Mediante a Orde do 27 de febreiro de 2024, a Consellería do Medio Rural regulou a tramitación de alegacións ao sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) da campaña 2024.
O artigo 18 da citada orde dispón que as solicitudes de modificación ao Sixpac dos recintos situados na Comunidade Autónoma de Galicia dirixiranse á persoa titular da Dirección do Fogga que, conforme o que se indica no capitulo II do título I da mesma, ditará a resolución correspondente ás solicitudes da Orde, que será notificada de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. De conformidade co establecido no artigo 45.1 da indicada lei, a notificación poderá realizarse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, cun enlace á páxina web do Fogga.
En relación coas alegacións ou solicitudes de modificación do Sixpac da campaña 2024, logo do informe da Subdirección Xeral de Xestión da PAC, esta dirección
RESOLVE:
Primeiro. Dar publicidade na web do Fogga ás listaxes das resolucións das alegacións ao Sixpac da Orde do 27 de febreiro de 2024 citada.
As persoas interesadas poden acceder á dita web na seguinte ligazón:
https://fogga.xunta.gal/gl
Segundo. Poñer á disposición das persoas interesadas no portal de axudas PAC as resolucións completas das solicitudes indicadas no punto primeiro desta resolución.
O acceso ao dito portal poderá realizarse a través da seguinte ligazón:
https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac
Neste portal, cada persoa interesada poderá acceder ao contido da súa resolución mediante certificado dixital, DNI-e (DNI electrónico) ou emprego da Chave365. A información sobre a forma de alta da Chave365 atópase na ligazón que se indica a seguir:
https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365
Terceiro. Contra as citadas resolucións, que non poñen fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a presidenta do Fogga no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación, consonte o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de interposición concluirá o mesmo día desta publicación no mes de vencemento, de conformidade co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2025
Juan José Cerviño Varela
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria
