DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 27 de febreiro de 2025 Páx. 14481

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 12/2025, do 10 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Bueu de dous treitos da estrada EP-1301 Alto da Portela-Beluso.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Bueu solicitou á Deputación Provincial de Pontevedra a transferencia de titularidade de dous treitos da estrada provincial EP-1301 Alto da Portela-Beluso. O treito final de 104 metros de lonxitude, desde o p.q. 4+030 ao 4+134, denominado no rueiro municipal como Rúa Nova, e o treito comprendido entre o p.q. 0+960 ao 1+400 situado no ámbito do polígono de Castiñeiras, desde a glorieta de enlace entre a estrada do Morrazo VG-4.6 e a PO-551, ata a segunda glorieta de saída do polígono.

O 29.4.2022, a Deputación Provincial de Pontevedra aceptou os cambios de titularidade propostos polo Concello de Bueu.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que os dous treitos da estrada EP-1301 Alto da Portela-Beluso do p.q. 0+960 ao 1+440 e do p.q. 4+030 ao 4+134, de 480 m e 104 m de lonxitude, respectivamente, cumpren co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que formen parte, sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial, polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de febreiro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Bueu dos seguintes treitos da estrada EP-1301 Alto da Portela-Beluso:

Clave

Denominación

p.q.i

p.q.f

Lonx. (km)

EP-1301

Alto da Portela-Beluso

0+960

1+440

0,480

4+030

4+134

0,104

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Bueu, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de febreiro de dous mil vinte e cinco

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas