BDNS (Identif.): 811860.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, en réxime de concorrencia competitiva, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR605C).
2. Nesta orde inclúense as seguintes intervencións contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC) e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader):
a) Intervención 6883, investimentos forestais produtivos.
• Subintervención 6883_02, investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas (liña I).
b) Intervención 6881.4, investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais.
• Subintervención 68814_05, silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas (liña II).
• Subintervención 68814_06, silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros (liña III).
Segundo. Bases reguladoras
Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común de España para o período 2023-2027, e se convoca para o ano 2025 (código de procedemento MR605C).
Terceiro. Beneficiarios
1. Na liña I (subintervención 6883_02, investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas) serán persoas beneficiarias as agrupacións forestais de xestión conxunta inscritas no correspondente rexistro e o silvicultor/a activo/a inscrito no rexistro correspondente con data límite a de xustificación da execución das actuacións do Módulo de silvicultura produtiva de coníferas.
Na liña II (subintervención 68814_05, silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas) e na liña III (silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros) serán persoas beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores.
2. Non terán a condición de persoas beneficiarias as peticións individuais nos seguintes casos:
a) As solicitudes como persoa física correspondentes ás superficies incluídas dentro do perímetro dun monte de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo, que figuren como tal no sistema rexistral forestal de Galicia.
b) As solicitudes como persoa física correspondentes ás superficies incluídas no perímetro de terreos que no seu día foron clasificados como montes veciñais en man común e que, mediante sentenza xudicial, perderon a súa condición de propiedade xermánica, mantendo o seu carácter de propiedade colectiva pertencente aos veciños dun lugar.
3. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
4. As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
5. As comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) para poder acceder a estas axudas deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
6. Os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo deben cumprir co estipulado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 16/2024, do 18 de xaneiro, polo que se regula o réxime xurídico e o rexistro de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.
7. As agrupacións forestais de xestión conxunta deberán ter a inscrición no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
8. O/a silvicultor/a activo/a deberá estar inscrito no rexistro correspondente segundo o establecido na Orde do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta e como persoa silvicultora activa (código de procedemento MR608C).
Cuarto. Financiamento
1. O financiamento das axudas recollidas nesta orde efectuarase nos exercicios 2025 e 2026, con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias segundo a subintervención:
|
Liña (subintervención) |
Aplicación orzamentaria |
Ano 2025 (€) |
Ano 2026 (€) |
Total (€) |
|
Liña I (6883_02) |
15.03.713B.770.0 2024 00100 |
5.670.000 |
1.330.000 |
7.000.000 |
|
Liña II (68814_05) |
15.03.713B.770.0 2024 00104 |
4.860.000 |
1.140.000 |
6.000.000 |
|
Liña III (68814_06) |
15.03.713B.770.0 2024 00114 |
1.800.000 |
200.000 |
2.000.000 |
|
Total |
12.330.000 |
2.670.000 |
15.000.000 |
|
As axudas destinadas ás actuacións previstas na liña I (intervención 6883, investimentos forestais produtivos, subintervención 6883_02, investimentos forestais produtivos_2, que financia actuacións de silvicultura produtiva de coníferas, do PEPAC 2023-2027 de Galicia), están financiadas polo Feader nun 60 %, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 12 % e a Xunta de Galicia nun 28 %.
As axudas destinadas ás actuacións previstas na liña II (intervención 6881.4, investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais, subintervención 68814_05, silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións non produtivas de silvicultura de frondosas, do PEPAC 2023-2027 de Galicia), están financiadas polo Feader nun 80 %, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 16 % e a Xunta de Galicia nun 4 %.
As axudas destinadas as actuacións previstas na liña III (intervención 6881.4, investimentos forestais non produtivos en actuacións silvícolas con obxectivos ambientais, subintervención 68814_06, silvicultura con obxectivos ambientais e outros fins non produtivos, que financia actuacións de rehabilitación de soutos de castiñeiros, do PEPAC 2023-2027 de Galicia), están financiadas polo Feader nun 80 %, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 16 % e a Xunta de Galicia nun 4 %.
2. Do crédito de cada subintervención resérvanse as seguintes porcentaxes da dispoñibilidade orzamentaria indicada no número anterior segundo o tipo de beneficiario:
a) Agrupacións forestais de xestión conxunta rexistrada no rexistro correspondente (incluídas Sofor): 40 %.
b) CMVMC: 40 %.
c) Propietario particular, asociacións sen ánimo de lucro, sociedades civís e comunidades de bens, cooperativas e outras entidades de economía social, sociedades agrarias de transformación, sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital e calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais: 20 %.
No caso de que unha vez priorizados os expedientes solicitados non se consuma a totalidade do importe especificado nos distintos puntos da distribución do crédito detallado no parágrafo anterior, os importes sobrantes dos distintos puntos pasarán aos demais para facer fronte aos expedientes solicitados.
3. Esta orde tramítase mediante tramitación anticipada de gasto, conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
4. Sen prexuízo das contías indicadas anteriormente, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, o órgano concedente publicará esta ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
