DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 14 de febreiro de 2025 Páx. 12340

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se acorda a creación de listas únicas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de técnicos facultativos, especialidade de educador infantil (subgrupo A2) (código de procedemento AP522T).

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, incorpora a disposición transitoria segunda que contén unha habilitación para elaborar unha lista única como resultado da funcionarización. Esta disposición foi obxecto de desenvolvemento en virtude da Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 20 de xullo de 2021 (DOG núm. 145, do 30 de xullo).

Pola Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, segundo o seu texto consolidado, créase dentro do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a escala de técnicos facultativos, especialidade de educador infantil, adscrita ao subgrupo A2, co requisito de titulación académica de grao que habilite para o exercicio da profesión de mestre de educación infantil ou título de Mestre coa especialidade de Educación Infantil.

Pola Resolución do 26 de abril de 2021 (DOG núm. 81, do 30 de abril) convocouse o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo de xestión da Administración xeral e corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Comunidade Autónoma, subgrupo A2, do persoal laboral fixo de diversas categorías pertencentes ao grupo II, do V Convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico, entre as cales figuraban as categorías 8 (director/a de gardaría infantil) e 40 (mestre/a especialista en educación infantil). As listas correspondentes ás ditas categorías están actualmente en xestión.

As persoas aspirantes das ditas categorías que superaron o proceso foron nomeadas persoal funcionario de carreira segundo a Orde do 16 de febreiro de 2024 (DOG núm. 40, do 26 de febreiro).

Así mesmo, pola Resolución do 15 de decembro de 2023 (DOG núm. 243, do 26 de decembro) convocouse o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo de xestión da Administración xeral e corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes ao grupo II, do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico, entre as cales figura a categoría 8 (director/a de gardaría infantil).

Pola Resolución do 22 de decembro de 2022 foi convocado o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, e no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, e figura no seu anexo I. Prazas convocadas persoal funcionario a escala técnica de facultativos, especialidade de educador infantil, adscrita ao corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2. No seu punto I.2.3. determinábase que a titulación que se lles requiría aos aspirantes era o título universitario de grao, e no seu anexo II concrétase o título de grao que habilite para o exercicio da profesión de mestre de educación infantil ou título de Mestre coa especialidade de Educación Infantil.

A disposición transitoria segunda do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, habilita a elaboración dunha única lista de chamamentos unha vez rematadas as primeiras probas selectivas de acceso ao corpo, escala, especialidade, grupo, subgrupo ou agrupación profesional de persoal funcionario para incorporar o persoal laboral funcionarizado ou para dar cobertura ás prazas funcionarizadas orixinariamente clasificadas como laborais.

De conformidade co artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021 (DOG núm. 145, do 30 de xullo), poderán crearse novas listas para a cobertura transitoria de prazas de persoal funcionario naqueles supostos en que non existan listas de natureza funcionarial para dar cobertura aos postos das categorías laborais que se funcionarizan.

O artigo 8 da dita orde dispón que o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión temporal de nova creación ao abeiro do previsto no artigo 4 desta orde se regulará polo establecido na Orde do 22 de febreiro de 2021 (código de procedemento AP522T), e no seu artigo 7 disponse que en suposto no que sexa preciso presentar solicitude de admisión conforme o regulado no artigo 4, esta presentarase preferentemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado, anexo I, contido na Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) (código de procedemento AP522T), accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Por outra banda, a disposición transitoria terceira da Orde do 20 de xullo de 2021 establece que a inclusión definitiva das persoas integrantes das listas de persoal laboral de categorías funcionarizadas en listas de persoal funcionario dun corpo, escala ou especialidade declarados equivalentes ao abeiro desa orde implica o peche das correspondentes listas de contratación temporal de persoal laboral.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, no relativo aos ámbitos territoriais dispoñibles nas solicitudes de inclusión para os subgrupos A1, A2, C1, C2 e grupo B establece que a persoa titular da dirección xeral competente en materia de función pública poderá, de forma excepcional, determinar nalgún corpos, escalas e especialidades ámbitos inferiores á provincia.

Dado que a relación de postos de traballo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar foi aprobada no Consello de Goberno do 27 de decembro de 2024, que está pendente unicamente de publicación, e que se prevé que a cobertura destes postos, que se encontran localizados en múltiples municipios, se realice a través das listas do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, resulta conveniente determinar como ámbito idóneo o conxunto de municipios para facilitar a aceptación dos postos por parte das persoas integrantes da lista.

En consecuencia, tendo en conta o establecido no artigo 4 da Orde do 20 de xullo de 2021, da Consellería de Facenda e Administración Pública, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto

A creación ao abeiro do establecido na Orde do 20 de xullo de 2021 (DOG núm. 145, do 30 de xullo), da lista única regulada polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG núm. 48, do 9 de marzo) para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de técnicos facultativos, especialidade de educador infantil (subgrupo A2).

A apertura dun prazo de presentación de solicitudes para a elaboración da lista única para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de técnicos facultativos, especialidade de educador infantil (subgrupo A2), exclusivamente para as persoas integrantes das listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes, de conformidade coas equivalencias establecidas no anexo da versión consolidada do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, nas condicións establecidas na Orde da dita consellería do 20 de xullo de 2021.

Segundo. Ámbito territorial

O ámbito territorial será o conxunto de municipios, segundo se especifica no anexo I desta resolución.

As persoas interesadas especificarán o ámbito de prestación dos servizos na súa solicitude e poderán elixir ata un máximo de oito ámbitos.

Terceiro. Requisitos que deberán posuír as persoas solicitantes

Para seren admitidas nas listas, as persoas aspirantes deberán posuír, na data da presentación da solicitude, así como no momento da toma de posesión como persoal funcionario interino, os seguintes requisitos:

1. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán ser admitidos, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

3. No prazo inicial de apertura da lista, figurar admitido/a nalgunha lista das categorías profesionais laborais equivalentes que, de conformidade coas equivalencias establecidas no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, se recollen no anexo II desta resolución.

Non poderán solicitar a inclusión neste prazo inicial nas listas únicas ao abeiro desta convocatoria as persoas que figuren penalizadas o 15 de xullo de 2014, ou con anterioridade a esta data, en todas as listas en que figuren inscritas das categorías profesionais laborais equivalentes ao corpo, escala ou especialidade de persoal funcionario en que instan a inclusión.

4. Titulación académica: estar en posesión ou en condicións de obter o título de grao que habilite para o exercicio da profesión de mestre de educación infantil ou título de Mestre coa especialidade de Educación Infantil.

5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

6. Habilitación: non ter sido separado/a nin despedido/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non estar inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

7. Coñecemento da lingua galega: débese estar en posesión do título do Celga 4 ou do título equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Cuarto. Solicitudes

1. O procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión en listas únicas de vinculación temporal de nova creación regularase polo establecido na Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

2. As persoas interesadas en formar parte das listas únicas deberán presentar instancia que se presentará preferentemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado contido no anexo I da Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) (código de procedemento AP522T), accesible, así mesmo, na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Para a presentación electrónica das solicitudes utilizarase a aplicación Fides e poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As instancias dirixiranse á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Consellería de Facenda e Administración Pública.

4. O prazo para a presentación de instancias será de dez días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 6.1 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Quinto. Comprobación de datos

1. Para tramitar as solicitudes que se presenten no prazo de apertura inicial da lista única consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña na solicitude á súa consulta:

– Titulacións académicas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos xustificativos segundo o suposto en que se encontren.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Sexto. Documentación

As persoas admitidas nas categorías laborais equivalentes que presenten solicitude no prazo de apertura inicial da lista única non terán que achegar documentación complementaria, excepto as persoas que non achegasen anteriormente a titulación requirida ou non posúan nacionalidade española que deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I da Orde do 22 de febreiro de 2021) (código de procedemento AP522T), a seguinte documentación:

– Pasaporte e/ou documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio), regulador do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

– Titulacións académicas, no caso de non autorizar a consulta.

Sétimo. Elaboración das listas únicas e publicación

1. O anuncio de exposición das listas de vinculación temporal únicas provisionais e definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario, elaboradas ao abeiro desta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Nestas listas de vinculación temporal figurarán as persoas admitidas con indicación da puntuación resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021 (DOG núm. 145, do 30 de xullo), e as excluídas, con expresión da causa de exclusión.

Teranse en conta na elaboración desta lista única os méritos que a persoa solicitante reúna ata o día 31 de decembro de 2023.

O contido destas listas poderá consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, https://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>, e no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012.

2. A Comisión Permanente prevista no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, será a encargada de elevar á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal as listas provisionais e definitivas de persoas admitidas e excluídas para a súa publicación.

Oitavo. Listas das categorías de persoal laboral

En aplicación da disposición transitoria terceira da Orde do 20 de xullo de 2021, a entrada en vigor desta lista única implica o peche das listas de contratación temporal de categorías profesionais equivalentes aos corpos, escalas e especialidades que se relacionan no anexo II desta resolución.

Noveno. Recursos

Contra esta resolución, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2025

Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

ANEXO I

Código

Descrición

X1501

Arzúa (Arzúa/Boimorto/Curtis/Melide/O Pino/Santiso/Sobrado/Toques/Touro/Vilasantar)

X1502

Betanzos (Betanzos/Abegondo/Aranga/Bergondo/Cesuras/Coirós/Irixoa/Miño/Oza dos Ríos/Paderne/Sada)

X1503

Carballo (Carballo/A Laracha/Cabana de Bergantiños/Coristanco/Laxe/Malpica de Bergantiños/Ponteceso)

X1504

Cee (Cee/Camariñas/Corcubión/Dumbría/Fisterra/Muxía/Vimianzo/Zas)

X1505

A Coruña (A Coruña/Arteixo/Cambre/Carral/Culleredo/Oleiros)

X1506

Ferrol (Ferrol/As Pontes de García Rodríguez/Moeche/Narón/Neda/San Sadurniño/As Somozas/Valdoviño)

X1507

Muros (Muros/Carnota/Mazaricos)

X1508

Negreira (Negreira/A Baña/Ames/Brión/Santa Comba)

X1509

Noia (Noia/A Pobra do Caramiñal/Boiro/Lousame/Outes/Porto do Son/Ribeira)

X1510

Ordes (Ordes/Cerceda/Frades/Mesía/Oroso/Tordoia/Trazo/Val do Dubra)

X1511

Ortigueira (Ortigueira/Cariño/Cedeira/Cerdido/Mañón)

X1512

Padrón (Padrón/Dodro/Rianxo/Rois/Teo)

X1513

Pontedeume (Pontedeume/A Capela/Ares/Cabanas/Fene/Monfero/Mugardos/Vilarmaior)

X1514

Santiago de Compostela (Santiago de Compostela/Boqueixón/Vedra)

X2701

Becerreá (Becerreá/As Nogais/Baralla/Cervantes/Navia de Suarna/Pedrafita do Cebreiro)

X2702

Cervo-Foz (Cervo/Foz/Alfoz/Burela/O Valadouro)

X2703

Chantada (Chantada/Antas de Ulla/Carballedo/Monterroso/Taboada)

X2704

A Fonsagrada (A Fonsagrada/Baleira/Negueira de Muñiz)

X2705

Lugo (Lugo/Begonte/Castro de Rei/Castroverde/Friol/Guitiriz/Guntín/Láncara/Meira/O Corgo/O Páramo/Outeiro de Rei/Palas de Rei/Pol/Portomarín/Rábade/Ribeira de Piquín)

X2706

Mondoñedo (Mondoñedo/A Pastoriza/Abadín/Lourenzá)

X2707

Monforte de Lemos (Monforte de Lemos/A Pobra do Brollón/Bóveda/O Saviñao/Pantón/Sober)

X2708

Quiroga (Quiroga/Folgoso do Courel/Ribas de Sil)

X2709

Ribadeo (Ribadeo/A Pontenova/Barreiros/Riotorto/Trabada)

X2710

Sarria (Sarria/O Incio/Paradela/Samos/Triacastela)

X2711

Vilalba (Vilalba/Cospeito/Muras/Xermade)

X2712

Viveiro (Viveiro/O Vicedo/Ourol/Xove)

X3201

Allariz (Allariz/Baños de Molgas/Maceda/Xunqueira de Ambía/Xunqueira de Espadanedo)

X3202

Bande (Bande/Entrimo/Lobeira/Lobios/Muíños/Padrenda/Verea)

X3203

O Barco de Valdeorras (O Barco de Valdeorras/A Rúa/A Veiga/Carballeda de Valdeorras/Larouco/Petín/Rubiá/Vilamartín de Valdeorras)

X3204

O Carballiño (O Carballiño/Beariz/Boborás/Maside/O Irixo/Piñor/Punxín/San Amaro/San Cristovo de Cea)

X3205

Celanova (Celanova/A Bola/A Merca/Cartelle/Cortegada/Gomesende/Pontedeva/Quintela de Leirado/Ramirás)

X3206

Ourense (Ourense/A Peroxa/Amoeiro/Barbadás/Coles/Esgos/Nogueira de Ramuín/O Pereiro de Aguiar/Paderne de Allariz/Parada de Sil/San Cibrao das Viñas/Taboadela/Toén/Vilamarín)

X3207

A Pobra de Trives (A Pobra de Trives/A Teixeira/Castro Caldelas/Chandrexa de Queixa/Manzaneda/Montederramo/San Xoán de Río)

X3208

Ribadavia (Ribadavia/A Arnoia/Avión/Beade/Carballeda de Avia/Castrelo de Miño/Cenlle/Leiro/Melón)

X3209

Verín (Verín/Castrelo do Val/Cualedro/Laza/Monterrei/Oímbra/Riós/Vilardevós)

X3210

Viana do Bolo (Viana do Bolo/A Gudiña/A Mezquita/O Bolo/Vilariño de Conso)

X3211

Xinzo de Limia (Xinzo de Limia/Baltar/Calvos de Randín/Os Blancos/Porqueira/Rairiz de Veiga/Sandiás/Sarreaus/Trasmiras/Vilar de Barrio/Vilar de Santos)

X3601

Caldas de Reis (Caldas de Reis/Barro/Campo Lameiro/Cuntis/Moraña/Pontecesures/Portas/Valga)

X3602

A Cañiza (A Cañiza/Arbo/Crecente/Covelo)

X3603

A Estrada (A Estrada/Forcarei/Silleda)

X3604

Lalín (Lalín/Agolada/Dozón/Rodeiro/Vila de Cruces)

X3605

Ponteareas (Ponteareas/As Neves/Mondariz/Mondariz-Balneario/Salvaterra de Miño)

X3606

Pontevedra (Pontevedra/A Lama/Bueu/Cerdedo/Cotobade/Marín/Meaño/O Grove/Poio/Ponte Caldelas/Sanxenxo/Vilaboa)

X3607

Redondela (Redondela/Fornelos de Montes/Pazos de Borbén/Soutomaior)

X3608

Tui (Tui/A Guarda/O Rosal/Oia/Salceda de Caselas/Tomiño)

X3609

Vigo (Vigo/Baiona/Cangas/Gondomar/Moaña/Mos/Nigrán/O Porriño)

X3610

Vilagarcía de Arousa (Vilagarcía de Arousa/A Illa de Arousa/Cambados/Catoira/Meis/Ribadumia/Vilanova de Arousa)

ANEXO II

Categorías de persoal laboral equivalentes ao corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de técnicos facultativos, especialidade de educador infantil (subgrupo A2)

(segundo o anexo do Decreto 165/2019)

Grupo

Categoría

Denominación

II

008

Director/a de gardaría infantil

II

040

Mestre/a especialista en educación infantil