DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Mércores, 12 de febreiro de 2025 Páx. 11687

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO do 24 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, polo que se publica a Resolución do 15 de xaneiro de 2025 pola que se arquiva o expediente do parque eólico Alto do Ceo (IN408A/2020/099) e se cancela unha garantía económica depositada por Green Capital Development XXVI, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte.

De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 15 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Alto do Ceo (IN408A/2020/099) e se cancela unha garantía económica depositada por Green Capital Development XXVI, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte.

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan.

A antedita Resolución do 15 de xaneiro de 2025 dispón o seguinte:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Alto do Ceo, localizado nos concellos de Mondariz, Covelo, A Cañiza, Salvaterra de Miño e As Neves da provincia de Pontevedra tras o informe desfavorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural (DXPN) do 5.11.2024.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Alto do Ceo, localizado nos concellos de Mondariz, Covelo, A Cañiza, Salvaterra de Miño e As Neves da provincia de Pontevedra e promovido pola sociedade Green Capital Development XXVI, S.L.

3. Cancelar a garantía económica depositada por Green Capital Development XXVI, S.L. na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 480.000,00 €, de data do 27.5.2020 e número de rexistro 492/20, para responder das súas obrigas en relación coa tramitación do procedemento de solicitude de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Alto do Ceo.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

Con data do 27.5.2020, Green Capital Development XXVI, S.L. presentou o xustificante do depósito dunha garantía económica por importe de 480.000,00 € e número de rexistro 492/20, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Alto do Ceo.

Con data do 22.6.2020 Green Capital Development XXVI, S.L (en diante, GCD XXVI) presentou perante esta Administración solicitude de autorización administrativa previa, autorización de construción, declaración de impacto ambiental e aprobación do proxecto sectorial do PE Alto do Ceo. A dita solicitude foi admitida a trámite o 19.11.2020.

O 3.5.2021 a promotora solicita unha modificación substancial para a autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Alto do Ceo, a cal foi admitida a trámite o 6.9.2021.

Mediante a Resolución do 3 de febreiro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sométense a información pública o estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e o proxecto de execución, en concreto, das instalacións do parque eólico Alto do Ceo, localizado nos concellos de Mondariz, Covelo, A Cañiza, Salvaterra de Miño e As Neves da provincia de Pontevedra (expediente IN408A 2020/99).

Con data do 25.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra dá traslado a GCD XXVI do informe desfavorable emitido o 2.3.2023 pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural en relación co proxecto referido, onde se conclúe:

«Á vista dos antecedentes e da análise da documentación, conclúese que o proxecto presenta impactos acusados sobre o patrimonio natural e a biodiversidade e, por tanto, emítese informe desfavorable».

O 7.6.2023 GCD XXVI dá resposta a este informe propoñendo unha modificación do proxecto.

O 5.11.2024 A Dirección Xeral de Patrimonio Natural emite un segundo informe, onde se indica o seguinte:

«Á vista dos antecedentes e da análise da documentación, esta dirección xeral conclúe que a posición ALT-02 podería ser viable segundo a análise de efectos sinérxicos e acumulativos, pero ratifícase nas conclusións emitidas no informe previo do 24.2.2023 polos motivos expostos, concluíndo que proxecto segue a presentar impactos acusados sobre o patrimonio natural e a biodiversidade e, por tanto, emítese informe desfavorable».

O 28.11.2024 o promotor presenta un escrito en que solicita: «... que se proceda á devolución da garantía depositada perante a Caixa Xeral de Depósitos, con número de rexistro 492/2020, por un importe de 480.000,00 €, e consecuentemente ao arquivamento do expediente IN408A 2020/99, por causas non imputables ao promotor».

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2025

Paula Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático