O 19 de xullo de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 140 a Orde do 8 de xullo de 2024 pola que se determinan as bases reguladoras para a concesión de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería, e se convocan para o curso académico 2024/25 (códigos do procedemento BS303B, BS303C e BS303D).
O 28 de outubro de 2024 publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 208 a Resolución do 17 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Xuventude, pola que se lle dá publicidade ás resolucións de adxudicación de prazas e concesión de bolsas nas residencias xuvenís ao abeiro da Orde do 8 de xullo de 2024 pola que se determinan as bases reguladoras para a concesión de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería, e se convocan para o curso académico 2024/25.
O artigo 16.3 da orde dispón que, esgotadas as listas de agarda e para o caso de existiren prazas vacantes en todos ou nalgún dos procedementos e residencias previstas na convocatoria, publicarase no Diario Oficial de Galicia a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes para a cobertura das prazas ou bolsas vacantes.
En consecuencia, tendo en conta o número de prazas que quedaron vacantes nas tres residencias xuvenís galegas e a alta demanda de prazas que segue a haber por parte das persoas estudantes e traballadoras, cómpre abrir un novo prazo de presentación de solicitudes para cubrir esas prazas vacantes.
Por todo o anterior, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Apertura de prazo
Abrir de novo un prazo para a presentación de solicitudes de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería para o curso académico 2024/25 (códigos do procedemento BS303B, BS303C e BS303D).
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde.
Artigo 2. Prazas convocadas
O número de novas prazas en residencias xuvenís para estudantes convocadas e a súa distribución por residencias é o seguinte:
|
Concello |
Residencia |
Total |
|
Lugo |
Centro Residencial Xuvenil «LUG» |
1 |
|
Ourense |
Florentino López Cuevillas |
3 |
|
Vigo |
Altamar |
10 |
Disposición derradeira. Entrada en vigor
A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2025
José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
