A constitución do Consorcio Oncolóxico de Galicia e a aprobación dos seus estatutos foi realizada polo Decreto 141/2008, do 19 de xuño, en que se recolle que está integrado pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, representada pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, a Fundación Centro Oncolóxico Rexional José Antonio Quiroga y Piñeiro e o Concello da Coruña.
De conformidade co establecido no artigo 10 dos estatutos do Consorcio, o seu Consello Reitor estará integrado por sete membros, que serán designados do seguinte xeito: dous pola Consellería de Sanidade, dous polo Servizo Galego de Saúde, dous pola Fundación Centro Oncolóxico Rexional José Antonio Quiroga y Piñeiro e un polo Concello da Coruña.
O punto 3 do mesmo artigo establece que a composición do Consello Reitor se fará pública por orde da Consellería de Sanidade, polo que mediante a Orde do 29 de xaneiro de 2010 se deu publicidade á súa primeira composición, e pola Orde do 14 de marzo de 2012 modificouse esta.
Posteriormente, a Lei 1/2018, do 2 de abril, pola que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, levou a cabo un cambio na ordenación territorial coa creación dos distritos sanitarios, como divisións territoriais das áreas sanitarias que constitúen o marco de referencia para a coordinación dos dispositivos de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria.
Ben que a citada Lei 8/2008, do 10 de xullo, xa prevía a división en áreas sanitarias como demarcacións territoriais equivalentes ás áreas de saúde recollidas no artigo 56 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, a experiencia acumulada desde a creación e posta en marcha das anteriores estruturas organizativas de xestión integrada (EOXI) puxo de manifesto que a actual división territorial e funcional do Sistema público de saúde de Galicia está ligada á delimitación territorial das ditas estruturas. Esta circunstancia determinou a modificación operada pola citada Lei 1/2018, do 2 de abril, co fin de incluír as áreas sanitarias.
Esta regulación foi desenvolvida polo Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia.
Por outra banda, cómpre tamén ter en conta as novas estruturas orgánicas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, establecidas por medio dos decretos 144 e 145/2024, do 20 de maio, respectivamente.
De conformidade co anterior, e tendo en conta os cambios organizativos expostos, a presente modificación atinxe unicamente aos membros cuxa designación corresponde á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde, e mantéñense inalteradas as designacións que competen tanto á Fundación Centro Oncolóxico Rexional José Antonio Quiroga y Piñeiro como ao Concello da Coruña, que seguirán representados polas direccións médica e de xerencia, e pola persoa titular da primeira tenencia de alcaldía, respectivamente.
Como consecuencia do anterior, cómpre adaptar a composición do Consello Reitor a este novo marco normativo, polo que, en virtude das facultades conferidas polo artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e de conformidade co establecido no Decreto 141/2008, do 19 de xuño,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación da composición do Consello Reitor do Consorcio Oncolóxico de Galicia
O Consello Reitor do Consorcio Oncolóxico de Galicia estará formado polas seguintes persoas:
a) A persoa titular da Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee.
b) A persoa titular da Dirección Asistencial da Área Sanitaria da Coruña e Cee.
c) A persoa titular da Dirección de Recursos Económicos da Área Sanitaria da Coruña e Cee.
d) A persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Aseguramento da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade.
e) O/a director/a xerente da Fundación Centro Oncolóxico de Galicia.
f) O/a director/a médico/a da Fundación Centro Oncolóxico de Galicia.
g) O/a primeiro/a tenente de alcalde do Concello da Coruña.
Disposición derrogatoria única. Derrogación de disposicións anteriores
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde e, en particular, a Orde do 14 de marzo de 2012 pola que se modifica a composición do Consello Reitor do Consorcio Oncolóxico de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 58, do 23 de marzo de 2012.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2025
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
