A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia nos parágrafos 3 e 30, ten competencia exclusiva, respectivamente, en materia de ordenación do territorio e do litoral, así como de normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española.
O Decreto 49/2024, do 22 de abril, fixou a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia. No seu artigo 2 establece os órganos de dirección da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático figurando entre eles a Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Segundo a referida normativa e de conformidade co disposto no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, este é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma, ao que lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, a conservación do patrimonio natural, a ordenación do litoral e a promoción da paisaxe, a protección das augas, a loita contra o cambio climático a prevención da contaminación e as competencias na materia de instalacións de produción de enerxía a partir de fontes renovables, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e nos termos sinalados na Constitución española
A persoa titular da consellería é a autoridade superior da consellería respectiva e, con tal carácter, está investida das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.
II
A Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, recolle no capítulo VIII do seu título II unha serie de previsións no tocante ás infraestruturas verdes e á conectividade e a restauración ecolóxicas, impoñendo a obriga das consellarías con competencias afectadas de elaborar conxuntamente unha estratexia galega nesta materia que respecte a estratexia estatal aprobada para o efecto.
En consecuencia, corresponde á estratexia galega de infraestrutura verde a identificación dos elementos que cumpren os criterios para formar parte desta. Unha vez identificados estes, farase a selección, se é o caso, e declaración formal dos citados elementos. A declaración formal destes que é esencial para dotar a estratexia de infraestrutura verde dun recoñecemento oficial.
A participación na elaboración da estratexia galega é unha mostra máis das numerosas previsións contidas nesta lei para facer efectiva a integración da consideración ambiental nas demais políticas sectoriais, exixencia derivada do propio Tratado de funcionamento da Unión Europea, no seu artigo 11.
O artigo 86 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, dispón que a consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural elaborará, no prazo máximo de tres anos, contado desde a aprobación da estratexia estatal ao respecto, unha estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas, logo da súa consulta coas consellarías afectadas.
Ademais da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, participarán na elaboración desta estratexia, polo menos, os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou as entidades instrumentais do sector público autonómico con competencias nas seguintes materias: forestal, agrícola, infraestruturas, augas, ordenación do territorio, enerxía, minaría e paisaxe.
Cómpre destacar que o Goberno galego impulsou unha colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, para a elaboración dun documento de análise e cálculo dos servizos ecosistémicos, así como a identificación dos compoñentes da infraestrutura verde. Ese traballo deu como resultado as bases científico-técnicas que serviron de referente para a elaboración da Estratexia galega.
III
A Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (DOG núm. 8, do 14 de xaneiro), considera que as políticas de planificación territorial deben orientarse aos principios e ás propostas a escala europea e mundial, como son impulsar o desenvolvemento de infraestruturas verdes en todos os ámbitos territoriais (nacional, rexional e local) e garantir a súa consideración na ordenación do territorio, creando así unha rede interconectada dos espazos de maior valor ambiental, paisaxístico e cultural, planificada de xeito estratéxico e deseñada para a prestación dunha extensa gama de servizos ecosistémicos e para protexer a biodiversidade, tanto dos asentamentos rurais como urbanos. Do mesmo xeito que as infraestruturas tradicionais, esta infraestrutura servirá para vertebrar o territorio, dotándoo de continuidade, sendo necesaria a súa definición con carácter previo á planificación das novas demandas de solo.
A Unión Europea definiu a Infraestrutura Verde como «unha rede de zonas naturais e seminaturais e doutros elementos ambientais, planificada de forma estratéxica, deseñada e xestionada para a prestación dunha extensa gama de servizos ecosistémicos. Incorpora espazos verdes (ou azuis no caso dos ecosistemas acuáticos) e outros elementos físicos de espazos terrestres (incluídas as zonas costeiras) e mariños. Nos espazos terrestres, a infraestrutura verde está presente nas contornas rurais e urbanas».
Os espazos naturais e seminaturais son clave para prover a sociedade de servizos esenciais como auga e aire limpos, alimentos, fibras, regulación hidrolóxica e servizos culturais e de lecer. Do mesmo xeito resultan esenciais para frear os efectos nocivos asociados ao cambio climático.
A Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas supón un cambio de paradigma na ordenación do territorio e un compromiso coa preservación da natureza polos beneficios que esta achega á sociedade e á sustentabilidade do planeta. Vai permitir reducir a rotura ou fragmentación de hábitats que albergan ecosistemas claves para o benestar da poboación, permitindo que se poidan restaurar espazos degradados por mor da contaminación ou da explotación incontrolada dos seus recursos.
A súa finalidade é crear unha rede territorial continua entres aqueles espazos de maior valor ambiental, paisaxístico e cultural, cunha planificación estratéxica que permita protexer a biodiversidade dos impactos negativos que xeran as actividades económicas e sociais dos asentamentos urbanos ou rurais, atendendo ás novas demandas do solo.
A Estratexia galega de infraestrutura verde recolle como obxectivos:
Deseñar unha planificación e xestión do territorio que respecte os ecosistemas máis vulnerables; fomentar a coordinación entre as distintas administracións públicas coa finalidade de garantir o éxito de implantar e consolidar unha infraestrutura verde coas máximas garantías; priorizar a información, formación e a participación da cidadanía no concepto da infraestrutura verde como elemento vertebral dos ecosistemas e hábitats do noso territorio e promover a investigación e a mellora dos coñecementos para alcanzar o grao de excelencia na conservación ambiental
A Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxicas consta de dous documentos:
Documento número 1: contén as bases científico-técnicas para o establecemento da infraestrutura verde de Galicia.
Documento número 2: contén a estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, que é o que se someteu a información pública.
IV
Iniciouse, así mesmo, un proceso de participación pública para o deseño e redacción da Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, no que destacaron dous grandes fitos:
1. Participación cidadá, organizacións, institucións privadas e públicas en xeral e organismos sectoriais asociados: tras o acto de presentación da estratexia na Cidade da Cultura, leváronse a cabo as xornadas de presentación e os encontros (comarcais e sectoriais) que tiveron lugar ao longo dos anos 2017 e 2018 para o deseño dunha estratexia de infraestrutura verde de Galicia.
Os encontros comarcais foron levados a cabo co fin de que a poboación xeral, o persoal técnico e políticos dos concellos de toda Galicia estivesen informados e participasen na elaboración da estratexia. Nos 47 encontros comarcais que tiveron lugar, participaron 957 persoas e entidades das 7.948 que foron contactadas.
Realizáronse 7 encontros sectoriais co fin de que axentes de diversa procedencia e que traballan no mesmo ámbito temático e, polo tanto, con elevados coñecementos específicos sobre unha determinada cuestión, puidesen poñer en común os seus pareceres sobre a Estratexia de infraestrutura verde de Galicia, obtendo así unha visión do conxunto sobre as temáticas en cuestión. O número total de participantes nos encontros sectoriais foi de 150 persoas das 858 contactadas.
Neste ámbito houbo tamén un proceso de participación pública a través dun formulario posto á disposición ao inicio do proceso na páxina web creada para tal fin.
2. Consultas realizadas nas consellerías da Xunta de Galicia. Para dar cumprimento ao Marco Normativo Galego que sinala o artigo 86 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, fixéronse dúas consultas:
A primeira no ano 2021 na que a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda remitiu, por medios electrónicos, o borrador da estratexia, para que, nun prazo de quince (15) días hábiles, se remitisen as alegacións que se considerasen oportunas xunto co enlace onde poder consultar a documentación.
Esta consulta fíxose a todas as consellerías da Xunta de Galicia (non exclusivamente ás das competencias que sinala o artigo, para unha maior transparencia).
Coa finalidade de chegar ao máximo consenso do documento da Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade, durante o ano 2022, fíxose unha segunda consulta aos seguintes organismos públicos da Consellería do Medio Rural: Agader, Fogga, Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.
A Estratexia da Unión Europea sobre biodiversidade para 2030, aprobada en 2020, recoñeceu e reforzou o desenvolvemento da infraestrutura verde como unha das ferramentas principais para o logro dos obxectivos ambientais da Unión Europea, algo que tamén se enmarca na Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable.
V
No Diario Oficial de Galicia número 158, do 22 de agosto de 2022, publicouse o acordo polo que se someteu a información pública e transparencia, durante un prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no Portal de transparencia, a Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, co fin de dar cumprimento ao previsto na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e a Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, co fin de garantir unha maior participación da cidadanía neste trámite administrativo,
A orde consta dun único artigo, referido á aprobación da Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas e unha disposición derradeira única relativa á súa entrada en vigor.
Consta tamén dun anexo co texto da estratexia e os correspondentes mapas:
ANEXO
– Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas.
– Mapas.
En virtude do exposto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Obxecto
Apróbase a Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, cuxo contido figura como anexo a esta orde.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2024
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
ANEXO
Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas
Mapas
https://descargas.xunta.es/671f19e2-fffa-47e3-a5ba-9df7b9dd38891690183038515
