BDNS (Identif.): 813197.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) y 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago, recoñecidos pola Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural, e delimitados polo correspondente decreto, así como aqueles en que se ditou acordo de inicio para súa tramitación.
2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.
Segundo. Finalidade
O establecemento das bases reguladoras das subvencións destinadas a financiar programacións culturais realizadas por entidades locais polas que discorren os diferentes Camiños de Santiago para contribuír á promoción das artes escénicas e musicais, e aprobar a súa convocatoria para o ano 2025.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 10 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa Cultura no Camiño, para o fomento das artes escénicas e musicais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT302B).
Cuarto. Importe
Destínase un crédito global de 250.000 euros da aplicación orzamentaria 13.A1.432B.760.0 do código de proxecto 2015-00003, dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase aos cinco días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario ficial de Galicia e rematará aos cinco meses. A sede electrónica para a presentación de solicitudes abrirase ás 9.00 horas e o remate do prazo será ás 14.00 horas do día do vencemento.
Santiago de Compostela, 10 xaneiro de 2025
José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da
Axencia Galega das Industrias Culturais
