A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, de acordo co que establece o artigo 27.19, do Estatuto de autonomía de Galicia, exerce a competencia en exclusiva en materia de fomento da cultura, e no artigo 32 establece que lle corresponde ao Goberno da Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego en consonancia do establecido no artigo 148. 1º 13 e 17 da Constitución española.
A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), define a Axencia Galega das Industrias Culturais no seu artigo 1.2 como unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, e establece no seu artigo 3.1 que «ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación dos ingresos suficientes e estables» e, no artigo 5 establece como unha das súas funcións «promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega» a novos mercados dentro e fóra de noso país, e en concreto facilitando o acceso da cultura das artes escénicas galegas.
Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere dar resposta á demanda cultural dun público diverso –os propios cidadáns, así como visitantes e peregrinos– que poderán gozar de espectáculos e concertos de todos os xéneros ademais de descentralizar a oferta cultural e dinamizar gran parte do territorio galego. Ao tempo, con esta convocatoria, dinamízase a contratación dos espectáculos producidos de xeito profesional en Galicia.
Por todo isto, en consonancia co seus obxectivos inmediatos, e no uso das atribucións que me foron conferidas,
RESOLVO:
1. Convocatoria e bases reguladoras.
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, pola que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o fomento das artes escénicas e musicais de carácter profesional nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago, e se convocan para o ano 2025 (CT302B).
2. Entidades beneficiarias.
Poderán ter a condición de entidades beneficiarias destas axudas os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago, recoñecidos pola Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural, e delimitados polo correspondente decreto, así como aqueles en que se ditou acordo de inicio para súa tramitación.
3. Financiamento.
O crédito dispoñible para o financiamento desta convocatoria imputaranse aos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2025, destinándose un crédito global de 250.000 euros da aplicación orzamentaria 13.A1.432B.760.0 do código de proxecto 2015-00003.
4. Solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase aos cinco días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará aos cinco meses. A sede electrónica para a presentación de solicitudes abrirase ás 9.00 horas e o remate do prazo será ás 14.00 horas do día do vencemento.
5. Prazo de duración do procedemento de concesión.
As solicitudes tramitaranse polo procedemento de concorrencia non competitiva de xeito abreviado e polo esgotamento do crédito, que non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados segundo o punto 4 desta resolución.
6. Información ás persoas interesadas.
6.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais:
https://industriasculturais.xunta.gal
b) Teléfonos: 881 99 60 77 /881 99 60 78.
c) Enderezo electrónico: agadic@xunta.gal
d) Persoalmente.
e) Guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
6.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.
6.3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.
7. Réxime de recursos.
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.
8. Base de datos nacional de subvencións.
En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
9. Rexistro público de subvencións.
De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización para a inscrición dos datos facilitados na solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2025
José López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais
ANEXO I
Bases reguladores de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento das artes escénicas e musicais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago, e convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT302B)
Artigo 1. Obxecto, finalidade, réxime e principios de xestión
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, e dentro das súas competencias ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras das subvencións destinadas a financiar programacións culturais realizadas por entidades locais polas que discorren os diferentes Camiños de Santiago para contribuír á promoción das artes escénicas e musicais, e aprobar a súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT302B).
2. Estas axudas teñen como finalidade o fomento das artes escénicas e musicais de carácter profesional, en particular de teatro, música, danza, novo circo e maxia, a través de programacións culturais que serán desenvolvidas entre do 15 de xuño e o 31 de agosto de 2025, en concellos polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago en Galicia.
3. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, pero incompatibles, con calquera outra concedida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
No caso de se percibiren outras axudas, deberanse acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
4. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do custo do evento. No caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.
5. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de conformidade co disposto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
6. As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario, de acordo co establecido nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo procedemento abreviado e por orde cronolóxica, tendo en conta a data e hora de entrada no Rexistro. Para estes efectos, considerarase como data e hora de presentación a última entrada de documentación que complete o expediente da solicitude.
7. A proposta de concesión formularase polo órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención, sen que sexa necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas.
Artigo 2. Entidades beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago, recoñecidos pola Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural, e delimitados polo correspondente decreto, así como aqueles en que se ditou acordo de inicio para súa tramitación.
2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.
3. As entidades solicitantes, no momento de presentación da súa solicitude, ademais de cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta convocatoria e na normativa aplicable, deberán ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das últimas contas xerais de cada exercicio orzamentario.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as entidades que concorran algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En todo caso, as entidades solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido nesta convocatoria (anexo II, epígrafe «A persoa representante declara»).
Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade das axudas
1. O crédito global destinado ao financiamento destas axudas é de 250.000 euros da aplicación orzamentaria 13.A1.432B.760.0 do código de proxecto 2015-00003 dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais para o 2025.
2. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución da convocatoria. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución do orzamento establecido nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.
3. A intensidade máxima da axuda por entidade solicitante será:
– Os concellos de menos de 20.000 habitantes recibirán unha contía global fixa de 2.500 euros para a totalidade da programación, que corresponderá ao 50 % do caché de cada unha das actividades programadas.
– Os concellos de máis de 20.000 habitantes recibirán unha contía global fixa de 3.500 euros para a totalidade da programación, que corresponderá ao 40 % do caché de cada unha das actividades programadas.
No suposto de solicitudes conxuntas, aplicarase as cantidades anteriores a cada membro da agrupación en función do seu número de habitantes, sen que se poidan superar os límites establecidos no punto anterior.
4. As solicitudes que, cumprindo os requisitos non acaden subvención, por esgotamento de crédito asignado, pasarán a formar unha listaxe de espera respectando a orde de prelación das solicitudes.
5. Este expediente tramítase como anticipado de gasto e no ano 2024 poderase chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderase condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento do ano 2025, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento que se produciron aqueles e na concesión de subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
Artigo 4. Proxectos subvencionables
Considérase proxecto subvencionable a realización dunha programación cultural que cumpra os seguintes requisitos:
– Deberá desenvolverse entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2025.
– Deberá conter como mínimo dúas contratacións de teatro, danza, música, circo ou maxia cun orzamento total superior a 5.000 euros (IVE incluído) nos concellos de menos de 20.000 habitantes e de 8.750 euros (IVE incluído) nos concellos de máis de 20.000 habitantes.
Artigo 5. Gastos subvencionables
1. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de maneira indubidable, correspondan aos cachés das compañías/grupos que configuran a programación.
2. O gasto considerarase realizado, con carácter xeral, cando se contabilice o recoñecemento da obriga por parte do órgano competente da entidade local, con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado nestas bases.
As entidades locais beneficiarias deberán acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data de ingreso na conta bancaria da entidade local beneficiaria do aboamento da subvención, de conformidade co establecido no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 outubro, pola que se regulan as especialidades de subvencións ás entidades locais galegas.
3. Non serán gastos subvencionables:
– Os gastos derivados de calquera tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non recuperable.
– Os gastos de xuros debedores en contas bancarias, xuros, recargas e sancións administrativas e penais, e os gastos dos procedementos xudiciais.
Artigo 6. Presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se así non o fixese, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda, xa que para os efectos da concesión das axudas se terá en conta a orde cronolóxica de entrada, e considerarase como data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo, incluídas as achegas realizadas coa solicitude correctamente cuberta e achegada toda a documentación exixida na presente resolución.
Artigo 7. Prazo de presentación das solicitudes e emenda
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase aos cinco días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará aos cinco meses. A sede electrónica para a presentación de solicitudes abrirase ás 9.00 horas e o remate do prazo será ás 14.00 horas do día do vencemento.
Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a entidade interesada será requirida para que no prazo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
1.1. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
1.2. Acreditación do cumprimento da obriga de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio.
1.3. Certificación emitida e asinada polo secretario ou secretaria da entidade local solicitante, en que se faga constar o acordo do concello polo que se solicita a subvención.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.
De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.
1.4. Orzamento de gastos.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
3. A entidade solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos na nesta convocatoria. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. Sen prexuízo da documentación exixida para este procedemento, a Axencia poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Notificacións de resolucións e actos administrativos
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica. gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica. gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non sexa posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 12. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencias contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 13. Instrución do procedemento
1. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento abreviado en que o informe e a proposta de resolución serán efectuados nun único acto pola Dirección da Axencia, elevándoos á Presidencia da Agadic para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvención examinaranse e serán outorgadas sempre que cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no rexistro, considerándose como data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo, incluídas as achegas realizadas coa solicitude correctamente cuberta e achegada toda a documentación exixida na presente resolución.
2. Ao tratarse dunha convocatoria aberta en que se dispón do crédito vixente en actos sucesivos de adxudicación, unha vez esgotado o crédito da partida orzamentaria asignada, inadmitiranse as posteriores solicitudes e publicarase a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agadic.
Desde o momento en que se esgote o crédito orzamentario, non serán outorgadas novas subvencións, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.
3. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:
1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.
2º. Requirir das entidades solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.
3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.
4. Co fin de facilitar unha mellor xestión das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás entidades interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ou aos profesionais ou expertos consultados.
En todo caso, a Dirección da Axencia poderá requirir ás entidades solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.
Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Axencia e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.
Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Axencia para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.
5. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, e da súa documentación, ditará a proposta de resolución en que indicará o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas que elevará á Presidencia do Consello Reitor da Axencia.
Artigo 14. Resolución da convocatoria
1. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic deberá ditar resolución expresa no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución.
A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes, así como os recursos que procedan interpor contra ela.
2. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
Artigo 15. Aceptación da subvención e renuncia
1. Unha vez notificada a resolución, as entidades beneficiarias comunicarán á Axencia a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.
2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Agadic, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Agadic ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da devandita norma.
Artigo 16. Presentación do proxecto de programación
As entidades locais beneficiarias, unha vez notificada a adxudicación da subvención, disporán dun prazo non superior a dez días naturais para comunicar, a través da sede electrónica, as actividades contratadas ao abeiro da subvención concedida.
As actividades susceptibles de ser contratadas estarán dispoñibles para coñecemento das entidades beneficiarias na plataforma de xestión da Axencia, www.galescena.gal
Artigo 17. Obrigas das entidades beneficiarias
1. As entidades beneficiarias deberán cumprir coas seguintes obrigas e quedarán suxeitas ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en concreto, estarán obrigadas a: cumprir o obxectivo e realizar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención, xustificar nos prazos e forma establecidos o cumprimento dos requisitos, así como o cumprimento da finalidade da subvención e a realización do proxecto que fundamentou a concesión da subvención, así como destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar a totalidade das actuacións que fundamentan a resolución de concesión, sen prexuízo das modificacións autorizadas.
2. E, en particular, deberá cumprir coas seguintes obrigas.
a) Realizar a programación nos prazos establecidos pola Agadic, a través da páxina de xestión www.galescena.gal e remitila á Agadic a través da sede electrónica cos requisitos e prazos establecidos nestas bases.
As programacións deberán recoller un mínimo de dúas actuacións e deberán prever dúas das cinco disciplinas ofertadas (teatro, circo, danza, música e maxia).
b) Contratar espectáculos de teatro, danza, circo, maxia e/ou concertos de música de calquera modalidade, producidos e distribuídos por empresas adicadas profesionalmente ás artes escénicas ou musicais con sede, domicilio social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, quedando excluídas as asociacións culturais.
c) Formalizar a contratación destas actividades mediante un contrato de actuación artística, de conformidade coa lexislación contractual aplicable e vixente.
d) Aboarlles ás compañías ou grupos participantes na programación 100 % do caché ou/e importe estipulado no contrato.
e) Asumir os gastos derivados da organización puntual de cada actividade, da coordinación e xestión do ciclo de actuacións, así como dos gastos de difusión gráfica e oral, e o pagamento dos dereitos de autor á entidade xestora deles.
f) Remitir a información sobre públicos e recadación da billeteira en formato electrónico a través da páxina da Axencia: www.galescena.gal nun prazo non superior aos cinco días hábiles seguintes á realización de cada actuación.
g) Comunicarlle, con antelación suficiente, á Axencia calquera modificación da programación, en particular, no referente ás alteracións unilaterais do calendario de actuacións, dos horarios de realización ou dos espazos en que se desenvolve a programación.
h) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Tanto nos actos públicos como en todo o material de difusión que se elabore, incluídas notas de prensa e formatos específicos para redes sociais, debe facerse mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia a través da Agadic no desenvolvemento das actividades subvencionadas.
Adicionalmente, a persoa beneficiaria comprométese a utilizar en todo o material de difusión que se produza, tanto dixital como impreso, o logotipo oficial da marca principal da Xunta de Galicia, dispoñible no enlace web: https://www.xunta.gal/identidade-corporativa, seguindo na medida do posible as normas relativas á convivencia con outras marcas que se especifican no Manual de uso da identidade corporativa da Xunta e respectando o tamaño mínimo de reprodución que garanta a lexibilidade.
Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria da subvención.
3. O incumprimento das anteriores obrigas por parte das entidades adxudicatarias dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da Lei 9/2007, sen prexuízo do disposto nestas bases.
Artigo 18. Modificación da resolución de concesión
1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.
2. As entidades beneficiarias teñen a obriga de solicitar á Axencia a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.
3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos na cláusula cuarta da presente resolución.
4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Axencia poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.
Artigo 19. Xustificación da subvención
1. Os gastos xustificados deberán responder, de maneira indubidable, á natureza da actividade subvencionada e só se considerará gasto o que foi efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.
2. O prazo máximo de xustificación da subvención concedida rematará o 10 de setembro de 2025.
3. A xustificación dos gastos realizarase mediante a modalidade de conta xustificativa, a través da presentación por parte da entidade local ante o órgano concedente do cumprimento da finalidade da subvención, a realización das programacións e o seu custo real, esta xustificación deberá estar integrada por:
– Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:
a. O cumprimento da finalidade da subvención.
b. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente ou pagamento.
Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
c. Que, segundo o informe da intervención municipal, se tomou razón en contabilidade, na fase de recoñecemento da obriga, dos gastos correspondentes á execución do proxecto subvencionado, con data anterior ao prazo de xustificación, 10 de setembro de 2025.
d. Que na tramitación dos procedementos de contratación necesarios para realizar as actuacións programadas se cumpriu coa normativa de aplicación no ámbito local e, especialmente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar. En todo caso, deberán aterse ao establecido no artigo 27 da Lei de subvencións de Galicia.
e. Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios.
f. De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta economicamente máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria na cal se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.
4. Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financian a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa orixe xunto co compromiso de comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña a partir da data da declaración.
5. Transcorrido o prazo sen que se presente a xustificación ante a Axencia ou ante a Carpeta cidadá, tratándose de suxeitos obrigados a presentar a través da Carpeta cidadá, requirirase as entidades beneficiarias para que a presenten no prazo improrrogable de dez días.
6. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 20. Pagamento da subvención
1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención.
2. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando sexa recibida a documentación xustificativa da subvención, e se acredite o cumprimento de que a actividade foi executada de acordo coa programación presentada e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos á conta.
2. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. A Axencia comprobará e realizará a conseguinte verificación destes datos ou ben, no caso que os interesados se opoñan deberán indicalo e achegar os documentos.
3. A acreditación documental da efectividade dos pagamentos efectuados realizarase no prazo máximo de sesenta días naturais, contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das entidades beneficiarias de cada un dos aboamentos das subvencións concedidas, de acordo co previsto no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
4. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das subvencións quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos. As actuacións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado.
5. As entidades beneficiarias deberán proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Axencia, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.
Artigo 21. Perda de dereito ao cobramento da subvención
1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento da entidade beneficiaria da súa obriga de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.
2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se tivese abonado a axuda.
3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.
Artigo 22. Causas de reintegro
1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.
2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.
3. Son causas de reintegro as seguintes:
a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos pola entidade beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.
b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a que a axuda foi concedida.
c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.
d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas artigo 17 destas bases.
e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.
g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.
Artigo 23. Gradación dos incumprimentos
1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.
En particular, consideraranse incumpridos os obxectivos da axuda cando non se xustifique polo menos o 60 % dos custos do proxecto con respecto ao gasto previsto.
2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención.
O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente e minorarase a subvención proporcionalmente.
3. Son causas de reintegro parcial os seguintes casos de incumprimento:
a) Perda dun 5 % da subvención concedida por non dar publicidade ao financiamento do proxecto obxecto da subvención segundo o establecido nestas bases.
b) Perda dun 5 % da subvención concedida por non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvencións, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.
A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.
A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.
No caso das condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.
Artigo 24. Procedemento de reintegro
1. Se aboada parte ou a totalidade da axuda acaecesen os motivos que se indican no artigo 23 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.
2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.
3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicarase á entidade beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.
4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, as entidades interesadas poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa.
Se o acto non for expreso, a entidade solicitante e outras posibles entidades interesadas poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.
5. Sen prexuízo do anterior, ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.
Artigo 25. Control
1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.
2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.
3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Artigo 26. Medidas antifraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Axencia Galega das Industrias Culturais ou do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:
https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia (no formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe «Canles específicas» e, dentro dela, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ou http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf».
A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.
Artigo 27. Normativa aplicable
1. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o programa Cultura no Camiño, cara o fomento das artes escénicas e musicais nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago para o ano 2025, así como:
a) Á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
c) Ao Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, e á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
d) Á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
e) Á Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
f) Demais normativa de xeral aplicación.
Artigo 28. Publicidade
No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria, contía e finalidade da subvención.
Artigo 29. Réxime de recursos
A convocatoria destas axudas, as súas bases, resolucións de concesión e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.
Disposición adicional. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
