DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Mércores, 12 de febreiro de 2025 Páx. 11565

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 30 de xaneiro de 2025 pola que se establecen os modelos normalizados de solicitude de inclusión dunha explotación no Banco de Explotacións e de solicitude de intermediación para o acceso a unha explotación do Banco de Explotacións, consonte establece a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (códigos de procedemento MR617B e MR617C).

A Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, crea o Banco de Explotacións co obxectivo de garantir a remuda xeracional e de facilitar o contacto entre as persoas titulares de explotacións agroforestais que van cesar na súa actividade e aquelas persoas interesadas en poñerse á fronte dunha explotación.

O Banco de Explotacións, xestionado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), actuará como instrumento público de intermediación para facilitar a posta en contacto entre persoas titulares de explotacións agroforestais que, voluntaria ou forzosamente, abandonan a actividade e persoas interesadas en incorporarse a ela.

Os principios reitores na aplicación deste instrumento de mobilización serán sempre a voluntariedade, a rendibilidade e a sustentabilidade.

O artigo 17 da lei establece, para as entidades colaboradoras da Agader, que contribuirán ao cumprimento dos obxectivos da lei a través da cooperación coa Axencia, mediante a realización, entre outras, de funcións de intermediación e acompañamento.

As oficinas rurais, dependentes da consellería competente en materia de medio rural, desenvolverán as funcións previstas na lei para as entidades colaboradoras da Agader, consonte o establecido no artigo 17.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer os modelos normalizados para a presentación das seguintes solicitudes:

Solicitude de inclusión dunha explotación agroforestal no Banco de Explotacións por parte das persoas titulares de explotacións agroforestais que pretendan cesar na súa actividade, reguladas no artigo 40 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Solicitude de intermediación para o acceso a unha explotación agroforestal do Banco de Explotacións, por parte persoas interesadas no arrendamento, permuta, adquisición ou calquera outro negocio xurídico de cesión de uso ou transmisión de dereitos sobre as explotacións incluídas no Banco de Explotacións, reguladas no artigo 41 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

2. Estes modelos habilitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal e figurarán na Guía de procedementos e servizos regulada pola Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, cos seguintes códigos:

a) Solicitude de inclusión dunha explotación agroforestal no Banco de Explotacións: código MR617B.

b) Solicitude de intermediación para o acceso a unha explotación agroforestal do Banco de Explotacións: código MR617C.

Artigo 2. Persoas destinatarias

Estes modelos estarán dispoñibles para:

a) Persoas titulares de explotación que desexen pór á disposición do Banco de Explotacións a súa explotación, respecto da solicitude de inclusión da súa explotación agroforestal no Banco de Explotacións.

b) Persoas interesadas no arrendamento, permuta, adquisición ou calquera outro negocio xurídico de cesión de uso ou transmisión dunha explotación incluída no Banco de Explotacións, respecto da solicitude de intermediación para o acceso a unha explotación agroforestal do Banco de Explotacións.

Artigo 3. Forma e lugar de presentación das solicitudes. Prazo de resolución

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados (anexos I e II), dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria, persoas traballadoras autónomas, e as persoas representantes dunha das anteriores, e as persoas empregadas das administracións públicas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Prazo de presentación das solicitudes e asesoramento

1. O prazo de presentación das solicitudes estará aberto durante todo o ano.

2. En todo caso, desde as oficinas rurais, de conformidade coas funcións previstas para entidades colaboradoras como entidades colaboradoras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, informaranse e asesoraranse as persoas interesadas en presentar tanto unha solicitude de inclusión de explotación agroforestal no Banco de Explotacións como unha solicitude de intermediación para o acceso a unha explotación agroforestal do Banco de Explotacións. Estas oficinas rurais serán as unidades receptoras das solicitudes e tramitaranas ata a fase da proposta de resolución.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. No caso do procedemento MR617B, relativo á solicitude de inclusión dunha explotación agroforestal no Banco de Explotacións por parte das persoas titulares de explotación agroforestal que pretendan cesar na súa actividade, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Acreditación da persoa representante legal (se é o caso).

c) Autorización da persoa titular da explotación agroforestal (se é o caso).

2. No caso do procedemento MR617C, relativo á solicitude de intermediación para o acceso a unha explotación agroforestal do Banco de Explotacións, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Acreditación da persoa representante legal (se é o caso).

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Consulta do DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Consulta do DNI/NIE da persoa representante.

c) Consulta do NIF da entidade declarante para as persoas xurídicas.

d) Consulta do NIF da entidade representante para as persoas xurídicas.

e) Condición de titular de explotación.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Resolucións

Unha vez recibida a solicitude de inclusión dunha explotación agroforestal no Banco de Explotacións, a persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ditará a resolución mediante a cal incorporará a explotación ao Banco de Explotacións. O prazo de resolución das solicitudes será de tres meses. Se transcorre o prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file