DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 19 de febreiro de 2025 Páx. 13134

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2025 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 10 de febreiro de 2025, polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización e clasificación de postos de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, regula que o persoal laboral fixo das administracións públicas incluídas no ámbito da súa aplicación que, no momento da entrada en vigor da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, estea a realizar funcións ou desempeñe postos de traballo de persoal funcionario, ou pase a realizar as devanditas funcións ou a desempeñar os devanditos postos en virtude de probas de selección ou promoción interna convocadas antes da data sinalada, poderá seguir a realizalas ou desempeñalas.

Así mesmo, esta disposición, no seu punto segundo, recolle que o Consello da Xunta de Galicia establecerá, a través das relacións de postos de traballo (RPT), a valoración, clasificación e determinación dos postos de traballo afectados por esta norma na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

Para dar cumprimento ao establecido na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e na disposición transitoria segunda do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, esta administración incorporou as prazas obxecto de funcionarización no Decreto 225/2020, do 23 de decembro, e no Decreto 143/2023, do 9 de novembro, polos que se aproban as ofertas de emprego público correspondentes a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2020 e 2023 (DOG número 260, do 29 de decembro, e número 214, do 10 de novembro, respectivamente).

O Decreto 165/2019, do 26 de decembro, establece o procedemento para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

En desenvolvemento deste procedemento, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal elaborou a presente modificación de relación de postos de traballo da Administración xeral e tamén de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia co obxecto de adaptar postos, xa funcionarizados, cuxos ocupantes teñen reclasificada a súa categoría profesional a unha categoría superior como persoal laboral por diversas sentenzas, a outra categoría recollida no anexo do Decreto 165/2019.

Tivéronse en conta tamén para esta determinación as retribucións e os complementos salariais que figuraban na correspondente relación de postos de traballo, que retribuían as especiais dificultades materiais e técnicas que exixe o desempeño do posto de traballo.

Esta modificación de postos de traballo debe estar aprobada con anterioridade á toma de posesión do persoal que adquira a condición de funcionario de carreira, xa que serán estes postos de traballo os que figuren na orde da Consellería de Facenda e Administración Pública pola que se regule o procedemento para o nomeamento como persoal funcionario de carreira do persoal laboral fixo de determinadas categorías profesionais que superou os procesos de funcionarización, convocados pola Resolución do 15 de decembro de 2023 (DOG número 243, do 26 de decembro, modificada pola Resolución do 12 de febreiro de 2024 (DOG número 35, do 19 de febreiro).

A toma de posesión como persoal funcionario de carreira, que implicará o cambio do seu vínculo xurídico coa Administración, figura prevista para o 1 de marzo de 2025 e por iso, co fin de que se cumpran os trámites oportunos en canto á expedición das dilixencias de cesamento correspondentes, esta relación de postos de traballo entrará en vigor o 28 de febreiro de 2025.

En consecuencia, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa de Negociación da Comunidade Autónoma e a Comisión de Persoal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 10 de febreiro de 2025, adoptou o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Aprobar a modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización e clasificación de postos de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia para os efectos da entrada en vigor o 28 de febreiro de 2025.

Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 10 de febreiro de 2025, relativo á aprobación da modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización e clasificación de postos de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de cumprir o dito acordo, de conformidade coa Orde da Consellería de Facenda do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública (DOG número 16, do 24 de xaneiro), dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

missing image file