BDNS (Identif.): 814098.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarios
As entidades locais galegas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Ter espazos acuáticos naturais inscritos na sección I do Rexistro de Augas de Baño de Galicia, adscrito ao órgano directivo competente en materia de saúde pública, ou ter instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal.
2. Ter remitida a conta xeral da entidade local, correspondente ao exercicio orzamentario de 2023, ao Consello de Contas.
Segundo. Obxecto
Establecer bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao financiamento dos gastos que realicen as entidades locais galegas para a prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e/ou instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal
Terceiro. Bases reguladoras
Orde de 27 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións a entidades locais de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas descubertas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR460D).
Cuarto. Importe
Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total dun millón cincocentos mil euros (1.500.000,00 €) con cargo á partida orzamentaria 05.06.212A.460.2 código do proxecto 2025 00017 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
