Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 27 de novembro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Montes de Taboexa, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Taboexa, no concello das Neves (expediente RE22037).
O 24 de setembro de 2024 o Servizo de Montes deste departamento territorial emitiu o seguinte informe:
«Feitos:
Primeiro. O 23.9.2022 e con número de rexistro de entrada 2022/2337449, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Taboexa, parroquia de Santa María de Taboexa (As Neves) solicita a revisión total do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de Taboexa (ID 2917). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22037. Consta nel a seguinte documentación:
– Revisión do esbozo da carpeta ficha do monte veciñal en man común de Taboexa, parroquia de Santa María de Taboexa, concello das Neves, asinada polo enxeñeiro técnico forestal colexiado número 883 do Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia (COETFG) o 16.2.2024.
– Certificado do secretario do 9.4.2024, coa conformidade do presidente da CMVMC de Taboexa, da aprobación na asemblea xeral do 30.4.2023.
– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM zone 29N EPGS: 25829.
Unha vez revisada a memoria técnica achegada da revisión dos montes veciñais, indica:
– Levouse a cabo un levantamento topográfico das parcela con GPS de precisión centimétrica no cal percorreu todo o perímetro con varios membros da Xunta Reitora da Comunidade de Montes. Durante ese percorrido identificáronse muros e marcos que separan os doutras propiedades particulares e montes veciñais lindeiros.
– A proposta de esbozo inclúe varios enclavados: enclavado A, enclavado B, enclavado Bouza-Aberta e enclavado Barreiras.
– A proposta respecta o esbozo do monte veciñal da CMVMC de Rubiós, revisado segundo o expediente número RE22021.
– A proposta respecta o esbozo do monte veciñal da CMVMC de Celeiros, revisado segundo o expediente número RE22026.
– A proposta invade lixeiramente o esbozo do monte veciñal da CMVMC de Vilacova e acéptase, xa que vai axustado á cartografía actualizada do instrumento de xestión co número 3600281. O documento foi aprobado na asemblea xeral da CMVMC de Vilacova do 11.9.2021.
– A proposta invade lixeiramente o esbozo do monte veciñal da CMVMC de San Xosé de Ribarteme e acéptase, xa que vai axustado á cartografía actualizada do instrumento de xestión co número 3600279. O documento foi aprobado na asemblea xeral da CMVMC de San Xosé de Ribarteme do 30.4.2023.
– Non se admite a proposta de modificación do linde coa CMVMC de San Pedro de Batalláns nin da CMVMC de Meder por falta de documentación histórica e actual que avale o dito cambio.
Segundo. Os montes veciñais de Taboexa foron clasificados polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 5.12.1980 cunha superficie inicial de 244,00 ha. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal, regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:
– Consta un contrato de xestión co elenco 3615516 coa Administración forestal (Consellería do Medio Rural) de 101,00 ha.
– A CMVMC de Taboexa dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360313 e vixente ata 2031.
– Constan 3 permutas que modifican a superficie do monte veciñal.
Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 215,55 ha (superficie sen proxección) e 18,30 km (excluídos os tramos da CMVMC de San Pedro de Batalláns e CMVMC de Meder). Non se modifica a descrición dos límites da resolución de clasificación do 5.12.1980 do Xurado de MVMC de Pontevedra.
Cuarto. O 30.11.2022 o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Taboexa (As Neves), expediente RE22037, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en adiante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
Segunda. A revisión do esbozo do MVMC de Taboexa, da CMVMC de Taboexa, proposta polo Servizo de Montes queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica indicada no feito primeiro (excepto nos lindes coa CMVMC de San Pedro de Batalláns e CMVMC de Meder, dado que non se acepta a modificación proposta)».
Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Montes de Taboexa e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Montes de Taboexa, clasificado a prol da CMVMC de Taboexa (As Neves), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por el.
Pontevedra, 17 de xaneiro de 2025
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
