DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 3 de febreiro de 2025 Páx. 9191

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 13 de xaneiro de 2025 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado que realice os seus estudos no curso 2024/25 (código de procedemento ED531D).

As accións e recomendacións emanadas da Comisión Europea e do Consello de Europa nos últimos quince anos veñen configurando as políticas lingüísticas e a innovación en educación lingüística dos distintos países membros da Unión, ao considerar a competencia en linguas como un recurso económico e social indispensable dentro, e máis aló, dunha Europa cultural e lingüisticamente diversa.

En consonancia con estas políticas, as liñas estratéxicas desta consellería prevén medidas e accións enfocadas a que o alumnado adopte unha actitude positiva de cara ás linguas e, ao mesmo tempo, aprecie a diversidade cultural e a comunicación intercultural. Así, durante o curso 2010/11, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade implantou, de xeito experimental, os centros plurilingües en Galicia, como parte do proceso de fomento da diversidade lingüística e cultural da súa política educativa, e do cal forman parte programas como a Anticipación da Primeira Lingua Estranxeira, os cursos para a formación complementaria de aprendizaxe de linguas estranxeiras ou o programa de Seccións Bilingües. Esta implantación experimental permitiu, por unha banda, incrementar a presenza da lingua estranxeira como lingua vehicular, mediante a aplicación do disposto no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e, pola outra, favorecer a transferencia entre as linguas que se imparten nos centros educativos galegos, tanto nas destrezas comunicativas como nas destrezas académicas, mediante a concreción de medidas tendentes á impartición dun currículo integrado das linguas no proxecto lingüístico de centro.

A resposta altamente favorable dos centros educativos e das familias á participación neste proxecto de plurilingüismo da Consellería e o compromiso do profesorado, responsable do desenvolvemento do proxecto, coa formación do alumnado e a súa propia, levaron á Administración educativa a continuar na vía iniciada e a promover a ampliación do programa plurilingüe na educación infantil, no bacharelato e na formación profesional desde o ano 2017.

Igualmente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en coherencia coa política educativa que desenvolve, convoca cada curso a orde pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a contratación de auxiliares de conversa coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras, especialmente a aqueles que forman parte da Rede de centros plurilingües ou participan no programa de Seccións Bilingües.

Ademais, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional organiza anualmente actividades de formación en linguas estranxeiras para o alumnado, que se desenvolven durante o curso escolar en centros residenciais situados en Galicia en réxime de internado, así como actividades de inmersión lingüística no estranxeiro, enfocadas cara á mellora da comunicación oral co apoio de profesorado nativo, co fin de estimular a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos diversificados.

Actualmente, a nova liña de actuación para o fomento e desenvolvemento de programas de plurilingüismo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, EDUlingüe2030, prevé, como un dos seus obxectivos estratéxicos, a internacionalización do sistema educativo galego creando un novo marco de traballo a partir das relacións internacionais e apostando por unha educación intercultural e multilingüe. Na súa liña de impacto 6, Programa intensivo de certificación e acreditación da competencia lingüística en linguas estranxeiras, proporciona ao alumnado galego a posibilidade de acreditar a súa competencia lingüística en linguas estranxeiras apostando por unha educación multilingüe e cosmopolita, sustentable e acorde co mundo actual.

En consecuencia, de conformidade co exposto, e por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, como conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é convocar e regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros privados concertados que impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado.

Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso por parte das persoas interesadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia, aos formularios de inicio, denomínase Axudas a centros privados concertados para a contratación de probas de nivel lingüístico para o alumnado, código de procedemento ED531D.

Artigo 2. Financiamento e contía das axudas

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á partida orzamentaria 07.03.423A.780.3, por un importe máximo de 150.000,00 € con cargo ao orzamento de 2025.

2. Esta convocatoria tramítase como expediente anticipado de gasto, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2025, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2024, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto se entenderán condicionados a que, no momento de se ditar a resolución de concesión, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos os ditos actos.

3. Dado que esta convocatoria abrangue a xestión e realización das probas lingüísticas durante o curso 2024/25, o seu orzamento pode cubrir os gastos orixinados entre setembro de 2024 e xuño de 2025.

4. A axuda outorgada a cada centro será de 100 € por alumna/o e proba. Esta dotación económica será destinada:

a) Á realización das probas das destrezas orais e das destrezas escritas.

b) Á certificación correspondente conforme o MCERL.

5. A contía total da axuda outorgada a cada centro determinarase en función do número de alumnado que resulte beneficiario e de acordo cos criterios establecidos no artigo 10 desta orde: Criterios de selección dos centros.

6. Os centros non poderán percibir unha asignación superior ao número total de alumnado que resulte beneficiario. A dotación económica outorgada para cada centro será destinada, exclusivamente, á realización e certificación das probas para o alumnado do curso que resultou beneficiario e non pode ser trasladada a alumnado doutros cursos, etapas ou ciclos.

CAPÍTULO II

Finalidade das axudas e requisitos para poder solicitalas

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas reguladas nesta orde serán destinadas a contratar a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado. As probas a que se refire esta orde desenvolveranse de acordo co obxectivo e as características que se especifican a continuación:

1. O obxectivo destas probas é acreditar a competencia en lingua estranxeira do alumnado nos niveis de competencia B1, B2 ou C1, descritos no Marco común europeo de referencia para as linguas do Consello de Europa (MCERL).

2. As probas que realizará o alumnado serán do nivel B1, B2 ou C1 (segundo decida o alumnado, logo de orientación do seu profesorado de lingua estranxeira) e axustaranse ás titulacións recollidas no anexo da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería, ou proba análoga que conte co mesmo recoñecemento internacional e siga os mesmos estándares de calidade.

Artigo 4. Destinatarios

1. Poderán participar nesta convocatoria todos os centros privados concertados non universitarios dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional en que se impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional.

2. As probas están destinadas a alumnado que estea matriculado, durante o curso 2024/25, en 4º de ESO, 1º e 2º de bacharelato e 1º e 2º de formación profesional.

Artigo 5. Requisitos do centro

1. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Organización e xestión das probas

1. As probas de nivel lingüístico deberán ser realizadas por empresas ou institucións acreditadas que expidan as titulacións que figuran no anexo da dita Orde do 21 de xuño de 2016.

2. A organización e xestión das probas será competencia exclusiva do centro educativo, que deberá informar o alumnado desta convocatoria e seleccionar aquel que desexe participar nelas, o nivel da proba a que se presenta e as institucións ou empresas certificadoras. Non será competencia das familias nin do alumnado a selección das ditas empresas certificadoras.

3. O alumnado será orientado polo profesorado de lingua estranxeira e deberá coñecer, con antelación suficiente, as características da proba a que se vai presentar.

4. Cada alumno ou alumna poderá matricularse nunha única proba de lingua estranxeira, que será, preferentemente, a que curse como primeira lingua estranxeira.

5. Antes de facer a solicitude, o alumnado candidato deberá presentar por escrito un compromiso individual de aceptación para concorrer ás probas. Este compromiso, indispensable para poder facer a solicitude, deberá estar asinado polo alumno/a ou familia e será custodiado no centro.

6. Os centros educativos seleccionarán as probas a que se presentará o seu alumnado. Esta selección debe buscar a maior proximidade e comodidade para que o alumnado poida participar nelas e que o seu custo se adecúe á dotación económica facilitada por esta consellería.

7. As familias ou, se é o caso, os centros educativos, encargaranse da organización do traslado do alumnado ao lugar de realización das probas, en caso de que estas non poidan realizarse no propio centro educativo. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional non asumirá os gastos derivados destes desprazamentos.

8. Unha vez publicada a resolución definitiva de centros seleccionados, se a dotación económica que recibe o centro educativo non é suficiente para cubrir todas as demandas de alumnado interesado, os centros educativos establecerán uns criterios de selección do alumnado interesado en participar nas probas seguindo criterios transparentes, públicos e obxectivos dos cales se informará o claustro e que se aprobarán no consello escolar. Unha vez realizada a selección de alumnado en acto público, levantarase acta do sorteo ou selección realizada e custodiarase no centro educativo.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoñan á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

CAPÍTULO III

Solicitude e prazos

Artigo 8. Forma e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse, obrigatoriamente, por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Así mesmo, e co fin de axilizar o proceso de solicitude, os centros educativos participantes nesta convocatoria deberán completar os datos requiridos no formulario electrónico dispoñible na aplicación a que se accede na ligazón https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos, seleccionando Programas de éxito educativo na pestana Programa, convocatoria 2024/25, e premendo en Acreditación LE alumnado de centros concertados.

4. A persoa responsable da dirección do centro, ou persoa autorizada, terá o permiso para rexistrar e completar o formulario electrónico na aplicación informática, onde fará constar os datos de identificación do centro e da persoa directora requiridos, así como:

– O número de alumnado candidato ás probas.

– O curso, etapa ou ciclo en que está matriculado o alumnado candidato.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO IV

Procedemento para a adxudicación das axudas

Artigo 10. Criterios de selección dos centros

1. Poderán participar na convocatoria todos os centros solicitantes que cumpran cos requisitos de participación indicados nesta orde.

2. Terán preferencia os centros que soliciten a axuda para alumnado que curse etapas ou ciclos plurilingües:

– Alumnado da etapa de bacharelato plurilingüe PluriBach.

– Alumnado da etapa ESO plurilingüe.

– Alumnado dun ciclo que imparta ensinanzas de formación profesional plurilingües.

Non serán computables, para tales efectos, as seccións bilingües que se impartan no centro.

3. A dotación económica para cada centro resultará da distribución da dotación económica total prevista para esta convocatoria entre os centros solicitantes atendendo á seguinte orde de selección:

3.1. Centros que soliciten a axuda para alumnado de 2º curso de bacharelato que curse a etapa de bacharelato plurilingüe PluriBach.

3.2. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros que soliciten a axuda para alumnado de 4º curso da etapa ESO plurilingüe.

3.3. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros que soliciten a axuda para alumnado de 1º curso de bacharelato que curse a etapa de bacharelato plurilingüe PluriBach.

3.4. De sobrar remanente, este distribuirase entre os que soliciten a axuda para alumnado de 2º curso dun ciclo que imparta ensinanzas de formación profesional plurilingües.

3.5. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros que soliciten a axuda para alumnado de 1º curso dun ciclo que imparta ensinanzas de formación profesional plurilingües.

3.6. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros que soliciten a axuda para alumnado de 2º curso de bacharelato que non curse etapa plurilingüe.

3.7. De sobrar remanente, este distribuirase entre os que soliciten a axuda para alumnado de 4º curso de ESO que non curse etapa plurilingüe.

3.8. De sobrar remanente, este distribuirase entre os que soliciten a axuda para alumnado de 1º curso de bacharelato que non curse etapa plurilingüe.

3.9. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros que soliciten a axuda para alumnado de 2º curso dun ciclo de FP que non curse etapa plurilingüe.

3.10. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros que soliciten a axuda para alumnado de 1º curso dun ciclo de FP que non curse etapa plurilingüe.

4. A distribución do remanente entre os centros solicitantes na última das categorías anteriores farase de forma proporcional, ata esgotar o crédito dispoñible, tendo en conta, para as solicitudes presentadas nesa categoría, o número total e o número das presentadas por cada centro.

Artigo 11. Instrución e Comisión de Valoración

1. O procedemento de concesión das subvencións será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa.

3. Durante a instrución do procedemento, constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo 10, avaliará as solicitudes e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada.

4. A valoración das solicitudes será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:

a) Presidenta/e: a persoa titular da Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Vogais:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo ou persoa en quen delegue.

– A persoa titular do Servizo de Apoio Económico ou persoa en quen delegue.

– A persoa titular do Servizo de Innovación e Programas Educativos ou persoa en quen delegue.

c) Dúas persoas asesoras da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, unha delas que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

5. A percepción de asistencias desta Comisión de Selección atenderá á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

6. Unha vez avaliadas as solicitudes e emitido o informe da Comisión de Valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor, que formulará as resolucións provisionais que correspondan.

7. Por último, tras o informe final da Comisión de Valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor, que formulará a proposta de resolución definitiva e a elevará ao órgano competente para resolver de acordo co disposto no artigo 12.

CAPÍTULO V

Resolución

Artigo 12. Resolución provisional

1. Valoradas as solicitudes, o órgano instrutor fará pública a resolución provisional de centros beneficiarios co importe asignado a cada centro, que se difundirá no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, http://www.edu.xunta.gal

2. A exposición abrirá un prazo de dez días hábiles para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión das axudas ante a persoa que exerza a presidencia da comisión.

Artigo 13. Resolución definitiva

1. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, o órgano instrutor elevará á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que resolverá, por delegación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a proposta de resolución definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

2. A resolución definitiva será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e publicarase no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses, contado desde o remate do prazo de solicitude.

3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva, os centros solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos que proceda.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

1. De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicaranse á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola base.

2. Información aos interesados da existencia do Rexistro Público de Subvencións. Os interesados poden facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Compatibilidades

Estas axudas serán compatibles con outras que o centro poida percibir para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, tendo en conta o disposto nos artigos 11.d) e 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efetuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Renuncias

1. Os centros docentes poderán renunciar á axuda nos dez días naturais seguintes á publicación da resolución provisional.

2. Se un centro renuncia á axuda despois deste prazo non poderá concorrer á concesión desta nos dous cursos seguintes ao correspondente a esta convocatoria.

CAPÍTULO VI

Pagamentos

Artigo 20. Pagamento

1. O pagamento da axuda farase antes do remate do mes de outubro de 2025.

2. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e pagamento de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Documentación

1. Para poder realizar o pagamento ao centro, este deberá presentar, antes do 8 de setembro de 2025, a seguinte documentación correctamente cuberta:

a) Anexo II: xustificación para o pagamento. Farase constar, exclusivamente, o número de alumnado que resultou beneficiario das axudas e se presentou ás probas, o curso e a etapa, o idioma e nivel da/das proba/s realizada/s, o nome da empresa acreditadora e o importe total de gastos xustificables.

Non se incluirá outro alumnado agás o que resultou beneficiario das axudas e para o curso ou cursos para os cales foi concedida a axuda.

– Declaración doutras axudas.

b) Factura da entidade ou empresa acreditadora expedida a nome do centro.

1. Na factura constará só o importe que corresponda, exclusivamente, ao alumnado do centro que resultou beneficiario das axudas e realizou ás probas.

2. Non deberá figurar ningún outro alumnado que non resultase beneficiario das axudas.

3. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.

4. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá presentar a declaración responsable recollida no número 4 do artigo 4 desta orde, no momento da solicitude e do pagamento.

Artigo 22. Seguimento da realización das probas de acreditación do nivel lingüístico do alumnado

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa realizará o seguimento da xestión das probas subvencionadas a través dos servizos provinciais da Inspección Educativa.

Artigo 23. Fiscalización e control

1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os centros beneficiarios darán a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento da axuda

1. O centro docente perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificación de forma incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprimento dos fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De concedérselle outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón o artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

3. No caso de que se revogue a axuda, o centro docente terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 25. Modificación da resolución e incumprimentos

1. A resolución de concesión das axudas previstas nesta orde poderá ser modificada:

a) Por alteración das condicións iniciais que se tiveron en conta para a concesión.

b) Pola obtención concorrente de subvencións outorgadas para a mesma finalidade e obxecto por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. Se supón exceder o importe total da axuda correspondente a cada unha das subvencións recollidas nesta orde, dará lugar a unha redución proporcional no importe das subvencións reguladas nesta orde.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, os feitos ou a documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Competencias

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de
Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file