De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio), e nos artigos 5 a 8 e 25 a 28 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Anunciar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se detalla no anexo I desta orde.
Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal funcionario de carreira que reúna as condicións que para o posto de traballo se sinalan no anexo I desta orde.
Terceiro. Todos os trámites relacionados con este procedemento se efectuarán a través de medios electrónicos. As solicitudes dirixiranse á Axencia Galega de Innovación e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos no prazo de quince (15) días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo que se inclúe no anexo II. Para achegar a dita solicitude, na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, e poderase empregar para a presentación electrónica calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Cuarto. As persoas aspirantes deberán achegar coa petición un currículo e xustificar, mediante certificación ou copia electrónica auténtica dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen.
Conforme o previsto na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro) e, concretamente, na súa instrución cuarta.2, referida ao emprego dos datos do expediente persoal electrónico na tramitación dos procesos de provisión de postos de traballo, cando as persoas aspirantes sexan ou fosen no pasado persoal empregado público coa condición de persoal funcionario ou laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, estas poderán indicar neste proceso de provisión que a información relativa ao seu currículo e méritos figura como validada no seu expediente persoal electrónico, accesible na canle do empregado público de Galicia (Fides), para o cal deberán achegar coa solicitude de participación o informe dos méritos validados no expediente electrónico, dispoñible no enderezo https://fides.xunta.gal
Quinto. No caso de que a persoa seleccionada para ocupar o posto de traballo que se anuncia no anexo I desta orde teña destino noutras administracións públicas, requirirase o informe favorable do órgano competente da súa administración de orixe, de conformidade co previsto no artigo 29 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.
Sexto. Esta convocatoria resolveraa a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. A convocatoria resolverase no prazo máximo de dous meses, contados desde a data da súa publicación, no Diario Oficial de Galicia. No caso de non se resolver no dito prazo, declarase a caducidade do procedemento. A resolución da convocatoria, coa adxudicación do posto a calquera das persoas funcionarias de carreira solicitantes que reúnan os requisitos exixidos para o seu desempeño, ou a súa declaración como deserta, por considerar que ningunha das persoas candidatas reúne as características adecuadas para o posto de traballo ou non reúne a idoneidade necesaria para o seu desempeño, ou se non se presenta ningunha solicitude, farase pública no Diario Oficial de Galicia.
Sétimo. O prazo de toma de posesión do novo destino será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes.
O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de persoal doutras administracións públicas.
Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
Oitavo. Contra esta orde, que esgota á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), ou poderán formular directamente un recurso contencioso-administrativo, ante o xulgado contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2025
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
ANEXO I
Denominación do posto: director/a da Área de Servizos.
Código do posto: EI.A11.00.003.15770.001.
Consellería: Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Centro de destino: Axencia Galega de Innovación.
Localidade: Santiago de Compostela.
Grupo/subgrupo: A1.
Nivel: 2.
Tipo de persoal: funcionario.
