DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Mércores, 12 de febreiro de 2025 Páx. 11563

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Resolución do 16 de xaneiro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR905A).

BDNS (Identif.): 813545.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, establezan a súa residencia na Comunidade Autónoma galega:

a) As persoas galegas e nacidas en Galicia.

b) Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nacidas en Galicia.

c) Os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración que teñen por finalidade a concesión de axudas extraordinarias de carácter social e non periódicas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que carezan dos recursos suficientes, para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento PR905A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 16 de xaneiro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR905A).

Cuarto. Importe

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de dous millóns trescentos mil euros (2.300.000 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 14.05.312C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.

2. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na dita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Neste caso, publicarase a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes comezará o oitavo día natural seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2025, incluído.

As solicitudes presentadas antes do oitavo día natural seguinte ao da súa publicación serán inadmitidas.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2025

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración