DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Mércores, 26 de febreiro de 2025 Páx. 14186

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas a particulares para a instalación de sistemas de depuración autónomos no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AU300C).

En Galicia, a evacuación das augas residuais domésticas mediante descarga a un sistema de sumidoiros colectivo non sempre é a solución máis axeitada, tanto desde o punto de vista técnico como económico.

Todas as vivendas que non vertan as súas augas a unha rede pública de sumidoiros deben, obrigatoriamente, estaren equipadas cunha solución de saneamento autónomo individual para xestionar de forma axeitada as súas augas residuais domésticas.

Factores como a elevada dispersión da poboación, unha topografía accidentada ou a elevada pluviometría fan que o saneamento autónomo sexa a solución óptima para resolver moitos problemas do saneamento nas contornas rurais. Así, ben que o saneamento autónomo foi considerado durante moito tempo como una solución temporal á espera da súa conexión ao sistema de saneamento municipal, os novos enfoques e criterios no deseño de esquemas de saneamento descentralizado mostran que, en moitas ocasións, son unha solución tecnicamente eficaz, económica e ambientalmente sustentable a longo prazo.

Ben que o obxectivo prioritario é previr calquera risco para a saúde, propia e da veciñanza, tamén o é limitar o impacto sobre o ambiente e participar así no esforzo colectivo de protección dos recursos hídricos.

Toda vivenda sen posibilidade de acometida aos sumidoiros públicos deberá de utilizar sistemas individualizados separados, un para a evacuación de augas pluviais e outro de evacuación de augas residuais dotado dun sistema de depuración particular. As augas pluviais poderán almacenarse para a súa posterior utilización na propia vivenda, ou ben evacuarse ao terreo, preferiblemente, ou a unha canle natural ou a unha rede de drenaxe pluvial pública.

A evacuación de augas residuais deberá realizarse conectándoa ao sistema de sumidoiros públicos. Non obstante, as ordenanzas municipais reguladoras dos servizos de xestión de sumidoiros poden establecer unha distancia máxima a partir da que non é obrigatoria esta conexión. En ausencia desa ordenanza, será de aplicación a distancia de 50 metros recollida no Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia, aprobado polo Decreto 141/2012, do 21 de xuño.

Por estes motivos, considerouse necesario cooperar coas persoas físicas a través dunha convocatoria de subvencións destinada á instalación de sistemas de depuración autónomos na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.

En consecuencia, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a particulares para a instalación de sistemas de depuración autónomos na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, e convocar estas subvencións para o ano 2025 (código de procedemento AU300C).

2. A finalidade destas subvencións é contribuír a que as vivendas unifamiliares xestionen de forma axeitada as súas augas residuais domésticas a través dunha solución de saneamento autónomo.

Artigo 2. Réxime de concesión

A concesión destas subvencións realizaranse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes de subvención presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras recollidas nesta resolución de convocatoria resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude correcta e completamente presentada e ata o esgotamento do crédito.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas físicas que deban figurar como titulares dunha autorización de vertedura dun sistema de depuración autónomo dunha vivenda unifamiliar situado no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

2. Para poder obter a condición de beneficiario, todos os solicitantes deberán:

a) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

3. Ningún solicitante poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Artigo 4. Actuacións subvencionables e requisitos das solicitudes

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde a data de publicación desta convocatoria de subvencións destinados á instalación de sistemas de saneamento autónomo que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que os sistemas de saneamento autónomo que se van instalar se sitúen no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

b) Que as augas residuais procedan de vivendas unifamiliares.

c) Que os rendementos de depuración que se van acadar coas instalacións de depuración ou as porcentaxes mínimas de redución, cumpran os seguintes valores, ben referidos ao límite de parámetros ou ben referidos á porcentaxe mínima de redución, alternativos:

Parámetros

Límite

Porcentaxe mínima de redución

DBO5

200 mg/L

20 %

DQOtotal

300 mg/L

30 %

Sólidos en suspensión

150 mg/L

50 %

Aceites e graxas

25 mg/L

-

Deterxentes

3 mg/L

-

d) Que o volume de almacenamento total sexa igual ou maior a dous metros cúbicos e que teñan como mínimo dúas cámaras.

e) Que, cando resulte exixible para a obtención da autorización de vertedura, o sistema dispoña do preceptivo marcado CE conforme coa norma UNE-EN 12566, ou norma que no futuro a substitúa.

f) Que a vertedura se produza por infiltración no terreo mediante un sistema de evacuación soterrado.

g) Que non se instalen a menos de vinte metros dunha captación subterránea, consonte o disposto no artigo 23.3.a) da normativa do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia Costa, aprobado polo Real decreto 48/2023, do 24 de xaneiro.

2. Os solicitantes desta subvención deberán contar con autorización de vertedura ou co xustificante de ter solicitado a dita autorización con anterioridade á xustificación da subvención.

3. Non será subvencionable a instalación de sistemas de saneamento autónomo en lugares nos que sexa obrigatorio conectarse á rede de saneamento municipal en virtude do disposto na ordenanza municipal reguladora do servizo de saneamento ou, en ausencia desta previsión, que se atopen a menos de cincuenta metros da rede de sumidoiros municipal, consonte o disposto no artigo 7.7 do Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia, aprobado polo Decreto 141/2012, do 21 de xuño.

4. A persoa solicitante deberá ser propietaria do terreo en que se pretende instalar o sistema de saneamento autónomo.

Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase na fase de solicitude, mediante a sinatura da correspondente declaración responsable de propiedade e plena dispoñibilidade incluída no anexo I.

No caso de tratarse de copropiedades deberá achegarse a autorización de todos os copropietarios para a realización da actuación para a cal se solicita a subvención.

5. Todas as actuacións deberán contar, sempre e en todo caso, coa comunicación previa ou, de ser necesaria, coa correspondente licenza municipal. Todo isto sen prexuízo dos restantes informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais, que sexan precisos.

O cumprimento deste requisito acreditarase na fase de xustificación, sen prexuízo da declaración responsable na fase de solicitude.

6. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo constituirá causa de inadmisión da solicitude ou de perda do dereito ao cobramento da subvención, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Será gasto subvencionable a adquisición dun sistema de saneamento autónomo. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

3. Non serán gastos subvencionables, ademais dos recollidos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os gastos de adquisición de equipamento e materiais de segunda man; de actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o sistema de abastecemento autónomo; de xuros; de recargas; de sancións administrativas; de sancións penais; nin de procedementos xudiciais.

Artigo 6. Crédito

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6568 (subvencións de capital a familias e institucións sen fin de lucro) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe catrocentos setenta e cinco mil euros (475.000,00 €).

2. Se antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes se esgota o crédito dispoñible, anunciarase esta circunstancia a través da páxina web de Augas de Galicia.

Artigo 7. Ampliación de crédito

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes, nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 8. Importe máximo das subvencións

O importe das subvencións será do 100 % do investimento da actuación proposta, ata esgotar o crédito da convocatoria e co límite de catro mil euros (4.000 €) por vivenda unifamiliar.

Artigo 9. Compatibilidade das subvencións

1. Estas subvencións serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

As entidades solicitantes deberán declarar todas as subvencións que teñan solicitado e/ou obtido para o mesmo fin.

2. As entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.

3. A obtención de subvencións ou axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións ou axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade e estas fosen compatibles entre si, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación.

O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas. Con todo, cando sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.

Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 6 de marzo de 2025 e rematará ás 14.00 horas do día 7 de abril de 2025.

Artigo 11. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, o solicitante declara o seguinte:

a) Que acepta as condicións e os demais requisitos exixidos na resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro da resolución de convocatoria, e o compromiso de comunicar de contado cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

d) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiario se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Que é propietario, ou copropietario autorizado polo resto de copropietarios para realizar as actuacións obxecto da subvención, da parcela onde se pretende instalar o sistema de saneamento autónomo, coa referencia catastral que se indica.

g) Que a vertedura obxecto da solicitude non está obrigado a conectarse á rede de saneamento municipal en cumprimento do disposto na ordenanza municipal ou, subsidiariamente, no Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia, aprobado polo Decreto 141/2012, do 21 de xuño.

h) Que é titular dunha autorización de vertedura de Augas de Galicia ou, no seu defecto, que a solicitará antes da finalización do prazo de xustificación da subvención.

i) Que realizou ou vai realizar a comunicación previa ou, de ser necesaria, que vai solicitar a licenza municipal antes da finalización do prazo de xustificación da subvención.

j) Que solicitou ou, no seu defecto, que vai solicitar todos os informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais que sexan precisos antes da finalización do prazo de xustificación da subvención.

k) Que as actuacións para as que se solicita subvención teñen a consideración de gastos subvencionables e non estaban finalizadas con anterioridade á publicación da convocatoria destas subvencións.

l) O carácter repercutible ou non do imposto sobre o valor engadido por parte do beneficiario, de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.

m) Que as augas residuais proveñen dunha vivenda unifamiliar.

n) Que a vertedura se producirá por infiltración no terreo mediante un sistema de evacuación soterrado.

o) Que o sistema de saneamento autónomo non se instalará a menos de vinte metros dunha captación subterránea.

Todo isto sen prexuízo das comprobacións que se poidan realizar desde Augas de Galicia e que poden comprender a solicitude da documentación que se considere necesaria para a tramitación do procedemento.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de actuar por medio de representante, acreditación da representatividade suficiente para actuar en nome da persoa solicitante.

b) No caso de copropiedades, autorización de todos os copropietarios da parcela onde se pretende instalar o sistema de saneamento autónomo para solicitar a subvención e comprometerse en nome e representación da copropiedade.

c) Aqueles solicitantes que non teñan ao seu nome na base de datos do catastro a parcela onde se pretende instalar o sistema de saneamento autónomo deberán presentar a documentación acreditativa da titularidade daquela: escritura de propiedade, nota simple informativa do rexistro da propiedade; testamento; ou calquera outro título válido en dereito.

c) Orzamento detallado da subministración do sistema de saneamento autónomo. Os conceptos incluídos no orzamento deberán contar co detalle suficiente para que Augas de Galicia poida comprobar a natureza dos gastos e se estes son subvencionables segundo o regulado na convocatoria.

d) Fichas, certificados e demais documentación técnica do sistema de saneamento autónomo que se pretende instalar, coa información necesaria para verificar o cumprimento dos requisitos recollidos nesta convocatoria para as actuacións subvencionables.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. O tamaño máximo previsto para a presentación electrónica de documentos é de 2GB por presentación.

6. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O procedemento que se vai seguir para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Certificado de titularidade catastral.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónico. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarse a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Publicación dos actos

1. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de subvencións que se concedan.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal), a ampliación do crédito da convocatoria, o esgotamento do crédito da convocatoria e a relación de subvencións que se concedan.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistro establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Órganos competentes e instrución

1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Revisadas as solicitudes e a documentación que se presente con elas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá ao solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, despois de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal de Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou consellería competente en materia de facenda e da verificación do DNI/NIE.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa correcta e completamente presentada.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir os solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

4. Os requirimentos realizaranse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta resolución e no resto de normativa aplicable para poder ser entidade beneficiaria das subvencións.

Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.

6. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución en que consten esas circunstancias e que da información que ten no seu poder se desprende que os solicitantes propostos como beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.

Artigo 18. Resolución, notificación e recursos

1. Unha vez realizada a proposta de resolución, a persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia ou a persoa en quen delegue ditará a resolución do procedemento.

A resolución acordará tanto o outorgamento das subvencións como a desestimación e a non concesión por desistencia, renuncia ao dereito, esgotamento do crédito ou imposibilidade material sobrevida.

2. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será de tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima aos interesados para entender desestimada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Modificación da resolución

O órgano competente para a concesión destas subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 20. Aceptación

1. Os particulares beneficiarios disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os particulares beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos.

Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Cumprir o obxectivo da subvención nos prazos establecidos e co contido indicado nesta resolución.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.

c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a persoa beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.

5. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

7. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 22. Contratación

1. As persoas beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a persoa beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A entidade beneficiaria deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/a adxudicatario/a.

Artigo 23. Xustificación e pagamento

1. Os beneficiarios terán de prazo para presentar a xustificación do investimento da subvención concedida ata o 15 de outubro de 2025.

2. As persoas beneficiarias deberán achegar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, o anexo II desta resolución, en que expresamente se declara:

a) Se solicitou ou lle foron concedidas outras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os cales lles foi concedida esta subvención, con indicación do importe e a súa procedencia, se é o caso.

b) Que a persoa solicitante non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria da subvención.

c) Que se cumpriu a finalidade da subvención.

3. Xunto co anexo II deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Documentación e fotografías que acrediten a instalación do sistema de abastecemento autónomo.

b) Facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo (identificarase o provedor, o NIF, o número da factura, o concepto e o importe) que xustifiquen a execución do proxecto que serviu de base á resolución de concesión.

Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos incluídos no orzamento inicial. Non se aboará máis que o importe xustificado e ata o límite da subvención concedida.

As facturas que se presenten como xustificación dos gastos realizados deberán detallar as unidades e os prezos unitarios. De non vir correctamente tipificado o gasto nas facturas presentadas poderase perder o dereito a cobrar a subvención concedida.

c) Documento bancario acreditativo do pagamento das facturas presentadas, debidamente identificado. Non se admitirán pagamentos en efectivo nin mediante cheque bancario.

d) Xustificante de estar en posesión da autorización de vertedura de Augas de Galicia ou xustificante de tela solicitado.

e) Xustificación de ter presentada a comunicación previa ou, de ser necesaria, de ter solicitada a correspondente licenza municipal.

f) Informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais, que sexan precisos segundo o caso concreto, ou xustificantes de telos solicitados.

4. Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. Augas de Galicia poderá realizar as visitas e inspeccións que considere necesarias para comprobar o cumprimento das obrigas asumidas polas persoas beneficiarias.

Artigo 24. Incumprimento das obrigas

1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da subvención se a persoa beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 26. Medidas antifraude

1. É de aplicación ao procedemento recollido nesta resolución o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que pode consultarse na seguinte ligazón:

https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?file_path=/portal-augas-de-galicia/plans/resto_plans/PlanMedidasAntifraudeAugasdeGalicia.pdf

2. Augas de Galicia empregará como canle de denuncias o sistema posto en funcionamento, á disposición da cidadanía, desde o 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía (Siaci) (https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias) onde os cidadáns poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude. A presentación de denuncias nesta canle, que precisará da identificación electrónica da persoa denunciante para evitar suplantacións ou denuncias automatizadas, será tratada pola Administración autonómica garantindo o anonimato da persoa denunciante, de xeito que os órganos que deban investigar a denuncia non coñezan a identidade do denunciante.

A canle, ademais da cidadanía, poderá ser utilizada polos empregados públicos para presentar medidas de mellora dos procedementos ou das accións antifraude. Tamén na canle se poderán denunciar incidencias que sexan realizadas por empresas ou por beneficiarios de subvencións.

No punto de acceso electrónico á canle de denuncias, situado no Siaci, figurará unha declaración da Xunta en que constará expresamente que, con independencia da necesaria identificación electrónica para a presentación da denuncia, os datos serán tratados anonimizadamente mediante tecnoloxías de información para garantir a indemnidade da persoa denunciante e evitar calquera tipo de eventual represalia sobre ela, en termos semellantes aos establecidos na directiva europea.

A xestión da canle de denuncias corresponderá á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio.

3. A investigación e o tratamento das denuncias presentadas axustarase ao disposto nos puntos 2.3.2 e 2.3.3 do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Definición de vivenda unifamiliar

Para os efectos da consideración dunha vivenda como unifamiliar terase en conta o disposto no punto C.2. do anexo I do Decreto 29/2010, do 4 de marzo, polo que se aproban as normas de habitabilidade de vivendas de Galicia.

Disposición adicional segunda. Ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia Costa

O territorio da demarcación hidrográfica de Galicia Costa poderá consultarse no enderezo electrónico da páxina web do sistema de información IDE-DHGC (Infraestrutura de datos espaciais da demarcación hidrográfica de Galicia Costa), que estará dispoñible desde o enderezo electrónico da páxina web corporativa de Augas de Galicia (na actualidade, https://augasdegalicia.xunta.gal).

Disposición adicional terceira. Tramitación da autorización de vertedura

1. Os solicitantes da subvención deberán contar con autorización de vertedura ou co xustificante de tela solicitado con anterioridade á xustificación da subvención.

Para a tramitación da autorización de vertedura atenderase ao disposto no Regulamento do dominio público hidráulico, que desenvolve os títulos Preliminar, I, IV, V, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril, en xeral, e, en particular, e para o caso das verteduras de augas residuais domésticas que non superen os 50 habitantes equivalentes, atenderase ao disposto no artigo 253.bis do dito regulamento.

O procedemento para a tramitación da autorización de verteduras detállase na páxina web de Augas de Galicia na seguinte ligazón:

https://augasdegalicia.xunta.gal/seccion-tema/c/Tramitacion_AHG_obras_saneamento?content=/Portal-Web/Contidos_Augas_Galicia/Seccions/autorizacions-vertidos/seccion.html&sub=subseccion01/

2. A concesión da autorización de vertedura procedente do sistema de saneamento autónomo non supón que se cumpran os requisitos para conceder a subvención para a súa instalación, requisitos que deberán ser atendidos no correspondente procedemento de tramitación desta solicitude de subvención.

3. A concesión da subvención para a instalación do sistema de saneamento autónomo non supón que se cumpran os requisitos para conceder a autorización de vertedura, requisitos que deberán ser atendidos no correspondente procedemento de tramitación desta solicitude de autorización.

Disposición adicional cuarta. Guía para a configuración dun saneamento autónomo

Na seguinte ligazón de Augas de Galicia pode consultarse a Guía para a configuración de solucións de saneamento autónomo ata 10 habitantes:

https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=738433&name=DLFE-68079.pdf

Disposición adicional quinta. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, para ampliar o crédito da convocatoria, para ampliar o prazo de xustificación ou para calquera outra modificación da resolución e para outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional sexta. Impugnación da convocatoria

Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a Presidencia de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución

Facúltase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento da convocatoria de subvencións.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2025

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file