En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación da modificación puntual nº 2 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Ponteceso, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 14 de xaneiro de 2025, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2241&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2241
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2025
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual nº 2 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Ponteceso
O Concello de Ponteceso solicita a aprobación definitiva da modificación do Plan xeral de ordenación municipal referida (MP), en virtude do previsto no artigo 60.16 en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).
Analizada a documentación achegada; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
1. O Concello de Ponteceso dispón dun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o 6.5.2015.
2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 25.11.2019 para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.
3. A Dirección Xeral de Calidade e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico o 18.12.2019 (DOG do 21 de xaneiro de 2020) mediante o que resolveu non someter a MP ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco dos procesos de consultas previas, informou, ademais da DXOTU, o Instituto de Estudos do Territorio (informe do 20.11.2019).
4. O arquitecto técnico municipal emitiu informes o 7.7.2020 e o 12.4.2021.
5. A secretaria municipal emitiu informe xurídico o 7.5.2021.
6. O Pleno do Concello de Ponteceso aprobou inicialmente a MP o 31.5.2021. Foi sometida a información pública por dous meses (La Voz de Galicia do 15.6.2021 e Diario Oficial de Galicia do 7.10.2021) e presentáronse oito alegacións, segundo certificación municipal.
7. Consta a emisión dos seguintes informes non autonómicos:
• Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (Ministerio de Economía e Empresa) do 13.5.2022, favorable.
• Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) do 31.5.2022.
• Subdelegación do Goberno na Coruña (Área de Fomento) do 28.7.2022.
• Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e o Mar (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) do 18.11.2020 e do 19.2.2022, referidos ao previsto no artigo 117.1 da Lei de costas.
• Dirección Xeral da Costa e o Mar (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) referido ao artigo 117.2 da Lei de costas, do 19.12.2023, favorable.
8. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:
• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil (Dirección Xeral de Emerxencias e Interior) do 19.1.2022.
• Augas de Galicia do 11.11.2021 e do 11.4.2022, favorables condicionados.
• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 5.4.2012, favorable.
• Instituto de Estudos do Territorio en materia de paisaxe do 7.4.2022.
• Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas, do 15.2.2022 e do 19.8.2022.
• Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo referido ao Plan de ordenación do litoral do 6.4.2022.
9. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Malpica de Bergantiños, Coristanco, Carballo e Cabana de Bergantiños.
10. O arquitecto técnico municipal emitiu informe previo á aprobación provisional o 28.3.2023.
11. A secretaria municipal emitiu informe xurídico previo á aprobación provisional o 14.4.2023.
12. O Pleno do Concello de Ponteceso aprobou provisionalmente a MP o 10.8.2023.
13. O concello solicitou a aprobación definitiva mediante oficio do 24.8.2023. Requirida documentación polo Servizo de Urbanismo da Coruña o 26.9.2023, recibiuse o 27.12.2023. Consta novo requirimento do 25.1.2024.
14. Logo de informe correlativo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural do 6.6.2023, Augas de Galicia resolveu, o 1.4.2024, outorgar unha concesión de augas ao Concello de Ponteceso con destino a abastecemento a poboación.
15. O arquitecto técnico municipal emitiu informes previos a unha nova aprobación provisional o 30.7.2024 e o 20.9.2024.
16. A secretaria municipal emitiu informe xurídico o 23.9.2024.
17. O Pleno do Concello de Ponteceso aprobou provisionalmente de novo a MP o 2.10.2024.
18. O concello solicitou de novo a aprobación definitiva mediante oficio do 31.10.2024; requirida documentación o 28.11.2024, entrou o 5.12.2024.
II. Obxecto e descrición da modificación.
1. O obxecto da modificación puntual é a execución da Sentenza 685/2016, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do 8.10.2015, pola que se debe clasificar como solo urbano consolidado unha superficie de 2.100 m2 da parcela catastral 8478308NH0887N0001TX clasificada no PXOM como solo urbano non consolidado, polígono AR-D3.2; e establecer unha ordenación consecuente coa existente no resto do seu quinteiro.
2. O ámbito sitúase no casco urbano de Ponteceso e limita ao sur co dominio público marítimo-terrestre e está en parte dentro da súa servidume. Así mesmo, encóntrase incluído na zona de fluxo preferente dos regos de Ponteceso e das Bouzas delimitada pola Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
3. A nova ordenación mantén os criterios de ordenación xeral que establece o PXOM: canto á ordenanza, altura máxima e aparcadoiros, aumenta o fondo edificable no solar resultante respecto das previsións da ordenación actual (fondos entre 7,50-11,50 m) ata acadar o fondo de parcela similar ao do resto do quinteiro, aumentando a ocupación de solo pola edificación; tamén aumenta a superficie prevista para o patio de quinteiro, para o cal:
a. Asigna a unha parte a mesma ordenanza prevista para o resto do seu quinteiro, con igual número de plantas e un fondo edificable coincidente co das parcelas lindeiras.
b. Incorpora o resto da superficie (1.169 m2) ao sistema viario, incluíndo unha zona de aparcadoiro pública.
c. O custo de execución para o concello da ampliación do sistema local viario recóllese na estratexia de actuación e no estudo económico.
III. Informe.
Analizado o documento aprobado provisionalmente o 2.10.2024 púidose comprobar que se formalizaron as observacións recollidas no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 25.11.2019 e nos requirimentos documentais do 26.9.2023, do 25.1.2024 e do 28.11.2024.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
IV. Resolución.
En consecuencia, e visto o que antecede,
RESOLVO:
1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 2 do PXOM do concello de Ponteceso no polígono AR-D3.2 e deberase completar coa documentación indicada nas condicións do informe emitido por Augas de Galicia do 11.4.2022.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.
4. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
