DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 3 de febreiro de 2025 Páx. 9212

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 13 de xaneiro de 2025 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado que realice os seus estudos no curso 2024/25 (código de procedemento ED531D).

BDNS (Identif.): 811431.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro Beneficiarios

Esta convocatoria está destinada a todos os centros privados concertados non universitarios dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional en que se impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e/ou formación profesional.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto convocar e regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas a centros privados concertados que impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado (código de procedemento ED531D).

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 13 de xaneiro de 2025 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado que realice os seus estudos no curso 2024/25 (código de procedemento ED531D).

Cuarto. Financiamento e contía das axudas

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á partida orzamentaria 07.03.423A.780.3, por un importe máximo de 150.000,00 € con cargo ao orzamento de 2025.

2. Esta convocatoria tramítase como expediente anticipado de gasto, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2025, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2024, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto se entenderán condicionados a que, no momento de se ditar a resolución de concesión, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos os ditos actos.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de
Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional