A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, prescribe no seu artigo 80.2.a) que o municipio exercerá, en todo caso, as competencias en materia de seguridade en lugares públicos nos termos da lexislación do Estado e da Comunidade Autónoma.
A Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, establece no artigo 115 que as competencias municipais, nos termos previstos pola lexislación que diten as comunidades autónomas, poderán abranguer, entre outros puntos, o feito de manter as praias e os lugares públicos de baño nas debidas condicións de limpeza, hixiene e salubridade, así como vixiar a observancia das normas e instrucións ditadas pola Administración do Estado sobre salvamento e seguridade das vidas humanas.
A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, no artigo 1.1 materializa a competencia asumida pola Comunidade Autónoma de Galicia en materia de protección civil e establece que esta lei regula o sistema integrado de protección civil e emerxencias en Galicia, dirixido a adoptar medidas preventivas que eviten situacións de risco, a actuar en caso de risco común e a protexer a integridade das persoas e os bens de titularidade pública ou privada e o ambiente de danos en situacións de emerxencia ou grave risco provocados por catástrofes, calamidades, accidentes e outras situacións ou continxencias análogas.
Por outra banda, o Decreto 119/2019, do 19 de setembro, polo que se regulan os criterios hixiénico-sanitarios das piscinas de Galicia, establece no capítulo IV o persoal e elementos de seguridade co que deben contar as piscinas de uso público en función das súas características.
O Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril) e o Decreto 136/2024, do 20 de maio (DOG núm. 101, do 27 de maio), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, determinan que esta, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, é o departamento encargado de xestionar as competencias que, en materia de protección civil, ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia.
No marco xurídico descrito, cómpre sinalar que a Xunta de Galicia ten, entre os seus obxectivos, potenciar e apoiar a prestación de servizos por parte das entidades locais. En concordancia cos principios de cooperación, interese público e responsabilidade, marcouse como obxectivo eliminar dificultades e barreiras ás entidades locais á hora de exerceren a competencia relativa á seguridade nos lugares públicos baixo a súa responsabilidade.
Non obstante, tendo en conta que o exercicio e o desenvolvemento da competencia municipal sinalada no artigo 80.2.a) da citada Lei 5/1997, do 22 de xullo, implica para as entidades locais un grande esforzo, tanto en recursos humanos como materiais, a Xunta de Galicia atopa de interese colaborar coas entidades locais de Galicia na prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e nas instalacións acuáticas descubertas da nosa comunidade autónoma, e apoiar a contratación do persoal socorrista e auxiliar que desenvolva esas funcións.
Esta orde preséntase como unha medida que permita crear un marco que potencie a seguridade dos cidadáns nos lugares de baño especialmente nas épocas de maior concorrencia de persoas, como pode ser a tempada estival. Neste sentido o Goberno da Xunta de Galicia, en concordancia cos principios de cooperación, interese público e responsabilidade, marcouse como obxectivo eliminar dificultades e barreiras ás entidades locais á hora de exerceren a competencia relativa a seguridade nos lugares públicos baixo a súa responsabilidade e, por este motivo, entende que é preciso colaborar coas entidades locais de Galicia no reforzo da contratación de persoal socorrista tanto nos espazos acuáticos naturais (praias de costa e/ou fluviais), como nas instalacións acuáticas.
Polo tanto, esta convocatoria formúlase como unha medida para fomentar o mantemento e a mellora da seguridade dos cidadáns nos lugares de baño nas épocas de maior concorrencia de persoas como é a tempada estival e, asemade, que permita crear un marco no que se lle ofreza ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitir a súa futura inserción no mercado de traballo.
Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 17 de outubro de 2024, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.
Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas, polo Decreto 44/2024, do 14 de abril, polo que se nomean os titulares das consellerías da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e definicións
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao financiamento dos gastos que realicen as entidades locais galegas para a prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e/ou instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal (código de procedemento PR460D).
2. Para os efectos destas bases reguladoras entenderase por:
a) Espazo acuático natural: as praias marítimas e fluviais, os ríos, os lagos e os encoros.
b) Instalación acuática descuberta: as piscinas convencionais, os parques acuáticos ao aire libre e as instalacións análogas dedicadas á actividade acuática.
c) Servizo de vixilancia, rescate e salvamento: o servizo prestado nos espazos acuáticos naturais e nas instalacións acuáticas descubertas por persoal de socorrismo acuático e por persoal auxiliar de información e primeiros auxilios, ben mediante xestión directa pola entidade local ou mediante un contrato de servizos.
d) Custos salariais: o importe das retribucións totais aboadas pola entidade local ao persoal e as cotizacións obrigatorias da entidade local.
Para os efectos destas subvencións non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, nin os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.
Artigo 2. Financiamento
1. Esta orde finánciase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2025, a través do crédito consignado na aplicación 05.06.212A.460.2, código do proxecto 2025 00017 dos orzamentos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, por importe total de 1.500.000 €.
2. Existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
3. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2025.
4. Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.
5. Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto no número 1 deste artigo e, xa que logo, a concesión das subvencións, queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2025 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.
Artigo 3. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as entidades locais galegas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Ter espazos acuáticos naturais inscritos na sección I do Rexistro de Augas de Baño de Galicia, adscrito ao órgano directivo competente en materia de saúde pública, ou ter instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal.
2. Ter remitida a conta xeral da entidade local, correspondente ao exercicio orzamentario de 2023, ao Consello de Contas.
Artigo 4. Gastos subvencionables
1. Considéranse subvencionables os custos salariais nos que incorra a entidade local solicitante, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2025, relativos ao persoal dedicado á prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento en instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal ou en espazos acuáticos naturais situados no ámbito territorial da entidade local.
2. Serán subvencionables os custos salariais do seguinte persoal:
a) Persoal propio da entidade local destinado aos servizos de vixilancia, rescate e salvamento nas instalacións definidas no artigo 1 destas bases na parte correspondente á realización destes servizos.
b) Persoal contratado para a prestación dos servizos, que deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupadas e estar dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de traballo vinculado a programas de políticas activas de emprego.
3. De prestar o servizo de vixilancia, rescate e salvamento unha empresa externa mediante un contrato de servizos, serán subvencionables os gastos desta contratación, na contía que corresponda exclusivamente aos custos do devandito servizo prestado entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2025. Non se subvencionarán os custos destinados á prestación doutros servizos ou funcións, aínda que formen parte do obxecto do mesmo contrato de servizos.
4. En todo caso, as persoas destinadas á prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento deberán estar inscritas, antes do inicio do período subvencionable, na sección correspondente do Rexistro Profesional do Persoal de Socorrismo, Información e Primeiros Auxilios de Galicia.
De tratarse de persoal contratado, este requisito deberá cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato.
5. De conformidade co establecido no artigo 3.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, considerarase gasto realizado cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.
6. En ningún caso o persoal do servizo de vixilancia, rescate e salvamento terá vínculo laboral nin doutro xénero coa Xunta de Galicia.
Artigo 5. Contía e intensidade da subvención
1. A contía da subvención a cada entidade local beneficiaria asignarase de forma proporcional á puntuación acadada como resultado da aplicación dos criterios de valoración establecidos no artigo 11 ata esgotar a consignación orzamentaria indicada no artigo 2 destas bases reguladoras.
2. O importe máximo da subvención inicial asignada a cada entidade local non poderá superar o 90 % do orzamento establecido na memoria á que fai referencia o artigo 7 destas bases co límite de 40.000 € por entidade beneficiaria.
3. No caso de que exista crédito suficiente para atender as solicitudes poderá incrementarse a dita porcentaxe, sen que en ningún caso o importe da subvención poida superar o orzamento das actuacións para as que se solicita a subvención.
Artigo 6. Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.
6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
7. Están incluídas no anexo I desta orde as declaracións da persoa representante da entidade para facer constar:
a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
b) Que a entidade local non estea incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.
Esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade local está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin é debedora por resolución de procedemento de reintegro, para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia.
c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso.
Artigo 7. Documentación complementaria
1. As entidades locais interesadas deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:
a) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa responsable da secretaría da entidade local solicitante, no modelo do anexo II, na cal se faga constar:
i. O acordo da entidade local polo cal se solicita a subvención para actuacións concretas que se pretenden desenvolver ao abeiro desta orde e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.
Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes e nel constará expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde.
ii. A remisión da conta xeral da entidade local ao Consello de Contas de Galicia, correspondente ao exercicio orzamentario de 2023, á cal fai referencia o artigo 3.2 desta orde.
No certificado quedará acreditado que esta remisión se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de envío ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar esta data de remisión.
b) Unha memoria do servizo que se vai realizar, asinada electronicamente polo alcalde ou pola alcaldesa, na que se detalle o persoal e o orzamento relativo aos custos de persoal de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e/ou instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal ou, de optar pola xestión indirecta do servizo, o orzamento do contrato.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Defectos na solicitude e outra documentación
1. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, que é o órgano competente para a instrución do procedemento, notificaralles ás entidades solicitantes os defectos emendables nas solicitudes e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daralles un prazo máximo e improrrogable de dez (10) días para emendaren os erros ou omisións, coa indicación de que, de non o faceren así, se considerarán desistidas da súa petición, logo da resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa consta en poder da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e non se producise desde o momento en que foi presentada ningunha variación que afecte o seu contido ou vixencia, non será necesario achegala novamente. Neste caso, a entidade solicitante indicará a data e o procedemento para os cales foron presentados ou emitidos, de ser o caso, sen prexuízo do previsto con carácter xeral no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior poderá requirir ás entidades solicitantes para achegaren cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a correcta verificación da solicitude ou para a súa tramitación e resolución.
Artigo 10. Instrución e resolución
1. Rematado o prazo para a presentación das solicitudes, revisadas estas e a súa documentación e feitas as emendas necesarias, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan a documentación preceptiva serán trasladados a unha comisión para que os valore de acordo cos criterios establecidos no artigo 11 destas bases reguladoras.
2. A Comisión de Valoración estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e dela formarán parte catro persoas funcionarias destinadas neste centro directivo, designadas por aquela. Actuará como secretaria a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil ou unha persoa funcionaria da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.
3. Unha vez que a Comisión realice a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de avaliación e repartición establecidos no artigo 11, da cal quedará constancia en acta motivada, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior elevará proposta á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, quen resolverá.
4. A resolución notificaráselles a todas as entidades interesadas segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, de conformidade co artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima aos interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.
5. Contra esta resolución, as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.
6. O prazo máximo para resolver e notificar os procedementos de subvención iniciados en virtude desta orde será de tres meses contados desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 11. Criterios de valoración
1. Para a determinación da orde de prelación e a elaboración da proposta de resolución valoraranse as solicitudes presentadas tendo en conta os seguintes criterios, ata un máximo de 100 puntos:
a) Número de zonas de baño da entidade local inscritas na sección I do Rexistro de Augas de Baño de Galicia na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Outorgarase 5 puntos por cada zona de baño, marítima ou continental, da entidade local recollida no citado rexistro, ata un máximo de 65 puntos.
b) Adhesión ao Plan específico de salvamento en praias de Galicia (Sapraga) no ano 2024. Outorgaranse 5 puntos a cada entidade local que solicitase a súa adhesión ao Plan Sapraga no ano 2024 e 0 puntos no caso de non terse adherido ou non ter solicitada a adhesión.
c) Poboación total da entidade local segundo as cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística. Outorgarase unha puntuación máxima de 10 puntos a aquelas entidades locais con menos de 50.000 habitantes e cero puntos ás demais entidades locais.
d) Número de bandeiras azuis concedidas ás praias incluídas no ámbito territorial da entidade local no ano 2024. Outorgaráselles 1 punto por cada bandeira, ata un máximo de 15 puntos.
e) Declaración de municipio turístico galego, de conformidade co establecido no Decreto 32/2015, do 19 de febreiro, polo que se regula a declaración de municipio turístico (DOG núm. 41, do 2 de marzo). Outorgaranse 5 puntos a aquelas entidades locais declaradas como municipios turísticos segundo o establecido neste decreto e cero puntos no caso de non contar con esta declaración.
2. Aplicando os criterios descritos no artigo anterior, establecerase a puntuación que lle corresponde a cada entidade local solicitante e a orde de prelación.
3. O órgano tramitador obterá de oficio todos os datos que servirán de base para a valoración.
Artigo 12. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Aceptación
1. A entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.
2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.
Artigo 14. Requisitos das personas traballadoras
1. As persoas traballadoras que se contraten para a prestación dos servizos segundo o previsto no artigo 4.2.b) e polas que se outorgue a subvención, deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupadas e estar dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de traballo vinculado a programas de políticas activas de emprego.
2. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado.
3. Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que, no momento do inicio da relación laboral, a persoa seleccionada estea inscrita na oficina de emprego como demandante non ocupada e dispoñible para o emprego e así mesmo inscrita no Rexistro Profesional do Persoal de Socorrismo, Información e Primeiros Auxilios de Galicia na sección correspondente e dispoñible para o emprego.
Artigo 15. Subcontratación
1. De acordo co previsto no artigo 27 da Lei de 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias poderán subcontratar totalmente a realización das actividades subvencionadas, sempre que se cumpran os requisitos establecidos no citado precepto legal e, en particular, o relativo ás prohibicións para concertar a execución das actividades subvencionadas.
2. A citada subcontratación non exime da obriga de xustificar a subvención nos prazos e na forma establecidos nestas bases reguladoras e, en todo caso, deberá permitir acreditar que os gastos obxecto da axuda se destinaron a realizar as actividades subvencionables conforme o artigo 4 desta orde e que o persoal que desenvolverá os traballos reúne os requisitos establecidos nestas bases reguladoras.
Artigo 16. Xustificación e pagamento
1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez que se acredite debidamente o cumprimento do obxecto para o cal foi concedida mediante a presentación da seguinte documentación:
a) Declaración responsable, no modelo do anexo V, asinada pola persoa representante da entidade local en que se faga constar:
i. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
ii. Que a entidade local non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.
Esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade beneficiaria está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro, para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia.
b) Certificación emitida e asinada pola persoa responsable da secretaría da entidade local, emitida no modelo do anexo III ou IV, segundo corresponda, na cal se faga constar:
i. O acordo de aprobación polo órgano competente da entidade local dos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, no cal conste que se cumpriu a finalidade para a que foi concedida a subvención, que inclúa o importe dos gastos con desagregación mensual da cantidade destinada a salario, importe retido a conta do IRPF e cotas da Seguridade Social, por conta do traballador e da entidade local, e cadansúa data de recoñecemento da obriga.
ii. A relación nominal de persoas traballadoras, ás que corresponden os gastos incorporados na relación anterior que deberá detallar:
• A clasificación como persoa empregada pública consonte o artigo 8 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.
• Para o persoal temporal, datas de inicio e fin do contrato, grupo de cotización, duración do contrato e porcentaxe da xornada laboral.
• Sección e data de inscrición no Rexistro profesional de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia.
iii. No caso de que o servizo de vixilancia, rescate e salvamento fose realizado mediante un contrato de servizos consignarase o nome da empresa contratista, o importe aboado pola prestación do servizo, o número de factura ou documento equivalente a data da emisión e a data de recoñecemento da obriga.
iv. Que, segundo informe da intervención municipal, se tomou razón na contabilidade, en fase de recoñecemento da obriga, dos gastos correspondentes á execución das actuacións subvencionadas.
v. De acordo co que proceda, que, segundo informe da persoa secretaria da entidade local:
• A contratación do servizo se realizou consonte a normativa de contratación do sector público.
• Na selección e contratación de efectivos seguíronse os procedementos establecidos na normativa de aplicación á selección do persoal ao servizo das administracións públicas con pleno respecto aos principios de igualdade, mérito e capacidade e consta no expediente a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos establecidos nestas bases reguladoras para a contratación das persoas traballadoras.
c) En cumprimento das obrigas de publicidade establecidas na punto 12 do artigo 18 desta orde, achegaranse fotografías, en soporte dixital, do cartel situado nos espazos e instalacións onde se preste o servizo subvencionado. A presentación das fotografías farase de xeito que permita apreciarse a colocación dos carteis nos diferentes espazos ou instalacións e a súa adecuación ao modelo do anexo VI desta orde.
2. Á vista desta documentación, o órgano competente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes expedirá unha certificación acreditativa do cumprimento pola entidade local beneficiaria, dentro dos prazos establecidos, dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras para proceder ao pagamento da subvención.
3. Cando o gasto debidamente xustificado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, mantendo constante a porcentaxe de financiamento establecida na resolución de concesión.
En ningún caso o menor custo de execución pode supoñer unha execución deficiente da actuación subvencionada e a entidade beneficiaria da subvención debe cumprir as condicións da concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.
4. A data límite para a execución das actuacións subvencionadas é o 30 de setembro de 2025 e para presentar a documentación xustificativa da subvención será o 15 de novembro de 2025.
Artigo 17. Acreditación do pagamento
1. Cada entidade local beneficiaria está obrigada a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos dos gastos correspondentes ás actuacións subvencionadas, incorporados na relación indicada no artigo 16.1.b), no prazo máximo de sesenta (60) días naturais contados a partir da data do ingreso da subvención concedida na conta bancaria da entidade local beneficiaria.
2. A efectividade dos pagamentos dos gastos de persoal xustificarase mediante a presentación dos seguintes documentos:
a) Os gastos de persoal acredítanse mediante a presentación de nóminas, documentos RNT e RLC da Seguridade Social, e copia do documento Modelo 111. Retencións e ingresos a conta, presentado na Axencia Estatal da Administración Tributaria.
b) Os pagamentos acredítanse mediante a presentación da seguinte documentación:
i. O pagamento de nóminas mediante o xustificante da transferencia bancaria á conta do perceptor, que estará debidamente identificado.
ii. O pagamento das cotas da Seguridade Social, mediante a presentación dos recibos de cargo en conta emitidos pola entidade bancaria a través da cal se realice o pagamento.
iii. Documentación xustificativa do ingreso na Axencia Tributaria das retencións e ingresos a conta do IRPF (nos supostos en que este sexa subvencionable, e certificación emitida pola secretaría municipal na que conste que o importe desa retención vai incluída nos respectivos modelos 111 ou 190 presentados como xustificación do gasto.
3. A efectividade do pagamento dos contratos de servizos acreditaranse do xeito seguinte:
a) Os gastos, mediante a presentación das facturas.
b) Os pagamentos, mediante a presentación dos xustificantes das transferencias bancarias, que estarán debidamente identificados.
4. Para o cómputo do prazo dos sesenta (60) días naturais, a entidade local presentará un certificado da intervención municipal, asinado electronicamente, en que se faga constar a data de ingreso na conta bancaria da entidade local do aboamento da subvención.
5. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da efectividade dos pagamentos realizados.
Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias
Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:
1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.
2. Aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación.
3. Satisfacer no momento do seu vencemento, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial e as cotizacións sociais que se deriven do funcionamento dos servizos subvencionados.
4. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade que fundamentou a concesión da subvención e o seu custo real, nos prazos e na forma establecidos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.
5. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar a totalidade das actuacións que integran o proxecto presentado xunto coa solicitude que fundamentou a resolución de concesión, sen prexuízo das modificacións das características do proxecto subvencionado que o órgano competente poida autorizar consonte as prescricións da normativa de aplicación.
6. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa das entidades locais e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas. Serán as entidade locais contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.
Exixirlle á empresa contratista do servizo que o seu persoal estea inscrito, antes do inicio do período subvencionable, na sección correspondente do Rexistro Profesional do Persoal de Socorrismo, Información e Primeiros Auxilios de Galicia.
7. De ser o caso, seleccionar o persoal de conformidade coa normativa de selección do persoal ao servizo das administracións públicas, especialmente a normativa de aplicación no ámbito local ou, en todo caso, baixo os principios de igualdade, mérito e capacidade; serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que dos incumprimentos puidesen derivar.
8. Comprobar que, no momento do inicio da relación laboral, a persoa seleccionada estea inscrita na oficina de emprego como demandante non ocupada e dispoñible para o emprego e inscrita no Rexistro Profesional do Persoal de Socorrismo, Información e Primeiros Auxilios de Galicia na sección correspondente.
9. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
10. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
11. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.
12. Todas as entidades beneficiarias estarán obrigadas a cumprir as obrigas de publicidade establecidas nestas bases reguladoras, que incluirán en todo caso a colocación dun cartel publicitario en todos os lugares en que se preste o servizo subvencionado, segundo o modelo que se incorpora como anexo VI a esta orde, e que deberá permanecer instalado durante todo o período subvencionable.
13. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e prestar colaboración e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
14. Proceder ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, seguindo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:
a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.
b) Incumprimento da obriga de xustificar a efectividade dos pagamentos derivados da execución do proxecto subvencionado, nos termos establecidos no artigo 17 desta orde.
c) Se o custo efectivo final da actuación resulta inferior ao importe pagado da subvención, procederá o reintegro proporcional. O eventual exceso de financiamento público calcularase tomando como referencia a proporción que a achega debe acadar respecto do custo total, de conformidade co previsto no artigo 5 destas bases reguladoras.
d) O incumprimento das normas e condicións relativas á contratación, contidas nestas bases e demais normativa de aplicación.
e) Incumprimento da obriga de dar a adecuada publicidade do cofinanciamento das actuacións, nos termos establecidos no punto 12 deste mesmo artigo e no anexo VI destas bases reguladoras, e de conformidade co previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 da dita Lei de subvencións de Galicia ou calquera outro que resulte da normativa aplicable
Artigo 19. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro
1. Sen prexuízo de calquera outra causa que derive da normativa aplicable á subvención, constitúen causas de perda do dereito ao cobramento da subvención ou, de ser o caso, de reintegro das cantidades percibidas, as seguintes:
a) Non achegar a documentación xustificativa en tempo e/ou en forma ou a súa presentación insuficiente ou incompleta con respecto aos termos exixidos nestas bases reguladoras. A falta ou insuficiente xustificación implicará que non se teñan por realizados as actuacións subvencionadas nin o gasto, polo que a perda de dereito será total.
Compréndense neste suposto a inclusión de gastos que non corresponden ao proxecto subvencionado ou aqueles xustificados con documentos que non reflicten a realidade das operacións.
b) O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención, tanto nestas bases reguladoras como na normativa xeral de subvencións. En particular, e sen prexuízo doutros supostos aplicables, consideraranse incumprimentos das condicións establecidas os seguintes:
i. Non realizar as contratacións para a prestación do servizo que fundamentou a resolución de concesión dentro dos prazos establecidos nesta orde ou non manter as contratacións durante o período de xuño a setembro de 2025. A acreditación deste punto realizarase mediante a correspondente certificación á que se refire o artigo 16.1.b).
O seu incumprimento implica unha vulneración da obriga material principal da entidade beneficiaria, polo que suporá a perda total do dereito ao cobramento da subvención. En caso de que a contratación non se manteña durante todo o período subvencionable, sempre que non sexa inferior a 3 meses, a perda do dereito será parcial e calcularase proporcionalmente.
ii. O recoñecemento da obriga dos gastos para a realización das actuacións subvencionadas fóra das datas límite fixadas no artigo 16.4 destas bases reguladoras. De acordo co principio de proporcionalidade, sempre que mediante a certificación da persoa responsable da secretaría da entidade local, emitida no modelo dos anexos III ou IV, quede acreditada a execución total das actuacións subvencionadas dentro do prazo establecido, a perda de dereito será parcial e afectará só os importes das obrigas recoñecidas con posterioridade ás devanditas datas.
iii. O incumprimento das normas e condicións relativas á contratación e aos requisitos do persoal, contidas nestas bases e demais normativa de aplicación, suporá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.
iv. O incumprimento das obrigas de publicidade establecidas nesta orde, nomeadamente a obriga de colocar os carteis en todos os espazos e instalacións en que se executen as actuacións subvencionadas ou non respectar o modelo establecido no anexo VI. A vulneración das obrigas sobre publicidade suporá a perda do dereito ao cobramento dunha cantidade equivalente ao 10 % do importe da subvención concedida.
v. Calquera outra causa que poña de manifesto que a entidade non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.
vi. O incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo de calquera outro que resulte da normativa aplicable.
2. A perda do dereito ou o reintegro serán da totalidade da subvención ou por unha cantidade parcial segundo afecten todas ou algunha das actuacións que integran a actividade subvencionada.
3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.
Artigo 20. Concorrencia de axudas e subvencións públicas
1. Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
2. Porén, o importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, coas que é compatible, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.
Artigo 21. Alteración dos modelos normalizados
1. Non se aceptará ningún modelo normalizado que as entidade locais solicitantes ou beneficiarias deban presentar segundo as prescricións destas bases reguladoras, que conteña emendas ou riscaduras.
2. Calquera observación ou aclaración que as persoas interesadas precisen engadir con respecto ao contido dos modelos normalizados realizarase nun documento á parte.
3. O incumprimento desta norma podería dar lugar á inadmisión da solicitude, á perda do dereito ao cobramento da subvención ou ao seu reintegro.
Artigo 22. Publicidade dos datos
1. Transmitirase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida por esta, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
A cesión de datos de carácter persoal que, de ser o caso, se deba efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento da entidade beneficiaria.
2. A relación de subvencións concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (https://cpapx.xunta.gal/axudas-e-subvencions).
Artigo 23. Modificación
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Estas bases habilitan para autorizar as modificacións das actuacións subvencionadas atendendo aos obxectivos e requisitos da orde e ao cumprimento da normativa de aplicación, en particular o establecido no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
A autorización para a modificación acordarase por resolución do órgano competente para a concesión destas axudas, sempre que non se cause prexuízo a terceiro.
3. Malia o anterior, e sen necesidade de instar procedemento de modificación de subvención, poderanse aceptar variacións nas partidas de gasto do proxecto subvencionado sempre que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento total, que non aumente o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características das actuacións e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.
Artigo 24. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 25. Recursos contras as bases reguladoras e a convocatoria
Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:
1. Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias
Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde, de conformidade co previsto no artigo 3 da Orde do 12 de xuño de 2024, sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería (DOG núm. 117, do 18 de xuño) en relación co previsto na disposición transitoria primeira do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril).
Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento da orde
Autorízase a persoa responsable da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións, aclaracións e interpretacións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.
Disposición derradeira terceira. Lexislación aplicable
En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da su publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
