DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 27 de febreiro de 2025 Páx. 14486

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras do programa de axudas de emerxencia social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR935A).

O Estatuto da cidadanía española no exterior, aprobado mediante a Lei 40/2006, do 14 de decembro, que se configura como o marco xurídico que lles garante ás persoas residentes no exterior o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais, establece, no seu artigo 5, a asistencia e protección por parte da Administración xeral do Estado e das comunidades autónomas, no marco das súas respectivas competencias, daquelas persoas residentes no exterior que se atopen en situación de necesidade.

Para realizar todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

Con todo, ao longo destes anos a Secretaría Xeral da Emigración detectou a existencia de situacións de necesidade graves sobrevidas a persoas sen recursos económicos, orixinadas por desastres naturais ou circunstancias extraordinarias de carácter sanitario, social ou asistencial, que non poden ser atendidas a través de ningún outro recurso, polo que convén realizar unha convocatoria específica de axudas para satisfacer esas necesidades perentorias co fin de evitar ou paliar situacións de exclusión social.

O obxectivo específico deste programa de axudas, marcadamente social e humanitario, e as diferenzas entre as situacións persoal e familiar das persoas solicitantes e dos países en que residen impiden a comparación e prelación entre as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria, polo que resulta de aplicación o artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que permite recoller nas bases reguladoras a excepción do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes que se presenten, coas garantías previstas no seu artigo 31.

Por outra banda, o feito de que estas axudas estean dirixidas a persoas sen recursos que deban acreditar documentalmente tal situación antes da súa concesión implica que na fase de xustificación da subvención, de conformidade co disposto no artigo 28.9 da mencionada Lei 9/2007, do 13 de xuño, non sexa preciso solicitar outra xustificación aos que se lles conceda, sen prexuízo de poder establecer os controis necesarios para verificar o cumprimento das obrigas e a existencia de tal situación.

Segundo o establecido no artigo 49 do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG núm. 101, do 27 de maio), a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as competencias en materia de emigración e retorno en Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional primeira do devandito decreto desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no devandito decreto, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas de emerxencia social e proceder á súa convocatoria para o ano 2025, coa finalidade de outorgar unha prestación económica única a persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega residentes en América con escasos recursos, e aos seus descendentes, para atender situacións de imperiosa necesidade derivadas de circunstancias extraordinarias sobrevidas nos últimos 12 meses.

En concreto, a devandita prestación vai dirixida a cubrir gastos específicos para aliviar as carencias que afectan estes tres ámbitos principais:

1. As condicións básicas de subsistencia: alimentación, coidados persoais esenciais, educación…

2. As condicións de vivenda: deterioración grave, falta de equipamento ou dotacións esenciais.

3. As condicións de saúde e benestar social: necesidades perentorias de carácter sanitario ou asistencial.

Artigo 2. Natureza e réxime destas axudas

1. Estas axudas son prestacións non periódicas e de natureza económica, que teñen carácter persoal e intransferible e non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias.

2. Tendo en conta o obxecto e a finalidade destas axudas, o procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o esgotamento do crédito orzamentario da convocatoria, sempre que se cumpran as garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

A concesión destas axudas estará condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia esta circunstancia, o que comportará a inadmisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, de ser o caso, á aprobación previa da modificación orzamentaria que proceda.

3. Soamente se poderá conceder unha axuda por feito causante. Cada persoa solicitante só poderá pedir unha axuda por un único suposto. De presentarse máis dunha solicitude, entenderase como válida a presentada en primeiro lugar, segundo o asento de rexistro correspondente.

4. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra concedida por unha Administración pública para os mesmos conceptos.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas:

1. As persoas emigrantes nacidas en Galicia e residentes nalgún dos países de América para os cales o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria.

2. Os/as fillos/as daquelas que residan nalgún dos países América arriba indicados sempre que teñan a nacionalidade española e se atopen vinculados/as con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no exterior (PERE) desde, polo menos, 3 meses antes da data de presentación da solicitude.

3. Para o suposto de situacións de emerxencia que incidan nas condicións de saúde, provocando gastos extraordinarios de carácter sanitario ou asistenciais ao solicitante, poderán ser perceptoras tamén os descendentes de emigrantes galegos ata o segundo grao por consanguinidade que cumpran as mesmas condicións do número anterior.

Artigo 4. Requisitos das persoas solicitantes

1. Para acceder a estas axudas as persoas solicitantes deben reunir os seguintes requisitos:

a) A condición de persoas beneficiarias, de acordo co disposto no artigo 3.

b) Carecer de rendas ou ingresos suficientes.

Para estes efectos, considérase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa solicitante ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a 1,8 veces a base de cálculo da prestación económica por razón de necesidade establecida polo Estado español para o país de residencia, nas contías que se determinen para 2025.

Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.

Para os efectos desta convocatoria, entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, polo seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como polos/as fillos/as e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.

c) Carecer de patrimonio inmoble suficiente.

Considérase que existe patrimonio inmobiliario insuficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, na unidade económica familiar, excepto a vivenda habitual, sexa inferior ou igual a 2,5 veces as contías previstas nese punto en cómputo anual.

d) Acreditar documentalmente a situación de emerxencia social que xustifique a solicitude.

A persoa solicitante deberá xustificar mediante medios válidos en dereito o estado de necesidade actual, que afecte calquera dos tres ámbitos detallados no artigo primeiro desta resolución, e as circunstancias sobrevidas de que deriva.

e) Carecer de impedimentos para a percepción desta axuda segundo a lexislación de subvencións aplicable en Galicia.

Artigo 5. Financiamento, contía das axudas e gastos subvencionables

1. A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.05.312C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, por importe de corenta mil euros (40.000 €).

2. A contía das axudas de emerxencia social por persoa beneficiaria non poderá ser inferior a 500 € nin exceder os 3.000 €.

Dentro deses límites, a determinación da contía efectiva da axuda correspondente a cada persoa beneficiaria efectuarase en función dos seguintes criterios:

a) Para as solicitudes de axuda orientadas a paliar necesidades básicas de subsistencia tales como alimentación, coidados persoais esenciais (vestido e hixiene), educación ou análogos, as contías corresponderanse co 30 % do importe determinado para o cálculo da prestación por razón de necesidade (PRN) de 2025 no país de residencia da persoa solicitante.

b) Para as solicitudes de axuda orientadas a paliar necesidades de adecuación da vivenda habitual e necesidades sanitarias ou asistenciais derivadas de problemas sanitarios graves ou de violencia no seo da unidade familiar, a contía corresponderase co 80 % dos gastos subvencionables xustificados, de conformidade co artigo 14 desta resolución.

3. Os gastos subvencionables varían en función das circunstancias que concorran en cada expediente. En función do obxecto da axuda, poden ser os seguintes:

– Gastos destinados a satisfacer necesidades básicas da unidade familiar tales como alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga.

– Gastos de obra para o mantemento ou reparación da vivenda habitual.

– Gastos de adquisición de equipamento ou dotación de instalacións esenciais na vivenda.

– Gastos derivados do tratamento de problemas graves de saúde, tales como medicación, fisioterapia, próteses, cirurxías, etc.

– Gastos de coidadores de persoas en situación de dependencia permanente ou temporal.

En calquera caso, só serán subvencionables aqueles gastos que se realicen despois dos sucesos ou circunstancias que desencadeasen a situación de emerxencia e antes do día 5 de outubro do ano en curso, e coa condición de que non se poidan financiar con cargo a outras axudas do sistema público ou a calquera seguro do beneficiario.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir:

* No Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Española de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.

* En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas en La Habana.

* En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá que a persoa solicitante autorice a persoa responsable da entidade colaboradora que se detalle no modelo normalizado de solicitude para que remita a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, e non exime as persoas solicitantes da obriga de cubrir e asinar a solicitude segundo o anexo I.

No caso de utilizar esta vía, é recomendable que as solicitudes se presenten cunha antelación suficiente respecto ao remate do prazo de presentación das solicitudes.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal, que deberá acreditar a representación por calquera medio válido en dereito.

5. No suposto de que a circunstancia que xustifique a solicitude de axuda sexa o motivo de que a persoa solicitante non poida asinar do seu puño e letra, poderá facelo mediante impresión dactilar ou dixital. De resultar imposible, admitirase tamén que a asine, no seu nome, a persoa da súa unidade familiar responsable do seu coidado que o acredite suficientemente.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do oitavo día natural seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 6 de outubro de 2025.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, a seguinte documentación:

1.1. No caso de representante, documento acreditativo da representación legal actualizado para o ano da convocatoria.

1.2. A acreditación da condición de persoas solicitantes dos supostos do artigo 3.1 e 3.2 require a presentación da seguinte documentación:

a) As persoas emigrantes: documento oficial en que conste o lugar de nacemento en Galicia.

b) Os descendentes da persoa emigrante: o/os certificado/s de nacemento do rexistro civil correspondente.

c) En todos os supostos: pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

d) Unha certificación recente de inscrición da persoa solicitante no Rexistro de matrícula consular do país de residencia e, para os non nados en Galicia e que se opoñan á consulta pola Administración, unha certificación da inscrición no Padrón de españois residentes no exterior (PERE), onde se acredite a vinculación con calquera concello galego cunha antigüidade mínima dos tres meses anteriores ao día de presentación da solicitude de axuda de emerxencia social.

A vinculación cun concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) non se exixirá no caso de que a persoa solicitante nacese en Galicia ou estea incapacitada legalmente, sempre que esta incapacidade lle impida a inscrición neste censo.

1.3. Documentación acreditativa da situación económica da persoa solicitante da axuda, así como da súa unidade económica familiar.

a) Unha certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba o solicitante e os membros da unidade familiar ou, de non percibirse, declaración responsable da persoa solicitante de que ningún membro da súa unidade económica familiar, incluída ela, percibe ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza.

b) Documentación xustificativa oficial en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, excepto a vivenda habitual, das persoas solicitantes e a súa unidade familiar ou, de non ser posible obtela, unha declaración responsable asinada por todos os membros capacitados maiores de idade, conforme o anexo II.

c) De ser o caso, documentación que acredite a convivencia dos membros da unidade familiar.

d) No suposto de separación legal ou divorcio, unha copia da correspondente sentenza xudicial firme ou da certificación do rexistro.

1.4. Documentación acreditativa do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda, as circunstancias extraordinarias que o provocaron e a estimación de gastos para afrontalo.

– Unha memoria explicativa da situación de emerxencia, en que consten as circunstancias extraordinarias que a causaron, asinada pola persoa solicitante.

– Para as situacións que impidan á persoa solicitante ou á súa unidade familiar cubrir as súas necesidades básicas de subsistencia, referidas á alimentación, vestido, hixiene, educación e outras de natureza análoga, un informe social emitido por un profesional colexiado ou organismo de ampla traxectoria no ámbito asistencial que detalle os ingresos percibidos pola unidade familiar, describa a situación de grave necesidade que fundamenta a solicitude e as circunstancias extraordinarias de que deriva e conclúa cunha valoración favorable ou desfavorable á petición de axuda.

– Para as situacións de perda ou inadecuación da vivenda habitual, é necesario complementar o informe social mencionado no punto anterior cun informe, proxecto ou orzamento dun profesional técnico competente que identifique a carencia de condicións de habitabilidade ou equipamento básico do inmoble, así como a súa causa e as actuacións necesarias para remediar esa situación, coa estimación dos custos de cada unha delas.

– Para as situacións de enfermidade grave ou incapacidade de valerse por si mesma, basta a presentación dun informe ou certificado recente dun profesional sanitario colexiado competente na materia, conforme o modelo do anexo III desta resolución, ou outro de contido equivalente. Se non se detalla aí, complementarase cun orzamento ou estimación de gastos do tratamento e asistencia indicado polo médico.

Valorarase tamén calquera outra documentación complementaria que contribúa a fundamentar a solicitude de axuda, facilitando unha gradación da gravidade e urxencia do estado de necesidade e/o xustificando as circunstancias sobrevindas de que deriva.

Salvo no caso de solicitudes de axuda para atender de forma temporal a cobertura das necesidades básicas de subsistencia, é obrigatorio presentar un orzamento ou estimación de gastos específicos considerados necesarios para paliar a situación de necesidade.

1.5. Documentación oficial en que se certifique que o solicitante non dispón nin pode acceder a recursos dos sistemas públicos nin axudas de terceiros legalmente obrigados para afrontar os gastos obxecto da solicitude de axuda de emerxencia social, ou ben, se non é posible obtela, unha declaración responsable asinada pola persoa solicitante ou polo seu representante en que faga constar iso mesmo.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias electrónica achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, por tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) No caso da persoa solicitante ou representante:

– DNI da persoa solicitante ou representante, se dispón del.

– Certificación de estar rexistrada e vinculada cun concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) no momento de presentación da solicitude.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitada no formulario correspondente e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Instrución e concesión

1. O órgano instrutor é a subdirección xeral competente en materia de programas sociais.

Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado integrado por dúas persoas funcionarias do Servizo de Programas Sociais e presidido pola persoa titular da devandita subdirección xeral. Compete a esa comisión emitir un informe en que se concrete o resultado da avaliación de todas as solicitudes, e a proposta da contía da axuda correspondente a cada unha das persoas que cumpran os requisitos para ser beneficiarias.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a persoa solicitante para que nun prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, de non o facer así, se terá por desistida da súa petición, logo da resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. De conformidade co disposto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez concluída a tramitación do expediente, o órgano instrutor formulará directamente a proposta de resolución ao órgano competente para resolver as solicitudes presentadas.

4. A persoa competente para resolver as solicitudes de axuda que se presenten ao abeiro deste programa é a titular da Secretaría Xeral da Emigración.

5. O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses contado desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Aceptación e renuncia

A persoa beneficiaria disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

1. As axudas concedidas aboaranse nun pagamento único, unha vez que as persoas beneficiarias presenten a correspondente documentación xustificativa, para o que teñen como límite o día 5 de decembro de 2025.

2. No prazo de tres meses desde a notificación da axuda, e coa data límite do 5 de decembro de 2025, a persoa solicitante debe xustificar ante a Secretaría Xeral da Emigración o cumprimento dos requisitos e condicións impostos para alcanzar a finalidade da subvención.

Nos supostos de axudas solicitadas para cubrir gastos relativos á adecuación da vivenda e aquelas de carácter asistencial ou sanitario, a xustificación farase mediante a presentación de facturas e dos xustificantes bancarios acreditativos do seu pagamento, ou unha conta xustificativa simplificada conforme o modelo do anexo IV, que contén a información que dispón o artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O aboamento da axuda correspondente realizaráselle á persoa solicitante, preferentemente mediante transferencia bancaria. Para tales efectos, a persoa solicitante cubrirá a epígrafe de datos bancarios do anexo I e presentará un certificado bancario da conta da súa titularidade onde pretende que se lle aboe o importe.

Cando no país se presenten dificultades para facer efectivo o pagamento mediante transferencias bancarias ou as circunstancias así o aconsellen, cabe empregar outros sistemas alternativos, como poden ser as tarxetas prepagamento ou cheques nominativos. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o pagamento por causas imputables ás persoas solicitantes.

O pagamento das axudas ás persoas beneficiarias residentes na Arxentina e no Uruguai poderá aboarse directamente a unha conta da titularidade da Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires e/ou Montevideo, que será a que se encargue de aboar a cada unha das persoas beneficiarias residentes neses países o importe que lles corresponda.

Con carácter excepcional, o pagamento poderá realizarse a calquera outro membro da unidade familiar sempre que a xuízo do órgano instrutor se xustifique a súa conveniencia para preservar a finalidade da prestación, e sen prexuízo da obriga que ten a persoa solicitante de comunicar calquera cambio nos requisitos exixidos para obter a prestación.

As persoas beneficiarias destas axudas quedarán exentas da constitución de garantías.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigadas a:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Secretaría Xeral da Emigración, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais, achegando canta documentación lles sexa requirida no exercicio desas actuacións.

c) Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa xustificación, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

d) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, mediante unha declaración responsable que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Facilitar toda a información que sexa requirida pola Secretaría Xeral da Emigración, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos que reciba, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 16. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obrigación de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora debidos desde o momento en que se efectúe o pagamento, nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención dará lugar á perda do dereito á cobranza ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Emigración, a través dos seguintes medios:

a) No portal web oficial desta secretaría xeral (https://emigracion.xunta.gal) onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta resolución.

b) Na Guía de procedementos e servizos na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal).

2. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de maneira potestativa recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer de maneira potestativa recurso de reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou, no caso de que a resolución non sexa expresa, o recurso poderá interpoñerse desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file