O 20 de xaneiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 12 a Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade das casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de decembro de 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403G).
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de decembro de 2024, e proceder á súa convocatoria coa finalidade de dar continuidade a este recurso e seguir atendendo as necesidades de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias nos concellos rurais de Galicia en que están establecidas, co financiamento dos gastos nos anos 2025, 2026, 2027 e ata agosto de 2028 (código de procedemento BS403G).
Esta modificación ten por obxecto establecer unha compensación da prima durante os períodos de baixa de maternidade ou paternidade e permitir destinar a subvención de investimento a realizar obras de reforma, mantemento ou eficiencia enerxética.
En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,
RESOLVO:
Artigo único. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade das casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de decembro de 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403G)
A Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade das casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de decembro de 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento de BS403G), queda modificada como segue:
Un. O artigo 4, referido á natureza e contido das axudas, queda redactado como segue:
«Artigo 4. Natureza e contía das axudas
1. Para a reposición do equipamento, material didáctico e/ou de xogo e obras de reforma, mantemento ou eficiencia enerxética, destinarase unha subvención de 1.500 €/ano.
2. Para a prestación dunha atención personalizada a nenos e nenas de 0-3 anos destinarase unha prima de 29.000 €/ano.
Nos casos de permiso por maternidade ou permiso de paternidade da persoa titular do recurso, aboarase un complemento da prima de 150 € semanais durante o período que dure a dita baixa.
Percibirase a prima e, de ser o caso, o complemento se concorren as seguintes condicións:
a) A casa niño continuará ofrecendo unha atención integral e personalizada a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, a cal comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social. A este respecto deseñarase e organizarase un ambiente que faga posible a construción das primeiras aprendizaxes de identidade e autonomía persoal, de relación coa contorna e de comunicación social, sempre en estreita colaboración coas familias.
b) A atención prestarase con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna, e a casa niño permanecerá aberta durante oito horas diarias, de luns a venres, durante todo o ano agás os días festivos, o día 24 e 31 de decembro e un mes cada doce, en que estará pechada por vacacións.
c) Salvo as excepcións contidas na letra anterior, a casa niño debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a persoa titular da casa niño no caso de enfermidade ou calquera outro motivo de ausencia temporal desta, agás causas imprevisibles e inevitables.
d) A atención prestada nas casas niño comprenderá o servizo de cociña, entendendo por este o quentamento de alimentos, a hixiene dos nenos e nenas e o desenvolvemento de actividades de tipo educativo, como obradoiros e xogos e acompañamento no xogo libre. En todo caso as familias achegarán tanto o leite e os alimentos xa cociñados coma o material de hixiene tal como cueiros, toalliñas ou cremas.
e) As familias poderán levar os nenos e nenas un máximo de oito horas diarias, nun horario flexible que se pactará coa persoa titular da casa niño que estea a desenvolver o proxecto. Tamén se pactará coas familias un mes ao ano en que a casa niño permanecerá pechada por vacacións.
f) Cada casa niño terá un máximo de cinco prazas. Para os efectos desta orde, as nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocuparán dúas prazas, e non poderá, en ningún caso, haber máis dun neno ou nena con estas necesidades por casa.
3. Os nenos e nenas que acudan á casa niño deberán estar en todo caso empadroados/as no concello en que esta se sitúe ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade ou, de existiren, que os/as nenos/as estean en lista de espera e acreditar o cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.
4. No suposto de que haxa unha demanda de prazas superior ás que se ofertan, terán prioridade os/as fillos/as das titulares das casas niño e, a seguir, se as houber, os/as fillos/as de mulleres vítimas de violencia de xénero empadroadas no concello en que se sitúe a casa niño ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade, a continuación os/as irmáns/ás de nenos e nenas que xa están asistindo á casa niño e de nenos e nenas empadroados/as no concello, por esta orde. De ser aínda necesario, aplicarase o baremo de acceso ás prazas coas puntuacións establecidas no anexo V».
Dous. O número 3 do artigo 16, referido á xustificación da axuda, pasa a ser o número 4, e o número 3 queda redactado como segue:
«3. Para xustificar a axuda nos casos de permiso por maternidade ou permiso de paternidade da persoa titular do recurso achegarase o permiso correspondente e o contrato de traballo da persoa substituta».
Tres. O anexo III queda modificado no punto relativo á documentación que se presenta, engadindo a necesaria para a xustificación da axuda polo permiso de maternidade/paternidade. O dito anexo está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS403G
Disposición adicional única. Prazo de presentación de solicitudes
A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
