BDNS (Identif.): 816817.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas físicas que deban figurar como titulares dunha autorización de vertedura dun sistema de depuración autónomo dunha vivenda unifamiliar situado no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia Costa.
Segundo. Obxecto
Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a particulares para a instalación de sistemas de depuración autónomos na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, e convocar estas subvencións para o ano 2025 (código de procedemento AU300C).
Terceiro. Bases reguladoras
Publícase conxuntamente este extracto coa Resolución do 13 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas a particulares para a instalación de sistemas de depuración autónomos no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AU300C).
Cuarto. Importe
As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6568 (subvencións de capital a familias e institucións sen fin de lucro) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe catrocentos setenta e cinco mil euros (475.000,00 €).
O importe das subvencións será do 100 % do investimento da actuación proposta, ata esgotar o crédito da convocatoria e co límite de catro mil euros (4.000 €) por vivenda unifamiliar.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 6 de marzo de 2025 e rematará ás 14.00 horas do día 7 de abril de 2025.
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2025
Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta de Augas de Galicia
