O Pleno do Concello de Arteixo, na sesión ordinaria do 30 de xaneiro de 2025, acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Londra. Proxecto de construción, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
O 4 de febreiro de 2025 tiveron entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Arteixo e o expediente. O 10 de febreiro de 2025, a citada entidade local remitiu, a través do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2025/352813), documentación complementaria á inicialmente enviada. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.
O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.
O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
A xustificación da pertinencia da declaración de urxente ocupación baséase en que esta actuación ten como obxectivo mellorar o risco potencial de inundación, favorecendo o fluxo dos regos en episodios de crecidas e minimizando a superficie potencialmente inundable ao seu paso polo núcleo de Arteixo, nos leitos fluviais do rego Bolaños e o seu afluente, o rego da Bidueira, que figuran catalogados como áreas de risco potencial significativo de inundación (ARPSIS), de acordo cos estudos realizados por Augas de Galicia. No Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia Costa (ciclo 2021 2027), o rego de Bolaños ou Arteixo está incluído no grupo IV das ARPSIS de risco alto.
O alto risco así constatado xustifica a necesidade de dar unha rápida e eficaz resposta do sistema ante episodios de enchentes mediante a retirada de elementos duros dos leitos e dos diques de protección, a mellora do perfil dos leitos fluviais para a recuperación das marxes e a ampliación de obras de drenaxe transversal existentes.
A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle á Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia. En virtude da asunción de transferencias de competencias do Estado á Xunta de Galicia en materia de Administración local realizada polo Decreto da Xunta 138/1982, do 1 de decembro, o Consello da Xunta de Galicia é o competente para aprobar a declaración de urxente ocupación.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e catro de febreiro de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo único
De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Londra. Proxecto de construción, no termo municipal de Arteixo (A Coruña). De ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.
Santiago de Compostela, vinte e catro de febreiro de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
