DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Martes, 25 de febreiro de 2025 Páx. 14040

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2025 de concesión directa dunha axuda de carácter extraordinario á entidade deportiva Club Remo Puebla.

Antecedentes:

O día 5 de xaneiro de 2025 a sede do Club Remo Puebla, na Pobra do Caramiñal, viuse afectada por un incendio imprevisible de grande intensidade que afectou a totalidade do inmoble, e destruíu nun curto período de tempo tanto a estrutura como tamén o equipamento que se atopaba no seu interior.

En consecuencia, este club sen ánimo de lucro, como todas as entidades deportivas, fundado hai 45 anos, perdeu todas as embarcacións con que contaba, así como outros equipamentos imprescindibles para a súa actividade, como remos, picas, 3 zódiacs, elementos de oficina, trofeos e bandeiras. Polo tanto, o club sufriu a súa total desaparición física cun efecto devastador que podería provocar a súa supresión, malia a súa importancia na comarca do Barbanza, na especialidade de banco fixo. Esta tempada estaba programada a súa competición na Liga Galega de Traiñeiras máis a participación de diversos bateis en varias categorías, entre outras, nas de alevín, cadete e xuvenil. A implicación deste club co deporte base, coa importancia que supón achegar o deporte aos máis novos nas vilas de pequeno tamaño, fai imprescindible asegurar a súa supervivencia nesta situación extraordinariamente catastrófica.

A situación económica do club, de escasa entidade, como a meirande parte das entidades deportivas galegas, fai que estea sometido, por mor desta excepcional situación, a unha tensión económica que imposibilita a súa recuperación e que exixe das administracións públicas unha resposta firme e decidida para superar esta situación no menor tempo posible, sen prexuízo de que a resposta veciñal, así como doutros clubs de remo de banco fixo, así como de moitos cidadáns e cidadás galegos, están a paliar estes primeiros días de crise, a través da súa axuda desinteresada, mediante pequenas doazóns económicas e de préstamos de embarcacións e doutros materiais.

Por todo o anterior, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes considera necesario articular unha axuda directa a esta entidade para que poida seguir a fomentar a práctica do deporte do remo, así como a súa participación nas competicións, como vén facendo desde hai tantos anos.

Esta resolución ten por obxecto a concesión directa dunha axuda de carácter extraordinario destinada a garantir a supervivencia da entidade deportiva denominada Club Remo Puebla mediante a achega de fondos para manter a súa actividade interrompida polo incendio ocorrido na súa sede o pasado 5 de xaneiro de 2025, e que provocou a perda da totalidade do seu equipamento para a práctica de remo no mar e que pon en risco a súa existencia.

Esta axuda tramitarase coa maior celeridade administrativa posible para que o club poida soportar a tensión económica e organizativa que está a sufrir como consecuencia desta situación excepcional e que, de non ter equipamentos para a práctica deportiva, podería abocalo á súa desaparición. Polo tanto, é precisa esta medida de apoio para garantir a súa viabilidade.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. De conformidade co Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, correspóndelle a este órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia propor e executar as funcións de elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de deportes, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia, e segundo os termos sinalados pola Constitución española, sen prexuízo das competencias que lles poidan corresponder aos outros organismos da Comunidade Autónoma.

No exercicio das ditas competencias, a Consellería asumirá a concesión e o pagamento desta axuda extraordinaria á entidade deportiva, e estará dirixida a fornecer o club de fondos para a adquisición de equipamento deportivo que lle permita o restablecemento da actividade de adestramentos con material propio e superar esta situación catastrófica que está a atravesar.

Segunda. A concesión destas axudas realizarase de forma directa, de conformidade co establecido no artigo 22.2.c) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; os artigos 19.4.c) e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os artigos 36.c) e 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao quedaren acreditadas razóns de interese público, social, económico e humanitario que dificultan a súa convocatoria pública.

Vista a Lei 38/2003, do 17 de novembro; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de conformidade coas competencias que me atribúe o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Primeiro. Procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión da axuda será o de concesión directa, conforme o previsto no artigo 22.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os artigos 19.4.c) e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O centro directivo competente para tramitar esta axuda será a Secretaría Xeral para o Deporte.

Segundo. Obxecto e finalidade da axuda concedida

Esta resolución ten por obxecto a concesión directa dunha axuda de carácter extraordinario destinada a garantir a sustentabilidade da entidade deportiva Club Remo Puebla mediante unha achega económica para a adquisición de material deportivo, co fin de evitar a desaparición do club e garantir a súa viabilidade, seriamente comprometida polo incendio acaecido na súa sede e que destruíu a totalidade das súas embarcacións e elementos auxiliares.

Terceiro. Compatibilidade con outras modalidades de axudas

Esta axuda é compatible coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou dos organismos internacionais dos cales puidese beneficiarse o club.

Cuarto. Crédito orzamentario

Para financiar esta axuda destínase, con cargo á anualidade 2025, crédito por un importe total de sesenta mil euros (60.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 05.02.441A.780.1.

Quinto. Persoa beneficiaria

1. Será beneficiaria a entidade denominada Club Remo Puebla, co NIF G15203169.

2. Non poderá obter a condición de beneficiaria se concorre algunha das circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG número 121, do 25 de xuño).

Sexto. Contía da axuda

1. A contía da axuda destinada á entidade será de sesenta mil euros (60.000 €).

Sétimo. Aceptación da axuda

1. A entidade beneficiaria disporá dun prazo de 10 días, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para aceptar a axuda.

2. A non aceptación da axuda no prazo indicado suporá a renuncia a ela.

3. A entidade beneficiaria deberá presentar por escrito esta aceptación, dirixida á Secretaría Xeral para o Deporte, e nela indicará o número de conta para o aboamento da axuda e o anticipo da axuda (ata 54.000 €), que se aboará no primeiro pagamento, e un correo electrónico e número de teléfono para posibilitar as notificacións electrónicas.

Oitavo. Documentación complementaria necesaria para tramitar a axuda

A entidade beneficiaria deberá achegar coa aceptación da axuda a seguinte documentación:

a) NIF da entidade beneficiaria.

b) Nomeamento de representante, cando proceda.

c) Copia do poder de representación do/da representante legal da persoa solicitante para os efectos da aceptación desta axuda, e DNI do representante legal.

d) De ser o caso, certificación do secretario da entidade do acordo do órgano de goberno respecto á aceptación da axuda.

e) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración de «outras axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución (para os mesmos gastos subvencionables), das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades».

g) Declaración xurada en que conste o compromiso de cumprimento das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, sen prexuízo do disposto no seu artigo 31.7.

h) Certificacións de estaren ao día nas súas obrigas tributarias (tanto da AEAT como da Atriga) e fronte á Seguridade Social e de non teren pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Noveno. Pagamento da axuda

1. O pagamento da axuda efectuarase no número de conta bancaria achegada polo beneficiario xunto coa aceptación da axuda.

2. O artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, prevé achegas anticipadas como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención. O pagamento da presente axuda realizarase da forma seguinte:

– Un primeiro pagamento, de ata un máximo de 54.000 €, tramitarase con carácter anticipado, logo da aceptación da axuda.

– Un segundo pagamento, con carácter anticipado polo importe restante, librarase unha vez xustificada a totalidade do primeiro pagamento.

3. Conforme o artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para o pagamento anticipado non se exixirá a presentación de garantías por parte da entidade beneficiaria da subvención.

Décimo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralle á persoa interesada avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten no documento de aceptación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, a persoa interesada deberá crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte da persoa interesada da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo primeiro. Xustificación

1. A entidade beneficiaria terá de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 30 de outubro de 2025.

2. A entidade achegará a seguinte documentación xustificativa:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

De haber outros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá incluírse unha relación detallada de tales ingresos ou subvencións con indicación do importe e da súa procedencia.

b) Deberase achegar a documentación seguinte:

a. Certificación responsable asinada polo/a secretario/a da entidade deportiva beneficiaria en que conste:

1º. A aprobación polo órgano competente da xustificación da subvención na cal se faga constar de forma detallada:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de pagamento.

2º. Que, segundo informe do/da tesoureiro/a da entidade deportiva beneficiaria, se anotou na contabilidade do gasto correspondente a adquisición do equipamento subvencionado.

3º. Que, segundo informe do/da secretario/a da entidade deportiva beneficiaria, a adquisición de equipamentos se realizou seguindo o seguinte procedemento:

– Solicitude de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 48.2.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

– Que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

– Que as solicitudes das ofertas, a elección e o pagamento do equipamento se realizou con posterioridade ao 5 de xaneiro de 2025 e que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

b. Relación clasificada de gastos e facturas xustificativas dos investimentos realizados coa xustificación dos pagamentos, que se deberá acreditar que se fixeron cos requisitos exixidos no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Os investimentos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, en orixinal ou copias auténticas electrónicas.

Cando a entidade beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para xustificar a subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a data deste.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

As facturas e os xustificantes bancarios dos correspondentes pagamentos deberán estar expedidos entre o 5 de xaneiro de 2025 e a data límite da xustificación do proxecto.

3. A presentación da solicitude de pagamento da subvención e a xustificación da subvención por parte da persoa interesada ou representante comportará a comprobación, polo órgano xestor, de que está ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de que está ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, para o cal deberá achegar a documentación acreditativa correspondente.

4. A Secretaría Xeral para o Deporte poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado levará consigo o reintegro total ou parcial da subvención percibida e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como, de ser o caso, a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Décimo segundo. Reintegro das axudas

Conforme o establecido no artigo 40.1.g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, procederá o reintegro da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Décimo terceiro. Control e verificación

A axuda concedida ao abeiro desta resolución estará sometida á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas de Galicia, polo que a persoa beneficiaria queda obrigada a facilitar toda a información que lle sexa requirida por estes no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Décimo cuarto. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo quinto. Base de datos nacional de subvencións (BDNS)

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, esta resolución e a información sobre a subvención serán comunicadas á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Décimo sexto. Impugnación

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses desde a mesma data, nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes