DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2025 Páx. 9433

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, cofinanciadas parcialmente, no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia, pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025 (códigos de procedemento ED481A e IN606A).

O estímulo ás actividades de investigación supón unha área estratéxica do Goberno galego dentro da cal a formación do persoal investigador nas etapas iniciais da súa formación representa un paso fundamental na configuración da política científica, en xeral, e da carreira investigadora, en particular, e o doutoramento representa o inicio da carreira investigadora, en liña co establecido na Carta Europea do Investigador (EEE/2005/251/CE), na cal se define o persoal investigador como o conxunto de profesionais que traballan na xeración de novos saberes, coñecementos, produtos, procesos, métodos e técnicas.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan de investigación e innovación de Galicia 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e da sociedade galegas. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e os esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais, e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, ao redor dos cales articula os instrumentos e actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden ser horizontais en relación cos retos e prioridades da RIS3. O obxectivo estratéxico 4 aposta polas persoas como activo principal para abordar as prioridades de especialización de Galicia, xerando, retendo e atraendo talento en igualdade. Esta convocatoria potenciará as traxectorias de investigación vinculadas aos retos e prioridades definidos na estratexia.

En consecuencia, esta convocatoria enmárcase na RIS3 respondendo aos tres retos e ás tres prioridades. Ten como obxectivo estratéxico desenvolver o talento das persoas (obxectivo estratéxico 4), e intégrase, polo tanto, no programa Persoas.

Segundo o programa de apoio á etapa predoutoral, a contratación de persoal nas súas etapas iniciais constitúe a base para que, mediante procesos formativos estables, se adquiran as habilidades propias do persoal investigador, e, ademais, permite lograr que o sistema acade unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos.

Nesta convocatoria a axuda ten catro anos de duración segundo o establecido como tempo máximo de duración do contrato predoutoral no artigo 21 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e no Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación. Así mesmo, no marco do contrato predoutoral poderase desenvolver un período de orientación posdoutoral, por un máximo de doce meses e unha vez obtido o título de doutor/a, orientado ao perfeccionamento e á especialización profesional do persoal investigador, todo iso conforme a nova redacción dada ao artigo 21.a) da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, como resultado da súa reforma a través da Lei 17/2022, do 5 de setembro.

As axudas ás universidades do SUG estarán cofinanciadas parcialmente, nunha porcentaxe do 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 3: Educación e formación; obxectivo específico ESO4.6: Promover a igualdade de acceso a unha educación e unha formación de calidade e inclusivas e a súa culminación, en particular para os colectivos desfavorecidos, desde a educación infantil, pasando pola educación e a formación xerais e profesionais, ata a educación superior, así como a educación e a aprendizaxe dos adultos; así mesmo, facilitar a mobilidade educativa para todos e a accesibilidade das persoas con discapacidade, e medida 3.F.01: Axudas á formación predoutoral.

En consecuencia, para as ditas axudas é de aplicación e debe darse debido cumprimento á seguinte normativa específica: Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta, ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados; Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013, e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

Ademais, incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados para a parte cofinanciada polo programa FSE+ Galicia 2021-2027, conforme o disposto no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

A convocatoria presta especial atención a que as persoas participantes neste programa conten co maior apoio posible para completar a súa formación, polo que se inclúe o financiamento dunha estadía de tres meses de duración no estranxeiro, que lles permitiría acadar a mención de doutora ou doutor internacional sempre que cumpran todos os requisitos establecidos no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento.

A convocatoria cumpre co establecido na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, para garantir a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes en todos os procesos de avaliación e/ou selección do persoal investigador. Por isto, as axudas que se regulan nesta convocatoria adoptan medidas específicas para fomentar a igualdade.

De acordo coa modificación da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, inclúese unha axuda que permite cubrir o custo da indemnización por expiración do tempo convido do contrato laboral que asinen coas entidades beneficiarias as persoas contratadas ao abeiro desta convocatoria.

Como novidade, auméntase a dotación orzamentaria desta convocatoria para o financiamento dos contratos. Por outra banda, mantense a dotación orzamentaria para axudar aos gastos asociados á realización do programa de doutoramento (complementos formativos e titoría da tese de doutoramento).

Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, para o cal existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, aprobado o 17 de outubro de 2024 polo Consello da Xunta.

Co fin de harmonizar o exercicio das competencias que en materia de I+D+i teñen atribuídas a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Axencia Galega de Innovación, adscrita á mesma consellería, na procura de sinerxías, considérase de interese a realización de convocatorias conxuntas dunha convocatoria unificada que axuden a consolidar un sistema de I+D+i suficientemente sólido como para garantir o desenvolvemento social e a competitividade económica.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das súas competencias, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Axencia Galega de Innovación convocan as axudas de apoio á etapa predoutoral para o exercicio 2025.

Na súa virtude, e no uso das atribucións conferidas,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde establece as bases reguladoras e a convocatoria das axudas de apoio á etapa predoutoral da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva. O obxecto do programa de apoio á etapa predoutoral é outorgarlles axudas ás universidades públicas do SUG (cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur) e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia, que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras e doutores nos seus centros (códigos de procedemento ED481A para as universidades do SUG e IN606A para as demais entidades).

2. Este programa procura a formación de persoas investigadoras para a obtención do título de doutoramento e a adquisición das competencias e habilidades relacionadas coa investigación dentro dun programa de doutoramento.

3. Co obxecto de que as persoas investigadoras destinatarias destas axudas poidan acadar a mención de doutora ou doutor internacional, de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, fináncianse estadías de tres meses de duración no estranxeiro.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as universidades públicas do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia, que asinen coas persoas seleccionadas neste programa un contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal estas persoas quedarán vinculadas á institución onde desenvolvan a súa actividade, e ambas as partes asumirán as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.

2. A duración do contrato non poderá ser inferior a un ano nin exceder os catro, de conformidade co artigo 21.c) da Lei 14/2011. Se se concerta un contrato de duración inferior a catro anos, poderá prorrogarse sucesivamente sen que, en ningún caso, as prórrogas poidan ter unha duración inferior a un ano. Sen prexuízo do anterior, no suposto de que a persoa investigadora xa estivese contratada baixo esta modalidade e o tempo que reste ata o máximo de catro anos sexa inferior a un ano, poderá concertarse o contrato ou a súa prórroga polo tempo que reste ata os catro anos.

A actividade desenvolvida será avaliada anualmente pola Comisión Académica do programa de doutoramento durante o tempo que da súa permanencia no programa, e o contrato poderá resolverse no caso de non superarse favorablemente esta avaliación.

3. No caso de que a persoa contratada obteña o título de doutoramento, poderá acceder, dentro do contrato predoutoral, a un período de orientación posdoutoral por un período máximo de doce (12) meses, conforme o establecido no artigo 21.a) da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e sempre que a obtención deste título se produza durante o período de execución desta axuda.

4. Poderán acceder a estas axudas as entidades mencionadas no punto 1 deste artigo que presenten como candidatas a ser destinatarias delas persoas que cumpran, na data de peche da convocatoria, os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Non obstante, as persoas non comunitarias poderán ser candidatas á axuda, aínda que para formalizar o contrato deberán contar cos permisos necesarios de permanencia no país. O número máximo de axudas que se concederán a cidadáns non comunitarios é o que se indica no artigo 4.2 desta orde.

b) Estar matriculadas nun programa oficial de doutoramento dunha universidade do SUG para o curso 2024/25. Esta matrícula terá que estar formalizada necesariamente a tempo completo antes da sinatura do contrato.

c) Acreditar que no momento da presentación da solicitude está en posesión do título oficial de mestrado. A data de expedición do título de mestrado debe ser posterior á data de expedición do título de grao licenciatura, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica, enxeñaría técnica, diplomatura ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao Espazo europeo de educación superior (EEES), que cumpra co requisito da alínea d) deste artigo.

d) Que a data de finalización dos estudos que deron acceso ao programa de doutoramento indicado no anexo V −grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica, enxeñaría técnica, diplomatura ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao Espazo europeo de educación superior (EEES)− sexa igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2021. Enténdese como data de finalización destes estudos a da superación da última materia para os completar. Esta data poderá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2018 nos seguintes casos:

1º. As persoas que na data de peche do prazo de presentación de solicitudes estean en posesión do título oficial dalgunha das especialidades recollidas no Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, polo que se determinan e clasifican as especialidades en Ciencias da Saúde e se desenvolven determinados aspectos do sistema de formación sanitaria especializada.

2º. As persoas candidatas que acrediten fidedignamente que se encontraban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de 6 anos entre o 1 de xaneiro encontraban 2018 e o 31 de decembro de 2020.

3º. As persoas candidatas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.

4º. As persoas que acrediten de forma fidedigna que interromperon os estudos por causa dunha enfermidade grave ou que se dedicaron á atención de persoas maiores da familia en primeira liña parental.

e) Contar no expediente académico cunha nota media mínima igual ou superior a 7,5, ou a 7 para as titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, calculada segundo o indicado no artigo 6.1.c).

No caso das persoas candidatas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, a nota media mínima do expediente académico será de 6,5.

5. Non se admitirán como candidatas a ser destinatarias destas axudas as persoas que estean en posesión do título de doutoramento nin as persoas que fosen contratadas noutras convocatorias estatais ou autonómicas de concorrencia competitiva de programas predoutorais ou de doutoramento industrial, agás os programas predoutorais propios das entidades solicitantes. Inclúense nesta incompatibilidade as axudas predoutorais e as de doutoramento industrial da Xunta de Galicia.

No caso das persoas candidatas que foron seleccionadas noutros programas de axudas predoutorais e que non asinasen o contrato, deberán entregar unha xustificación da non aceptación da axuda e/ou renuncia ante o organismo correspondente, na cal figure a data en que se produciu.

Artigo 3. Conceptos subvencionables

Estas axudas inclúen os seguintes conceptos:

1. O financiamento dun contrato predoutoral por un máximo de catro anos de duración. O contrato terá por obxecto a realización de tarefas de investigación. Así mesmo, o contrato terá por obxecto a orientación posdoutoral por un período máximo de doce meses, tal e como recolle o artigo 21 da Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. A duración do contrato non poderá ser superior a catro anos.

No caso particular das axudas ás universidades do SUG, estes contratos estarán cofinanciados parcialmente polo programa FSE+ Galicia 2021-2027, polo que se debe dar debido cumprimento á normativa específica que resulte de aplicación (en particular, á Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027).

O cofinanciamento do FSE+ aplícase ao contrato e custos sociais deste. Para o cálculo do custo simplificado, empréganse os datos sobre salario para contratos predoutorais do Acordo do 29 de marzo de 2022, da Comisión Paritaria, polo que se modifica o acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela (DOG núm. 107, do 6 de xuño) e do Acordo do 8 de marzo de 2023, da Mesa Xeral de Negociación, polo que se modifica o acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela (DOG núm. 75, do 19 de abril), coas correspondentes actualizacións retributivas e a cotización á Seguridade Social con cargo ao empregador, tendo en conta as bonificacións reguladas no artigo 27 do Real decreto lei 1/2023.

2. Un complemento anual por axuda destinado ás entidades beneficiarias para cubrir os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía (complemento 1).

3. Un complemento por axuda que recibirán as entidades beneficiarias, asociado á cobertura dos gastos de realización do programa de doutoramento polas persoas investigadoras (complementos formativos e titoría da tese de doutoramento) correspondente aos seguintes tres cursos de doutoramento: anos 2024/25, 2025/26 e 2026/27 (complemento 2). Este complemento non terá a consideración de salario.

4. As indemnizacións de fin de contrato.

5. Estadías de tres meses de duración no estranxeiro para que, de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, as persoas contratadas acaden a mención de doutora ou doutor internacional.

As estadías serán continuadas e terán que realizarse entre o 1 de outubro de 2026 e o 30 de setembro de 2027. O cómputo será por meses completos, que necesariamente terán que comezar o primeiro día do mes e finalizar o último día do mes correspondente. Asegurarán un grao de mobilidade e de internacionalización ao cal non se puidese acceder por formación académica anterior ou por outros factores tales como residencia, país de orixe ou nacionalidade, e en ningún caso poderán ocasionar un atraso na finalización dos estudos de doutoramento.

No caso particular das axudas ás universidades do SUG cofinanciadas polo FSE+, debe darse debido cumprimento ás normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

Artigo 4. Duración, número e importe das axudas

1. As axudas terán unha duración máxima de catro anos e comezarán a desenvolverse desde o día 1 de setembro de 2025, incluído.

No caso de que, con anterioridade á formalización do contrato predoutoral, a persoa candidata desfrutase dalgunha axuda, pública ou privada, dirixida á súa formación predoutoral ou no marco do Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación, aprobado polo Real decreto 103/2019 (BOE núm. 64, do 15 de marzo), a duración da axuda desta convocatoria reducirase no tempo equivalente. A resolución de minoración corresponderalles á persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades, por delegación da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e á persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación, por delegación da persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Innovación. Para tal efecto, as persoas candidatas propostas deberán comunicarlle ao órgano instrutor correspondente, antes da sinatura do contrato, a través da entidade solicitante, a percepción doutras axudas, así como proporcionarlle calquera outra información que lles sexa requirida neste sentido. En ningún caso a axuda que se conceda poderá ter unha duración inferior a 24 meses, contados desde a data prevista de incorporación, é dicir, de inicio do contrato. A resolución será por separado para cada órgano de resolución.

2. O número máximo das axudas concedidas será de 102: 90 para as universidades do SUG e 12 para as demais entidades indicadas no artigo 2.1.

Do número total de axudas que se convocan, resérvanse 3 no ámbito das universidades do SUG e 1 no ámbito das demais entidades, para a contratación de persoas investigadoras cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %. De existiren axudas non cubertas no grupo de reserva, acumularanse ao grupo xeral.

O número máximo de persoas non comunitarias que poderán obter este tipo de axudas é de oito no ámbito das universidades do SUG e dunha no ámbito das demais entidades.

As axudas presentadas polas universidades do SUG distribuiranse entre as cinco ramas de coñecemento: Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñaría e Arquitectura, de maneira que se garanta un mínimo de 12 axudas no ámbito das universidades do SUG para cada rama, sempre que o número de solicitudes o permita.

3. O importe máximo da axuda ao financiamento do contrato e dos custos sociais da primeira e segunda anualidade para cada axuda é de 24.600 € anuais; para ao terceiro ano é de 25.200 €, e de 30.600 € durante o cuarto ano. Durante o período de orientación posdoutoral, o importe máximo é de 31.500 €/ano. Estes importes só poderán ir destinados ao financiamento dos contratos das persoas seleccionadas, incluíndo os seus custos sociais.

No caso particular das axudas ás universidades do SUG cofinanciadas con FSE+, a xustificación realizarase a través da modalidade de custos simplificados segundo o previsto no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e, concretamente, conforme o artigo 53.1.b) do dito regulamento, custo unitario anual.

4. As estadías no estranxeiro, de tres meses de duración, terán un importe máximo de 6.000 € (complemento estadías), en función do destino desta, de acordo coa seguinte desagregación:

a) Zona 1: 2.000, se a estadía se realiza en Portugal ou Andorra.

b) Zona 2: 4.000 €, se a estadía se realiza en Europa (agás Portugal e Andorra), África ou América, agás os Estados Unidos de América e Canadá.

c) Zona 3: 6.000 €, se a estadía se realiza nos Estados Unidos de América, Canadá, Asia ou Oceanía.

Unicamente por circunstancias excepcionais sobrevidas, correctamente xustificadas, poderán modificarse a zona da estadía concedida e as datas de desenvolvemento desta dentro do período regulado no artigo 3.6 desta orde, agás polos motivos sinalados no artigo 20, sempre que non supoña incremento do orzamento asignado, logo da solicitude e do informe favorable da entidade en que a persoa está contratada, e coa autorización expresa da Secretaría Xeral de Universidades ou da Axencia Galega de Innovación, segundo corresponda.

Durante o período de estadía, a entidade beneficiaria terá que subscribir para cada persoa investigadora un seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto sexan insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.

5. Establécese un complemento de 1.000 € anuais para as entidades beneficiarias por axuda para cubrir os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía (complemento 1).

6. Establécese un complemento de 800 € no primeiro ano de contrato e de 400 € no segundo ano de contrato, que recibirán as entidades beneficiarias para cubrir os gastos das persoas candidatas por cursaren o correspondente programa de doutoramento (complemento 2). Estas cantidades seranlles entregadas polas entidades beneficiarias, na correspondente anualidade (segundo a periodización de anualidades establecida no cadro do artigo 16.5 desta convocatoria), ás persoas candidatas contratadas e non terán, en ningún caso, a consideración de salario.

No caso de que, por causa dunha renuncia antes do día establecido no artigo 20.2, se produza unha nova adxudicación procedente das listas de espera, os complementos indicados neste número e no anterior (complementos 1 e 2) pasarán a formar parte do orzamento concedido á entidade beneficiaria da nova axuda.

7. En aplicación do artigo 21, letra e), da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, ao remate do contrato por expiración do tempo convido, a persoa traballadora terá dereito a percibir unha indemnización de contía equivalente á prevista para os contratos de duración determinada no artigo 49 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Para cubrir o custo da indemnización ao remate do contrato, incluirase unha axuda total de 3.500 euros.

8. Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada deberá achegar a diferenza.

9. Non lles serán exixibles á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e á Axencia Galega de Innovación en ningún caso máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.

10. No caso das universidades do SUG, para que estes contratos sexan financiables será preciso que as persoas contratadas permanezan un mínimo de tres meses no programa.

11. Os importes das axudas anuais indicadas anteriormente, cando así proceda, modificaranse proporcionalmente en función do número de meses de contrato.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As entidades solicitantes presentarán as solicitudes de xeito individualizado para cada unha das persoas candidatas propostas. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado anexo II ED481A, para as universidades do SUG e anexo II.bis IN606A, para as demais entidades indicadas no artigo 2, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Así mesmo, será necesaria a sinatura electrónica con certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados dos documentos que deban asinar os representantes das entidades solicitantes e as persoas candidatas propostas.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. O prazo dun mes para a presentación de solicitudes é común para os dous procedementos.

3. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha entidade, sempre e cando cumpra os requisitos exixidos. De se presentar máis dunha solicitude da mesma entidade coa mesma persoa candidata terase en conta a última solicitude presentada e considéranse as outras solicitudes como desistidas.

4. Se opta á axuda para estadías, deberá indicar este aspecto e a zona a que pertence o país de destino da estadía no punto sinalado no formulario de solicitude (anexo II ou anexo II.bis). Se non se indica a zona, considerarase que a persoa candidata non solicita a axuda para este concepto.

5. Como se trata dun procedemento de concorrencia competitiva, non se admitirán melloras da solicitude referidas a novos méritos transcorrido o prazo de presentación destas. A valoración e priorización das solicitudes levaranse a cabo exclusivamente en relación coa información e documentación achegada nestas, nas melloras realizadas en prazo e en resposta aos requirimentos oportunos ou ás situacións ou méritos non acreditados suficientemente, indicados nas listas de solicitudes admitidas e excluídas.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, que é a mesma para ambos os procedementos:

a) Declaración asinada pola persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo III), na cal conste:

– Que presenta a súa candidatura a través dunha única entidade solicitante.

– Que non foi contratada noutras convocatorias estatais ou autonómicas de concorrencia competitiva de programas predoutorais ou de doutoramento industrial. Inclúense nesta incompatibilidade as axudas predoutorais e as de doutoramento industrial da Xunta de Galicia. Non se inclúen nas incompatibilidades os programas predoutorais propios das entidades solicitantes. No caso das persoas seleccionadas pero non contratadas noutros programas de axudas predoutorais, deberán entregar unha xustificación da non aceptación da axuda e/ou renuncia ante o organismo correspondente, na cal figure a data en que se produciu.

– Que non ten o título de doutoramento.

– Que se compromete a manterse en contacto coa entidade beneficiaria destas axudas e, de ser o caso, coa Administración concedente, unha vez rematado o período da axuda, con fins estatísticos.

b) Declaración da persoa designada para dirixir ou codirixir a tese (anexo IV).

c) Certificación da universidade en que está matriculada a persoa candidata, asinada pola persoa titular do vicerreitorado competente en materia de investigación ou persoa en quen delegue (anexo V), na cal se fagan constar os seguintes aspectos:

1º. Programa de doutoramento en que está matriculada a persoa candidata no curso 2024/25.

2º. Título de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica, enxeñaría técnica, diplomatura ou equivalente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao EEES empregado para formalizar a matrícula no programa de doutoramento, universidade e campus onde se cursou, data de finalización e número de créditos superados.

3º. Título oficial de mestrado da persoa candidata.

4º. Nota media, aproximada a catro decimais, coa cal se concorre a esta convocatoria, calculada de acordo cos seguintes criterios:

– No caso de ensinanzas conducentes á obtención do título universitario oficial español de licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a ou graduado/a nun grao de polo menos 300 créditos, valorarase a totalidade dos créditos ou materias superadas.

– No caso de ensinanzas conducentes á obtención do título de graduada ou graduado de menos de 300 créditos, diplomada ou diplomado, enxeñeira técnica ou enxeñeiro técnico, arquitecta técnica ou arquitecto técnico e mestra ou mestre, a nota media realizarase tendo en conta estes estudos máis a totalidade dos créditos superados no mestrado ou equivalente. Débense ter completado, polo menos, 300 créditos no conxunto dos estudos universitarios de grao ou primeiro ciclo e de mestrado ou equivalente. O cálculo realizarase de acordo coa seguinte fórmula:

(X*C1+M*C2) / (C1+C2)

Onde:

X: nota media obtida no grao ou no primeiro ciclo.

M: nota media obtida no mestrado ou equivalente.

C1: créditos superados no grao ou no primeiro ciclo.

C2: créditos superados no mestrado ou equivalente.

– A nota media do expediente académico para títulos obtidos en sistemas universitarios estranxeiros debe calcularse de acordo co disposto na Resolución do 18 de setembro de 2017, da Secretaría Xeral de Universidades pola que se actualiza a relación de escalas de cualificación dos estudos ou títulos universitarios estranxeiros e as equivalencias ao Sistema de cualificación das universidades españolas, publicadas polas resolucións do 21 de marzo de 2016 e do 20 de xuño de 2016. A información pode consultarse na seguinte ligazón:

https://www.universidades.gob.es/equivalencia-de-notas-medias-de-estudios-universitarios-realizados-en-centros-extranjeros/

A persoa candidata terá que tramitar a declaración de equivalencia da nota media de acordo con este procedemento e achegarlla á universidade en que está matriculada no programa de doutoramento, para o cálculo da nota coa cal se concorre á convocatoria. A verificación da declaración de equivalencia correspóndelle á universidade, que deberá revisar que os datos consignados nela coinciden cos do certificado presentado para lle dar validez a esta, polo que só será válida se está acompañada do certificado académico oficial orixinal, ou fotocopia compulsada e, se é o caso, da tradución correspondente.

En todos os casos a nota coa cal se concorre á convocatoria ten que estar adecuada ao Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, e tendo en conta os criterios sinalados no Protocolo de colaboración subscrito entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e as tres universidades galegas para a valoración de expedientes académicos.

Se a nota media certificada non ten os catro decimais, considerarase que os díxitos que faltan son ceros ata completar os catro díxitos decimais.

d) Aprobación do proxecto de tese pola Comisión Académica do programa de doutoramento da universidade do SUG na cal a persoa candidata está matriculada. Deberá constar o título da tese de doutoramento.

e) Documentación que acredite os supostos de excepcionalidade previstos no artigo 2 sobre as datas de finalización dos estudos, se é o caso.

f) Se non está expedido pola Xunta de Galicia, certificado que acredite o grao de discapacidade da persoa candidata.

g) Proxecto de traballo de investigación que se vai realizar para a obtención do grao de doutor/a, cunha extensión máxima de 4.000 palabras, asinado pola persoa investigadora e pola persoa designada para dirixir a tese, no cal consten especificamente, polo menos, un índice e epígrafes específicos cos seguintes aspectos:

– Obxectivos e contidos básicos do traballo.

– Metodoloxía.

– Planificación temporal.

– Transferencia de resultados.

A omisión no proxecto dalgún dos aspectos citados implicará que se requirirá a súa emenda.

O proxecto de traballo deberá estar redactado en galego ou castelán. Se o documento orixinal está redactado noutro idioma distinto, deberá xuntarse unha tradución deste.

2. Ademais, para acreditar os méritos que se aleguen dos recollidos no artigo 10, polo que se regulan os criterios de selección das solicitudes, haberá que achegar a seguinte documentación, segundo o caso:

a) Certificación asinada pola persoa competente (a persoa titular do vicerreitorado competente en materia de investigación, ou persoa en quen delegue, ou ben a persoa responsable do organismo/centro de investigación respectivo), referida á persoa designada para dirixir ou codirixir a tese, na cal se fagan constar os seguintes aspectos:

1º. No caso de solicitudes presentadas por unha universidade do SUG, indicación do grupo, agrupación estratéxica ou centro de investigación a que pertence a persoa designada para dirixir ou codirixir a tese, e convocatoria da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a través da cal obtivo financiamento, ou de que está integrado nunha unidade de excelencia María de Maeztu ou nun centro de excelencia Severo Ochoa radicados en Galicia e con axuda vixente, ou de que forma parte do equipo de investigación dunha persoa investigadora contratada pola Axencia Galega de Innovación no marco do programa Oportunius, ao abeiro do Decreto 64/2016 (DOG número 112, do 14 de xuño), polo que se regula o réxime de contratación pola Axencia Galega de Innovación de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, ou nun equipo de investigación do cal forme parte unha persoa investigadora beneficiaria dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC), ou a pertenza a un campus de especialización acreditado pola Xunta de Galicia.

2º. No caso das demais entidades solicitantes indicadas no artigo 2.1, que a persoa designada para dirixir ou codirixir a tese cumpra algún dos seguintes requisitos, indicando a referencia (código de procedemento, número de expediente, título de proxecto e tipo de participación nel) que permita identificar a axuda específica:

– Ter participado no desenvolvemento de proxectos concedidos pola Axencia Galega de Innovación para a realización de actividades de I+D+i entre os anos 2021 e 2024.

– Ter sido beneficiario de actividades financiadas pola Axencia Galega de Innovación entre os anos 2021 e 2024.

– Que forme parte do grupo de investigación unha persoa investigadora beneficiaria dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC).

– Ter sido a persoa investigadora principal dalgún proxecto concedido polo Plan nacional de I+D+i entre os anos 2021 e 2024. A entidade beneficiaria deste proxecto, ou proxectos, deberá ser a mesma que a entidade solicitante destas axudas.

– Ter participado no desenvolvemento dalgún proxecto concedido polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2021 e 2024, no cal a entidade solicitante participase en calidade de socio.

– Ter participado no desenvolvemento dalgún proxecto concedido polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2021 e 2024, no cal a entidade solicitante participase en calidade de líder.

A omisión da selección dalgún dos aspectos citados suporá que o número 2.a) non será puntuado.

Se a persoa designada para dirixir ou codirixir a tese non cumpre con ningún destes requisitos, non será necesario achegar este documento.

b) Memoria da adecuación do proxecto de investigación a un dos retos da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3 Galicia), de acordo no indicado no anexo I desta orde, asinada pola persoa candidata e pola persoa designada para dirixir a tese. Nesta memoria deberán constar, de forma obrigatoria, a totalidade dos seguintes aspectos e deberá presentarse conforme o modelo facilitado na web da Secretaría Xeral de Universidades e da Axencia Galega de Innovación:

1. Título do proxecto de investigación.

2. Resumo do proxecto de tese de doutoramento (cun máximo de 150 palabras). O texto deberá visualizarse de forma completa e lexible na memoria final asinada.

3. Reto.

4. Prioridade.

5. Ámbito de priorización correspondente ao reto indicado (en relación co reto e coa prioridade seleccionados).

O contido das listas despregables do citado modelo en ningún caso deberá ser alterado.

A omisión dalgún dos aspectos citados suporá que esta memoria non será puntuada. Xunto con esta memoria, coas súas sinaturas correspondentes, deberá ser presentado, ademais, un arquivo informático á parte co formato .ods da aplicación Calc da suite ofimática LibreOffice de contido exactamente igual ao da memoria presentada.

c) Certificado do nivel de coñecemento dunha lingua estranxeira, no cal figure expresamente o nivel acadado de acordo co Marco común europeo de referencia para as linguas. Só serán aceptados os títulos ou diplomas recoñecidos segundo a Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería (DOG núm. 128, do 7 de xullo) ou normativa modificativa.

d) Acreditación de ter concedida unha bolsa de colaboración nun departamento universitario do Ministerio de Educación e Formación Profesional e Deportes.

Para os efectos de control, as entidades convocantes poderán requirir a documentación complementaria que consideren necesaria para o desenvolvemento das axudas.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. De ter solicitado a axuda para facer estadía, a entidade beneficiaria deberá remitirlle á Secretaría Xeral de Universidades ou á Axencia Galega de Innovación, segundo corresponda, a seguinte documentación antes do 15 de maio de 2026 ou no prazo dun mes desde a data de comezo dos contratos no caso das persoas que acceden a través da lista de espera:

a) Plan de traballo asinado pola persoa contratada e co visto e prace da persoa directora da tese.

b) Carta de aceptación do centro de destino, asinada pola persoa directora do centro ou figura equivalente. O centro de destino deberá estar situado nun país incluído na zona que se indicou na solicitude e pola cal se concedeu a axuda.

c) Autorización de ausencia da entidade beneficiaria.

Antes do inicio do período de estadía, a Secretaría Xeral de Universidades, para as universidades do SUG e a Axencia Galega de Innovación, para as demais entidades indicadas no artigo 2.1, publicarán nas súas páxinas web a relación das persoas que desfrutarán de estadía, con indicación da entidade contratante, do país e da zona de destino.

8. Todas as sinaturas deben ser electrónicas, con certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados, salvo causas correctamente xustificadas, para as cales se aceptarán sinaturas manuscritas.

9. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou documento que acompañe a solicitude da axuda ou que conste nunha declaración responsable comportará a inadmisión da solicitude da axuda e será causa de resolución da axuda se se ten constancia despois da súa concesión.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) DNI ou NIE da persoa candidata á axuda. É obrigatorio estar en posesión dalgún destes documentos antes de facer a solicitude.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias á AEAT da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social da entidade solicitante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma da entidade solicitante.

f) Informe de vida laboral da persoa candidata.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado acreditativo do grao de discapacidade da persoa candidata, expedido pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Obrigatoriamente faranse a través do procedemento ED481A ou IN606A e por cada expediente.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades, para as solicitudes pertencentes ao SUG, e á Axencia Galega de Innovación, para as restantes solicitudes.

2. Os órganos instrutores comprobarán que todas as solicitudes estean debidamente cubertas e que se achegue a documentación exixida, e exporán as listas das solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas da exclusión, na internet nos enderezos http://www.edu.xunta.gal (no punto da Secretaría Xeral de Universidades) e http://gain.xunta.gal

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e a resolución dos procedementos.

3. Estas listas estarán expostas por un período de dez (10) días hábiles, e durante este prazo as entidades solicitantes poderán formular reclamacións para emendaren erros ou falta de documentos das persoas interesadas, ante a Secretaría Xeral de Universidades no caso das universidades do SUG, ou a Dirección da Axencia Galega de Innovación, nos demais casos, para o cal presentarán a documentación oportuna. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a entidade solicitante desiste da súa petición, nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, as persoas titulares da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección da Axencia Galega de Innovación ditarán unha resolución pola cal se aproban as listas definitivas das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicará na internet no enderezo http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal

Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpor un recurso de alzada, ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no caso de solicitudes do SUG, ou da Presidencia da Axencia Galega de Innovación, nos demais casos, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos establecidos nela, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada serán causa de desestimación da solicitude presentada, con independencia de que se poida acordar outro tipo de actuacións.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 10. Criterios de valoración

1. Os criterios e o baremo que rexerán no proceso de avaliación e selección serán os seguintes:

a) Expediente académico: nota media segundo os criterios sinalados no artigo 6.1.c). Esta nota media do expediente académico, aproximada a catro decimais, multiplicarase por 6,5. Puntuación máxima 65 puntos.

b) Persoa designada para dirixir ou codirixir a tese, puntuación máxima 15 puntos:

b).1. No caso de solicitudes presentadas por unha universidade do SUG:

– Pertenza a un grupo con potencial de crecemento que conte con financiamento nalgunha das convocatorias de 2021 a 2024: 5 puntos.

– Pertenza a un grupo de referencia competitiva que conte con financiamento nalgunha das convocatorias de 2021 a 2024: 10 puntos.

– Pertenza a un centro colaborativo recoñecido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no ano 2024: 11 puntos.

– Pertenza a un equipo de investigación dirixido por persoal investigador baixo a modalidade de investigador distinguido contratado pola Axencia Galega de Innovación (programa Oportunius), ao abeiro do Decreto 64/2016 (DOG número 112, do 14 de xuño), polo que se regula o réxime de contratación pola Axencia Galega de Innovación de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido; ou a un equipo de investigación do cal forme parte unha persoa investigadora beneficiaria dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC): 12 puntos.

– Pertenza a un centro de investigación con acreditación de excelencia vixente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a unha unidade de excelencia María de Maeztu ou a un centro de excelencia Severo Ochoa, radicados en Galicia e con axuda vixente: 15 puntos.

– Por estar adscrita a un campus de especialización acreditado pola Xunta de Galicia, concederanse 2 puntos a maiores dentro do máximo de 15 puntos.

b).2. No caso de solicitudes presentadas polas demais entidades indicadas no artigo 2.1:

– Ter participado no desenvolvemento de proxectos concedidos pola Axencia Galega de Innovación para a realización de actividades de I+D+i entre os anos 2021 e 2024: 4,5 puntos.

– Ter sido beneficiario de actividades financiadas pola Axencia Galega de Innovación entre os anos 2021 e 2024: 10,5 puntos.

– Que forme parte do grupo de investigación unha persoa investigadora beneficiaria dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC): 10,5 puntos.

– Ter sido a persoa investigadora principal dalgún proxecto concedido polo Plan nacional de I+D+i entre os anos 2021 e 2024. A entidade beneficiaria deste proxecto, ou proxectos, deberá ser a mesma que a entidade solicitante destas axudas: 12 puntos.

– Ter participado no desenvolvemento dalgún proxecto concedido polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2021 e 2024, no cal a entidade solicitante participase en calidade de socio: 12 puntos.

– Ter participado no desenvolvemento dalgún proxecto concedido polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2021 e 2024, no cal a entidade solicitante participase en calidade de líder: 15 puntos.

Só se terá en conta a puntuación acadada pola pertenza da persoa designada para dirixir ou codirixir a tese a unha estrutura grupal ou supragrupal universitaria ou de organismos de investigación alleos ao SUG, e só se valorará por unha das epígrafes, de xeito que non son acumulativas entre si.

c) Adecuación do proxecto de investigación a un reto, prioridade e ámbito de priorización da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3 Galicia), de acordo co indicado no anexo I desta orde, de 0 o 10 puntos, de acordo coa seguinte desagregación:

– No caso de que non se adecúe, en particular, a un reto, prioridade e ámbito de priorización consecuente, ou no caso de que se corresponda cun proxecto de investigación básica de excelencia e na fronteira do coñecemento: 0 puntos.

– Se na memoria non consta algún dos aspectos citados no artigo 6.2.b) destas bases: 0 puntos.

– Se o proxecto de investigación é adecuado á Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3 Galicia), de acordo co indicado no anexo I: 10 puntos.

A valoración desta epígrafe será realizada por un grupo de traballo designado polo grupo técnico da Comisión Interdepartamental de I+D+i.

d) Nivel de coñecemento dalgunha lingua estranxeira segundo o Marco común europeo de referencia para as linguas (non se considerará lingua estranxeira a do país de orixe ou de nacionalidade nin ningunha lingua oficial ou cooficial do Estado español):

– B2 ou equivalente: 2 puntos.

– C1 ou equivalente: 4 puntos.

– C2 ou equivalente: 7 puntos.

Poderán sumarse as puntuacións correspondentes a varios certificados de linguas diferentes, pero non se acumularán as puntuacións de diferente nivel dunha mesma lingua. A puntuación máxima desta epígrafe será de 7 puntos.

e) Acreditación de ter concedida unha bolsa de colaboración nun departamento universitario do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes: 3 puntos.

2. A puntuación final das persoas candidatas obterase coa suma das puntuacións obtidas en cada epígrafe.

A puntuación final, xunto cos seus valores desagregados, farase chegar á Comisión de Selección, que elaborará un informe para os órganos instrutores de acordo coas bases da convocatoria e a dispoñibilidade de recursos.

Artigo 11. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección estará constituída por cinco membros:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en quen delegue, ou a persoa directora da Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue, que actuará como presidenta ou presidente da Comisión.

Serán vogais da Comisión:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en quen delegue.

– Unha directora ou un director de área da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

– Unha xefa ou un xefe de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.

– Unha xefa ou un xefe de servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretaria ou secretario da Comisión.

2. No ámbito das universidades do SUG, as solicitudes ordenaranse por orde decrecente de puntuación final e adxudicaranse comezando polas doce (12) mellores puntuacións de cada rama de coñecemento, e as axudas restantes adxudicaranse por orde decrecente de puntuación final sen ter en conta a rama a que pertencen, respectando, en todo caso, o establecido no artigo 4.2.

3. No ámbito das demais entidades, as solicitudes ordenaranse por orde decrecente de puntuación final, e as prazas adxudicaranse comezando pola persoa candidata de maior puntuación, respectando, en todo caso, o establecido no artigo 4.2.

4. O título de referencia para a adscrición a unha rama de coñecemento é o de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica, enxeñaría técnica ou diplomatura ou equivalente, empregado para formalizar a matrícula no programa de doutoramento. Esta adscrición recóllese no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT) e pode consultarse na páxina www.educacion.gob.es/ruct

5. No caso de que cos criterios enunciados anteriormente se produza unha igualdade de puntuación, utilizaranse os seguintes criterios de desempate:

1º. Prevalecerán as mulleres sobre os homes.

2º. A solicitude da persoa candidata que concorre a esta convocatoria con maior nota media, calculada de acordo co punto 4º do artigo 6.1.c) e certificada pola universidade no anexo V.

3º. A solicitude con maior valoración da puntuación acadada pola persoa designada para dirixir ou codirixir a tese de acordo co artigo 10.1.b).

6. Tendo en conta os puntos anteriores, a Comisión de Selección elaborará un informe para os órganos instrutores no cal fará constar a súa proposta coa relación das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas, distribuídas por entidades beneficiarias e especificando a avaliación que lles corresponde segundo os criterios establecidos no artigo 10.

7. Complementariamente, e sempre que o número de solicitudes avaliadas positivamente o permita, a Comisión de Selección incluirá no informe dúas listas de espera (unha para cada órgano instrutor), nas cales figurarán por orde decrecente de puntuación final as solicitudes que non acaden a puntuación suficiente para seren adxudicatarias da axuda, pero que teñan unha puntuación igual ou superior á mínima establecida pola Comisión de Selección. Cada unha das listas estará formada por un número equivalente ao 50 % das axudas concedidas por cada órgano instrutor. Para a elaboración destas listas non se terá en conta ningunha das limitacións recollidas no artigo 4 desta convocatoria, relativas á distribución polas ramas de coñecemento e ao número máximo de persoas non comunitarias.

8. A proposta de concesión formulada polos órganos instrutores a partir do informe da Comisión, así como, de ser o caso, as listas de espera para posibles substitucións, publicaranse na internet, nas epígrafes de axudas http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal. Esta publicación terá só efectos informativos.

Artigo 12. Resolución de concesión das axudas

1. A competencia para resolver estas axudas correspóndelles conxuntamente á persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades, por delegación da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e á persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación, por delegación da persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Innovación. Os órganos instrutores correspondentes elevaranlles a proposta de resolución, que incluirá, para cada entidade beneficiaria, a relación das persoas seleccionadas co importe da axuda concedida e a lista de espera, de ser o caso, e a desestimación expresa do resto das solicitudes. Con cargo aos créditos da Secretaría Xeral de Universidades financiaranse as axudas correspondentes ás universidades do SUG, e a Axencia Galega de Innovación asumirá o financiamento das demais entidades indicadas no artigo 2.1.

2. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (http://edu.xunta.gal) e da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), pola cal se entenderán notificadas para todos os efectos as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse un recurso potestativo de reposición, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

A resolución publicarase no prazo máximo de cinco (5) meses desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entenderen desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Ademais, no caso particular das axudas ás universidades do SUG cofinanciadas polo FSE+, na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento polo programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurarán a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deben entregar ou prestar, o plan de financiamento, o prazo de execución e, se procede, o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións do pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo cal se establecen as condicións da axuda (DECA).

Cando proceda, tamén se informará o/a beneficiario/a de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Artigo 13. Período de orientación posdoutoral

1. Se a persoa contratada obtén o título de doutoramento antes do final do período de axuda, poderá acceder a un período de orientación posdoutoral.

2. Este contrato ou modificación do contrato existente terá unha duración máxima de doce (12) meses e deberá ser a tempo completo.

3. A entidade beneficiaria deberá formalizar o correspondente contrato ou modificación do contrato existente a partir do día seguinte ao do acto de defensa e aprobación da tese de doutoramento e achegarllo á Secretaría Xeral de Universidades ou á Axencia Galega de Innovación, segundo corresponda, no prazo de dez (10) días hábiles desde a súa sinatura, xunto co programa de actividades de investigación que levará a cabo a persoa investigadora durante ese ano.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efecturanse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste(n) na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Aceptación da axuda

1. As universidades beneficiarias deberán remitirlle á Secretaría Xeral de Universidades, e as restantes entidades á Axencia Galega de Innovación, un escrito de aceptación da axuda, no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, e vincularán as persoas seleccionadas e as entidades beneficiarias mediante a formalización do correspondente contrato.

2. Nos contratos deberá facerse referencia expresa:

a) Ao seu financiamento con cargo ás axudas de apoio á etapa predoutoral da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia ou da Axencia Galega de Innovación, segundo a entidade beneficiaria e, no caso particular das axudas ás universidades do SUG, ao cofinanciamento pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

b) Á data de incorporación efectiva da persoa contratada ao seu posto de traballo.

c) Á retribución bruta anual, ao lugar de prestación do servizo e á duración do contrato, que deberá ser con dedicación a tempo completo.

3. A data de comezo dos contratos, que vincularán as persoas seleccionadas ás entidades beneficiarias, será o 1 de setembro de 2025, agás para as persoas non comunitarias, que poderá ser ata o 1 de decembro de 2025.

A non formalización do contrato dentro do prazo previsto considerarase unha renuncia tácita á axuda.

4. Calquera modificación dos termos polos cales a axuda foi concedida terá que ser comunicada e autorizada pola Secretaría Xeral de Universidades ou pola Axencia Galega de Innovación, segundo a entidade beneficiaria.

Artigo 16. Libramento da subvención

1. As entidades beneficiarias e contratantes das persoas seleccionadas serán as encargadas de presentar as xustificacións correspondentes adecuadas á normativa comunitaria e nacional de aplicación e serán as perceptoras dos fondos para o pagamento dos contratos.

2. Poderán realizarse pagamentos á conta das subvencións recollidas nesta resolución, que non superarán o 80 % da axuda concedida, de acordo co establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Os beneficiarios regulados no artigo 2.1 da axuda están exonerados de achegar garantías segundo o artigo 65.4 do Decreto 11/2029.

3. Na anualidade de 2025 realizarase o libramento do mes de setembro de 2025, do complemento de 1.000 € por persoa contratada para cubrir os gastos asociados á contratación correspondente ao primeiro ano de contrato (complemento 1), e do complemento de 800 € (complemento 2), tras a presentación por parte da entidade beneficiaria da solicitude de libramento xunto coa seguinte documentación:

a) Contratos das persoas seleccionadas e declaracións/certificacións da asignación efectiva da persoa directora ou codirectora da tese pola cal a persoa investigadora foi avaliada.

b) Informe favorable da Comisión Académica do programa de doutoramento (CAPD), no cal deberán constar o título da tese de doutoramento e unha copia da vida laboral de cada persoa contratada (no caso de que a persoa candidata non autorice a súa consulta).

c) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento durante o período da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 22 de decembro (DOG núm. 249, do 30 de decembro), de medidas fiscais e administrativas. Así mesmo, deberá certificarse a entrega do complemento asociado aos gastos do programa de doutoramento ás persoas candidatas contratadas nas anualidades correspondentes. Adicionalmente, deberá entregarse unha folla de cálculo coa relación de pagamentos por cada un dos expedientes.

d) No suposto de que a entidade solicitante se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso para autorizarlle ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, deberá achegar a documentación acreditativa de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

e) Declaración responsable do órgano de control da entidade de que a persoa investigadora ten dedicación exclusiva ao programa e á actividade.

4. Para proceder ao libramento das anualidades 2026, 2027, 2028 e 2029 da axuda correspondente aos contratos e os seus custos sociais, será preciso que a entidade correspondente remita, de ser o caso, a copia dos contratos asinados no prazo dun mes contado desde a súa sinatura e a xustificación da axuda nos termos que a continuación se indican:

a) Memoria de seguimento asinada pola persoa doutoranda e pola persoa directora ou codirectora da tese.

b) Informe favorable da Comisión Académica do programa de doutoramento (CAPD), no cal deberá constar o título da tese de doutoramento e unha copia da vida laboral de cada persoa contratada (no caso de que a persoa candidata non autorice a súa consulta).

c) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento durante o período da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 30 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Así mesmo, deberá certificarse a entrega do complemento asociado aos gastos do programa de doutoramento ás persoas candidatas contratadas nas anualidades correspondentes. Adicionalmente, deberá entregarse unha folla de cálculo coa relación de pagamentos por cada un dos expedientes.

d) No suposto de que a entidade solicitante se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso para autorizarlla ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, deberá achegar a documentación acreditativa de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

e) Declaración responsable do órgano de control da entidade de que a persoa investigadora ten dedicación exclusiva ao programa e á actividade.

f) No caso daquelas persoas contratadas ás cales se lles concedese a axuda para estadías desta convocatoria, deberán xustificalas do seguinte xeito:

– Certificación do pagamento das estadías realizadas.

– Memoria asinada pola persoa contratada co visto e prace da persoa directora ou codirectora da tese.

– Certificado do centro receptor.

g) De ser o caso, actualización dos datos de contacto das persoas contratadas.

5. A documentación indicada achegarase consonte a seguinte periodización:

Período xustificación

Documentación

Data límite presentación

1ª xustificación: mensualidade de setembro de 2025 (incluídas).

A documentación indicada no punto 3 deste artigo.

15 de novembro de 2025

Con esta xustificación libraranse os seguintes complementos:

– Complemento 1: complementos por cada persoa contratada, correspondentes ao primeiro ano de contrato e aos contratos que efectivamente se enviasen con anterioridade a esta data.

– Complemento 2: complemento asociado ao programa de doutoramento dos cursos 2024/25 e 2025/26 (complementos formativos e titoría da tese).

2ª xustificación: mensualidades de outubro de 2025 a setembro de 2026, ambos os dous meses incluídos.

– A documentación indicada no punto 4 deste artigo, agás o sinalado na alínea f).

15 de novembro de 2026

Co pagamento desta xustificación libraranse os seguintes complementos:

– Complemento 1: complementos por persoa contratada, correspondentes ao segundo ano de contrato.

– Complemento 2: complemento asociado ao programa de doutoramento do curso 2026/27 (complementos formativos e titoría da tese)

3ª xustificación: de outubro de 2026 a setembro de 2027, ambos os meses incluídos.

– A documentación indicada no punto 4 deste artigo.

15 de novembro de 2027

Co pagamento desta xustificación libraranse os seguintes complementos:

– Complemento 1: complementos por persoa contratada, correspondentes ao terceiro ano de contrato.

– Complemento estadías.

4ª xustificación: mensualidades de outubro de 2027 a setembro de 2028, ambos os dous meses incluídos.

– A documentación indicada no punto 4 deste artigo, agás o sinalado na alínea f).

15 de novembro de 2028

Co pagamento desta xustificación librarase o seguinte complemento:

– Complemento 1: complementos por persoa contratada, correspondentes ao cuarto ano de contrato.

5ª xustificación: de outubro de 2028 ata a finalización dos contratos.

– A documentación indicada no punto 4 deste artigo, agás o sinalado na alínea f) e a documentación indicada no punto 6 deste artigo.

15 de novembro de 2029

Coa última xustificación libraranse os fondos correspondentes á indemnización por finalización do contrato por persoa contratada, destinados a cada unha das entidades beneficiarias.

Cando os contratos subvencionados vaian máis aló da 5ª xustificación, por causa das suspensións e prórrogas recollidas no artigo 20 destas bases, os gastos correspondentes ás nóminas, á Seguridade Social e ás indemnizacións por fin de contrato xustificaranse coa data límite do 15 de novembro da correspondente anualidade que se xustifique. Nestes casos, a anualidade que se xustifique comprenderá o período que vai desde o mes de outubro do ano anterior ata o mes de setembro da anualidade corrente.

6. Xunto coa última xustificación, a entidade beneficiaria presentará:

a) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades, correspondente á propia entidade beneficiaria.

b) Unha copia da vida laboral de cada persoa contratada durante o período de permanencia no programa (no caso de que a persoa candidata non autorice a súa consulta).

c) Memoria final do traballo realizado, asinada pola persoa contratada, co visto e prace da persoa directora ou codirectora da tese, que recolla os puntos indicados no artigo 22.3.

d) Unha folla de cálculo coas persoas contratadas ao abeiro desta convocatoria que lesen a súa tese, e o total de teses lidas por persoas que leven matriculadas catro anos nun doutoramento da entidade beneficiaria.

7. No caso de que a persoa contratada renuncie antes do remate do período da axuda, a copia da vida laboral e a memoria final do traballo realizado presentaranse dentro do prazo dun mes desde a súa renuncia.

8. Para os casos de meses incompletos, o cálculo do importe correspondente a esa fracción de mes realizarase dividindo o importe máximo anual entre 360 días e multiplicando o resultado polo número de días traballados nese mes.

9. Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

10. Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

11. Nos proxectos plurianuais, enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

Artigo 17. Réxime de compatibilidade

1. As entidades beneficiarias poderán compatibilizar as axudas reguladas nesta orde con outras axudas ou subvencións financiadas con fondos públicos ou privados que teñan unha finalidade análoga. De acordo coa normativa aplicable, o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, ingresos e recursos, non poderá superar o custo da actividade subvencionada.

2. Os contratos que se formalicen con cargo a estas axudas serán incompatibles con outras axudas ou subvencións que teñan a mesma finalidade e, en xeral, coa percepción de calquera contía que teña natureza salarial. Non obstante, a persoa contratada poderá recibir bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que vaia realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación).

3. Períodos de ausencia temporal do centro de adscrición:

3.1. No caso de ausencias temporais de ata sete (7) días da persoa contratada, será necesaria a autorización da entidade contratante, pero non é necesaria a comunicación á Secretaría Xeral de Universidades nin á Axencia Galega de Innovación.

3.2. As ausencias temporais de máis de sete (7) días non financiadas nesta convocatoria, conten ou non con algún tipo de financiamento, deberán ser comunicadas pola entidade beneficiaria á entidade que financia as axudas (Secretaría Xeral de Universidades ou Axencia Galega de Innovación). Nestes casos, será preciso que a entidade beneficiaria presente xunto coa comunicación unha breve memoria descritiva dos traballos, asinada pola persoa contratada e co visto e prace da persoa directora ou codirectora da tese, con indicación expresa de que son compatibles co seu traballo e co contrato asinado.

Os períodos de ausencia temporal da entidade de adscrición, entre os cales se inclúe a estadía de tres meses financiada segundo o artigo 4.4 desta convocatoria, en ningún caso poderán superar os seis (6) meses ao longo dos catro anos de contrato nin ser poderán superpoñer cos últimos seis (6) meses de contrato, salvo circunstancias excepcionais debidamente xustificadas.

4. De acordo co artigo 4 do Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación, as persoas contratadas con cargo a estas axudas poderán colaborar en tarefas docentes ata un máximo de 180 horas dmentres dure o contrato predoutoral, sen que en ningún caso se poidan superar as 60 horas anuais.

5. No momento en que algunha das persoas contratadas realice a lectura da súa tese de doutoramento, a entidade beneficiaria deberá comunicarllo á entidade financiadora (Secretaría Xeral de Universidades ou Axencia Galega de Innovación), indicando, no caso de ter desfrutado da axuda por estadía, se obtivo a mención de doutora ou doutor internacional, no prazo dos quince (15) días seguintes. A obtención do grao de doutoramento supón a extinción da axuda predoutoral, agás nos casos de acceso ao período de orientación posdoutoral, previsto no artigo 13.

Artigo 18. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a entidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá comunicarllo á entidade financiadora (Secretaría Xeral de Universidades ou Axencia Galega de Innovación).

Artigo 19. Resolución, incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga da entidade beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. En particular, acordarase a perda do dereito á axuda e o seu posible reintegro total ou parcial cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Obtención da axuda sen reunir as condicións e requisitos solicitados ou con alteración destes.

b) A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou documento que acompañe a solicitude, as declaracións responsables e a documentación ou xustificacións achegadas segundo regula a orde.

c) Que a avaliación regulada no artigo 22.2 desta orde sexa negativa.

2. Os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará, no marco do artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán os seguintes:

a) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

c) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro parcial do 5 % da axuda concedida.

d) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

e) Para o caso particular das axudas ás universidades do SUG cofinanciadas polo FSE+, procederá o reintegro do 2 % do importe da axuda concedida no caso de incumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo 21.4.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Renuncia das axudas e interrupcións

1. No caso de que se produza algunha renuncia ou outra causa de extinción da relación laboral, a entidade beneficiaria deberá comunicala, mediante escrito motivado da persoa seleccionada, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades ou á Axencia Galega de Innovación, segundo corresponda, dentro do prazo máximo de quince (15) días desde que se produza. Deberase achegar cun informe da entidade beneficiaria no cal se indique se a persoa contratada desenvolveu unha actividade satisfactoria que permitise o seu perfeccionamento e especialización profesional durante a permanencia no programa.

2. Poderase adxudicar unha nova axuda de acordo coa prelación sinalada na lista de espera, sempre e cando a renuncia se produza antes do 10 de outubro de 2025. Para cubrir estas renuncias, seguirase a prelación das listas de espera definidas no artigo 11.7, tendo en conta que soamente poderán ser cubertas coas solicitudes da lista de espera do órgano instrutor na cal se produza a renuncia.

A persoa substituta quedará suxeita ás mesmas condicións e polo tempo restante do aproveitamento da axuda.

A competencia para adxudicar unha nova axuda correspóndelle, por delegación da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, á persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades, ou, por delegación da persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Innovación, á persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación, segundo que as novas incorporacións procedan da lista de espera da Secretaría Xeral de Universidades ou da Axencia Galega de Innovación, respectivamente.

3. No caso de que a persoa seleccionada perda a condición de contratada unha vez percibidas as axudas pola entidade correspondente, procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, a entidade beneficiaria deberá comunicar a renuncia mediante escrito motivado da persoa seleccionada, dirixido á entidade financiadora (Secretaría Xeral de Universidades ou Axencia Galega de Innovación), dentro do prazo máximo de quince (15) días desde que se produza.

4. As entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo da suspensión dos contratos financiados, cando estas suspensións se produzan polas seguintes causas:

a) Nacemento.

b) Adopción.

c) Garda con fins de adopción ou acollemento.

d) Risco durante o embarazo.

e) Risco durante a lactación natural de menores de nove meses.

f) Incapacidade temporal durante o embarazo por causas vinculadas con el.

g) Incapacidade temporal por causas distintas ás do punto anterior, por un período mínimo dun mes.

h) As situacións previstas no artigo 45.1.n) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, como medida de protección das mulleres vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual.

i) E nos demais casos recollidos no artigo 21.c), parágrafos catro e cinco, da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

5. Cando se produza a suspensión do contrato pola concorrencia dalgunha destas situacións, as entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo de suspensión, no prazo de dez días hábiles desde que esa baixa se produza. No momento de reincorporación da persoa investigadora á actividade laboral, a entidade beneficiaria deberá achegar un informe onde se expresen o nome da persoa afectada, o seu número de expediente, as causas da suspensión, as datas da suspensión e as datas da prórroga do contrato.

6. O órgano concedente poderá solicitar os informes e a información que considere. A entidade beneficiaria correspondente deberá achegar o contrato ou o documento xustificativo da prórroga que cubra o dito período, no prazo dun mes desde a súa sinatura.

7. Cando se autorice a interrupción e a prórroga, non se considerarán subvencionables os gastos derivados da contratación nos cales poida incorrer a entidade beneficiaria (retribución salarial e cota patronal da Seguridade Social) durante o tempo da interrupción, polo que non se deben incluír nas certificacións de xustificación económica. A duración do contrato verase ampliada por un período idéntico ao da interrupción, para os efectos recollidos nesta convocatoria.

Esta autorización en ningún caso supón un aumento da contía da axuda concedida inicialmente. Calquera incremento no pagamento da cota patronal da Seguridade Social como consecuencia do período prolongado será por conta da entidade beneficiaria.

Artigo 21. Dereitos e obrigas

1. Son obrigas xerais da entidade contratante, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e manter de forma separada na contabilidade os ingresos da axuda percibida, así como os custos directos de persoal, e conservar toda a documentación relativa á subvención e ás persoas participantes, durante un período de tres anos.

c) Formalizar un contrato predoutoral de duración determinada con dedicación a tempo completo coa persoa candidata seleccionada.

d) No suposto previsto no artigo 2.3, deberá formalizar o contrato ou modificar o contrato existente, correspondente ao período de orientación posdoutoral, a partir do día seguinte ao do acto de defensa e aprobación da tese de doutoramento e enviarlle unha copia ao órgano instrutor no prazo de dez (10) días hábiles desde a súa formalización, xunto coa memoria de actividades para ese período.

e) Proporcionarlles ás persoas candidatas seleccionadas o apoio necesario e facilitarlles a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos para o normal desenvolvemento da súa actividade.

f) Permitirlles ás persoas candidatas seleccionadas a súa integración naqueles departamentos en que leven a cabo o seu labor. Os centros onde se integren estarán obrigados a garantirlles os dereitos e as prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría, co obxecto de que cumpran as súas obrigas.

g) Contratar un seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto sexan insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.

h) Cumprir coas obrigas en materia de igualdade de xénero establecidas no marco normativo en vigor que lles sexa de aplicación e, moi especialmente, aquelas incluídas na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

i) Comprobar se a persoa candidata seleccionada xa desfrutou dun contrato predoutoral previo e a súa duración.

j) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos, en particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia. No marco do seguimento e avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias. Para tales efectos, durante a execución e ao finalizar a axuda (ex post), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os cales se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

2. As persoas contratadas mediante estas axudas teñen as seguintes obrigas e dereitos:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución na cal desenvolvan as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e ás normas de prevención de riscos laborais.

c) Presentar a memoria final do traballo realizado a que se fai referencia no artigo 22.3 desta convocatoria.

d) Ademais dos dereitos de carácter xeral que se sinalan no artigo 21 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e no artigo 12 do Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación, as persoas contratadas mediante estas axudas teñen dereito a beneficiarse dos dereitos de carácter laboral, así como dos relativos á Seguridade Social, que deriven do contrato que formalicen coa entidade de adscrición.

e) Manterse en contacto coa entidade beneficiaria destas axudas e, de ser o caso, coa Administración concedente, unha vez rematado o período da axuda con fins estatísticos.

3. Son obrigas específicas de publicidade, tanto para as entidades beneficiarias como para as persoas contratadas, as seguintes:

Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007. En concreto, as entidades beneficiarias das axudas, así como as persoas contratadas con cargo a elas, deberán facer constar o cofinanciamento das actuacións con fondos da Xunta de Galicia. Para isto, nas accións de difusión, así como nos resultados da produción científica e calquera outra acción que se realice ao abeiro destas axudas, deberá figurar expresamente o cofinanciamento das actuacións con fondos do «Programa de axudas á etapa predoutoral» da Xunta de Galicia (Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ou da Axencia Galega de Innovación, segundo sexa o caso), acompañado, sempre que sexa posible, do escudo normalizado da Xunta de Galicia.

4. Ademais, para o caso particular das axudas ás universidades do SUG cofinanciadas polo FSE+, establécense as seguintes obrigas para as entidades beneficiarias:

– Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

− Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

− Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do dito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispor delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

− Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

− Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2021/1057.

Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior á do inicio da vinculación do/da dito/a participante coa actuación cofinanciada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior ao remate da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación. Así mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data en que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.

Para estes efectos, facilitaránselle á entidade beneficiaria o acceso á aplicación Participa2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos dos indicadores de realización e de resultados das persoas participantes na aplicación informática Participa 2127.

Artigo 22. Control

1. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Axencia Galega de Innovación poderán levar a cabo as actividades de inspección que consideren oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Antes do remate de cada ano de contrato, cada entidade remitirá o informe favorable da CAPD, no cal deberá constar o título da tese de doutoramento xunto coa proposta de renovación e a prórroga do contrato, de ser o caso. Xunto co informe da CAPD deberá achegarse o informe de actividades das persoas doutorandas que se achega á CAPD. Cada un dos órganos instrutores destas axudas, respecto dos expedientes tramitados por cada un deles, poderá solicitar unha avaliación que será realizada por persoas expertas de fóra do Sistema de I+D+i galego, en colaboración coa Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), e será necesario obter unha avaliación positiva da actividade desenvolvida para continuar coa axuda.

3. Cando a persoa contratada abandone o programa, ben por renuncia ou por ter rematado o período de permanencia nel, a entidade beneficiaria remitirá unha memoria asinada pola persoa contratada e pola persoa directora ou codirectora da tese, segundo o indicado nos puntos 6 e 7 do artigo 16 destas bases, na cal consten os seguintes aspectos:

a) Data da lectura da tese de doutoramento ou a explicación do motivo de non a ter lido.

b) Indicación de se acadou a mención de doutor/a internacional ou non, no caso de ter desfrutado da axuda para estadía.

c) Breve resumo dos principais obxectivos de investigación acadados durante o contrato predoutoral.

d) Estadías ou ausencias temporais realizadas.

e) Melloras do currículo durante a etapa en que desfrutou da axuda.

4. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Axencia Galega de Innovación poderán solicitarlle un informe ás entidades beneficiarias sobre a execución das axudas e, en particular, sobre as persoas contratadas, a lectura da súa tese de doutoramento ou a explicación do motivo de non a ter lido, e a situación actual da persoa contratada. Este informe poderá ser solicitado durante os dous anos seguintes á data límite de xustificación da última anualidade, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.

5. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos que teñan atribuídas facultades de control sobre estes fondos.

6. Ademais, no caso particular das axudas ás universidades do SUG cofinanciadas polo FSE+, as entidades beneficiarias someteranse ás actuacións de comprobación e control e facilitarán toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 74 a 80 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 23. Dotación orzamentaria

1. Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2025, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e en trámite parlamentario actualmente.

2. As axudas imputaranse ás aplicacións orzamentarias 07.02.561B.444.0, 07.A2.561A.403.0 e 07.A2.561A.481.0, correspondentes ao proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, coa seguinte distribución por anos:

Entidade beneficiaria

Nº axudas

Aplicación orzamentaria (e código de proxecto)

Crédito (en euros)

2025

2026

2027

2028

2029

Total

Universidades do SUG

90

07.02.561B.444.0 (2016 00129)

177.765,83

315.189,90

810.898,12

178.969,72

389.306,93

1.872.130,50

07.02.561B.444.0 (2023 00074)

168.734,17

2.024.810,10

2.037.601,88

2.226.280,28

2.524.443,07

8.981.869,50

Total universidades do SUG

346.500,00

2.340.000,00

2.848.500,00

2.405.250,00

2.913.750,00

10.854.000,00

Demais entidades indicadas no artigo 2.1

6

07.A2.561A.403.0 (2016 00004)

23.100,00

156.000,00

189.900,00

160.350,00

194.250,00

723.600,00

6

07.A2.561A.481.0 (2016 00004)

23.100,00

156.000,00

189.900,00

160.350,00

194.250,00

723.600,00

Total outras entidades

46.200,00

312.000,00

379.800,00

320.700,00

388.500,00

1.447.200,00

Total convocatoria

392.700,00

2.652.000,00

3.228.300,00

2.725.950,00

3.302.250,00

12.301.200,00

3. En relación co financiamento destas axudas:

a) A Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional só financiará as axudas que correspondan ás universidades do SUG, as cales se imputarán ao Plan galego de financiamento universitario para o período 2022-2026. As axudas ás universidades do SUG estarán cofinanciadas, parcialmente nunha porcentaxe do 60 %, pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 3: Educación e formación; obxectivo específico ESO4.6: Promover a igualdade de acceso a unha educación e unha formación de calidade e inclusivas e a súa culminación, en particular para os colectivos desfavorecidos, desde a educación infantil, pasando pola educación e a formación xerais e profesionais, ata a educación superior, así como a educación e a aprendizaxe dos adultos; así mesmo, facilitar a mobilidade educativa para todos e a accesibilidade das persoas con discapacidade, e medida 3.F.01: Axudas á formación predoutoral.

As anualidades 2027, 2028 e 2029 integraranse no novo plan de financiamento para os anos seguintes.

b) A Axencia Galega de Innovación financiará as demais entidades do artigo 2, todas elas de natureza pública.

4. No caso da Axencia Galega de Innovación, a distribución de fondos e as aplicacións orzamentarias sinaladas son unha previsión que, de acordo co artigo 31 do Regulamento de subvencións de Galicia, se deberá axustar tras a valoración das solicitudes para adecuarse á proposta elaborada pola Comisión de Selección. Será posible mesmo a incorporación de novas aplicacións sen incrementar o crédito total, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias.

Neste sentido, o financiamento previsto nesta orde de convocatoria para os organismos públicos de investigación e as fundacións de investigación sanitaria de Galicia impútase, de forma xenérica, á aplicación orzamentaria 07.A2.561A.481.0, pero, unha vez elaborada a proposta de concesión por parte da Comisión de Selección para a tramitación dos documentos contables correspondentes, as aplicacións orzamentarias adecuaranse á natureza xurídica das entidades que figuren como seleccionadas na dita proposta.

5. O importe máximo inicial do crédito destinado aos programas e subvencións obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda e logo de informe favorable da modificación orzamentaria que corresponda por parte do organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Cohesión e fondos Europeos). A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que iso implique a apertura dun prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

6. De acordo co disposto no artigo 2.1.1 da Comunicación da Comisión sobre o Marco sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (DOUE C 414/1, do 28.10.2022), non se aplicará o disposto no artigo 107.1 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas previstas nesta orde, que se outorgarán a organismos de investigación para actividades non económicas. As entidades beneficiarias que, ademais de actividades non económicas, realicen tamén actividades económicas, deberán consignar por separado o financiamento, os custos e os ingresos respectivos.

7. Cando o organismo de investigación realice case exclusivamente actividades non económicas, poderá quedar excluído na súa totalidade do ámbito de aplicación do artigo 107.1 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, sempre que as súas actividades económicas sexan puramente accesorias, é dicir, que correspondan a unha actividade que estea relacionada directamente co seu funcionamento ou sexa necesaria para o funcionamento do organismo de investigación, ou estea estreitamente vinculada ao seu principal uso non económico, e teña un alcance limitado.

8. Considerarase que isto se produce cando as actividades económicas consomen exactamente os mesmos insumos (como material, equipamento, man de obra e capital fixo) que as actividades non económicas e a capacidade asignada cada ano a estas actividades económicas non supera o 20 % da capacidade anual total da entidade de que se trate.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 26. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx

Mentres non se habilite outra canle específica para o programa FSE+ Galicia 2021-2027, os ditos feitos poderán pórse en coñecemento a través da seguinte ligazón:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 27. Remisión normativa

Esta orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve.

No caso particular das axudas ás universidades do SUG cofinanciadas polo FSE+, é de aplicación e debe darse debido cumprimento á seguinte normativa específica: Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta, ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como ás normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados; Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013, e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

Disposición adicional. Recursos

Esta orde poderá ser impugnada mediante un recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5 de xuño 2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de
Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ANEXO I

Retos e prioridades da Estratexia de
especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021/27

RETOS PARA TRANSFORMAR A ECONOMÍA E SOCIEDADE GALEGAS

RETO 1. Modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación

RETO 2. Modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento

RETO 3. Modelo de vida saudable e envellecemento activo da poboación

PRIORIDADES EN QUE ORIENTAR A INVESTIGACIÓN E A INNOVACIÓN

Prioridade 1

Sustentabilidade

Desenvolver e aplicar diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor, a sustentabilidade dos recursos naturais e patrimoniais de Galicia.

Xerar oportunidades para a diversificación cara a produtos sustentables, competitivos internacionalmente e que melloren o benestar das persoas.

Prioridade 2

Dixitalización

Apoiar o desenvolvemento de tecnoloxías dixitais para impulsar o modelo industrial galego, a xestión e a prestación de servizos sanitarios e sociais de calidade, así como a xestión de recursos naturais e culturais.

Prioridade 3

Enfoque cara ás persoas

Orientar os esforzos en I+D+i cara ás necesidades e o benestar das persoas. Consolidar Galicia como unha contorno de referencia mundial para o desenvolvemento e atestaxes de novas ortunidades e solucións innovadoras.

Ámbitos de priorización

Prioridade 1

Ámbito de priorización

Reto 1

Reto 2

Reto 3

Sustentabilidade

Biocombustible e enerxías renovables

X

X

Biotecnoloxía agraria, mariña, industrial e ecolóxica

X

X

Construción sustentable

X

Descarbonización das cadeas de valor

X

X

X

Desenvolvemento de téxtiles sustentables

X

Economía circular e simbiose industrial

X

X

Eficiencia enerxética en procesos produtivos, en construción e en mobilidade

X

X

X

Materias primas, produtos, envases e embalaxes máis sustentables na cadea de valor alimentaria

X

X

Mellora, preservación, xestión sustentable e posta en valor da biodiversidade

X

Mobilidade urbana e rural

X

X

Turismo e patrimonio cultural sustentable

X

Prioridade 2

Ámbito de priorización

Reto 1

Reto 2

Reto 3

Dixitalización

Administración pública dixital

X

Desenvolvemento de competencias dixitais e educación dixital

X

Desenvolvemento de propostas de valor ao redor dos recursos naturais, patrimoniais, culturais e turísticos

X

Fabricación avanzada e intelixente

X

Redes intelixentes, flexibilidade e almacenamento enerxético

X

Saúde dixital

X

Soberanía tecnolóxica (desenvolvemento de coñecemento, tecnoloxías e aplicacións innovadoras propias)

X

X

X

Tecnificación e dixitalización do sector primario (agricultura, gandaría e forestal, pesca e acuicultura) e da industria mineira

X

Xerontotecnoloxías

X

Prioridade 3

Ámbito de priorización

Reto 1

Reto 2

Reto 3

Enfoque cara ás persoas

Alimentación humana saudable e funcional

X

Deporte, para a promoción da autonomía persoal e mellora da calidade de vida

X

Desenvolvemento de téxtiles intelixentes para a saúde e o deporte

X

Economía prateada e dos coidados

X

Medicina de prevención, rexenerativa e de precisión

X

Novas solucións de hábitat e modelos de convivencia

X

Saúde animal: veterinaria e alimentación de precisión

X

Turismo saudable baseado en recursos naturais

X

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file