DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 20 de febreiro de 2025 Páx. 13468

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 18 de febreiro de 2025 pola que se procede á convocatoria do programa de Bono alugueiro mocidade para o ano 2025, con financiamento plurianual (código de procedemento VI482E).

BDNS (Identif.): 815619.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse desta axuda as persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:

a) Ter menos de 36 anos no momento de solicitar a axuda.

b) Posuír a nacionalidade española, ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso das persoas estranxeiras non comunitarias deberán acharse en situación de estadía ou residencia regular en España.

c) Ser titular ou estar en condicións de subscribir na Comunidade Autónoma de Galicia, en calidade de persoa arrendataria, un contrato de alugamento de vivenda formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, ou, en calidade de persoa cesionaria, dun contrato de cesión de uso. No caso de alugamento de habitación non é exixible que a formalización sexa nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

d) Dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos.

Para estes efectos, entenderase que ten unha fonte regular de ingresos quen estea traballando por conta propia ou allea, o persoal investigador en formación e as persoas perceptoras dunha prestación social pública de carácter periódico, contributiva ou asistencial, sempre que poidan acreditar unha vida laboral de, polo menos, tres meses de antigüidade, nos seis meses inmediatamente anteriores ao momento da solicitude, ou unha duración prevista da fonte de ingresos de, polo menos, seis meses, contados desde o día da súa solicitude.

No caso de dispoñer de máis dunha fonte regular de ingresos, as rendas computables serán a suma das rendas derivadas das ditas fontes.

e) Dispoñer dunhas rendas anuais, incluídas as das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou cedida ou que se vai arrendar ou ceder, consten ou non como titulares dun contrato de arrendamento ou cesión, iguais ou inferiores a tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Non obstante, só se terán en conta as rendas anuais da persoa solicitante nos seguintes supostos:

– No de alugamento de habitación.

– No caso de que na vivenda convivan, ademais da persoa solicitante, outra/s persoas e concorran os seguintes requisitos:

• Que no momento de solicitar a axuda ningunha das persoas que conviva na vivenda teña entre si parentesco en primeiro grao de consanguinidade ou ben que todas elas teñan menos de 36 anos.

• Que todas elas subscriban o contrato de alugamento.

f) Que a vivenda ou habitación arrendada ou cedida constitúa, no momento da solicitude, a súa residencia habitual e permanente, no caso de que teña contrato. A dita circunstancia deberá ser acreditada mediante certificado ou volante de empadroamento nos termos previstos nesta resolución.

2. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das que teñan a súa residencia habitual e permanente na vivenda obxecto do contrato ou compromiso de alugamento ou de cesión de uso estea nalgunha das situacións que a continuación se indican:

a) Ser persoa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se é persoa propietaria ou usufrutuaria dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota dela e se obtivese por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito quen, sendo titular dunha vivenda, acredite a súa non dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa titular ou algunha outra persoa da súa unidade de convivencia.

b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora ou cedente da vivenda.

c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora ou cedente.

3. As persoas beneficiarias e as que teñan a súa residencia habitual e permanente na vivenda obxecto do contrato ou compromiso deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Cando na mesma vivenda convivan dúas ou máis persoas mozas, cada unha delas poderá ser beneficiaria se cumpren os requisitos establecidos neste ordinal.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2025, con carácter plurianual, o programa Bono alugueiro mocidade para facilitar o desfrute dunha vivenda ou habitación en réxime de alugamento ou de cesión de uso á mocidade con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias ou cesionarias (código de procedemento VI482E).

Terceiro. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras contidas no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regulan o Bono alugueiro mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, e a Resolución do 27 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa de Bono alugueiro mocidade e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2022 (código de procedemento VI482E).

Cuarto. Crédito orzamentario

As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451B.480.2, proxecto 2022 00013, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por un importe total de 12.954.936 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

– 6.477.468 euros para a anualidade 2025.

– 6.477.468 euros para a anualidade 2026.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, o cal comezará a contarse unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Non obstante, se antes da finalización do devandito prazo dun mes se esgota o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria, terase por rematado o prazo de presentación de solicitudes nesa data. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

2. O prazo de presentación de solicitudes poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2025

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo