A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de promoción e difusión da cultura; a protección e promoción do patrimonio cultural de Galicia e dos Camiños de Santiago; a promoción e o ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia, e a xestión das actuacións en materia de xuventude, participación e voluntariado. Todo iso de conformidade co establecido na Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, e na demais normativa que sexa de aplicación.
Segundo o Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se fixa a súa estrutura orgánica, é o departamento da Xunta de Galicia a que lle corresponden as competencias e funcións en materia de promoción, difusión da cultura e do patrimonio cultural.
A Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia, atribúelle á consellería competente en materia de centros museísticos a dirección e coordinación do Sistema galego de centros museísticos, entendido como unha estrutura organizativa e funcional de integración dos centros e das redes museísticas da Comunidade Autónoma Galega. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, como órgano coordinador e directivo do Sistema de centros museísticos de Galicia busca a consecución dos fins propios dos centros a través da colaboración con outras administracións e centros museísticos no fomento e mellora da infraestrutura museística de Galicia e dos seus fondos para a súa rendibilidade social e económica.
O artigo 12 da mencionada lei establece que a integración no Sistema galego de centros museísticos comportará, entre outras, a participación nas liñas específicas de axudas que poida establecer a consellería competente en materia de centros museísticos, dirixidas á creación e ao desenvolvemento de actuacións que tendan a facilitar a conservación, a seguranza, a documentación ou a difusión dos centros de acordo cos principios de publicidade e concorrencia.
Alén da función conservadora, de recuperación ou de exhibición dunha parte fundamental do noso patrimonio cultural, cómpre reforzar o papel científico e divulgador das institucións museísticas, intrinsecamente asociado á educación da sociedade; desde este punto de vista, os centros museísticos realizan unha función educativa, investigadora e comunicativa ao propiciaren un coñecemento que, vinculado aos fondos e coleccións que aglutinan, así como ao territorio e aos problemas socioculturais galegos, nos axuda a entender mellor determinadas cuestións da nosa realidade social.
Por todo o exposto, considerouse necesario establecer un instrumento normativo que se dirixa fundamentalmente á determinación, por un lado, das bases legais mínimas que garantan os principios de obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia e eficiencia do proceso de concesión de subvencións establecidos na Lei de subvencións de Galicia e na normativa xeral en vigor e, por outro, fixar os mecanismos que permitan á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coñecer o correcto destino dos fondos públicos.
Esta orde tramítase ao abeiro do artigo 25.1. a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, dado que existe crédito adecuado e suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2025.
En consecuencia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as normas de desenvolvemento,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
Constitúe o obxecto desta orde, por unha banda, o establecemento das bases reguladoras das axudas destinadas aos museos e outros centros museísticos que formen parte do Sistema galego de centros museísticos para a realización de actuacións e actividades museísticas que faciliten a conservación, a seguranza, a documentación, a investigación, a difusión e, por outra, a convocatoria das axudas para o ano 2025 (código de procedemento CT110C).
Artigo 2. Principios de xestión
A xestión destas subvencións realizarase segundo os seguintes principios:
a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
Artigo 3. Entidades beneficiarias e requisitos de participación
1. Poderán optar a estas axudas os entes locais e as entidades privadas sen fin de lucro galegas, titulares de museos, coleccións museográficas ou centros de interpretación, inscritas no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, con exclusión de:
a) Fundacións ou padroados en cuxo órgano de goberno participe a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e achegue recursos para financiar o seu funcionamento.
b) Entidades titulares de museos e centros museísticos destinatarios de subvencións nominativas coa mesma finalidade, consignadas nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, nas partidas de gasto correspondentes á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
2. Cumprir co establecido no artigo 6.h) da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos.
Elaborar e remitir á consellería competente en materia de centros museísticos as estatísticas e datos informativos sobre os seus fondos, actividades e prestación de servizos.
Artigo 4. Financiamento e contía das axudas
1. As axudas convocadas para o ano 2025 terán unha contía total de douscentos mil euros (200.000,00 €), que se imputarán aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 nas aplicacións orzamentarias 43.03.432A.760.4 (100.000,00 €) e 43.03.432A.781.2 (100.000,00 €).
2. Estas axudas son compatibles con outras axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que percibe o beneficiario non supera a porcentaxe máxima do investimento.
A xestión desta orde faise mediante tramitación anticipada de gasto e queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
3. Esta orde tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2025.
A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2025, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2024, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
4. O proxecto será cofinanciado entre o solicitante e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 10.000,00 € por proxecto, que en ningún caso poderá exceder o 80 % do orzamento total do proxecto que se vaia realizar.
5. O importe do crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 5. Actividades subvencionables
1. Será susceptible de subvención ao abeiro desta orde a realización das seguintes actuacións e actividades:
a) Inventario, catalogación e/ou documentación gráfica ou audiovisual en soporte dixital dos fondos materiais e inmateriais que compoñen as coleccións.
b) Adquisición de equipamento para a conservación preventiva dos fondos museográficos e documentais do centro na exposición permanente ou nas áreas de reserva.
c) Actualización da exposición permanente nos contidos do seu discurso ou na súa museografía, incluído o desenvolvemento e produción de contidos complementarios audiovisuais e multimedia, audioguías ou recursos documentais doutro tipo postos á disposición do público nas salas para mellorar o acceso aos fondos.
d) Organización de exposicións temporais acordes co ámbito territorial e/ou temático do centro.
e) Realización de actividades didácticas e lúdico-culturais relacionadas co ámbito temático do centro.
f) Creación ou renovación da páxina web do centro.
g) Traballos de investigación sobre o patrimonio material e inmaterial relacionado coas súas coleccións ou co ámbito temático do centro.
h) Traballos de edición e tradución de publicacións científicas e divulgativas sobre as coleccións ou o ámbito temático do centro en calquera soporte en forma de catálogos, monografías, publicacións periódicas, folletos, produtos audiovisuais e multimedia.
i) Elaboración de documentos e estudos para a mellora e a innovación na xestión: plans museolóxicos, cartas de servizos, estudos de público, elaboración de plans de comunicación e márketing cultural, diagnósticos previos e planificación de medidas en favor da igualdade de mulleres e homes, así como medidas para a inclusión na xestión interna e na programación de actividades do museo.
Artigo 6. Gastos subvencionables
1. Consideraranse gastos subvencionables aqueles que respondan indubidablemente á natureza da actividade subvencionada, resulten estritamente necesarios e se realicen no prazo establecido nesta convocatoria e na resolución de concesión ou nas súas posibles modificacións.
Cando o importe do gasto subvencionado supere os custos previstos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas a tres provedores diferentes.
En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.
2. Os custos indirectos só serán subvencionables se son imputados pola entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo coas normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se executou a actividade. En todo caso, deberán ser incluídos como tales e cuantificados no orzamento de gastos previstos presentado coa solicitude e deberán ser xustificados.
3. Non serán gastos subvencionables os seguintes gastos:
a) O importe do IVE cando sexa susceptible de recuperación ou compensación. Neste suposto, a cantidade imputable como gasto será a correspondente á base impoñible dos gastos xustificados. No caso das facturas de autónomos, o gasto subvencionable será a base impoñible ou o total, segundo o caso, pero en todo caso sen aplicar a retención do IRPF, por ser un gasto que o beneficiario realiza ao aboalo a Facenda.
b) Os gastos consistentes en investimentos en inmobilizado material que teñan por obxecto a ampliación, mellora, rehabilitación ou conservación do inmoble.
c) Gastos asociados a profesionais que non imputen horas directamente á actividade obxecto da subvención.
Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes
As solicitudes de participación para estas axudas deberán respectar as seguintes condicións:
1. Só se admitirá unha solicitude por entidade interesada, que se presentará conforme o modelo oficial que figura como anexo I da convocatoria. A solicitude irá dirixida á Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, seá requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Xunto coa solicitude constan a relación doutras axudas concedidas ou solicitadas para o mesmo obxecto ou situación en que están, segundo figura no anexo I.
Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Memoria explicativa da actuación ou actividade segundo o modelo que figura como anexo II, en que se indique de forma expresa:
1º. Actuación ou actividade para a cal se solicita subvención, segundo o artigo 5.
2º. Xustificación xeral da actividade proposta: obxectivos xerais e obxectivos específicos.
3º. Descrición detallada da actividade: formato, contido, público ou persoas destinatarias da actividade, recursos humanos implicados (número, cualificación e experiencia, se é persoal propio ou externo), linguas utilizadas e cronograma de execución, así como outros aspectos técnicos que se consideren relevantes.
b) Documentación acreditativa ou compromiso de formalización da existencia dunha rede. Se é o caso, descrición detallada da colaboración e identificación dos centros museísticos que participan na execución da actividade.
c) Se é o caso, xustificación das circunstancias ou elementos referidos aos criterios de valoración que aparecen no artigo 12.
d) Orzamento desagregado (IVE excluído) e detallado da actuación ou actividade que inclúa a previsión de gastos previstos, así como a cantidade que se solicita, segundo o anexo III.
e) Adicionalmente, poderanse achegar outros documentos complementarios para ampliar ou ilustrar a información contida nos datos do proxecto, a modo de anexo, cando conteñan arquivos como imaxes, táboas, follas de cálculo, gráficos, vídeos, etc.
f) Acreditación da representación, de ser o caso.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 11. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) NIF da entidade representante.
c) DNI/NIE da persoa representante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Atriga.
g) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 12. Criterios de valoración
1. A Comisión Técnica de Avaliación realizará a avaliación das solicitudes presentadas, ata un máximo de 10 puntos, a través da análise da memoria do proxecto, segundo os seguintes criterios:
a) Propostas que favorezan a creación de redes entre centros museísticos. A puntuación máxima será de 1 punto.
Propostas de actuacións e actividades deseñadas, no marco dunha rede, para seren levadas a cabo por máis dun museo ou centro museístico da Comunidade Autónoma de Galicia. A colaboración centrarase en accións de difusión e investigación (actividades didácticas e de divulgación, exposicións temporais, xornadas e congresos...). A presentación da solicitude deberá facerse por separado:
b) Horario de apertura ao público. A puntuación máxima será de 2 puntos.
Para acreditar o horario de apertura ao público deberá presentarse certificado ou documentación acreditativa das horas e períodos de apertura segundo a información que figure na páxina web ou no propio centro.
Ata 20 horas semanais: 1 punto.
Máis de 20 horas semanais: 2 puntos.
c) Inclusión de actividades para promover a igualdade no acceso á cultura de colectivos en risco de exclusión. Puntuación máxima 2 puntos.
Valoraranse aquelas actuacións que teñan por finalidade permitir o acceso á cultura (desde o punto de vista da creación ou desde o punto de vista do consumo/desfrute) aos colectivos en risco de exclusión (accesibilidade física, comunicativa, actividades de visibilización e actividades para facilitar o desfrute cultural adaptado ás necesidades destes colectivos).
Unha acción proposta: 1 punto.
Dúas ou máis : 2 puntos.
d) Igualdade de xénero: 2 puntos.
O proxecto pon en valor a produción cultural feminina ou visibiliza o papel da muller na cultura galega: 1 punto.
O proxecto ten un contido técnico que incide na eliminación de visións estereotipadas e a ruptura de roles de xénero: 1 punto.
e) Número de habitantes do concello onde estea situado o centro museístico: 3 puntos.
Concellos con menos de 5.000 habitantes: 3 puntos.
Concellos entre 5.000 e 10.000 habitantes: 2 puntos.
Concellos de máis de 10.000 habitantes: 1 punto.
2. Criterios de valoración aplicables a entidades locais.
Ademais dos criterios sinalados no número 1 deste artigo, as propostas presentadas polas entidades locais valoraranse ata un máximo de 5 puntos que se outorgarán en función dos seguintes criterios (criterio puntuación outorgada a concellos con menos poboación):
a) Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula (agás a de fusión municipal): ata 3 puntos, tendo en conta os seguintes aspectos:
– Pola mera presentación da solicitude conxunta entre concellos nos termos e cos requisitos que se determinen nas bases ou nas convocatorias: 1 punto.
– Tendo en conta o número de concellos agrupados e participantes no proxecto: ata 2 puntos, 0,25 puntos por cada concello.
b) Criterios aplicables ás solicitudes presentadas por entidades locais fusionadas: outorgaranse 2 puntos pola mera presentación da solicitude nos termos sinalados nesta orde.
Non se admitirán aquelas solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta das actuacións e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.
Artigo 13. Instrución do procedemento e selección de solicitudes
1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. A instrución do procedemento de concesión das subvencións correspóndelle á Subdirección Xeral de Arquivos e Museos, que revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida poderase reclamar ás entidades solicitantes que emenden os defectos apreciados na documentación exixida, para o que se lles outorgará un prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, desde a notificación do requirimento, e indicaráselles que se non o fixesen se terán por desistidas da súa solicitude, de acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión técnica de avaliación que se axustará aos preceptos contidos na sección 3ª da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público. Esta comisión estará composta pola titular da Subdirección Xeral de Arquivos e Museos, que a presidirá, e actuarán como vogais dúas (2) persoas do Servizo de Centros Museísticos. Exercerá a secretaría a titular do Servizo de Centros Museísticos. En caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión, correspóndelle ao titular da Dirección Xeral de Cultura nomear un suplente. A Comisión formulará o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.
Artigo 14. Proposta de resolución
1. O órgano instrutor formulará proposta de resolución motivada das solicitudes por orde decrecente de puntuacións, logo de examinar os expedientes e do informe de avaliación emitido pola Comisión Técnica de Avaliación, distribuíndo, entre as axudas solicitadas, o importe total do crédito dispoñible segundo a puntuación obtida. Esta proposta provisional farase pública no Portal de museos de Galicia, https://museos.xunta.gal, e na páxina de Cultura, https://www.cultura.gal/gl/servizos. Nela expresarase a puntuación proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes, diferenciando as puntuacións para cada un dos dous tipos de entidades beneficiarias. As entidades solicitantes disporán de dez (10) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta provisional, para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a Dirección Xeral de Cultura.
2. Cando o importe da subvención da proposta de resolución sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar o beneficiario a reformular a súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable.
3. No caso de empate, para desempatar teranse en conta os seguintes criterios, pola orde de prelación que se indica a seguir:
1º. Solicitudes de entidades que se presenten por primeira vez á convocatoria de axudas destinadas a centros museísticos.
2º. Data e hora de presentación da solicitude.
3º. No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.
Artigo 15. Resolución
No prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución de adxudicación definitiva por parte da persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude deberá resolver de acordo co disposto no artigo 37 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Na resolución incluírase a relación de entidades beneficiarias e as cantidades concedidas para cada solicitude.
O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
O vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa faculta o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
A resolución de concesión ou denegación da axuda pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que ditou o acto ou, directamente, recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados de igual modo, segundo o artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 16. Notificacións
1. As notificacións derivadas da tramitación administrativa practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
De conformidade co previsto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de adxudicación será notificada mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 17. Publicidade dos actos
Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas.
Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través do Portal de cultura da páxina web da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, https://www.cultura.gal/gl/servizos, e do Portal de museos de Galicia, https://museos.xunta.gal
Artigo 18. Aceptación da axuda
Notificada a resolución definitiva do órgano competente, as entidades adxudicatarias propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria; se a renuncia non se comunica expresamente no citado prazo, a entidade beneficiaria queda comprometida a realizar o investimento, agás causas de forza maior aceptadas pola Comisión de Valoración e, de non facelo, incorrerá nas responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 19. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 20. Prazo, xustificación e pagamento das axudas
1. O prazo para que as entidades beneficiarias das axudas acrediten e xustifiquen os proxectos subvencionados será ata o 31 de outubro de 2025; no caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.
2. O cumprimento efectivo dos fins para os cales foi concedida a axuda acreditarase por medio da presentación da seguinte documentación:
a) Memoria explicativa do proxecto realizado en relación coa axuda concedida.
b) Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que incluirá:
1º. Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade, do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co disposto no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2º. Relación de gastos ordenada segundo o concepto a que se atribúe, con identificación do acredor, importe, data de emisión e data de pagamento. Indicaranse as desviacións producidas en relación co orzamento aprobado.
3º. Copia das facturas e xustificantes bancarios do seu aboamento.
4º. Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.
3. As entidades locais beneficiarias, de acordo co establecido nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, deberán presentar a conta xustificativa da subvención, que incorporará en todo caso a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. A conta xustificativa estará integrada pola seguinte documentación:
a) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace da persoa titular, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:
1º. O cumprimento da finalidade da subvención.
2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.
b) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación de gastos.
c) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.
d) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. A presentación da documentación xustificativa despois do prazo sinalado ou a xustificación insuficiente comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.
5. Serán obxecto de subvención nesta convocatoria os proxectos realizados desde o 1 de xaneiro de 2025 ata a data límite de xustificación da orde.
6. A Dirección Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.
7. Non poderá realizarse o pagamento das axudas en canto o beneficiario non estea ao día tanto no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, como na presentación das contas anuais perante o Consello de Contas de Galicia, e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia ou sexa debedor por resolución da procedencia de reintegro, ao abeiro do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
8. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados na data límite de xustificación.
Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias desta axuda estarán suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, estarán obrigadas a:
1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución das axudas.
2. Facer constar en toda a publicidade xerada polo proxecto subvencionado que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.
3. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
4. As entidades beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.
Artigo 22. Reintegro da axuda e procedemento sancionador
1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 23. Réxime xurídico
A tramitación de solicitudes e concesión destas axudas axustarase ao disposto nesta orde; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e demais normativa de aplicación.
A presentación electrónica de solicitudes suxeitarase ao disposto no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que regula a obriga de relacionarse electronicamente coas administracións públicas.
Artigo 24. Base de datos nacional de subvencións e Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios
1. En cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do artigo 20 será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións e axudas públicas. A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
A entidade outorgante das axudas consignará na BDNS, no prazo de vinte (20) días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).
2. As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurará no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición adicional primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Autorízase o director xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Disposición adicional segunda. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na persoa titular da Dirección Xeral de Cultura para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.
Disposición adicional terceira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
