No Boletín Oficial del Estado do 19 de xaneiro de 2022 publicouse o Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regulan o Bono alugueiro mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.
O citado real decreto, segundo establece no seu artigo 1, ten por obxecto regular o Bono alugueiro mocidade para facilitar o desfrute dunha vivenda ou habitación en réxime de alugamento ou de cesión de uso aos mozos e mozas con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias ou cesionarias.
A finalidade do programa de Bono alugueiro mocidade é impulsar o acceso deste colectivo á vivenda en alugamento ou en cesión en uso e, polo tanto, a súa emancipación.
Para estes efectos, o 30 de xuño de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 27 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa de Bono alugueiro mocidade e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2022 (código de procedemento VI482E).
O 3 de outubro de 2024 acordouse por unanimidade da Conferencia Sectorial de Vivenda e Axenda Urbana unha nova distribución entre as comunidades autónomas dos fondos do Bono alugueiro mocidade inicialmente aprobados, o que posibilita unha nova convocatoria das axudas. A dita distribución foi aprobada polo Consello de Ministros, na súa reunión do 15 de outubro, e pola Conferencia Sectorial de Vivenda e Axenda Urbana o día 24 de outubro de 2024.
Mediante Acordo da Comisión de Seguimento do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana do 6 de febreiro de 2025 aprobouse o incremento do límite máximo da renda mensual para os municipios correspondentes ás zonas territoriais de prezo máximo superior, de conformidade co artigo 8 do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro. Os importes máximos das rendas dos restantes municipios mantéñense entre os 400 e 600 euros mensuais, en función da súa poboación, polo que non superan o límite previsto no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.
O dito incremento foi aprobado, de conformidade co ordinal oitavo da Resolución do 27 de xuño de 2022, mediante a Resolución do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo do 7 de febreiro de 2025.
Esta resolución prevé como sistema de presentación das solicitudes unicamente a presentación electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, tendo en conta que as persoas destinatarias destas axudas, mozos e mozas menores de 36 anos, teñen acceso e dispoñibilidade de medios electrónicos necesarios para relacionarse electronicamente coas administracións públicas.
De conformidade co anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,
RESOLVO:
Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2025, con carácter plurianual, o programa Bono alugueiro mocidade para facilitar o desfrute dunha vivenda ou habitación en réxime de alugamento ou de cesión de uso á mocidade con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias ou cesionarias (código de procedemento VI482E).
2. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo. Bases reguladoras
1. As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras contidas no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o Bono alugueiro mocidade e o Plan Estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, e a Resolución do 27 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa de Bono alugueiro mocidade e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2022 (código de procedemento VI482E).
2. En todo o non recollido nesta resolución será de aplicación a seguinte normativa:
a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Na falta do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que poidan resultar aplicables.
Terceiro. Crédito orzamentario
1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451B.480.2, proxecto 2022 00013, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por un importe total de 12.954.936 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:
– 6.477.468 euros para a anualidade 2025.
– 6.477.468 euros para a anualidade 2026.
2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Cuarto. Actuacións subvencionables
De acordo co ordinal quinto da Resolución do 27 de xuño de 2022, será obxecto desta subvención, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, a renda ou o prezo da cesión a que a mocidade debe facer fronte para o desfrute da súa vivenda ou habitación habituais.
Quinto. Requisitos das persoas beneficiarias
1. De conformidade co ordinal sexto da Resolución do 27 de xuño de 2022, poderán beneficiarse desta axuda as persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:
a) Ter menos de 36 anos no momento de solicitar a axuda.
b) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso das persoas estranxeiras non comunitarias deberán acharse en situación de estadía ou residencia regular en España.
c) Ser titular ou estar en condicións de subscribir na Comunidade Autónoma de Galicia, en calidade de persoa arrendataria, un contrato de alugamento de vivenda formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, ou, en calidade de persoa cesionaria, dun contrato de cesión de uso. No caso de alugamento de habitación non é exixible que a formalización sexa nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro.
d) Dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos.
Para estes efectos, entenderase que ten unha fonte regular de ingresos quen estea traballando por conta propia ou allea, o persoal investigador en formación e as persoas perceptoras dunha prestación social pública de carácter periódico, contributiva ou asistencial, sempre que poidan acreditar unha vida laboral de, polo menos, tres meses de antigüidade nos seis meses inmediatamente anteriores ao momento da solicitude, ou unha duración prevista da fonte de ingresos de, polo menos, seis meses, contados desde o día da súa solicitude.
No caso de dispoñer de máis dunha fonte regular de ingresos, as rendas computables serán a suma das rendas derivadas das ditas fontes.
e) Dispoñer dunhas rendas anuais, incluídas as das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida ou que se vai arrendar ou ceder, consten ou non como titulares dun contrato de arrendamento ou cesión, iguais ou inferiores a tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).
Non obstante, só se terán en conta as rendas anuais da persoa solicitante nos seguintes supostos:
– No de alugamento de habitación.
– No caso de que na vivenda convivan, ademais da persoa solicitante, outra/s persoa/s e concorran os seguintes requisitos:
• Que no momento de solicitar a axuda ningunha das persoas que conviva na vivenda teña entre si parentesco en primeiro grao de consanguinidade ou ben que todas elas teñan menos de 36 anos.
• Que todas elas subscriban o contrato de alugamento.
f) Que a vivenda ou habitación arrendada ou cedida constitúa, no momento da solicitude, a súa residencia habitual e permanente, no caso de que teña contrato. A dita circunstancia deberá ser acreditada mediante certificado ou volante de empadroamento, nos termos previstos nesta resolución.
2. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das que teñan a súa residencia habitual e permanente na vivenda obxecto do contrato ou compromiso de alugamento ou de cesión de uso estea nalgunha das situacións que a continuación se indican:
a) Ser persoa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se é persoa propietaria ou usufrutuaria dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota dela e se obtivese por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito quen, sendo titular dunha vivenda, acredite a súa non dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa titular ou dalgunha outra persoa da súa unidade de convivencia.
b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora ou cedente da vivenda.
c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora ou cedente.
3. As persoas beneficiarias e as que teñan a súa residencia habitual e permanente na vivenda obxecto do contrato ou compromiso deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Cando na mesma vivenda convivan dúas ou máis persoas mozas, cada unha delas poderá ser beneficiaria se cumpren os requisitos establecidos neste ordinal.
Sexto. Cómputo de ingresos
Para a determinación dos ingresos partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF), correspondente aos datos fiscais da persoa solicitante relativos ao período impositivo inmediatamente anterior con prazo de presentación vencido á solicitude do Bono alugueiro mocidade.
Se a fonte regular de ingresos da persoa solicitante consiste en actividades empresariais, profesionais ou artísticas, a acreditación das rendas referirase ao rendemento neto da dita actividade económica, calculado con carácter previo á aplicación das reducións previstas no artigo 32 de Lei 35/2006, do 28 de novembro, correspondentes á declaración presentada pola persoa solicitante, relativa ao período impositivo inmediatamente anterior con prazo de presentación vencido á solicitude do Bono alugueiro mocidade.
Para os efectos desta convocatoria, os datos fiscais que se terán en conta para a concesión das axudas corresponderán ao exercicio económico 2023.
Sétimo. Renda ou prezo de cesión
1. De acordo co disposto no ordinal oitavo da Resolución do 27 de xuño de 2022, a renda mensual da vivenda ou o prezo de cesión da vivenda obxecto do contrato de alugamento ou de cesión non poderá superar os seguintes importes, dependendo do concello en que estea situada:
|
Zona territorial |
Importe da renda mensual de alugamento |
Concellos |
|
Prezo máximo superior |
700 |
A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra. |
|
Municipios de zona territorial 1 |
600 |
Ames, Arteixo, Cambre, Carballo, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros e Ribeira. Lugo. A Estrada, Cangas, Lalín, Marín, O Porriño, Ponteareas, Redondela e Vilagarcía de Arousa |
|
500 |
Ares, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cedeira, Cee, Fene, Melide, Mugardos, Neda, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Sada e Teo. Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro. Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia. Baiona, Bueu, Cambados, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Mos, Nigrán, Poio, Pontecesures, Sanxenxo, Tui e Vilanova de Arousa. |
|
|
Municipios de zona territorial 2 |
400 |
O resto de municipios de Galicia. |
Nesta renda ou prezo non se inclúe o importe que poida corresponder a gastos de comunidade e/ou anexos, tales como prazas de garaxe, rochos ou similares.
No caso do alugamento de habitación, a renda ou prezo non poderá superar o equivalente á metade do importe previsto para renda mensual ou prezo de cesión da vivenda, dependendo do concello en que estea situado.
2. Poderanse modificar os ámbitos territoriais e importes da renda ou prezo de cesión da vivenda ou da habitación de aplicación deste programa mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá publicarse no DOG.
Oitavo. Contía, duración e retroactividade das axudas
1. Concederaselles ás persoas beneficiarias unha axuda de 250 euros mensuais, co límite da renda mensual, do prezo da cesión ou, de convivir con outras persoas, do importe que lle corresponda satisfacer á persoa beneficiaria.
2. A axuda concederase ás persoas beneficiarias polo prazo de dous anos.
3. De conformidade cos números 2 e 3 do ordinal noveno da Resolución do 27 de xuño de 2022, poderán recoñecerse desde o 1 de xaneiro de 2025, aínda que a data de recoñecemento fose posterior, sempre que o correspondente contrato de alugamento ou cesión de uso estivese vixente nesa data.
4. En ningún caso poderán recoñecerse axudas con efectos anteriores ao 1 de xaneiro de 2025, nin concederse axudas con posterioridade ao 31 de decembro de 2026.
Noveno. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, o cal comezará a contarse unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Non obstante, se antes da finalización do devandito prazo dun mes se esgota o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria, terase por rematado o prazo de presentación de solicitudes nesa data. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
2. O prazo de presentación de solicitudes poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
Décimo. Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se incorpora nesta resolución como anexo I.
A presentación electrónica será obrigatoria, tendo en conta que as persoas destinatarias destas axudas, mozos e mozas menores de 36 anos, teñen acceso e dispoñibilidade de medios electrónicos necesarios para relacionarse electronicamente coas administracións públicas.
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:
a) Declaración responsable de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade.
c) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9.1.a) do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
d) Declaración responsable de que non está incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa que teña o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida é propietaria e/ou usufrutuaria dunha vivenda situada en España, agás nos supostos exceptuados no ordinal quinto, número 2, letra a).
f) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa que teña o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida ten parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora.
g) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa que teña o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida é socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.
h) Declaración responsable de que a persoa solicitante non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
i) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.
Décimo primeiro. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados
b) Contrato de alugamento de vivenda formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, ou, se é o caso, contrato de alugamento de habitación ou contrato de cesión de uso.
c) Referencia catastral da vivenda, no caso de que non figure no contrato.
d) Documento asinado pola persoa arrendadora en que conste o importe da renda ou prezo de cesión individualizado, no caso de que estean incluídos os gastos de comunidade e/ou anexos, como garaxes ou rochos, cuxo importe non estivese desagregado.
e) Compromiso asinado pola persoa arrendadora e arrendataria/s da formalización dun contrato de alugamento ou cesión de uso, no caso de non dispoñer de contrato, en que consten os seguintes datos:
– O importe da renda ou prezo da cesión individualizado, sen incluír os anexos da vivenda e gastos de comunidade.
– O concello onde se localice a vivenda.
– A referencia catastral da vivenda.
– As persoas arrendatarias que subscribirán o dito contrato.
– A data de efectos económicos do contrato.
f) Certificado ou volante de empadroamento colectivo, en que conste a data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual e permanente na vivenda obxecto de alugamento ou cesión ou en que se localice a habitación obxecto de alugamento ou cesión, no caso de que teña contrato. Para estes efectos, recoñeceranse os certificados expedidos nos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude.
No caso de que na vivenda resida unicamente a persoa solicitante, o certificado deberá facer constar expresamente esta circunstancia.
g) Documentación xustificativa da fonte regular de ingresos da persoa solicitante. Para estes efectos, poderán achegarse:
– Contrato de traballo por conta allea, de ser o caso.
– Contrato de persoal investigador en formación, de ser o caso.
– Certificado acreditativo da percepción dunha prestación social pública de carácter periódico, contributiva ou asistencial, de ser o caso.
– Calquera outra documentación que xustifique algunha das fontes regulares de ingresos nos termos das bases reguladoras e da convocatoria.
h) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que teñan a súa residencia habitual e permanente na vivenda obxecto do contrato ou compromiso sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en España e non poidan dispoñer dela:
– Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.
– Documentación que acredite que a persoa solicitante e/ou algunha outra persoa que teñen o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida non poden habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade, de ser o caso.
– Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa titular e/ou algunha outra persoa que teñen o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida, de ser o caso.
i) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que teñen o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida sexan propietarias ou usufrutuarias da parte alícuota dunha vivenda en España, documentación acreditativa de que foi obtida por transmisión mortis causa sen testamento.
j) Anexo II, de declaración responsable das persoas que teñen ou terán o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida e comprobación dos datos necesarios para a tramitación do procedemento, no caso de que na vivenda residan outras persoas distintas da persoa solicitante.
k) Anexo III, de declaración responsable de ingresos obtidos pola persoa solicitante e/ou polas persoas que teñen ou terán o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida, no caso de non ter presentado a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, xunto coa seguinte documentación:
– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no exercicio económico previsto nesta convocatoria.
– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en diante, INSS) relativo ao exercicio económico previsto nesta convocatoria.
– Certificados bancarios de rendementos de capital mobiliario.
l) Declaración responsable de que ningunha das persoas que convive na vivenda ten entre si parentesco en primeiro grao de consanguinidade, no caso de que na vivenda convivan, ademais da persoa solicitante, outra/s persoa/s e todas elas subscriban o contrato de arrendamento, de ser o caso.
m) Extracto ou certificado bancario acreditativo do pagamento da renda ou prezo da cesión das mensualidades anteriores á presentación da solicitude, no suposto de que o recoñecemento do dereito da axuda teña carácter retroactivo.
n) Escrito de conformidade das restantes persoas arrendatarias ou cesionarias que convivan na vivenda arrendada, no suposto de que o pagamento íntegro da renda ou prezo da cesión fose realizado por unha única persoa en nome das restantes, no suposto de que o recoñecemento do dereito da axuda teña carácter retroactivo.
o) Resolución de concesión e de suspensión desta axuda na comunidade ou cidade autónoma de orixe, no caso de cambio de domicilio procedente doutra comunidade ou cidade autónoma.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
3. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.
Décimo segundo. Forma de presentación da documentación complementaria
1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo terceiro. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
b) Número de identificación fiscal da entidade representante, de ser o caso.
c) Consulta de vida laboral dos últimos doce meses da persoa solicitante.
d) Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), acreditativa do cumprimento das obrigas tributarias da persoa solicitante e das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
e) Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social acreditativa do cumprimento das obrigas fronte á Seguridade Social da persoa solicitante e das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
f) Certificación da Axencia Tributaria de Galicia que acredite non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondente á persoa solicitante e ás que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
g) Certificado da renda expedido pola AEAT da persoa solicitante e das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
h) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro, onde conste que nin a persoa solicitante nin as persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida teñan en propiedade e/ou en usufruto outra vivenda en España.
i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
j) Consulta de concesións de subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social da persoa solicitante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
b) Certificado das prestacións da renda de integración social de Galicia da persoa solicitante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
c) Certificado dos importes das prestacións de desemprego percibidos nun período pola persoa solicitante, así como polas persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida.
d) Permiso de estancia ou residencia regular en España da persoa solicitante, no caso das persoas estranxeiras non comunitarias.
3. No caso de que a persoa interesada se opoñan á consulta, deberá indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Décimo cuarto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo quinto. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento
1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Axudas á Vivenda do IGVS.
2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver as solicitudes das axudas.
Décimo sexto. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda
1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.
2. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndolle que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.
3. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda e as resolucións poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.
4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Axudas á Vivenda do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido para cada convocatoria, resolverá o que en dereito proceda.
Décimo sétimo. Resolución e recursos
1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda solicitada.
2. A resolución estimatoria indicará a contía da axuda, a súa duración, os seus efectos económicos, así como a súa forma de xustificación.
No caso de persoas beneficiarias que non teñan subscrito un contrato de alugamento ou cesión de vivenda ou habitación, a resolución quedará condicionada á achega, no prazo de tres meses desde a notificación da dita resolución, do certificado ou volante de empadroamento e do correspondente contrato de alugamento ou cesión. Neste caso, o contrato deberá formalizarse nos mesmos termos que o compromiso achegado xunto coa solicitude e no prazo máximo de dous meses desde a notificación da dita resolución.
3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo, sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.
Décimo oitavo. Modificación da resolución
As persoas beneficiarias estarán obrigadas a comunicar de inmediato, mesmo durante a tramitación da solicitude, calquera modificación das condicións que poidan motivar ou motivasen tal recoñecemento e que puidese determinar a perda sobrevida do dereito á axuda. A non comunicación destas modificacións será causa suficiente para o inicio dun expediente de reintegro das cantidades que puidesen cobrarse indebidamente.
A dita comunicación deberá realizarse no prazo de dez días, contado desde o momento en que se produza a dita modificación.
Décimo noveno. Causas de denegación
1. Será causa de denegación da solicitude da subvención o incumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución, na Resolución do 27 de xuño de 2022 ou no resto da normativa que resulte de aplicación.
2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos na resolución de convocatoria.
Vixésimo. Pagamento e xustificación da subvención
1. O pagamento da subvención realizarase trimestralmente de forma anticipada por meses completos e desde a data de efectos económicos sinalada na solicitude, mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria sinalada para estes efectos no anexo I.
Para os efectos anteriores, nos supostos en que a data de efectos económicos do contrato non coincida co primeiro día do mes, a dita data será o primeiro día do mes seguinte.
2. As persoas beneficiarias deberán xustificar a subvención mediante a presentación dos extractos ou certificados bancarios acreditativos do pagamento da renda ou do prezo da cesión. Para estes efectos, tamén se admitirán os seguintes documentos:
a) Os extractos ou certificados bancarios dos pagamentos realizados por empresas mediadoras ou inmobiliarias a favor da persoa arrendadora ou cesionaria, onde quede acreditado o importe do ingreso e o seu concepto.
b) Os extractos ou certificados bancarios dos pagamentos realizados pola persoa arrendataria ou cesionaria a empresas mediadoras ou inmobiliarias, sempre que se achegue un documento da persoa arrendadora ou cesionaria que autorice a recepción nesa conta bancaria dos pagamentos mensuais ou figure no propio contrato de alugamento como forma de pagamento da renda.
c) Os extractos ou certificados bancarios do pagamento íntegro da renda ou prezo da cesión realizado por unha das persoas arrendatarias ou cesionarias, no suposto de que na vivenda arrendada convivan dúas ou máis persoas arrendatarias ou cesionarias. Neste caso, deberá achegar un escrito de conformidade das restantes persoas que convivan na vivenda.
En ningún caso se admitirán como xustificación os recibos de pagamentos realizados en metálico.
3. A xustificación dos pagamentos das rendas ou prezos mensuais realizarase do seguinte xeito:
– A xustificación do pagamento da renda ou prezo da cesión das mensualidades anteriores á presentación da solicitude recoñecidas con carácter retroactivo e non achegadas con anterioridade deberá presentarse no prazo de dez días contados desde o día seguinte á data de notificación da resolución de concesión no caso de que non a presentasen con anterioridade.
– A xustificación dos pagamentos posteriores á notificación da resolución de concesión realizarase cunha periodicidade trimestral e deberá achegarse no prazo de dez días desde o seguinte á finalización do trimestre correspondente.
En todo caso, non se admitirán xustificacións fóra do prazo de tres meses desde a finalización do último mes natural obxecto da subvención.
4. A remisión da citada xustificación deberá realizarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. A falta de xustificación do pagamento da renda ou do prezo da cesión ou, de ser o caso, a falta de pagamento da renda ou prezo da cesión dentro do prazo sinalado no parágrafo anterior determinará a perda do dereito á subvención da correspondente mensualidade, sen que iso exima a persoa arrendataria da súa responsabilidade de pagamento da renda ou prezo da cesión.
Vixésimo primeiro. Pagamentos anticipados
Realizaranse pagamentos anticipados da subvención nos termos do ordinal anterior, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
As persoas beneficiarias quedarán exoneradas da constitución de garantía, conforme o establecido na letra i) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Vixésimo segundo. Cambio de domicilio
1. Cando durante a vixencia da concesión a persoa beneficiaria cambie o seu domicilio a outro situado dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e subscriba un novo contrato, quedará obrigada a comunicalo no prazo de quince días, desde a súa sinatura, á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, xunto coa seguinte documentación:
a) O novo contrato de alugamento de vivenda formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, ou, se é o caso, o contrato de alugamento de habitación ou contrato de cesión de uso, con indicación expresa da súa referencia catastral.
O novo contrato deberá formalizarse sen interrupción temporal co anterior.
b) Certificado ou volante de empadroamento en que conste á data da comunicación, as persoas que teñen o seu domicilio habitual e permanente na vivenda obxecto de alugamento ou cesión ou na cal se localice a habitación obxecto de alugamento ou cesión.
O importe da subvención axustarase á contía do novo contrato, sen que, en ningún caso, poida superar o importe da subvención que viña percibindo.
2. Cando a persoa beneficiaria desta axuda na Comunidade Autónoma de Galicia cambie o seu domicilio a outro localizado noutra comunidade ou cidade autónoma sobre o que subscriba un novo contrato de alugamento ou cesión, quedará obrigada a comunicar o dito cambio, no prazo de quince días desde a sinatura do novo contrato, á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que resolverá a perda da axuda desde a data do novo contrato de alugamento.
3. No suposto de que a persoa beneficiaria desta axuda noutra comunidade ou cidade autónoma cambie o seu domicilio e subscriba un contrato de alugamento ou cesión na Comunidade Autónoma de Galicia deberá achegar ao IGVS, nos termos previstos nesta resolución, no prazo de quince días desde a sinatura do novo contrato, o anexo I debidamente cuberto, así como a documentación complementaria enunciada no ordinal décimo primeiro.
4. A persoa beneficiaria non perderá o dereito á subvención polo cambio, sempre que se cumpran todos os requisitos previstos nesta resolución, na Resolución do 27 do xuño de 2022 e no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, e sempre e cando exista dispoñibilidade orzamentaria.
Neste suposto resolverase a concesión da axuda desde a data do novo contrato e polo prazo establecido no ordinal oitavo, descontando o prazo xa desfrutado na comunidade de orixe e de acordo coas condicións do novo contrato. Así mesmo, o importe da subvención axustarase á contía do novo contrato sen que, en ningún caso, poida superar a contía máxima prevista no ordinal oitavo.
5. No caso de cambio de domicilio procedente doutra comunidade ou cidade autónoma, elévase o límite máximo recollido no ordinal sétimo da renda ou prezo de cesión da vivenda obxecto do contrato de alugamento ou cesión na nova comunidade autónoma ou provincia de destino ata os 900 euros mensuais. Nestes casos o requisito do límite de rendas anuais será de catro veces o IPREM na comunidade autónoma de destino.
6. As anteriores previsións aplicaranse aos supostos de alugamento ou cesión de uso de habitación, agás a relativa á elevación do límite máximo da renda ou prezo de cesión e ao límite de ingresos.
Vixésimo terceiro. Obrigas das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias, ademais de cumpriren as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán cumprir as seguintes:
1. Xustificar a subvención conforme o previsto nesta resolución, na Resolución do 27 do xuño de 2022 e no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.
2. Residir habitual e permanentemente na vivenda durante todo o período polo que se conceda a axuda.
3. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións e/ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.
4. Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboe a subvención.
5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
6. As demais obrigas que derivan desta resolución, da Resolución do 27 do xuño de 2022 e no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.
Vixésimo cuarto. Perda e reintegro da subvención
1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:
a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.
b) A falta de xustificación da subvención ou a falsidade no pagamento das rendas ou prezo de cesión da súa vivenda habitual e permanente.
c) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.
d) A resolución do contrato de alugamento, salvo nos supostos previstos de cambio de domicilio, nos termos do ordinal vixésimo segundo.
e) A interrupción temporal na formalización dun novo contrato de alugamento ou cesión de uso de vivenda ou habitación con respecto ao anterior, no suposto de cambio de domicilio a outro situado dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) A falta de presentación do contrato de alugamento ou cesión de uso e do certificado ou volante de empadroamento no prazo previsto no ordinal décimo sétimo.
g) A formalización do contrato de alugamento ou cesión de uso en termos distintos aos que constan no compromiso achegado xunto coa solicitude.
2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.
3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
No suposto de que o órgano competente resolva que a modificación é causa da perda sobrevinda do dereito a axuda, resolverá de inmediato o prazo de concesión desta ata a data en que se considere efectiva a dita perda.
Vixésimo quinto. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Vixésimo sexto. Compatibilidade e complementariedade do Bono alugueiro mocidade
1. A axuda do Bono alugueiro mocidade non se poderá compatibilizar con ningunha outra axuda que para o pagamento do alugueiro ou cesión poidan conceder as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, as entidades locais ou calquera outra Administración ou entidade pública.
Non se considerarán afectados por esta incompatibilidade os supostos excepcionais en que as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, os concellos, outras entidades públicas, organizacións non gobernamentais ou asociacións acheguen unha axuda para esa mesma finalidade a persoas beneficiarias especialmente vulnerables. Tampouco se considerarán afectados por esta incompatibilidade as persoas perceptoras de prestacións non contributivas da Seguridade social nin as persoas beneficiarias do ingreso mínimo vital.
2. Estas axudas serán compatibles coas de alugueiro do Programa de axudas ás persoas mozas e para contribuír ao reto demográfico. Neste caso, a suma de ambas as axudas non pode superar o 75 % da renda ou do prezo da cesión da vivenda. No suposto de que as axudas sobre unha mesma vivenda superen o dito límite, deberá minorarse na proporción correspondente.
3. Nos demais supostos de compatibilidade referidos no parágrafo segundo deste ordinal a suma da axuda do Bono alugueiro mocidade e da axuda ao alugamento ou cesión poderá exceder a limitación anterior, pero non poderá exceder o importe da renda ou do prezo da cesión respectivamente.
Vixésimo sétimo. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Vixésimo oitavo. Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a BDNS e a publicidade das subvencións e demais axudas.
Vixésimo noveno. Habilitación para o desenvolvemento
Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste programa, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.
Trixésimo. Datos de carácter persoal
De acordo co establecido no artigo 14.1.ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas ou entidades beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Trixésimo primeiro. Recursos contra esta resolución
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Trixésimo segundo. Efectos
Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2025
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
