DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 14 de febreiro de 2025 Páx. 12336

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fai pública a relación de persoas excluídas con carácter provisional das listas únicas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinados corpos, escalas ou especialidades, resultantes da transformación de oficio de listas das categorías profesionais laborais equivalentes, ao abeiro do establecido no artigo 4.2 da Orde do 20 de xullo de 2021.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, incorpora a disposición transitoria segunda, que contén unha habilitación para elaborar unha lista única como resultado da funcionarización e, no caso de ser necesario, establece que a Comisión Permanente elaborará unha única lista con anterioridade á finalización dos procesos de funcionarización.

Esta disposición foi desenvolvida pola Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 20 de xullo de 2021 (DOG do 30 de xullo).

Pola Orde do 8 de agosto de 2024 (DOG núm. 164, do 27 de agosto) foi regulado o procedemento para o nomeamento como persoal funcionario de carreira do persoal laboral fixo de determinadas categorías profesionais do grupo III de persoal laboral que superou o proceso de funcionarización convocado pola Resolución do 26 de abril de 2021 (DOG núm. 81, do 30 de abril) e de determinadas categorías profesionais do grupo IV e V de persoal laboral que superou o proceso de funcionarización convocado pola Resolución do 12 de maio de 2021 (DOG núm. 94, do 21 de maio). Entre estas categorías de persoal laboral atopábanse a categoría 90 (animador/a sociocultural) do grupo III de persoal laboral e as categorías 35 (auxiliar de arquivos e bibliotecas) e 36 (auxiliar de museos) do grupo IV de persoal laboral.

Por outra banda, pola Resolución do 8 de agosto de 2024 (DOG núm. 160, do 21 de agosto), publicouse o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5 de agosto de 2024, polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización de postos de traballo de persoal laboral da Xunta de Galicia e clasificación no corpo administrativo da Administración xeral (subgrupo C1), corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial (grupo B) e no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial (subgrupo C1); no corpo auxiliar da Administración xeral (subgrupo C2) e no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial (subgrupo C2), da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Estes postos de persoal laboral modificados pertencían, entre outras, á categoría 90 (animador/a sociocultural) do grupo III de persoal laboral e ás categorías 35 (auxiliar de arquivos e bibliotecas) e 36 (auxiliar de museos), e tamén á categoría 4 (auxiliar fogar, coidador/a auxiliar, auxiliar coidador/a, auxiliar de internado) do grupo IV de persoal laboral.

Así mesmo, na Resolución do 27 de decembro de 2024 (DOG núm. 250, do 30 de decembro) ordénase a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de decembro de 2024, polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia e clasificación no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial (subgrupo C1) e no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial (subgrupo C2) da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Estes postos de persoal laboral modificados pertencían á categoría 63 (oficial/a 1ª condutor/a, condutores/as 1ª, condutores/as de altos cargos, condutor/a mecánico/a) do grupo III de persoal laboral e á categoría 16 (condutor/a) do grupo IV de persoal laboral.

De conformidade co artigo 4.2 da Orde do 20 de xullo de 2021, cando sexa necesario crear novas listas de natureza funcionarial para cuxa inclusión se requira a mesma titulación xenérica ou específica que a exixida para o acceso ás listas da categoría profesional laboral funcionarizada declarada equivalente, a Administración poderá transformar de oficio as listas da categoría laboral correspondente en listas de persoal funcionario do corpo, escala ou especialidade declarada equivalente.

Ao abeiro do establecido nos artigos 3 e 4.3 da Orde do 20 de xullo de 2021, as persoas integrantes das listas para a cobertura temporal de prazas de persoal laboral de categorías profesionais laborais equivalentes, de conformidade coas equivalencias establecidas no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, serán admitidas nas listas únicas, sempre que cumpran os requisitos legais exixidos para o acceso ao correspondente corpo, escala ou especialidade de persoal funcionario en que se clasifica a categoría profesional laboral que se funcionariza, nos termos establecidos no artigo 8 do Decreto 37/2006, en concordancia coa súa disposición transitoria segunda. Deste xeito, a Administración comprobará que nas persoas integrantes das novas listas de natureza funcionarial concorren os requisitos legais exixidos para seren admitidas nelas.

Para realizar a transformación de oficio de determinadas listas de categorías profesionais laborais en listas de persoal funcionario do corpo, escala ou especialidade declaradas equivalentes, cómpre comprobar que nas persoas integrantes destas novas listas concorren os requisitos legais exixidos para seren admitidas nelas.

Examinadas as devanditas listas únicas, compróbase que integrantes das listas de categorías profesionais laborais non cumpren os requisitos exixidos para seren admitidos en listas de persoal funcionario do corpo, escala ou especialidade declaradas equivalentes.

Consecuentemente con todo o anterior, informada a Comisión Permanente regulada no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, e de conformidade co establecido no artigo 10 da Orde do 20 de xullo de 2021, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Facer pública a relación provisional de persoas excluídas nas listas únicas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades que se relacionan no anexo I desta resolución, resultantes da transformación de oficio das listas das categorías profesionais laborais equivalentes.

Segundo. A relación provisional de persoas excluídas poderá consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, https://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe <Listas de contratación> e no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012.

Na relación figura a seguinte información:

– Persoas excluídas con expresión da causa de exclusión.

Nesta relación provisional figuran exclusivamente as persoas admitidas nas listas de categorías profesionais laborais que non cumpren os requisitos legais exixidos para seren admitidas nas listas únicas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades declaradas equivalentes, que non resultasen penalizadas o 15 de xullo de 2014 ou con anterioridade a esta data.

Terceiro. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Consellería de Facenda e Administración Pública, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

Xunto coas ditas reclamacións achegarase, de ser o caso:

– Documentación necesaria para emendar a causa de exclusión. En concreto, as persoas que figuren excluídas por non teren a nacionalidade española deberán achegar, ademais do DNI ou NIE, se é o caso, o pasaporte e/ou documentación acreditativa de cumpriren calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, reguladora do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

No suposto de que algunha das persoas solicitantes provisionalmente excluída non presente a documentación necesaria para emendar a causa de exclusión, quedará definitivamente excluída.

Cuarto. Unha vez transcorrido o prazo para formular alegacións, levaranse a efecto as emendas procedentes e publicaranse as listas definitivas no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2025

Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

ANEXO I

Corpos e escalas (persoal funcionario)

Subgrupo

Corpo/escala

Denominación

C1

20D5

Corpo de técnicos de carácter facultativo, escala de axentes técnicos facultativos, especialidade animación sociocultural

C1

209H

Corpo de axudantes de carácter facultativo, escala técnica de condución

C2

207Y

Corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar de coidadores

C2

208Q

Corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar de condución

C2

209M

Corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade arquivos e bibliotecas

C2

209N

Corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade museos