DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 20 de febreiro de 2025 Páx. 13430

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2025 pola que se modifican os importes da renda ou prezo de cesión previstos na Resolución do 27 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de bono alugueiro mocidade e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2022 (código de procedemento VI482E).

No Boletín Oficial del Estado do 19 de xaneiro de 2022 publicouse o Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

O artigo 8 do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, recolle a posibilidade de que as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla incrementen o límite máximo da renda arrendaticia ou prezo de cesión ata 900 euros mensuais cando así o xustifiquen con base en estudos actualizados de oferta de vivenda en aluguer que acrediten tal necesidade. No caso de aluguer de cuarto, este incremento de límite máximo da renda arrendaticia ou prezo de cesión poderá ser ata 450 euros.

En todo caso, as convocatorias de axudas que se acollan aos incrementos referidos no parágrafo anterior só se poderán realizar se previamente se subscribiu un acordo co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (actual Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana) no seo da Comisión de Seguimento, referida no artigo 133.3, que acredite a súa conformidade.

O 30 de xuño de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 27 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de bono alugueiro mocidade e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2022 (código de procedemento VI482E). O punto segundo do ordinal oitavo da dita resolución establece que: «Poderanse modificar os ámbitos territoriais e importes da renda ou prezo de cesión da vivenda ou da habitación de aplicación deste programa mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia».

Mediante o Acordo da Comisión de Seguimento do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana do 6 de febreiro de 2025 aprobouse o incremento do límite máximo da renda mensual para os municipios correspondentes ás zonas territoriais de prezo máximo superior, de conformidade co artigo 8 do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro. Os importes máximos das rendas dos restantes municipios mantéñense entre os 400 e 600 euros mensuais, en función da súa poboación, polo que non superan o límite previsto no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

Polo exposto,

RESOLVO:

Modificar os importes da renda ou prezo de cesión da vivenda ou do cuarto, de aplicación do Programa de bono alugueiro mocidade, nos seguintes termos:

Zona territorial

Importe da renda mensual de alugamento

Concellos

Prezo máximo superior

700

A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra.

Municipios da zona territorial 1

600

Ames, Arteixo, Cambre, Carballo, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros e Ribeira.

Lugo.

A Estrada, Cangas, Lalín, Marín, O Porriño, Ponteareas, Redondela e Vilagarcía de Arousa.

500

Ares, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cedeira, Cee, Fene, Melide, Mugardos, Neda, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Sada e Teo.

Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.

Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

Baiona, Bueu, Cambados, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Mos, Nigrán, Poio, Pontecesures, Sanxenxo, Tui e Vilanova de Arousa.

Municipios da zona territorial 2

400

O resto de concellos de Galicia.

A presente resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2025

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo