BDNS (Identif.): 816655.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) do sector forestal radicadas en Galicia en relación cos investimentos realizados en zonas rurais, de acordo cos criterios de localización establecidos no ámbito territorial do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 e descritos no anexo XIV, con excepción daqueles solicitantes que, aínda tendo o seu domicilio en áreas definidas como ZDP, soliciten investimentos non fixos para realizar traballos no ámbito territorial do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027.
Para estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (DOUE L 327/1, do 21 de decembro de 2022).
2. Os solicitantes da axuda para acadar a condición de persoas beneficiarias deberán cumprir os requisitos seguintes:
a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento dun mínimo do 70 % do seu importe ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.
2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta por importe do investimento.
3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado na data de publicación da convocatoria –modelo 390 ou modelo 303– do último mes do ano, segundo proceda).
b) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto da axuda e, no suposto de ser exixible, un contrato de prevención de riscos laborais en vigor na data de publicación da convocatoria.
c) Deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.
d) As liñas de serrado non poderán superar unha capacidade máxima de transformación de 20.000 m3 de madeira en rolo de entrada para serrado ao ano, de acordo coa definición de operacións previas á transformación industrial da madeira do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
3. Non poderán acadar a condición de persoas beneficiarias:
a) Aquelas persoas solicitantes nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
d) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000,00 € e cando as persoas solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Segundo. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais (código de procedemento IN500A) e efectuar a súa convocatoria para o ano 2025 en réxime de concorrencia competitiva.
2. Poderán ser subvencionables exclusivamente os seguintes investimentos elixibles:
Liña 1: xestión forestal activa.
a) Procesadoras, cortadoras e outros equipamentos de corta destinados a realizar cortas intermedias (desmestas e rareos), así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade do solicitante. Enténdese por este tipo de maquinaria aquela que reúna as seguintes condicións:
1) Largura máxima de 2,75 metros e alcance mínimo do guindastre de 8 metros.
2) Para maquinaria de rodas de:
a) Peso máximo de 18,5 toneladas e cabezal con diámetro máximo de corte de 600 mm para máquinas de ata 6 rodas.
b) Peso máximo de 20,5 toneladas e cabezal con diámetro máximo de corte de 600 mm para máquinas de ata 8 rodas.
3) Para maquinaria de cadeas: peso máximo de 21 toneladas, raio de xiro mínimo ou raio de xiro cero e cabezal con diámetro máximo de corte de 600 mm.
4) No caso de cabezais procesadores ou cortadores, estes deberán ser instalados en equipos propiedade do solicitante, e deberase acreditar que a máquina base onde se van instalar cumpre as características definidas nesta liña de investimentos. Ao igual que no punto anterior, os cabezais deberán ter un diámetro máximo de corte de 600 mm.
b) Autocargadores e tractocargadores completos, así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade do solicitante. Os autocargadores e tractocargadores para realizar carga e transporte dos produtos obtidos nestas operacións deberán dispor dunha capacidade máxima de carga de 12 toneladas e unha largura máxima de equipamento de 2,7 metros.
No caso de tractocargadores, deberán ter as cabinas homologadas para aplicación forestal conforme as normas de seguridade ROPS (ISO 8082-1 ou 8082-2, segundo corresponda), FOPS (ISO 8083:2006) e OPS (ISO 8084:2003), así como o asento xiratorio homologado para o xiro do/da operario/a sentado/a, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos, e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción.
No caso de equipos automotrices que dispoñan dun motor térmico de combustión, tales como procesadoras, cortadoras, autocargadores, tractocargadores, arrastradores..., deberán dispor dun sistema automático de detección e extinción de lumes no equipo. O sistema de extinción deberá empregar un elemento de extinción efectivo en lumes de líquidos inflamables como gasóleo ou aceites hidráulicos, e deberá non ser corrosivo, ser biodegradable e permitir unha limpeza fácil da máquina tras a súa activación.
Liña 2: madeira e biomasa.
a) Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de madeira en rolo ou biomasa.
b) Autocargadores, arrastradores forestais e tractocargadores completos, estes últimos ata 200 kW de potencia, así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade do/da solicitante. Os tractocargadores deberán ter as cabinas homologadas para aplicación forestal conforme as normas de seguridade ROPS (ISO 8082-1 ou 8082-2, segundo corresponda), FOPS (ISO 8083:2006) e OPS (ISO 8084:2003), así como o asento xiratorio homologado para o xiro do/da operario/a sentado/a, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos, e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción. Estas adaptacións e normas exixiránselles tamén aos tractores orientados á recollida ou aproveitamento comercial de biomasa.
c) Procesadoras, cortadoras e outros equipamentos de corta, así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade do solicitante.
d) Maquinaria específica, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da biomasa forestal no monte, esteladoras con capacidade de recollida, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa. Non terán a consideración de maquinaria específica nin procesadora de biomasa os tractores con rozadoras ou trituradoras forestais.
No caso de equipos automotrices que dispoñan dun motor térmico de combustión, tales como procesadoras, cortadoras, autocargadores, tractocargadores, arrastradores, esteladoras automotrices, etc., deberán dispor dun sistema automático de detección e extinción de lumes no equipo. O sistema de extinción deberá empregar un elemento de extinción efectivo en lumes de líquidos inflamables como gasóleo ou aceites hidráulicos, e deberá non ser corrosivo, ser biodegradable e permitir unha limpeza fácil da máquina tras a súa activación.
Liña 3: castaña e resina.
a) Maquinaria específica, equipamentos, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da castaña ou da resina no monte.
b) Acondicionamento e instalacións de parques intermedios de almacenamento e/ou clasificación.
c) Bens de equipo e instalacións en empresas de recollida, manexo, clasificación, acondicionamento e comercialización de castaña ou resina, sempre que se cumpra o definido na letra d) do artigo 4.1.
Liña 4: valor engadido na primeira transformación da madeira.
a) Equipos portátiles para a clasificación estrutural da madeira por métodos non destrutivos, sempre que dispoñan de documentación/estudos para a análise das especies empregadas pola empresa. A empresa deberá dispor, ou estar en proceso de obter no prazo máximo dun ano, a implantación da marcación CE para madeira estrutural.
b) Maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática da madeira estrutural mediante aspectos visuais ou indirectos. No caso de métodos indirectos, deberá disporse de documentación/estudos para a análise das especies empregadas pola empresa. A empresa deberá dispor, ou estar en proceso de obter no prazo máximo dun ano, a implantación da marcación CE para madeira estrutural.
c) Maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática por calidade tanto da materia prima (troncos) como de produtos serrados intermedios ou finais, mediante a aplicación de escáneres de imaxe, dimensionais, raios X e outros tipos. O emprego desta instalación deberá xustificar a obtención dunha clasificación da madeira cun maior valor engadido.
d) Maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á obtención de produtos de maior valor engadido baseados na madeira serrada, e que permitan abrir novas liñas de negocio á empresa, sempre que se cumpra o definido no artigo 4.1.
e) Acondicionamento, maquinaria e instalacións de primeira transformación para o procesamento da biomasa forestal e a transformación da madeira.
Liña 5: medición, rastrexabilidade e caracterización da madeira obxecto de aproveitamento.
a) Equipos de medición de inventario forestal de carácter dixital ou analóxico, sensores Lidar terrestres e vehículos aéreos non tripulados e os seus accesorios, como cámaras ou Lidar, entre outros.
b) Básculas sensorizadas para parques ou cargadoiros intermedios de madeira.
c) Equipos portátiles de ultrasóns (MST, MTG, PLG…), resistógrafos, penetrómetros, lupas binoculares, higrómetros, estufas ou balanzas de laboratorio de precisión.
Serán elixibles os custos ligados ao funcionamento dos aparellos e equipos descritos, tanto os custos de subscrición a software (admitirase só o gasto do período de subscrición durante o período de execución da axudas) como das licenzas de software para o uso da solución obxecto das actuacións realizadas, excluído o software de propósito xeral, por exemplo sistemas operativos, aplicacións de xestión/monitoraxe de redes/sistemas, paquetes de ofimática, correo electrónico, edición e tratamento de imaxes.
3. Para os efectos destas bases, consideraranse exclusivamente como implementos ou adaptacións aqueles elementos sen capacidade automotriz e que sexan instalados de forma permanente en equipamentos propiedade do solicitante. O resto de elementos sen capacidade automotriz instalados de forma desmontable sobre os equipamentos propiedade do solicitante terán a consideración de apeiros.
4. Poderanse subvencionar investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing) ou calquera outra figura análoga. Neste caso subvencionarase unicamente o importe correspondente á opción de compra. A opción de compra deberá realizarse no prazo de execución do investimento.
5. De acordo co recollido no artigo 2, só serán subvencionables os investimentos que se realicen dentro do ámbito territorial do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (anexo XIV). Por iso se deberá recoller no anexo IV a localización (parroquia e concello) de cada un dos investimentos que se soliciten, tendo en consideración o seguinte:
a) No caso de maquinaria fixa, instalacións e obra civil: localización en que vaian ser executados os investimentos.
b) Maquinaria móbil, equipos de medición ou equipos portátiles: localización do domicilio social da empresa ou das instalacións da empresa onde se gardarán os bens.
No caso de que o solicitante teña a súa sede social fóra do ámbito territorial do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (anexo XIV), mais o investimento obxecto de solicitude fose un equipamento, maquinaria ou apeiro de carácter non fixo, de xeito tal que o uso do dito investimento se vaia a producir exclusivamente no ámbito territorial do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, a solicitude entenderase elixible.
Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria
Esta convocatoria rexerase polo disposto no capítulo I da Resolución do 17 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (código de procedemento IN500A).
Cuarto. Contía
1. Na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 está consignado crédito por un importe de 5.000.000,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria 09.A4.741A.770.0, código de proxecto 2025 00001, para atender as axudas da presente resolución. O financiamento desta convocatoria complementarase con 5.000.000,00 € con cargo á dita aplicación e proxecto no ano 2026.
2. Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 40 % dos gastos elixibles.
A axuda máxima limitarase por solicitante aos 200.000,00 € para as liñas 1 e 4 sinaladas no artigo 3; 50.000,00 € para a liña 5 e 160.000,00 € para as liñas 2 e 3.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2025
Alfredo Fernández Ríos
Director da Axencia Galega da Industria Forestal
