no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data, consonte o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2025

A conselleira de Economía e Industria
P.D. (Orde do 4.11.2024; DOG núm. 217, do 11 de novembro)
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas

ANEXO I

Dereitos mineiros declarados caducados

Provincia de Pontevedra

Tipo dereito

Número

Nome

Recurso

Superficie

Termo municipal

CE

500

Ignacia

Caolín

6 P

A Guarda

CE

680

Mercedes

Arxila

45 P

O Porriño

CE

790

Felicidad

Caolín

6 P

O Rosal, Tomiño

CE

792

Rogelita

Caolín

45 P

O Porriño

CE

795.2

Mas fracción 2ª

Caolín

39,76 P

Salceda de Caselas e Tui

CE

883

Felicitas

Caolín

20 P

A Guarda e O Rosal

CE

1163

Carmen

Caolín

14 P

O Porriño

CE

1188

Carmencita

Caolín

24 P

O Porriño

CE

1297.2

Gándaras 2ª fracción

Caolín

330,64 P

O Porriño e Salceda de Caselas

CE

1297.3

Gándaras 3ª fracción

Caolín

81,50 P

O Porriño e Salceda de Caselas

CE

1499

Cristina

Caolín

279,9 P

Valga e Pontecesures

CE

1973

Carmiña

Caolín

19 P

A Guarda, O Rosal

CE

2047

Gómez

Caolín

62,98 P

Tui e Salceda de Caselas

PI

2517

Villalonga

Arxila, Caolín, Cuarzo

6 CM

Sanxenxo

CE

2517.2

Villalonga fracción II

Arxila

5 CM

Sanxenxo

PI

2659

Nova ampliación A Cerámica de Campaña

Arxila e caolín

15 CM

Valga

PI

3097

Montefaro

Arxila

10 CM

Sanxenxo

Lenda

Tipo dereito

PI

Permiso de investigación

CE

Concesión de explotación

Superficie

P

Pertenzas

CM

Cuadrículas mineiras

ANEXO II

Bases do concurso público

Primeira. Solicitudes

1.1. Este concurso abrangue os terreos correspondentes aos dereitos mineiros declarados caducados, que se detallan no anexo I da convocatoria, con expresión do tipo de dereito, número, nome, recurso, superficie e termos municipais afectados, correspondentes á provincia de Pontevedra.

Os datos relativos á situación e delimitación xeográfica da superficie correspondente aos dereitos caducados están ao dispor das persoas interesadas a través da ligazón web https://concursosdereitosmineiros.xunta.gal/. Non obstante, a información oficial relativa ao concurso será a que consta no Servizo de Enerxía e Minas do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra e poderá ser consultada polas persoas interesadas durante o horario de atención ao público do devandito servizo.

1.2. Poderán presentar solicitudes a este concurso as persoas físicas ou xurídicas, españolas ou estranxeiras, que teñan plena capacidade de obrar e que non incorresen en ningunha prohibición de contratar recollida na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, sen prexuízo do disposto nestas bases.

Consonte o establecido no artigo 35.1 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, se a declaración de caducidade dun dereito obxecto de concurso se debese ao incumprimento das obrigas legais ou das condicións establecidas no título de outorgamento por parte da persoa explotadora ou da persoa titular do dereito, estas non poderán participar no concurso respecto do devandito dereito.

1.3. As solicitudes de participación no concurso dirixiranse ao Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra e axustaranse ao modelo normalizado que se inclúe no anexo V desta orde.

Coa solicitude xuntaranse dous sobres (sobre 1 e sobre 2), que incluirán a documentación que máis adiante se especifica, de conformidade co exixido no artigo 35.2 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, e no artigo 72.1 do Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto.

Toda a documentación que se debe achegar neste concurso presentarase en lingua galega ou castelá.

1.4. No denominado sobre 1 incluirase a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da capacidade xurídica e de obrar da persoa solicitante, da representación e de que non concorre ningunha das prohibicións para contratar co sector público.

a.1. Para acreditar a capacidade xurídica e de obrar presentarase a seguinte documentación:

– No caso de persoas físicas, e só no suposto de oposición á súa consulta, copia compulsada do documento nacional de identidade (DNI) ou documento que regulamentariamente o substitúa, e copia compulsada do número de identificación fiscal (NIF) se non figura no DNI.

Consultarase automaticamente o documento nacional de identidade (DNI). No caso de que as persoas solicitantes se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar a documentación referida no parágrafo anterior.

– No suposto de persoas xurídicas, copia compulsada da escritura ou documento de constitución e de modificación, se é o caso, dos estatutos ou do acto fundacional en que consten as normas polas cales se regula a súa actividade, debidamente inscritos, se é o caso, no rexistro público correspondente segundo o tipo de persoa xurídica de que se trate.

– No caso de empresas estranxeiras, declaración expresa de someterse á xurisdición dos xulgados e tribunais españois de calquera orde, para todas as incidencias que de modo directo ou indirecto poidan xurdir do concurso, con renuncia, se é o caso, ao foro xurisdicional estranxeiro que poida corresponder á persoa solicitante.

Toda a documentación deberá presentarse traducida de forma oficial para o castelán ou para o galego, de acordo co disposto no artigo 23 do Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro.

A capacidade de obrar dos empresarios non españois que sexan nacionais de Estados membros da Unión Europea ou de Estados signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo acreditarase pola súa inscrición nos rexistros ou presentación das certificacións que se indican no anexo I do citado Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas.

A capacidade de obrar das empresas estranxeiras non comprendidas no punto anterior acreditarase mediante informe expedido pola misión diplomática permanente ou oficina consular de España do lugar do domicilio da empresa, en que se faga constar, logo de acreditación pola empresa, de que figuran inscritas no rexistro local profesional, comercial ou análogo ou, na súa falta, que actúan habitualmente no tráfico local no ámbito das actividades comprendidas no obxecto deste concurso. Estas empresas deberán, ademais, achegar informe de reciprocidade expedido pola misión diplomática permanente do lugar do domicilio da empresa.

a.2. Para acreditar a representación presentaranse os seguintes documentos:

– Os que comparezan e asinen a solicitude no nome doutro deberán presentar copia compulsada do DNI do apoderado, ou documento que regulamentariamente o substitúa, só no caso de opoñerse á súa consulta.

Consultaranse automaticamente os documentos nacionais de identidade (DNI). No caso de que as persoas solicitantes se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar a documentación referida.

– Se o solicitante é unha persoa física, achegarase copia auténtica e debidamente verificada a suficiencia, por un/unha letrado/a da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, da escritura do poder notarial.

– Se o solicitante é unha persoa xurídica, achegarase copia auténtica da escritura de constitución e modificación, de ser o caso, inscritas no rexistro público correspondente. Coa finalidade de xustificar adecuadamente a representación, achegarase o correspondente documento en que conste que o poder é declarado verificado na súa suficiencia por un/unha letrado/a da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia outorgado ao seu favor.

a.3. Para acreditar que non concorre ningunha das prohibicións para contratar co sector público, consonte exixen o artigo 35.2 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, e o artigo 94 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, presentarase a seguinte documentación:

– Declaración responsable de que na persoa natural ou xurídica solicitante non concorre ningunha prohibición de contratar das previstas na Lei de contratos do sector público.

– Documentación acreditativa de estar ao día nas obrigas, tanto coa Axencia Estatal de Administración Tributaria como cos órganos da Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia, e coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social, só no caso de opoñerse a que a Administración proceda á súa comprobación informática ou telemática.

Consultaranse automaticamente os datos a que se refire o punto anterior. No caso de que as persoas solicitantes se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

b) Comprobante da fianza provisoria, que consistirá no 10 % da taxa correspondente ás solicitudes de dereitos mineiros establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, que se indica no anexo IV da orde pola que se convoca o concurso.

1.5. O sobre 2, relativo á documentación técnica e económica xustificativa, conterá a seguinte documentación:

a) A designación do terreo que se pretende, que poderá estar referida ben para unha cuadrícula mineira ou para cuadrículas mineiras agrupadas sen solución de continuidade, referidas ao meridiano de Greenwich (Sistema xeodésico ETRS89), formulándose unha solicitude independente para cada un dos dereitos mineiros que se pretendan.

A solicitude poderá abranguer a totalidade do terreo correspondente a un dereito mineiro caducado incluído no anexo I ou unha parte deste.

Tanto para os dereitos definidos en pertenzas mineiras como para os outorgados en cuadrículas mineiras a través de sistemas de referencia anteriores, poderase formular a solicitude sobre un ou varios dereitos obxecto do concurso, así como sobre terreos francos adxacentes, cando sexa preciso para formar cuadrículas mineiras conforme o sistema de referencia xeodésica ETRS89, sempre que os terreos necesarios para conformar unha cuadrícula mineira non estean ocupados en parte por ningún dereito mineiro vixente da sección C).

b) Os documentos requiridos para as solicitudes de dereitos mineiros, consonte o disposto no artigo 18 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia:

b.1. Memoria que comprenda o proxecto de investigación, asinado por persoa técnica competente, indicando o mineral ou minerais que se van investigar co período de vixencia.

b.2. Documentación acreditativa dos requisitos de viabilidade e solvencia económica e técnica, de conformidade co sinalado no devandito artigo 18 da Lei 3/2008, do 23 de maio, polos medios nel previstos. Sen prexuízo de que o cumprimento de determinados parámetros de solvencia ou viabilidade poidan ser obxecto de valoración de acordo cos criterios establecidos no anexo III, a análise específica do cumprimento dos devanditos requisitos será efectuada, se é o caso, no procedemento de outorgamento do dereito correspondente.

b.3. Calendario de execución e orzamento do investimento que se vai efectuar.

b.4. No caso dos dereitos mineiros sometidos a avaliación ambiental, o correspondente documento ambiental, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

b.5. Un plan de seguridade e saúde laboral.

b.6. Un plan de restauración do espazo afectado polas actividades mineiras.

b.7. Planos.

b.8. Anexos.

b.9. De ser o caso, a documentación exixida pola normativa sectorial correspondente a eventuais autorizacións necesarias doutras administracións públicas.

b.10. Certificado municipal sobre a situación urbanística do lugar onde se pretende levar a cabo a actividade mineira.

b.11. Calquera outra documentación e información acreditativa do cumprimento de requisitos establecidos na lexislación sectorial aplicable.

b.12. De acordo co exixido no artigo 18.3 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, deberán determinarse e indicarse expresamente os datos que, a xuízo da persoa solicitante, gozan de segredo profesional e de propiedade intelectual e industrial, así como os que estean suxeitos a protección de carácter persoal e confidencialidade, de acordo coas disposicións vixentes. Para estes efectos, presentarase unha copia dos documentos de que se trate, cos devanditos datos anonimizados ou disociados. De non presentarse esta copia cos datos disociados, entenderase que, a xuízo do solicitante, non concorren límites ou excepcións ao dereito de acceso dos recollidos nos artigos 14 e 15 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

De conformidade co artigo 31 bis do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, non será necesaria a autorización do autor cando unha obra se reproduza, distribúa ou comunique publicamente para o correcto desenvolvemento de procedementos administrativos.

c) Outros documentos acreditativos das vantaxes da proposta e cumprimento dos criterios de valoración recollidos no anexo III.

d) Unha declaración responsable dos documentos presentados.

Segunda. Presentación de solicitudes e prazo para a súa formulación

2.1. As solicitudes formularanse consonte os requisitos establecidos na base primeira, así como o disposto no artigo 35 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia; no artigo 53 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e no artigo 72 do Regulamento xeral para o réxime da minaría, do 25 de agosto de 1978. Os preceptos referidos constitúen un réxime especial, de acordo co previsto no artigo 16.8 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, segundo o cal non se terán por presentados no rexistro aqueles documentos e información cuxo réxime especial estableza outra forma de presentación.

As solicitudes e a restante documentación sinalada na base primeira presentaranse obrigatoriamente a través do procedemento dispoñible no Sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia (en diante, Silex), seguindo as especificacións recollidas no Manual de servizos de licitación electrónica publicado na seguinte ligazón: www.conselleriadefacenda.es/silex. Durante o prazo de presentación de solicitudes, as persoas interesadas poderán dirixirse ao servizo de atención ao usuario habilitado no devandito sistema, co obxecto de resolver as dúbidas técnicas e de carácter informático derivadas da presentación da súa solicitude.

Con carácter previo á presentación da solicitude, as persoas interesadas deberán rexistrarse no Silex, seguindo as especificacións recollidas no manual referido no parágrafo anterior.

As solicitudes axustaranse ao modelo normalizado contido no anexo V e deberán estar asinadas pola persoa interesada ou polo seu representante legalmente facultado para iso, mediante algún dos sistemas de identificación e sinatura electrónica admitidos pola Xunta de Galicia.

A restante documentación prevista nestas bases deberá achegarse nun dos formatos admitidos no Silex e autenticada mediante sinatura electrónica recoñecida.

2.2. O prazo de presentación será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da última publicación desta orde, sexa no Diario Oficial de Galicia ou no Boletín Oficial del Estado.

Terceira. Composición da Mesa

3.1. A apertura e admisión de solicitudes será realizada por unha mesa, que estará formada, de acordo co previsto no artigo 36 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, polas seguintes persoas:

a) A persoa titular do Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente ou presidenta.

b) A persoa titular da xefatura do servizo competente en materia de minas do Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria, ou o enxeñeiro ou enxeñeira de minas do devandito servizo en quen delegue, que actuará como secretario ou secretaria da Mesa.

c) Un membro da escala de letrados da Xunta de Galicia.

d) A persoa titular da Intervención Delegada do Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria ou da delegación territorial ou persoa en quen delegue.

e) Unha persoa representante da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, designada pola persoa titular da devandita dirección xeral.

3.2. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, as persoas integrantes da Mesa serán substituídas consonte o disposto nos artigos 16, 17 e 18 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3.3. Ao finalizar cada reunión da Mesa fixaranse a data, a hora e o lugar da seguinte reunión.

Cuarta. Constitución da Mesa, apertura dos sobres e admisión de solicitudes

4.1. A Mesa constituirase aos dez días hábiles seguintes ao de remate do prazo de presentación de solicitudes. A constitución da Mesa terá lugar ás 10.00 dese día na sede do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra, ben que a asistencia ao devandito acto por parte das persoas que forman a Mesa se pode realizar mediante videoconferencia ou outros medios electrónicos válidos para estes efectos, consonte o previsto no artigo 21.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

As persoas que tivesen presentado as solicitudes de participación no concurso e os seus representantes debidamente acreditados poderán asistir de xeito telemático ao acto de constitución da Mesa e de apertura de sobres. Para tal efecto, habilitarase unha ferramenta informática que permita amosar o desenvolvemento do devandito acto en directo, garantindo o seu seguimento polas persoas interesadas.

4.2. Constituída a Mesa, darase lectura ao anuncio do concurso e procederase ao reconto das solicitudes presentadas, así como a dar coñecemento público do número de proposicións recibidas e do nome das persoas concursantes. A continuación procederase á apertura dos sobres na orde habitual.

A presentación das solicitudes a través do sistema Silex garante que estas son remitidas cifradas e fragmentadas. O cifrado das ofertas realizarase contra as claves públicas dos membros da Mesa. Para a súa recomposición e descifrado será necesaria a participación, no acto de apertura, de dous membros da Mesa establecidos no Silex cos seus correspondentes certificados de sinatura electrónica recoñecida.

4.3. Se a Mesa observa a ausencia ou deficiencia da documentación presentada no sobre 1, concederá un prazo non superior a tres días hábiles para que a persoa solicitante emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución.

Para estes efectos, notificarase mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Neste suposto, non se abrirá o sobre 2 presentado para o mesmo dereito ata que finalice o trámite de emenda.

De non atender o requirimento nos termos nel contidos, procederase á súa exclusión do concurso. En todo caso, as circunstancias relativas á capacidade e ausencia de prohibicións de contratar, así como á constitución da fianza provisoria, deberán concorrer na data final de presentación de ofertas, sen prexuízo da súa acreditación documental no trámite de emenda.

4.4. Polo que respecta á apertura do sobre 2, a ausencia ou deficiencia na designación do terreo que se pretende ou a falta dalgún dos documentos requiridos para as solicitudes de dereitos mineiros consonte o establecido nestas bases e segundo o disposto no artigo 18 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, suporán a inadmisión da solicitude, do que se deixará constancia con indicación da causa.

Quinta. Interpretación das bases

Sobre as cuestións que puidesen xurdir non recollidas nestas bases, a Mesa constituída adoptará as decisións que considere pertinentes, logo da deliberación dos seus membros, e deixará constancia na acta que se redacte, con indicación da súa deliberación.

Sexta. Valoración das solicitudes e establecemento da orde de prelación

6.1. O concurso resolverase a favor das propostas máis vantaxosas no seu conxunto, entendendo por tales as que ofrezan as mellores condicións científicas e técnicas, así como económicas, sociais, ambientais e xurídicas, tendo en conta os principios de sustentabilidade, responsabilidade e seguridade, e atendendo aos criterios establecidos no artigo 36.2 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, e no artigo 20.3 da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

A especificación dos criterios concretos de valoración e selección, coa indicación dos parámetros de valoración e o baremo de puntuación correspondente, contense no anexo III.

6.2. A Mesa analizará e valorará as ofertas presentadas e realizará unha proposta de resolución do concurso que incluirá, para os casos en que se presentasen varias solicitudes para o mesmo dereito, a orde de prelación das solicitudes para a súa tramitación.

Antes de formular a súa proposta, a Mesa poderá solicitar cantos informes técnicos considere precisos, co obxecto de verificar que as solicitudes cumpren cos criterios de valoración referidos.

6.3. Formulada a proposta de resolución, as persoas concursantes cuxas solicitudes resulten propostas para a súa tramitación deberán achegar a documentación acreditativa de non incorrer nas prohibicións para contratar establecidas na lexislación reguladora dos contratos do sector público, para o que serán requiridas pola Mesa, e concederáselles un prazo de 10 días hábiles. Se a documentación non se achega ou se presenta fóra do prazo concedido, entenderase que a persoa concursante retira a súa oferta, e requirirase a mesma documentación á concursante seguinte, segundo a orde de prelación das ofertas.

Sétima. Resolución do concurso

7.1. O órgano competente para resolver o concurso é a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, consonte o disposto nos artigos 16 e 36.4 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, competencia delegada na persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, de acordo co artigo 11.3 da Orde do 4 de novembro de 2024 sobre delegación de competencias en diversos órganos.

7.2. Unha vez realizados os trámites referidos na base sexta, a Mesa dará traslado da súa proposta ao órgano competente, que resolverá o concurso.

A resolución conterá a orde de prelación para a tramitación das solicitudes concorrentes presentadas respecto dun mesmo dereito e declarará que procede a admisión a trámite das solicitudes non concorrentes.

Pola súa vez, no contido da resolución advertirase expresamente que a tramitación das solicitudes seleccionadas quedará condicionada a que, no prazo dun mes desde a notificación da devandita resolución ás persoas concursantes seleccionadas ou, de ser posterior, desde a notificación do importe que debe ser aboado, se acredite o aboamento dos gastos que lles correspondesen de inserción desta orde de convocatoria e da publicación do resultado do concurso nos diarios oficiais, así como da taxa administrativa establecida para a tramitación da solicitude do dereito mineiro.

De non se acreditar o aboamento dos gastos indicados no prazo establecido, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta e acredite o aboamento, coa indicación de que, se non o fixer así, se terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución que se dite nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e tramitarase a seguinte solicitude seleccionada consonte a orde de prelación establecida. De non existir máis solicitantes, será de aplicación o establecido na base oitava.

Así mesmo, a resolución do concurso declarará rexistrables os terreos obxecto do concurso respecto dos que non se presentase ou non fose admitida ningunha solicitude.

7.3. O concurso resolverase no prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ao da última publicación da convocatoria. Transcorrido o prazo sen que se ditase e fose notificada a resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

7.4. A resolución poñerá fin á vía administrativa e notificarase a todos os concursantes. O resultado do concurso publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Contra a resolución poderán interpoñerse os seguintes recursos:

– Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se non o for, poderá interpoñerse en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

– Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se poida entender desestimada a solicitude por silencio administrativo.

7.5. Resolto o concurso e transcorridos os prazos para a interposición dos respectivos recursos sen que estes se interpuxesen, a documentación achegada coas propostas non seleccionadas quedará á disposición dos interesados.

As fianzas constituídas polos solicitantes das propostas non seleccionadas no concurso devolveranse nun prazo de 30 días naturais, contando desde a notificación da resolución denegatoria.

Oitava. Ausencia de presentación de solicitudes ou inexistencia de solicitudes válidas

Se despois de realizado o concurso quedasen terreos sen adxudicar, estes serán declarados francos e rexistrables pola persoa titular da Consellería de Economía e Industria. Esa declaración deberase publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, coa indicación de que poderán ser solicitados logo de transcorridos oito días desde a publicación no Boletín Oficial del Estado.

Novena. Notificacións

9.1. As notificacións que procedan no desenvolvemento do concurso practicaranse por medios electrónicos, mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

9.2. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

9.3. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o órgano competente practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décima. Datos de carácter persoal

10.1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía e Industria, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

10.2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida nestas bases e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

10.3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

10.4. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas solicitantes serán publicados conforme o descrito nestas bases a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios e, en particular, mediante a publicación do resultado do concurso no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado prevista na base sétima.

10.5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Décimo primeira. Condicións especiais e resolutorias

11.1. Tan só serán obxecto de admisión as solicitudes de permisos de investigación. A investigación comprenderá os traballos e métodos de investigación necesarios e apropiados para a caracterización do recurso e para delimitar e cuantificar o depósito que poida chegar a ser explotado, levando a cabo a súa avaliación e valoración económica mediante o estudo da súa viabilidade en que se recollan todos os factores xeolóxicos, mineiros, sociais e ambientais que concorran.

11.2. Os orzamentos dos proxectos incluirán unha táboa resumo en que se reflectirán as cantidades orzadas para cada concepto en euros.

11.3. A presentación de solicitudes supón que a persoa ou empresa participante acepta incondicionalmente o contido da convocatoria e das bases anexadas na súa totalidade, sen condición ningunha, e comprométese a levar a cabo os traballos coa intensidade, ritmo e investimentos programados nas súas ofertas.

11.4. O cumprimento dos compromisos e requisitos que fosen obxecto de valoración deberá manterse durante a ulterior tramitación do procedemento de outorgamento do dereito mineiro, unha vez admitida a trámite a solicitude por ter sido seleccionada no concurso.

Así mesmo, farase constar na resolución de outorgamento do dereito que tales compromisos e requisitos teñen o carácter de condicións ou obrigas inherentes ao devandito outorgamento. No caso de que afecten o outorgamento da concesión de explotación derivada do permiso de investigación, faranse constar tamén na resolución pola que se outorgue a dita concesión.

Toda transmisión do dereito implicará a subrogación do novo titular en tales obrigas.

11.5. A selección para a admisión a trámite como consecuencia da resolución deste concurso, así como o ulterior outorgamento do permiso de investigación, non eximen da obtención das autorizacións que correspondan a outros órganos, sen que en ningún caso concorra responsabilidade do órgano mineiro no suposto de non obterse.

Así mesmo, tampouco cabe responsabilidade como consecuencia de resultar seleccionada unha solicitude na resolución deste concurso, no suposto de que non chegue a obterse o permiso de investigación ou, no seu momento, a concesión derivada daquel, calquera que sexa a causa, incluíndo os condicionados ambientais que poidan, se é o caso, impoñerse ou a incompatibilidade con figuras de protección doutros bens xurídicos ou outros usos preexistentes.

11.6. Os gastos de inserción desta orde, así como os da publicación do resultado do concurso nos diarios oficiais, serán rateados entre os solicitantes que resulten seleccionados, atendendo á superficie obxecto da solicitude.

ANEXO III

Criterios de valoración e selección

A valoración, prelación e selección das solicitudes presentadas realizarase consonte os criterios de valoración e selección e os baremos de puntuación que a continuación se describen, sobre un total de 100 puntos.

En ningún caso poderán valorarse aquelas medidas ou accións cuxo cumprimento veña imposto pola lei.

Os aspectos e os datos obxecto de valoración deberán detallarse e/ou xustificarse adecuadamente. En caso contrario, non serán tidos en conta pola Mesa, o que se fará constar. Todas as declaracións, compromisos ou certificados que se presenten para a acreditación de criterios de valoración deberán estar asinadas por quen represente legalmente a persoa solicitante.

A) Calidade científica e técnica do proxecto e garantías da súa viabilidade: máximo 40 puntos.

Criterio de valoración

Parámetros/elementos de valoración

Baremo

(puntos)

Puntuación máxima

Execución de sondaxes

Coñecemento previo do recurso

Se permite prescindir totalmente da execución de sondaxes

4

Realización de sondaxes con recuperación de testemuña

(Orzamento por cuadrícula da oferta para este concepto/orzamento por cuadrícula para este concepto maior de entre as ofertas)x4

Espazo temporal máximo

Redución do prazo de investigación sobre o máximo de tres anos previstos na normativa

Por cada 3 meses completos de redución do prazo de investigación máximo: 1 punto

5

Ensaios

Dispón de laboratorio propio de caracterización química e petrográfica

No Estado

1

Na Comunidade Autónoma

1

Na mesma provincia

2

Laboratorio de contraste acreditado

Dispón dun contrato cun laboratorio de contraste acreditado

2

Modelización final do recurso

Definición do produto

Convenio de colaboración con centros tecnolóxicos para a definición do produto vendible

2

Colaboración con centros académicos en que se empreguen técnicas avanzadas para a modelización do depósito mineral

No Estado

1

Na Comunidade Autónoma

1

Na mesma provincia

2

Materias primas estratéxicas

Posta de manifesto de materias primas estratéxicas potencialmente explotables aparelladas ao depósito principal

Listaxe da sección 1, anexo I do Regulamento (UE) 2024/1252 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de abril de 2024, polo que se establece un marco para garantir unha subministración segura e sustentable de materias primas fundamentais e polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 168/2013, (UE) 2018/858, (UE) 2018/1724 e (UE) 2019/1020)

2

Racionalización e ordenación mineira

Continuidade do recurso

A persoa solicitante é titular dunha concesión de explotación para o mesmo recurso en cuadrículas adxacentes

5

A persoa solicitante posúe instalacións próximas

No Estado

1

Na Comunidade Autónoma

1

Na mesma provincia

2

Experiencia

Número de dereitos mineiros relacionados co recurso ou recursos que se pretende investigar dos cales foi ou é titular nos últimos 10 anos

Concesións de explotación: 2 puntos por cada concesión

4

Permisos de investigación: 1 punto por cada permiso

2

Financiamento

Recursos propios

30 % do investimento total: 0 puntos

70 % ou máis: 2 puntos

Ofertas intermedias: proporcionalmente

2

B) Calidade ambiental do proxecto, calidade social e ética do proxecto e impacto socioeconómico: máximo 55 puntos.

Criterio de valoración

Parámetros/elementos de valoración

Baremo

(puntos)

Puntuación máxima

Colaboración con entidades ambientais especializadas ou centros de investigación para o control dos impactos ambientais e sociais do proxecto ou para a execución do plan de restauración

Protocolo ou compromiso subscrito coa entidade ou centro, en que se detalle o obxecto da colaboración

Compromiso subscrito: 6 puntos

6

Investimento por cuadrícula en gastos ambientais

Inclúe:

– O orzamento de restauración (incluíndo a restauración durante a investigación de zonas degradadas por actividade anterior)

– Partidas destinadas a protección e control ambiental relativas á execución do proxecto

Presentarase un anexo ao proxecto coas partidas desagregadas

Mellor oferta: (orzamento por cuadrícula da oferta para este concepto/orzamento por cuadrícula para este concepto maior de entre as ofertas)x9

Menos do 5 % do investimento total por cuadrícula: 0 puntos

9

Incorporación da variable de xénero

Mulleres en postos directivos

(administradoras, xerentes, directoras executivas, directora facultativa do proxecto)

Que a persoa responsable da xestión da empresa sexa unha muller

1 punto

5

Que máis do 45 % do órgano de administración da empresa sexan mulleres

1 punto

Que a persoa responsable da dirección do proxecto sexa unha muller

1 punto

Ter definido un plan de igualdade no suposto de non ser obrigatorio

1 punto

Accións de capacitación en materia de igualdade previstas no marco do desenvolvemento do proxecto

Poden estar recollidas no proxecto ou presentarse un compromiso cun esbozo do programa para cada acción

1 acción: 0,5 puntos

2 accións ou máis: 1 punto

Relacións coa comunidade

Mecanismos de diálogo e solución de conflitos coas comunidades locais:

punto/servizo de atención aos cidadáns

Identificación dunha persoa ou posto dentro da empresa que actúe como interlocutor coa comunidade, atenda as queixas dos cidadáns e busque solucións dialogadas. Indicación da forma de contacto

Compromiso de implantación con identificación da persoa ou do posto e forma de contacto:

2 puntos

4

Mecanismos de transparencia e acceso dos cidadáns á información:

punto/servizo de información

Identificación dunha persoa ou posto dentro da empresa encargada de subministrar información aos cidadáns, especialmente sobre as repercusións ambientais da actividade mineira. Indicación da forma de contacto

Compromiso de implantación con identificación da persoa ou do posto e forma de contacto:

2 puntos

Integración laboral das persoas con discapacidade

Número de persoas con discapacidade adscritas ao proxecto

Se a empresa ten 50 ou máis traballadores/as, só será de aplicación se se supera o límite legal do 2 %

1 punto por cada traballador/a con discapacidade

3

Saúde laboral e prevención de riscos laborais

Certificación do Sistema integrado de xestión (SIG) da saúde e seguridade ocupacional (SeSO)-OHSAS 18000, ou similar

2 puntos

2

Protección e posta en valor do patrimonio natural ou histórico-cultural local localizado nas cuadrículas solicitadas

Investimento en patrimonio natural ou histórico-cultural por cuadrícula.

Mellor oferta: (orzamento por cuadrícula da oferta para este concepto/orzamento por cuadrícula para este concepto maior de entre as ofertas)x6

Menos do 5 % do investimento total por cuadrícula: 0 puntos

6

Responsabilidade corporativa:

Certificación de sistema de xestión da responsabilidade social ISO 26000 ou similar

2 puntos

2

Ética empresarial e contribución ao desenvolvemento sustentable

Dispoñer da certificación de sistemas de xestión mineira sostible (Aenor):

UNE 22470:2015 e UNE 22480:2015 ou similar

3 puntos

6

Dispoñer dun selo de garantía ou certificado que asegure que os produtos utilizados proceden de condicións de traballo dignas e mercados a un prezo xusto que apoia o desenvolvemento sustentable

1 punto

Conflict free

Compromiso de non comercializar nin participar na cadea de subministración de minerais de conflito, no marco do desenvolvemento do proxecto

1 punto

Ter adoptados protocolos internacionais nesta materia (por exemplo, a Guía de debida dilixencia da OCDE para cadeas de subministración responsable de minerais)

1 punto

Impacto socioeconómico do proxecto

Peche da cadea de valor

Compromiso de implantación dun plan industrial para o peche da cadea de valor sobre o recurso ou recursos que se poñan de manifesto, con carácter vinculante á solicitude de pase a concesión de explotación

6

Creación de emprego

Compromiso de creación e mantemento de novo emprego con carácter indefinido e xornada completa, con carácter vinculante á solicitude de pase a concesión de explotación

Orzamento da oferta para este concepto/orzamento para este concepto maior de entre as ofertas)x6

6

C) Condicións xurídicas: máximo 5 puntos.

Criterio de valoración

Parámetros/elementos de valoración

Baremo

(puntos)

Puntuación máxima

Acreditación da dispoñibilidade da totalidade dos terreos

4 puntos

5

Certificacións, protocolos, guías de boas prácticas ou documentos de política de empresa que incidan na xestión eficiente dos recursos, subscritos pola empresa e aplicables ao desenvolvemento do proxecto

Que non foran obxecto de valoración noutra epígrafe anterior.

1 punto

A puntuación resultante do baremo determinarase sempre con dous decimais. De ser preciso, realizarase o redondeo á cifra máis baixa cando o terceiro decimal sexa inferior a cinco e, á cifra máis alta, cando o terceiro decimal sexa igual ou superior a cinco.

En caso de igualdade de puntuación de distintas ofertas sobre terreos comprendidos por cuadrículas mineiras coincidentes total ou parcialmente, primará a de maior puntuación obtida nos puntos B, A e C, por esta orde.

Se nos últimos 5 anos foi declarada a caducidade dun dereito mineiro do cal fose titular o solicitante por causa de incumprimentos normativos, os puntos acumulados pola valoración anterior reduciranse en 10 puntos.

ANEXO IV

Cálculo da fianza provisoria

10 % da taxa correspondente ás solicitudes de dereitos mineiros establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, que se indica a continuación:

Tipo de dereito mineiro

Importe da taxa

Permiso de investigación

2.792,03 € pola primeira cuadrícula e

119,64 € por cada unha das restantes

Taxas da Comunidade Autónoma de Galicia para 2025

Cálculo da fianza provisoria

Importe da fianza provisoria

10 % da taxa correspondente ás solicitudes de dereitos mineiros establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia

279,20 € pola primeira cuadrícula e

11,96 € por cada unha das restantes

ANEXO V

DATOS DO SOLICITANTE:

RAZÓN SOCIAL OU NOME E APELIDOS:

CIF/NIF:

ENDEREZO:

PROVINCIA:

CONCELLO:

LOCALIDADE:

CÓDIGO POSTAL:

TELÉFONO:

CORREO ELECTRÓNICO:

E NA SÚA REPRESENTACIÓN:

NOME:

NIF:

ENDEREZO:

PROVINCIA:

CONCELLO:

LOCALIDADE:

CÓDIGO POSTAL:

TELÉFONO:

CORREO ELECTRÓNICO:

DATOS DO CONCURSO:

TIPO DE DEREITO MINEIRO QUE SE SOLICITA:

Permiso de investigación

DESIGNACIÓN DO DEREITO MINEIRO QUE SE SOLICITA:

DEREITO MINEIRO CADUCADO SOBRE O CAL SE SOLICITA:

EXTENSIÓN SOLICITADA:

TIPO DE RECURSO:

TERMOS MUNICIPAIS:

PROVINCIA:

DOCUMENTACIÓN QUE SE ACHEGA COA SOLICITUDE:

■ SOBRE 1

■ SOBRE 2

OPÓÑOME Á CONSULTA AUTOMÁTICA DOS SEGUINTES DATOS:

 DNI da persoa solicitante

 DNI da persoa representante

 Documentación acreditativa de estar ao día nas obrigas, tanto coa AEAT como cos órganos da Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia, e coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social

Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra