DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Martes, 25 de febreiro de 2025 Páx. 14115

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se declara a utilidade pública, en concreto, sobre o predio núm. 114 da RBDA da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente ao incremento dun circuíto na LAT 132 kV Mondoñedo-Meira, entre o apoio 22 e a subestación de Meira, nos termos municipais de Mondoñedo e A Pastoriza (Lugo), e que promove Begasa (expediente 2021/109 ATE).

Feitos:

1. O 4.3.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas; en diante, DXPEM) ditou resolución pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada Incremento dun circuíto na LAT 132 kV Mondoñedo-Meira entre o apoio 22 e a subestación de Meira, nos termos municipais de Mondoñedo e A Pastoriza (Lugo), e que promove Begasa (expediente 2021/109 ATE). Esta resolución publicouse no DOG núm. 58, do 21.3.2024.

2. O 29.7.2024, Begasa (Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A.) presentou ante a DXPEM a solicitude de declaración de utilidade pública (DUP), en concreto, da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica sobre o predio núm. 114 da RBDA (relación de bens e dereitos afectados), localizada no concello da Pastoriza e con referencia catastral 27044F00200005. A continuación recóllese o exposto por Begasa:

«[...]

Nun principio, esta sociedade chegara a un acordo privado co propietario do predio 114, motivo polo cal non se incluíra na relación de bens e dereitos afectados que necesitasen do trámite expropiatorio.

Recentemente tivemos coñecemento de que o predio non pertence á persoa coa que se asinara o acordo. Ao parecer, a parcela estaba en proceso de división de herdanza e finalmente resultou adxudicada a outras persoas diferentes do asinante. Esta sociedade intentou chegar a un acordo cos novos propietarios, que resultou infrutuoso, motivo polo cal se fai necesario acudir á expropiación forzosa da parcela 114.

Xúntase: RBDA e ficha de expropiación.

[...]».

3. O 31.7.2024, a DXPEM deu traslado da referida solicitude de Begasa ao Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria (en diante, departamento territorial) para os efectos da súa tramitación.

4. O 8.8.2024, o departamento territorial ditou acordo polo que se someteu a información pública a referida solicitude de Begasa, que se publicou no DOG (30.8.2024) e no xornal El Progreso (26.8.2024) e, así mesmo, estivo exposta, xunto coa documentación sometida a información pública, nas dependencias do Concello da Pastoriza e do departamento territorial, así como no portal de transparencia desta consellería. Durante o período de información pública non se presentaron escritos de alegacións.

5. O 10.10.2024, o departamento territorial, logo de rematada a tramitación da referida solicitude de Begasa, deu traslado do expediente á DXPEM para os efectos de ditar a oportuna resolución, incorporando un resumo da tramitación emitido o 10.10.2024 polo director territorial. Así mesmo, incorporou o informe emitido o 19.9.2024 polos servizos técnicos do departamento territorial, en que se conclúe que non se aprecia limitación para a expropiación dos terreos e imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica na parcela afectada (núm. 114).

6. O 25.10.2024, o departamento territorial cursou as notificacións individuais da solicitude de DUP aos titulares do predio afectado que figuran na RBDA publicada (núm. 114). Así mesmo, respecto daquelas notificacións que non se puideron practicar, ditou un anuncio de notificación, con data do 24.10.2024, que se publicou no DOG (7.11.2024) e no taboleiro de edictos único do BOE (11.11.2024). Non consta a presentación de escritos de alegacións por parte destas persoas.

7. O 8.1.2025, o departamento territorial, para os efectos de completar o expediente, deu traslado de documentación complementaria á DXPEM (notificacións a particulares e certificacións de exposición pública).

Consideracións legais e técnicas:

1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

2. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, de conformidade co disposto no artigo único (punto 2 para o recoñecemento, en concreto, da utilidade pública) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1.2.2017), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14.4.2024), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24.4.2024), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27.5.2024).

De conformidade con todo o que antecede,

RESOLVO:

1. Declarar a utilidade pública, en concreto, sobre o predio núm. 114 da RBDA da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente ao incremento dun circuíto na LAT 132 kV Mondoñedo-Meira, entre o apoio 22 e a subestación de Meira, nos termos municipais de Mondoñedo e A Pastoriza (Lugo), e que promove Begasa, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, implicando a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

2. Como anexo a esta resolución recóllense os datos do predio núm. 114, que se incorpora á RBDA definitiva que se empregará no procedemento expropiatorio (publicada no DOG núm. 58, do 21.3.2024).

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2025

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas

ANEXO

Datos do predio núm. 114 da RBDA da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada Incremento dun circuíto na LAT 132 kV Mondoñedo-Meira entre o apoio 22 e a subestación de Meira

Predio
núm.

Ref. catastral

Termo
municipal

Titular

Tipo cultivo

Afección LAT aérea

Accesos

Afección LAT subterránea

Apoio proxectado

Servidume existente

Servidume nova

Servidume total

Ref. catastral

Pol. núm.

Parc. núm.

Núm.

Superficie ocupada
(m²)

Voo

Voo

Voo

Lonxitude
(m)

Superficie afectada
(m²)

Lonxitude
(m)

Superficie afectada
(m²)

Lonxitude
(m)

Superficie afectada
(m²)

Lonxitude
(m)

Superficie afectada
(m²)

Lonxitude
(m)

Superficie afectada
(m²)

114

27044F00200005

2

5

A Pastoriza

Fiscal Audiencia Provincial de Lugo (rpta. Gumersindo Castro Ledo)
Olimpia Castro Ledo
José Pablo Castro Ledo
Fiscal Audiencia Provincial de Lugo (rpta. hros. Lisardo Castro Ledo)

Prado/ labradío

116

2.288

286

116

2.574