DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 14 de febreiro de 2025 Páx. 12350

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se acorda a creación de listas únicas para a cobertura, con carácter transitorio, de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de recursos naturais e forestais, especialidade capataz (subgrupo C1) (código de procedemento AP522T).

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño, con carácter transitorio, de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, incorpora a disposición transitoria segunda que contén unha habilitación para elaborar unha lista única como resultado da funcionarización. Esta disposición foi obxecto de desenvolvemento en virtude da Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 20 de xullo de 2021 (DOG núm. 145, do 30 de xullo).

Mediante a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, segundo o seu texto consolidado, créase dentro do corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a escala técnica de recursos naturais e forestais, especialidade capataz (subgrupo C1), adscrita ao subgrupo C1, co requisito de titulación de técnico na rama agraria ou na rama de recursos naturais, carné, autorización ou licenza que sexan necesarios para o manexo dos vehículos e da maquinaria.

Dadas as funcións inherentes á escala técnica de recursos naturais e forestais, especialidade capataz, segundo a dita lei resulta conveniente requirirlles ás persoas que solicitan a inclusión unha titulación académica que as habilite para realizar estas funcións.

Pola Resolución do 26 de abril de 2021 (DOG núm. 81, do 30 de abril) foi convocado o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo administrativo de Administración xeral, subgrupo C1, e do corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial, grupo B, do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes ao grupo III, do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico, entre as que figuraban as categorías 11 (encargado/a agrario/a) e 68 (oficial/a 1ª agrario, capataz agrario) e 80 (capataz de establecemento). As listas correspondentes ás ditas categorías están actualmente en xestión.

As persoas aspirantes das ditas categorías que superaron o proceso foron nomeadas como persoal funcionario de carreira segundo o establecido na Orde do 8 de agosto de 2024 (DOG núm. 164, do 27 de agosto).

Pola Resolución do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 221 do 21 de novembro) foi convocado proceso selectivo para o ingreso pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala técnica de recursos naturais e forestais, especialidade capataz. Na súa epígrafe I.2.1.2. determínase que a titulación que se require aos aspirantes é técnico/a na rama agraria ou na rama de recursos naturais e o carné, autorización ou licenza que sexan necesarios para o manexo dos vehículos e da maquinaria, e o carné de conducir tipo B.

A disposición transitoria segunda do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, habilita a elaboración dunha única lista de chamamentos unha vez rematadas as primeiras probas selectivas de acceso ao corpo, escala, especialidade, grupo, subgrupo ou agrupación profesional de persoal funcionario para incorporar o persoal laboral funcionarizado ou para dar cobertura ás prazas funcionarizadas orixinariamente clasificadas como laborais.

De conformidade co artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021 (DOG núm. 145, do 30 de xullo) poderán crearse novas listas para a cobertura transitoria de prazas de persoal funcionario naqueles supostos en que non existan listas de natureza funcionarial para dar cobertura aos postos das categorías laborais que se funcionarizan.

O artigo 8 da dita orde dispón que o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión en listas de vinculación temporal de nova creación ao abeiro do previsto no seu artigo 4 regularase polo establecido na Orde do 22 de febreiro de 2021 (código de procedemento AP522T) e no seu artigo 7 disponse que no suposto en que fose preciso presentar solicitude de admisión conforme o regulado no artigo 4, esta presentarase preferentemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado, anexo I, contido na Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) (código de procedemento AP522T), accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Por outra banda, a disposición transitoria terceira da Orde do 20 de xullo de 2021 establece que a inclusión definitiva das persoas integrantes das listas de persoal laboral de categorías funcionarizadas en listas de persoal funcionario dun corpo, escala ou especialidade declarados equivalentes ao abeiro desa orde implica o peche das correspondentes listas de contratación temporal de persoal laboral.

En consecuencia, tendo en conta o establecido no artigo 4 da Orde do 20 de xullo de 2021, da Consellería de Facenda e Administración Pública, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto

A creación, ao abeiro do establecido na Orde do 20 de xullo de 2021 (DOG núm. 145, do 30 de xullo), da lista única regulada polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48, do 9 de marzo) para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo de axudantes de carácter facultativo da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de recursos naturais e forestais, especialidade capataz (subgrupo C1).

A apertura dun prazo de presentación de solicitudes para a elaboración da lista única para a cobertura, con carácter transitorio, de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de recursos naturais e forestais, especialidade capataz (subgrupo C1), exclusivamente para as persoas integrantes das listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes, de conformidade coas equivalencias establecidas no anexo da versión consolidada do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, nas condicións establecidas na Orde da devandita consellería do 20 de xullo de 2021.

Segundo. Ámbito territorial

O ámbito territorial desta lista será cada unha das provincias da Comunidade Autónoma, debendo especificarse na instancia o/s ámbito/s obxecto de elección.

As persoas interesadas especificarán o ámbito de prestación de servizos na súa solicitude, podendo elixir ata un máximo de oito ámbitos.

Terceiro. Requisitos que deberán posuír as persoas solicitantes

Para seren admitidas nas listas, as persoas aspirantes deberán posuír, na data de presentación da solicitude, así como no momento da toma de posesión como persoal funcionario interino, os seguintes requisitos:

1. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán ser admitidos, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

3. No prazo inicial de apertura da lista, figurar admitido/a nalgunha lista das categorías profesionais laborais equivalentes que, de conformidade coas equivalencias establecidas no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, se recollen no anexo I desta resolución.

Non poderán solicitar a inclusión neste prazo inicial nas listas únicas ao abeiro desta convocatoria as persoas que figuren penalizadas o 15 de xullo de 2014 ou con anterioridade a esta data, en todas as listas en que figuren inscritas das categorías profesionais laborais equivalentes ao corpo, escala ou especialidade de persoal funcionario en que instan a inclusión.

4. Titulación académica: estar en posesión ou en condicións de obter o título de técnico en Produción Agroecolóxica, técnico en Produción Agropecuaria, técnico en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, técnico superior en Xestión Forestal e do Medio Natural, técnico en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal, técnico superior en Xestión e Organización de Empresas Agropecuarias ou equivalentes.

5. Permiso de conducir. Estar en posesión ou en condicións de obter o permiso de conducir da modalidade B.

6. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

7. Habilitación: non ter sido separado/a nin despedido/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non estar inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

8. Coñecemento da lingua galega: débese estar en posesión do título do Celga 4 ou do título equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo de 2007), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Cuarto. Solicitudes

1. O procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión en listas únicas de vinculación temporal de nova creación regularase polo establecido na Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

2. As persoas interesadas en formar parte das listas únicas deberán presentar instancia que se presentará preferentemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado contido no anexo I da Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) (código de procedemento AP522T), accesible, así mesmo, na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para a presentación electrónica das solicitudes utilizarase a aplicación FIDES e poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As instancias dirixiranse á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Consellería de Facenda e Administración Pública.

4. O prazo para a presentación de instancias será de dez días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 6.1 do Decreto 37/2006.

Quinto. Comprobación de datos

1. Para tramitar as solicitudes que se presenten no prazo de apertura inicial da lista única consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña na solicitude á súa consulta:

– Titulacións académicas.

– Permiso de condución.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos xustificativos segundo o suposto no que se atopen.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Sexto. Documentación

As persoas admitidas nas categorías laborais equivalentes que presenten solicitude no prazo de apertura inicial da lista única non terán que achegar documentación complementaria, excepto as persoas que non achegasen anteriormente a titulación requirida ou non posúan nacionalidade española, que deberán achegar, xunto coa solicitude, (anexo I da Orde do 22 de febreiro de 2021) (código de procedemento AP522T), a seguinte documentación:

– Pasaporte e/ou documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio), regulador do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros estados.

– Titulacións académicas, no caso de non autorizar a consulta.

– Permiso de condución, no caso de non autorizar a consulta.

Sétimo. Elaboración das listas únicas e publicación

1. O anuncio de exposición das listas de vinculación temporal únicas provisionais e definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario, elaboradas ao abeiro desta resolución, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Nestas listas de vinculación temporal figurarán as persoas admitidas con indicación da puntuación resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021 (DOG do 30 de xullo), e as excluídas, con expresión da causa de exclusión.

O contido destas listas poderá consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación> e no Servizo de Atención e Información á cidadanía a través do teléfono 012.

2. A Comisión Permanente prevista no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, será a encargada de elevar á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal as listas provisionais e definitivas de persoas admitidas e excluídas para a súa publicación.

Oitavo. Listas das categorías de persoal laboral

En aplicación da disposición transitoria terceira da Orde do 20 de xullo de 2021, a entrada en vigor desta lista única implica o peche das listas de contratación temporal de categorías profesionais equivalentes aos corpos, escalas e especialidades que se relacionan no anexo desta resolución.

Noveno. Recursos

Contra esta resolución, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2025

Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

ANEXO

Categorías profesionais de persoal laboral equivalentes ao corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da comunidade autónoma de galicia, escala técnica de recursos naturais e forestais, especialidade capataz (subgrupo C1)

(segundo anexo do Decreto 165/2019)

Grupo

Categoría

Denominación

III

011

Encargado/a agrario/a.

III

068

Oficial/a 1ª agrario. Capataz agrario.

III

080

Capataz de establecemento.