A Asociación de Médicos Gallegos (Asomega) organiza o XXIV Premio Nóvoa Santos a partir das seguintes bases, tempos e destino do galardón.
Bases do premio:
1. Poderán tomar parte neste premio personalidades relevantes galegas –ou con una especial vinculación con Galicia– da medicina/sanidade, cuxo labor profesional ou científico fose de repercusión nacional ou internacional e especificamente de proxección e significación para Galicia e a sanidade galega.
2. Para poder acceder á candidatura cómpre ter a condición de socio de Asomega no momento da presentación.
3. As candidaturas serán presentadas por universidades, reais academias ou colexios profesionais da medicina, farmacia ou veterinaria, sociedades científicas, hospitais, fundacións... ou un grupo mínimo de oito profesionais da medicina e/ou ámbito sanitario.
4. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:
a) Curriculum vitae do candidato en formato electrónico (pdf).
b) Unha memoria en que se aduzan os méritos do candidato nun máximo de 5 páxinas (pdf).
5. Ademais dos aspectos estritamente académico-curriculares e profesionais dos candidatos, valoraranse o compromiso do candidato coa sociedade galega, así como o impacto e a influencia que o candidato, pola súa actividade profesional, poida exercer ou ter exercido sobre Galicia en xeral e na medicina galega en particular.
6. O xurado tamén terá en consideración a relevancia da actividade desenvolvida polos candidatos, valorada en función das circunstancias sociais, sanitarias e asistenciais do momento.
7. O galardoado aceptará o compromiso de pronunciar unha conferencia sobre o tema médico-sanitario que considere que foi o motivo do Premio Nóvoa Santos, nunha data e lugar que se acorde entre as partes, ademais da realizada no acto de entrega do premio.
8. O galardoado comprométese a participar na seguinte edición do premio coa súa presenza no acto de entrega e a colaborar con Asomega na organización e execución de iniciativas que contribúan a prestixiar o labor médico-sanitario.
9. Non poderán concorrer os membros en exercicio da Xunta Directiva de Asomega.
Prazos:
O prazo de presentación de candidaturas iniciarase na data de publicación das bases no Diario Oficial de Galicia (DOG) e estará vixente ata o 31 de marzo de 2025.
As candidaturas remitiranse ao enderezo info@asomega.es; indicarase no Asunto: «Candidatura Premio Nóvoa Santos» e xuntarase a documentación indicada nestas bases.
Xustificarase a recepción das candidaturas e contactarase cos remitentes no caso de non cumprir cos requisitos do premio.
Premio:
1. O Premio Nóvoa Santos será outorgado pola Xunta Directiva de Asomega, por proposta do seu comité científico, en reunión realizada para tal efecto. Esta decisión, ante a cal non caberá reclamación nin recurso, daráselles a coñecer con posterioridade a ela a todas as candidaturas válidas presentadas, e posteriormente farase a difusión pública.
2. O galardón consistirá nun premio económico de 12.000 euros, diploma e medalla conmemorativa do Premio Nóvoa Santos. Co fin de favorecer o desenvolvemento da investigación e a contribución á sociedade como parte dos fins de Asomega, a contía do premio asignarase da seguinte forma:
a) O diploma, a medalla e o 50 % do importe (6.000 €) destinaranse integramente ao galardoado.
b) O 25 % da contía (3.000 €) destinarase a apoiar un proxecto de investigación desenvolvido por mozos investigadores galegos, ou como axuda inicial para a realización dunha tese de doutoramento dirixida polo galardoado.
c) A contía restante (3.000 €) vincularase á iniciativa Asomega Axuda, e o galardoado proporá a institución, fundación ou proxecto sen ánimo de lucro que favoreza os máis necesitados e impulse a humanización no contorno da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) O destino dos fondos para o apoio a proxectos de investigación (b) e/ou fins sociais (c) será proposto polo galardoado e aprobado pola Xunta Directiva de Asomega.
3. A entrega do Premio Nóvoa Santos ao galardoado realizarase en acto público, onde o premiado pronunciará unha conferencia sobre o tema médico e/ou biomédico que considere que foi o motivo deste recoñecemento.
Madrid, 16 de xaneiro de 2025
Julio Ancochea Bermúdez
Presidente da Asociación de Médicos Gallegos (Asomega)
