DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 31 de xaneiro de 2025 Páx. 8870

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 7/2025, do 20 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Monterroso, dun treito da vía provincial LU-P-3301, Monterroso (N-640)-Marco (N-547), entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+210.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Monterroso solicitou á Deputación Provincial de Lugo o cambio de titularidade dun treito da vía provincial LU-P-3301, desde o p.q. 0,00 ao 0,210 (intersección coa avenida de Lugo ata a encrucillada coa rúa Álvaro Cunqueiro).

O Pleno da institución provincial, na sesión do 26 de marzo de 2024, aprobou por unanimidade o cambio de titularidade proposto.

O treito da estrada LU-P-3301 cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que formen parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Monterroso, do treito da estrada provincial LU-P-3301 Monterroso (N-640)-Marco (N-547):

Estrada

Denominación da estrada

P.Q.i

P.Q.f

LU-P-3301

Monterroso (N-640)-Marco (N-547)

0+000

0+210

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Monterroso, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas