A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.
O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento, a modernización e o desenvolvemento do comercio e a programación e a xestión de axudas destinadas a estes fins.
O comercio retallista é un sector en constante evolución que ten que adaptarse á realidade actual e dar resposta aos novos hábitos de compra das persoas consumidoras.
Por unha banda, a modernización da actividade comercial e artesanal é fundamental para incrementar a competitividade do sector, ofrecendo produtos de calidade e deseños únicos e personalizados que melloren a experiencia de compra da clientela e contribúan a afianzar o recoñecemento dos establecementos comerciais retallistas e o seu posicionamento no mercado.
Por outra banda, a dixitalización e a innovación son retos ineludibles para o sector comercial galego.
Na actualidade, a inflación está a producir graves consecuencias económicas, tales como o incremento xeneralizado dos prezos e o conseguinte descenso do consumo. Esta situación está a influír dun xeito indubidable na actividade económica e no comportamento dos/das consumidores/as, e afecta de forma moi significativa a actividade comercial e, en xeral, a economía das persoas consumidoras.
Os comercios retallistas e os obradoiros artesáns teñen que adecuarse á nova realidade e introducir novas tecnoloxías dirixidas a transformar dixitalmente os seus negocios dunha forma progresiva e coherente coas necesidades do sector.
Por último, tamén é fundamental promover no sector comercial e artesanal a sustentabilidade ambiental e a eficiencia de recursos a través do desenvolvemento de novos conceptos, o emprego de materiais con menor impacto, a eliminación de materiais plásticos e envases e a redución do consumo de recursos naturais, repercutindo na competitividade de todos os sectores e concienciando tanto as persoas comerciantes como as consumidoras.
Con estes obxectivos, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pon en marcha esta orde de axudas para impulsar a innovación e a sustentabilidade do comercio local e artesanal.
O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021- 2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan de investigación e innovación de Galicia 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.
A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos cales articula os instrumentos e actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.
Neste contexto, o segundo reto da RIS3 impulsa o aumento da intensidade tecnolóxica e a innovación nos procesos produtivos a través de tecnoloxías facilitadoras. En relación con este reto, dúas prioridades son a sustentabilidade e a dixitalización das cadeas de valor, non só na xeración de novos produtos, senón tamén na mellora dos procesos. Nesta liña, a RIS3 impulsa a mellora das vías de comercialización.
Os instrumentos, os apoios e as actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden ser horizontais en relación cos retos e prioridades, pero tamén poden dirixirse a prioridades e ámbitos de priorización concretos, debido á existencia de características ou necesidades diferenciadas dos axentes, cadeas de valor e mercados relacionados con cada un deles, ou polo tipo de fondo que as financia. O obxectivo estratéxico 2 busca incrementar o número de empresas innovadoras, facilitando en especial que as máis pequenas incorporen a innovación nas diferentes etapas do seu proceso produtivo.
En consecuencia, esta convocatoria enmárcase na RIS3 e responde ao reto 2, a través das prioridades 1 (sustentabilidade) e 2 (dixitalización). Ten como obxectivo estratéxico incrementar o número de empresas innovadoras (obxectivo estratéxico 2), e intégrase, polo tanto, no programa Innova e Emprende.
Todo iso faise no marco da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como consonte a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na medida en que sexa aplicable, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal (código de procedemento CO300C).
Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2025.
2. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
3. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 3.900.000,00 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, que será imputado da seguinte forma:
|
Aplicación orzamentaria |
Código proxecto |
Importe |
|
14.06.751A.770.1 |
2015 00254 |
2.900.000,00 € |
|
14.06.751A.770.1 |
2024 00033 |
1.000.000,00 € |
4. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
Artigo 2. Solicitudes
Para poder ser unha persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha única solicitude dirixida á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo V desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.
Artigo 3. Lugar e prazo de presentación
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día 26 de febreiro de 2025. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión
Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a catro meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 5. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 6. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuadas electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Información ás persoas interesadas
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300C, poderase obter información a través dos seguintes medios:
1. Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal
2. Na páxina web oficial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración http://ceei.xunta.gal/portada, na súa epígrafe de axudas.
3. Nos teléfonos 981 54 55 99 e 981 54 54 19 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
4. No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal
Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).
5. De acordo co establecido no artigo 14, alínea ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Artigo 9. Recursos
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.
Disposición adicional segunda. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, para resolver a concesión ou denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de perda de dereito ao cobramento e de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da Consellería.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia
non competitiva, de subvencións para o impulso da innovación
e sustentabilidade do comercio local e artesanal e convocatoria
para o ano 2025 (código de procedemento CO300C)
Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (300.000,00 € nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).
De conformidade coa antedita normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 300.000,00 € durante calquera período de tres anos. O concepto de única empresa inclúe todas as empresas que teñan, polo menos, un dos seguintes vínculos entre si:
a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto de accionistas ou socios doutra empresa.
b) Unha empresa ten dereito a nomear ou remover a maioría dos membros da administración, dirección ou control doutra empresa.
c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa.
d) Una empresa, accionista ou asociada a outra, controla en solitario, en virtude dun acordo subscrito con outros accionistas ou socios destes últimos, a maioría dos dereitos de voto das súas accionistas.
As empresas que manteñan algunha das relacións previstas nas alíneas a) a d) a través doutra ou doutras empresas tamén terán a consideración de empresa única.
3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.
En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de decembro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, pola incidencia que nos sectores do comercio e da artesanía teñen tanto o período de rebaixas de inverno como a campaña de Nadal, que son para moitos establecementos o momento idóneo para o lanzamento de novas propostas comerciais, en establecementos e a través da canle dixital.
Artigo 2. Financiamento e concorrencia
1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 3.900.000,00 € financiado con cargo á aplicación orzamentaria 14.06.751A.770.1, proxectos de gasto 2015/00254 e 2024/00033, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
2. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.
3. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra da mesma ou distinta consellería, para os mesmos conceptos subvencionables e mesma persoa beneficiaria.
En todo caso, estas axudas son incompatibles coas axudas do programa Bono enerxía peme (IN417Z) para a mesma categoría de actuacións subvencionables.
4. A natureza destas subvencións xustifica realizar pagamentos anticipados que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes a elas de ata un 50 % da subvención concedida, nos termos establecidos no artigo 7 destas bases reguladoras.
Artigo 3. Persoas e entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:
1. Comerciantes retallistas:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.
b) Que, tendo a condición de peme conforme o establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE nº 187, do 26 de xuño), teñan un número de persoas empregadas igual ou inferior a vinte (20), incluídas as persoas en situación de autoemprego.
Para a consideración de peme observarase o disposto na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE nº L 124/36, do 20 de maio), establecendo para estes efectos que:
|
Categoría de empresa |
Persoal: unidades de traballo anual |
Volume de negocio |
Balance xeral anual (€) |
|
Micro |
<10 |
≤2 millóns |
≤2 millóns |
|
Pequena |
<50 |
≤10 millóns |
≤10 millóns |
c) Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III, e que esta constitúa a actividade para a cal vai dirixida a subvención.
No caso de que a actividade subvencionable se corresponda cunha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberá estar dado de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.
No suposto de que nun mesmo establecemento comercial se realicen actividades comerciais subvencionables con outras actividades comerciais ou servizos non subvencionables, a persoa solicitante deberá acreditar fidedignamente que a actividade principal está incluída nas epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III. En todo caso, a actividade principal do establecemento deberá realizarse de forma notoria e inequívoca.
d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.
2. Obradoiros artesáns:
Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, poderán solicitar a inscrición no dito rexistro ata o último día do prazo establecido para a presentación de solicitudes.
3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (CE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26.6.2014, L 187/1) nin as persoas que resultasen beneficiarias no ano 2024 da orde de axudas CO300C para a mesma actuación subvencionable, agás no caso dos obradoiros artesáns e nos supostos en que pola natureza da actuación non sexa susceptible a súa conservación nos termos establecidos no artigo 15.6 destas bases reguladoras.
Artigo 4. Actuacións subvencionables
1. Liña de dixitalización e innovación comercial.
Consideraranse subvencionables as seguintes actuacións dirixidas á dixitalización do contorno comercial omnicanle e á transformación dixital do punto de venda e o modelo de negocio:
– Implantación ou mantemento de páxina web con ou sen venda en liña. A páxina web deberá cumprir os requisitos que figuran no anexo IV.
– Hardware (sistema TPV ou tableta), impresora de código de barras térmica 1D/2D e báscula dixital.
– Software de xestión adaptado á actividade comercial desenvolvida (programas de xestión comercial, de xestión loxística do e-commerce, de factura electrónica, de pagamento, de control de stocks, tecnoloxía RFID, etc.).
– Ferramentas de posicionamento dixital (SEO, SEM, ADS).
– Loxística e-commerce, entendéndose como o servizo de transporte para envíos en liña, que deberá cumprir os requisitos que figuran no anexo IV.
– Xestor de redes sociais, que deberá cumprir os requisitos que figuran no anexo IV, e imaxe dixital.
– Etiquetaxe electrónica para lineais de venda.
– Sistemas de click and collect e lockers dixitais.
– Terminais de autopagamento para a clientela (self check out).
– Solucións de ciberseguridade.
– Asistentes virtuais e sistemas dixitais interactivos (chatbots).
– Aplicacións para dispositivos móbiles (m-commerce).
– Aplicacións de realidade virtual e aumentada.
– Pantallas e escaparates virtuais con ou sen interacción coa clientela.
A porcentaxe da subvención será o 80 % dos seguintes investimentos máximos subvencionables (IVE excluído):
|
Actuación subvencionable |
Investimento máximo subvencionable |
|
Implantación ou mantemento de páxina web con ou sen venda en liña |
1.200,00 € |
|
Hardware (sistema TPV ou tableta), impresora de código de barras térmica 1D/2D e báscula dixital |
1.200,00 € |
|
Software de xestión adaptado á actividade comercial desenvolvida |
8.000,00 € |
|
Ferramentas de posicionamento dixital (SEO, SEM, ADS) |
2.500,00 € |
|
Loxística e-commerce |
900,00 € |
|
Xestor de redes sociais e imaxe dixital |
1.500,00 € |
|
Etiquetaxe electrónica para lineais de venda |
5.100,00 € |
|
Sistemas de click and collect e lockers dixitais |
4.250,00 € |
|
Terminais de autopagamento para a clientela (self check out) |
4.250,00 € |
|
Solucións de ciberseguridade |
1.700,00 € |
|
Asistentes virtuais e sistemas dixitais interactivos (chatbots) |
850,00 € |
|
Aplicacións para dispositivos móbiles (m-commerce) |
2.550,00 € |
|
Aplicacións de realidade virtual e aumentada |
2.550,00 € |
|
Pantallas e escaparates virtuais con ou sen interacción coa clientela |
7.200,00 € |
|
Total |
43.750,00 € |
2. Liña de modernización comercial.
Consideraranse subvencionables as seguintes actuacións dirixidas á mellora da imaxe, á eficiencia do local e dos recursos e á calidade do produto final:
– Obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda do establecemento comercial, adquisición de moblaxe auxiliar destinada á mellora da imaxe comercial e adquisición de mobaxe expositivo de produtos que sexa necesario para o desenvolvemento da actividade comercial e de uso exclusivo na superficie de exposición e venda.
– Custos dos servizos profesionais de elaboración e redacción do proxecto de interiorismo e decoración do establecemento comercial.
– Portas automáticas con sensores de proximidade.
– Sistemas de iluminación enerxeticamente eficientes e sensores de presenza para a regulación automática de luces.
– Sistemas de climatización enerxeticamente eficientes.
– Actuacións de mellora da fachada e de illamento térmico e acústico e colocación de toldos e rótulos do establecemento comercial.
– Adquisición, en réxime de propiedade, de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal que deberán ser en todo caso de primeiro uso; en concreto, maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar, de fabricación externa cualificada, directamente relacionada coa actividade comercial ou artesanal, así como outra maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar, de fabricación externa cualificada, directamente relacionada coa actividade comercial que melloren o deseño e a calidade do produto final.
A porcentaxe da subvención será o 80 % dos seguintes investimentos máximos subvencionables (IVE excluído):
|
Actuación subvencionable |
Investimento máximo subvencionable |
|
Obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda do establecemento comercial, adquisición de moblaxe auxiliar destinada á mellora da imaxe comercial e adquisición de moblaxe expositivo de produtos |
5.250,00 € |
|
Servizos profesionais de elaboración e redacción do proxecto de interiorismo e decoración |
2.000,00 € |
|
Portas automáticas con sensores de proximidade |
2.000,00 € |
|
Sistemas de iluminación enerxeticamente eficientes e sensores de presenza para a regulación automática de luces |
2.000,00 € |
|
Sistemas de climatización enerxeticamente eficientes |
5.000,00 € |
|
Actuacións de mellora da fachada e illamento térmico e acústico e colocación de toldos e rótulos do establecemento comercial |
2.000,00 € |
|
Adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal |
6.000,00 € |
|
Total |
24.250,00 € |
3. Liña de sustentabilidade ambiental.
Consideraranse subvencionables as seguintes actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño e forma á dimensión e formato dos produtos:
– Caixas de cartón 100 % reciclado.
– Sobres de cartón ou papel 100 % reciclado.
– Papel vexetal.
– Recheos para embalaxe (recheos vexetais e proteccións acolchadas de papel 100 % reciclado).
– Bolsas de papel 100 % reciclado.
– Bolsas de tea de algodón 100 %.
– Bolsas de tea de liño 100 %.
– Bolsas de tea de cánabo 100 %.
A porcentaxe da subvención será o 80 % do investimento máximo subvencionable de 2.500,00 € (IVE excluído).
Artigo 5. Gastos non subvencionables
Non se considerarán subvencionables os seguintes gastos:
a) O imposto sobre o valor engadido (IVE).
b) A adquisición de ordenadores, dispositivos móbiles, televisores, reprodutores de son e imaxe, cámaras fotográficas e terminais ou lectores de TPV, agás os establecidos no artigo 4.1 destas bases reguladoras.
c) A adquisición de maquinaria propia de procesos industriais, no caso de artesáns, e adquisición de maquinaria e instrumentos propios de servizos profesionais.
d) A adquisición ou arrendamento de maquinaria e equipamento necesario para o desenvolvemento das obras.
e) A adquisición de materia prima da actividade artesanal.
f) A adquisición de materiais destinados á realización con medios propios de obras e instalacións.
g) O enxoval e obxectos de decoración e material non inventariable e cunha vida útil previsible inferior a un ano.
h) As obras de mellora e acondicionamento en almacéns ou en espazos non destinados á exposición e venda.
i) As actuacións de reparación, reposición ou mera conservación do establecemento, así como a adquisición de recambios e pezas.
j) As taxas, licenzas, visados e autorizacións relativas ás obras.
k) O mantemento e instalación de sistemas de alarma e seguridade.
l) A adquisición de elementos que coincidan cos propios da actividade comercial da empresa, susceptibles de venda posterior.
m) Os traballos realizados pola propia persoa solicitante da subvención nin aquelas actuacións cando o/a vendedor/a dos activos ou o/a prestador/a da actividade sexa da propia empresa solicitante ou se dese un suposto análogo do cal puidese derivar autofacturación.
n) Os gastos realizados en establecementos dedicados exclusivamente ás máquinas de venda automática.
o) Os inmobles ou artigos de exposición e de proba susceptibles de posterior venda ao público e a instalación de expositores de carácter temporal.
p) Os proxectos cuxo investimento non se axuste ao volume de negocio anual e ás necesidades da persoa solicitante.
q) Os gastos dedicados a actividades que non constitúan a actividade principal subvencionable da persoa solicitante.
r) Os custos de adquisición de investimentos ou os gastos subvencionables superiores ao valor de mercado.
s) As bolsas e demais elementos de plástico ou derivados do plástico.
t) As actuacións cuxo investimento sexa inferior a 1.000,00 €.
u) Calquera outro investimento que non estea directamente vinculado coa realización da actuación subvencionable.
Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
Artigo 6. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo V, a seguinte documentación:
a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.
b) Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración da persoa representante legal da persoa solicitante ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.
c) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: deberán constar expresamente (anexo VI) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. Deberá nomearse unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas. De non cumprir co asinado na declaración responsable, iniciarase o expediente de reintegro da subvención concedida de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Informe emitido pola Seguridade Social de todos os códigos de conta de cotización da persoa solicitante en que figure o número de persoas traballadoras con posterioridade á data de publicación desta orde no DOG ou acreditación de non estar inscrito/a.
e) Memoria descritiva do proxecto (anexo VII), que deberá incluír:
– Liña de dixitalización e innovación comercial:
Unha descrición da actividade comercial e artesanal que se desenvolve no establecemento comercial con indicación detallada de cada unha das actuacións concretas para as cales se solicita a subvención.
O grao de dixitalización existente na empresa no momento da solicitude: páxina web implantada, de ser o caso, ferramentas de márketing utilizadas e redes sociais dispoñibles.
Os obxectivos e a valoración económica das actuacións que se pretenden executar cun orzamento desagregado en que se detallen de forma separada os conceptos e custos obxecto da axuda.
A planificación temporal estimativa da realización das actuacións.
No caso de pantallas e escaparates virtuais con ou sen interacción coa clientela, unha descrición dos contidos e da planificación da súa emisión, así como o software para a dita emisión.
– Liña de modernización comercial:
Unha descrición da actividade comercial e artesanal que se desenvolve no establecemento comercial con indicación detallada de cada unha das actuacións concretas para as cales se solicita a subvención.
Os obxectivos e a valoración económica das actuacións que se pretenden executar cun orzamento desagregado en que se detallen de forma separada os conceptos e custos obxecto da axuda.
A planificación temporal estimativa da realización das actuacións.
No caso de obras, fotografías e, se é o caso, o plano onde se mostre o estado e imaxe do local antes da realización da obra.
No caso de instalación de equipamentos de eficiencia enerxética, características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica onde se inclúan os datos da produtividade do equipamento e do seu consumo e rendemento enerxético).
No caso de substitución de portas automáticas e sistemas de iluminación e climatización, fotografías das instalacións actuais e dos equipamentos.
No caso de equipamentos da actividade comercial e artesanal, etiquetaxe que acredite unha cualificación enerxética B ou superior, cando así o requiran.
– Liña de sustentabilidade ambiental:
Unha descrición da actividade comercial e artesanal que se desenvolve no establecemento comercial con indicación detallada de cada unha das actuacións concretas para as cales se solicita a subvención.
Os obxectivos e a valoración económica das actuacións que se pretenden executar cun orzamento desagregado en que se detallen de forma separada os conceptos e custos obxecto da axuda.
f) Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola persoa solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non estean desagregados polos conceptos das actuacións subvencionables.
As facturas, facturas pro forma ou orzamentos referidos ás ferramentas de posicionamento dixital deberán estar emitidas polos provedores que presten os referidos servizos ou, se é o caso, desagregar as actuacións, o custo e os fitos/obxectivos que hai que cumprir.
As facturas, facturas pro forma ou orzamentos referidos á loxística e-commerce ou xestión de redes sociais deberán indicar o período en que efectivamente se presta o servizo.
As facturas, facturas pro forma ou orzamentos referidos á liña de sustentabilidade ambiental deberán indicar expresamente a composición e características do material empregado de cada un dos investimentos solicitados coa súa descrición técnica (porcentaxe de reciclaxe, condicións de sustentabilidade, orixe orgánica etc.), que deberá estar garantido por unha certificación, etiqueta verificable ou declaración responsable da empresa provedora.
As facturas, facturas pro forma ou orzamentos deberán estar emitidos por provedores que presten os referidos servizos como actividade principal. Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores cuxo obxecto social non se corresponda coa actividade subvencionable ou que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo a contraer o compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de persoas ou entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección dos provedores cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 7. Pagamento anticipado
1. A persoa solicitante poderá solicitar, no prazo de dez días hábiles desde a notificación da concesión da subvención, o pagamento anticipado, que supoñerá entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000,00 €, nos termos previstos a continuación.
2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.
3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.
4. Unicamente serán admisibles as garantías presentadas por terceiros cando o fiador preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.
5. O avalista ou asegurador será considerado parte interesada nos procedementos que afecten directamente a garantía prestada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
6. As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nos departamentos territoriais da consellería competente en materia de facenda.
7. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude de anticipo, anexo X, a declaración doutras axudas, anexo VIII, debidamente asinadas, e no caso de que a subvención concedida sexa superior a 18.000,00 €, deberán achegar, ademais, o xustificante acreditativo da constitución de garantía expedido pola Caixa Xeral de Depósitos.
A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.
En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a beneficiarios cando se solicitase a declaración de concurso, fosen declarados insolventes en calquera procedemento ou se atopen declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estean suxeitos a intervención xudicial ou sexan inhabilitados conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI ou NIE da persoa representante.
d) NIF da entidade representante.
e) Imposto de actividades económicas.
f) Certificado de renda.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT para subvencións e axudas.
h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
i) Certificado de estar ao día no pagamento coa Comunidade Autónoma de Galicia para percibir axudas e subvencións.
j) Consulta de concesións de subvenciones e axudas.
k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
l) Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos pertinentes. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa solicitante ou persoa representante para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 9. Órganos competentes
A Subdirección Xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución, e correspóndelle á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.
Artigo 10. Instrución dos procedementos
1. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva, xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as entidades solicitantes. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todas aquelas entidades beneficiarias que cumpran cos requisitos.
2. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase a persoa interesada para que, no prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8 destas bases reguladoras resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, o órgano instrutor poderá realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de desestimación, na cal se indicarán as causas desta.
En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 3 da orde de convocatoria.
Artigo 11. Resolución e notificación
1. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución que será elevada á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
2. A persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, á vista da proposta formulada polo órgano instrutor, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, as causas da desestimación ou inadmisión.
Na resolución indicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto da subvención, e o seu carácter de axuda de minimis en aplicación do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).
En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.
3. A resolución será notificada individualmente ás persoas beneficiarias de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.
4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de catro meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 12. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.
b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.
Artigo 13. Modificación da resolución
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, cumpríndose, en todo caso, os seguintes requisitos:
1º. Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.
2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.
3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.
3. A persoa ou entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás persoas interesadas.
Artigo 14. Renuncia
A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.
Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias
Son obrigas da persoa beneficiaria:
1º. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
2º. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.
3º. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, ou a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
4º. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 destas bases reguladoras. Así mesmo, comunicarase a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.
5º. Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6º. Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de dous anos desde a súa concesión, agás nos casos en que, pola súa natureza, as actuacións se esgoten co seu uso.
7º. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso. Manter un sistema de contabilidade separada, de orixe e aplicación de fondos ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas co proxecto ou actividade subvencionada.
8º. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da devandita lei.
9º. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
10º. Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da dita lei, e no artigo 16 destas bases reguladoras.
11º. Evitar en todas as actuacións subvencionadas calquera imaxe discriminatoria da muller, fomentando a igualdade, así como evitar o uso dunha linguaxe sexista.
12º. Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos.
Artigo 16. Obrigas específicas de publicidade
As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
En concreto, as entidades beneficiarias deberán facer constar o cofinanciamento da Xunta de Galicia en todas as actuacións, actividades e materiais que formen parte do proxecto financiado ao abeiro desta orde de axudas, coa inserción da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia de conformidade co establecido no Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia, segundo o modelo e instrucións elaboradas pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo publicado no enderezo http://www.portaldocomerciante.gal/
Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración.
Artigo 17. Subcontratación
Enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a persoa beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.
Será de aplicación o disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.
Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa persoa solicitante salvo que concorran as seguintes circunstancias:
1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.
2ª. Que se solicite e conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).
Artigo 18. Xustificación da subvención
1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa do investimento realizado segundo o modelo do anexo IX, na forma sinalada no artigo 7 da convocatoria e ata o 30 de setembro de 2025. Xunto con este anexo presentarase a seguinte documentación:
a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre o 1 de decembro de 2024 e a data límite de xustificación.
Cando a persoa beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.
As facturas deberán estar emitidas por provedores que presten os referidos servizos como actividade principal. Non serán admisibles as facturas emitidas por provedores cuxo obxecto social non se corresponda coa actividade subvencionable ou que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
No caso da actuación de loxística e-commerce establecida no artigo 4.1 destas bases reguladoras, presentarase unha declaración responsable, debidamente asinada, de que os gastos loxísticos e de transporte de envíos en liña ao domicilio ou punto de entrega non foron repercutidos na persoa consumidora, e indicación da publicidade dos gastos dos envíos na páxina web.
No caso de actuacións da liña de sustentabilidade ambiental, presentarase unha certificación, etiqueta verificable ou declaración responsable da empresa provedora que garanta a composición e características do material empregado de cada un dos investimentos xustificados, así como a súa descrición técnica (porcentaxe de reciclaxe, condicións de sustentabilidade, orixe orgánica, etc.).
b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de setembro de 2025. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a data deste. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.
Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.
c) Anexo VIII, declaración doutras axudas, debidamente asinado.
d) No caso de que a subvención concedida teña por obxecto a implantación ou mantemento dunha páxina web, acreditación do rexistro do dominio da páxina, a cal deberá estar en funcionamento no momento da xustificación. No caso de servizos profesionais de xestión de redes sociais, acreditación do nome do usuario.
e) No caso da liña de modernización comercial, fotografías das zonas reformadas que amosen as obras realizadas, así como dos equipamentos e instalacións obxecto da subvención. As fotografías deberán estar tomadas desde o mesmo ángulo desde o cal se realizaron as remitidas coa solicitude.
f) Documentación gráfica acreditativa do cumprimento da obriga específica de publicidade do financiamento establecida no artigo 16 destas bases reguladoras.
g) No caso de que as persoas se opoñan expresamente á consulta dos datos, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Os órganos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.
Artigo 19. Pagamento
1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.
2. O libramento da subvención aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta designado pola persoa beneficiaria.
3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas observarase o establecido no artigo 2 destas bases reguladoras.
Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións
1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.
Procederá o reintegro parcial da axuda concedida en caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 15.6 destas bases reguladoras de manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de dous anos desde a súa concesión, entendendo como tal ter mantido a actividade durante, polo menos dezaoito meses e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.
2. O procedemento para declarar a procedencia da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance e, se é o caso, establecerá a obriga de reintegro.
O alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.
Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, deberá reintegrarse o total da cantidade percibida cando o cumprimento do conxunto das actuacións establecidas no artigo 4 destas bases reguladoras non acade o 60 % do investimento subvencionado.
4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 21. Control
1. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.
2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.
Artigo 22. Publicidade
No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, a persoa beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.
Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia e será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Artigo 23. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L), e no resto de normativa que resulte de aplicación.
ANEXO II
Epígrafes do IAE subvencionables
641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.
642. Comercio polo miúdo de carnes e despoxos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza, e de produtos derivados deles.
643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.
644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.
645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas as clases.
647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral (agás 647.4 e 647.5).
651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.
652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).
653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).
656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, pezas de roupa e utensilios ordinarios de uso doméstico.
657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.
659. Outro comercio polo miúdo.
665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: «comercio retallista por correo ou catálogo». No caso de comercio en liña, non será subvencionable a comercialización en liña de produtos non comprendidos no anexo II nin produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.
ANEXO III
Epígrafes do IAE subvencionables
255.2. Fabricante de xabóns de tocador e produtos de perfumaría.
253.6. Fabricante de aceites esenciais e substancias aromáticas.
41. Industria de produción de produtos alimenticios.
421. Industria de cacao, chocolate e produtos de confeitaría.
423.1. Elaboración de café e té e sucedáneos de café.
43. Industria téxtil.
44. Industria do coiro.
45. Industria do calzado e vestido e outras confeccións téxtiles.
ANEXO IV
Requisitos das actuacións subvencionables
a) Páxinas web.
As páxinas web deberán ter as seguintes características técnicas:
– Rexistro do dominio por un período dun ano, en que figure como titular o negocio para o cal se desenvolve o servizo.
– Proporcionar o aloxamento (hosting) durante un ano, para que a web estea dispoñible durante ese período de tempo.
– O hosting deberá dispoñer de certificado para comunicacións seguras SSL e estar configurado para que empregue o protocolo https.
– A páxina web debe conter polo menos 4 seccións ou epígrafes tales como inicio, empresa, servizos ou produtos e contacto.
– Sen prexuízo das seccións ou epígrafes anteriores, a web deberá incluír aqueles textos legais necesarios para o cumprimento normativo, así como un sistema de xestión de cookies que permita seleccionar ao usuario as cookies ou grupos de cookies que desexa autorizar a instalar segundo a finalidade destas.
– Web autoxestionable: deberá contar cun panel de xestión dos contidos para que o beneficiario poida cambiar a información do sitio web.
– Web responsive: debe estar adaptada a todos os dispositivos.
– Incorporaranse ligazóns ás redes sociais da empresa se esta dispón delas.
– A web deberá ser desenvolvida para o comercio nun xestor de contidos (CMS) ou a medida, de forma que permita o aceso ao código para futuros cambios e melloras da web con independencia da empresa que a desenvolva. A web deberá ser en propiedade e nunca en alugamento. Exclúense desta subvención as solucións cloud propietarias e pechadas.
– A páxina web contará cunha optimización SEO básica que implicará que todas as páxinas leven título, descrición e os elementos fundamentais como un robots.txt axeitado e un sitemap do sitio.
– As imaxes deberán estar optimizadas empregando a resolución óptima para web de 72dpi e procurando que o seu peso sexa o menor posible.
– Deberá ter instalada unha ferramenta de analítica web para o coñecemento do tráfico da páxina por parte do negocio.
No caso de páxinas web con venda en liña, ademais das características técnicas previstas anteriormente deberán:
– Dispoñer dun sistema de xestión para a venda dos produtos por parte do comerciante.
– No caso de que se solicite a ferramenta de xestión, estar sincronizada co sistema de xestión do establecemento comercial.
– Ter dispoñible para a venda en liña un mínimo do 50 % das referencias de que se dispón na tenda física.
– Ter pasarela de pagamento.
As páxinas web deberán cumprir as seguintes consideracións legais en materia de información:
Todas as webs deberán cumprir coa Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e do comercio electrónico. Especificamente, deberán contar cun aviso legal onde figure a información do responsable do sitio e as condicións xerais de uso da web. Incluirán, por tanto, a páxina de política de cookies e aviso legal.
Adicionalmente, incluirán a páxina de política de privacidade, en que se especificarán as condicións do tratamento dos datos persoais (RGPD e LOPDGDD).
Así mesmo, deberán cumprir cos requisitos exixidos no Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, en especial o contido no artigo 97 (información contractual), e nos artigos relativos as cláusulas abusivas (artigos 82 a 91).
Deberán ter en conta, ademais, o establecido no Regulamento (UE) nº 524/2013 do Parlamento Europeo e Consello, do 31 de maio de 2013, sobre resolución de litixios en liña en materia de consumo e polo que se modifican o Regulamento (CE) nº 2006/2004 e a Directiva 2009/22/CE, así como a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral de persoas consumidoras e usuarias.
Todo isto sen prexuízo do cumprimento das demais disposicións vixentes que en materia de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico e de defensa dos consumidores lles sexa de aplicación.
b) Loxística e-commerce.
Os gastos loxísticos e de transporte de envíos en liña ao domicilio ou punto de entrega da persoa consumidora deberán ser realizados por un operador loxístico externo.
c) Xestor de redes sociais.
Os servizos profesionais de xestión de redes sociais deberán incluír, como mínimo:
– Un mínimo de dúas publicacións en redes sociais por semana e un plan de contidos mensual consensuado co negocio.
– Contidos multiformato: texto, imaxe, vídeo, story sobre a empresa, o sector e as áreas relacionadas co negocio que poidan interesar ás persoas seguidoras das súas redes sociais.
– Imaxes non pixeladas e cun mínimo de 72 dpi e 600×600 píxeles.
– Creación e deseño de contidos de calidade que melloren a imaxe dos produtos e o posicionamento da empresa.
