DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 3 de febreiro de 2025 Páx. 9189

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 10 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se realiza a convocatoria das axudas ao alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia para estadías noutros países co obxecto de coñecer a súa lingua durante o verán de 2025 (código de procedemento ED416A).

BDNS (Identif.): 811187.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

O alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia.

Segundo. Obxecto

Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para estadías noutros países co obxecto de coñecer a súa lingua, durante o verán de 2025.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Orzamento e contía das bolsas

O importe global previsto na orde é de 228.000 euros.

A dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria será de 1.200 euros para estadías realizadas en países de Europa e de 1.500 para estadías no resto do mundo.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional