Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2025, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,
RESOLVO:
Convocar, no marco do ciclo de conferencias Cuestións de actualidade no ámbito da Administración pública, da súa organización e do seu funcionamento, a conferencia Intelixencia artificial e control das administracións públicas, de acordo coas bases que se indican a seguir:
Primeira. Obxectivos
A intelixencia artificial é hoxe un dos desafíos en todos os aspectos da vida, tamén na xestión pública. A conferencia formúlase cun dobre propósito: co fin de identificar casos de uso e utilidades da intelixencia artificial no sector público, pero tamén para ter presentes os riscos que expón unha tecnoloxía destas características. Para iso, partirase dunhas precisións conceptuais, dado que baixo o paraugas terminolóxico de «intelixencia artificial» se atopan realidades distintas que expoñen desafíos xurídicos, así mesmo, diferentes. Tras iso, presentarase o marco normativo actual, comezando polo Regulamento europeo de intelixencia artificial. Insistirase nos sistemas de control destes usos, tanto o sistema administrativo de gobernanza como o control xudicial e as súas necesarias adaptacións.
Segunda. Persoas destinatarias
Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia, así como a profesionais e persoas interesadas no tema.
Terceira. Desenvolvemento
Modalidade de impartición: presencial.
Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Data: xoves, 20 de febreiro de 2025.
Horario: de tarde, das 17.00 ás 19.00 horas.
Duración: 2 horas lectivas.
Cuarta. Número de prazas
Capacidade do local.
Quinta. Inscrición
1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos na bases segunda e sétima, respectivamente.
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en «nome do curso»: Conferencia Intelixencia artificial e control das administracións públicas.
5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará habilitado desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 17 de febreiro de 2025.
Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.
Sexta. Comprobación de datos
1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.
2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta, deberá indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opón, que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte correo: novas.egap@xunta.gal
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.
Sétima. Criterios de selección
A admisión levarase a cabo de acordo co indicado na base segunda desta convocatoria respecto ás persoas destinatarias desta actividade. A orde de selección virá determinada pola data e pola hora de presentación das solicitudes ata completar a capacidade do local.
Oitava. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas
A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas para participar nesta actividade, en reserva, no caso de que o número de solicitudes fose superior ao número de prazas dispoñibles e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia
1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.
2. Renuncia:
a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, antes das 11.00 horas do día 19 de febreiro de 2025 achegando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.
b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:
– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.
– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.
– Por razóns de conciliación familiar.
– Por outras causas xustificadas documentalmente.
3. A asistencia e a puntualidade:
a) Serán obrigatorias a asistencia e a puntualidade.
b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.
c) As faltas de asistencia:
1) Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas da actividade. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.
2) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.
Décima. Certificado de asistencia oficial
Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que completasen a asistencia mínima requirida, igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, a data e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.
Décimo primeira. Facultades da EGAP
1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.
2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2025
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública
