O tribunal nomeado pola Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 7 de novembro de 2024 (DOG núm. 220, do 14 de novembro, con corrección de erros no DOG núm. 222, do 18 de novembro), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 222, do 22 de novembro, con corrección de erros no DOG núm. 79, do 22 de abril),
ACORDA:
Primeiro. En sesións que tiveron lugar o 13 e o 14 de febreiro de 2025, ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 1 de febreiro de 2025, desestimar na súa totalidade as reclamacións presentadas.
Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, así como nos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio aprobados polo tribunal na sesión do día 7 de xaneiro de 2025, publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do primeiro exercicio, dado que o número de aspirantes é inferior a 520 (resultado de multiplicar por catro o número de prazas convocadas), superan o exercicio as persoas que obtivesen, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, criterio aplicado na sesión da corrección do 18 de febreiro de 2025. Para isto, é necesario acadar 32 respostas correctas na primeira parte e 8 respostas correctas na segunda parte do exercicio.
O exercicio cualificouse de 0 a 60 puntos e, para superalo, foi necesario obter un mínimo de 30 puntos. Asignouse a valoración de 30 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obtiveron unha nota equivalente á nota de corte fixada segundo os criterios anteriores. O resto das persoas declaradas aptas tiveron unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.
Unha vez realizada a corrección, acadaron a puntuación mínima un total de 49 aspirantes, unha vez feitas as deducións previstas na base III.1.1.1 da convocatoria.
Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas á proba realizada o día 1 de febreiro de 2025, correspondente ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 16 de novembro de 2023 (DOG núm. 222, do 22 de novembro, con corrección de erros no DOG núm. 79, do 22 de abril), no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal
Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da resolución da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A súa presentación realizarase a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).
Quinto. De acordo co disposto na base II.1.1.2 da resolución da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa de estaren en posesión do Celga 3 ou o equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).
Tal e como establece esta base da convocatoria, xunto coa resolución coas puntuacións do primeiro exercicio, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes na cal figurarán aquelas que, por teren acreditada a posesión do Celga requirido, en calquera procedemento cuxa competencia corresponda a esta dirección xeral non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención a que fai referencia o parágrafo anterior.
Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da resolución da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2025
Luz Aguiar Vale
Presidenta do tribunal
