BDNS (Identif.): 811925.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
As universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia, que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á institución onde desenvolva a súa actividade e ambas as partes asumirán as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.
Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas a ser destinatarias delas persoas que cumpran, na data de peche da convocatoria, os requisitos que se indican no artigo 2 da convocatoria.
Segundo. Obxecto
O obxecto desta convocatoria é outorgarlles axudas ás universidades públicas do SUG (cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur) e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia, que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras e doutores nos seus centros.
Este programa procura a formación de persoas investigadoras para a obtención do título de doutora ou doutor e a adquisición das competencias e habilidades relacionadas coa investigación dentro dun programa de doutoramento. Tamén ten por obxecto financiar un período de orientación posdoutoral, por un máximo de doce meses unha vez obtido o título de doutor/a, dentro do período dos catro anos de duración máxima desta axuda.
Ademais, co obxecto de que poidan acadar a mención de doutora ou doutor internacional, de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, fináncianse estadías de tres meses de duración no estranxeiro.
Terceiro. Bases reguladoras
Publícanse conxuntamente coa convocatoria.
Cuarto. Contía
O importe total da convocatoria é de 12.301.200,00 euros, para os anos 2025, 2026, 2027, 2028 e 2029, cofinanciado parcialmente polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.
Convócanse 102 axudas (90 para as universidades do SUG e 12 para o resto de entidades beneficiarias) dun máximo de catro anos de duración. O importe de cada axuda inclúe os seguintes conceptos:
1. Durante a primeira e a segunda anualidade, cada axuda é de 24.600 € anuais; para o terceiro ano é de 25.200 €, e de 30.600 € durante o cuarto ano. Durante o período de orientación posdoutoral, o importe máximo é de 31.500 €/ano.
2. Estadías de tres meses de duración no estranxeiro, de ata 6.000 € en función da zona.
3. Un complemento anual por axuda de 1.000 €, destinado ás entidades beneficiarias para cubrir os gastos asociados á contratación, para o seguro durante o período de estadía e para cubrir o custo da matrícula no programa de doutoramento.
4. Establécese un complemento de 800 € no primeiro ano de contrato e de 400 € no segundo ano de contrato, que recibirán as entidades beneficiarias para cubrir os gastos das persoas candidatas por cursaren o correspondente programa de doutoramento (complemento 2). Estas cantidades seranlles entregadas polas entidades beneficiarias, na correspondente anualidade, ás persoas candidatas contratadas e non terán, en ningún caso, a consideración de salario.
5. En aplicación do artigo 22.1, letra g), da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, ao remate do contrato por expiración do tempo convido, a persoa traballadora terá dereito a percibir unha indemnización de contía equivalente á prevista para os contratos de duración determinada no artigo 49 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Para cubrir o custo da indemnización ao final do contrato, incluirase unha axuda total de 3.500 euros.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5 de xuño 2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de
Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
