No Diario Oficial de Galicia núm. 101, do 27 de maio de 2024, publicouse o Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, que recolle o marco de distribución de competencias entre os diferentes órganos da Consellería, atendendo aos principios de eficacia, suficiencia e racionalización que deben presidir a actuación administrativa.
O artigo 333 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, polo que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, atribúe á Oficina Nacional de Avaliación, como órgano colexiado integrado na Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación, a competencia para analizar a sustentabilidade financeira dos contratos de concesións de obras e contratos de concesións de servizos, coa necesidade de emitir informe preceptivo nos casos establecidos no citado artigo. Este mesmo artigo establece a posibilidade para as comunidades autónomas de se adheriren á Oficina Nacional de Avaliación ou crearen un órgano propio equivalente para a solicitude deses informes preceptivos, cando afecte os seus contratos de concesións de obras e de concesións de servizos.
De acordo co anterior, o presente decreto de modificación crea a Oficina de Avaliación Financeira da Comunidade Autónoma de Galicia, órgano adscrito á Consellería de Facenda e Administración Pública.
Este decreto axústase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste sentido, no que se refire ao exercicio da potestade regulamentaria, de acordo cos principios de necesidade e eficacia, a norma proposta atende á vontade de contar cun órgano equivalente á Oficina Nacional de Avaliación, co fin de analizar a sustentabilidade financeira dos contratos de concesión de obras e de concesión de servizos, así como os acordos de restablecemento do equilibrio dos ditos contratos, e esta norma é o instrumento máis adecuado para garantir a consecución dos citados fins.
En consecuencia, procede agora aprobar a modificación da estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, tendo en conta o disposto no capítulo II do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, no exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, cos preceptivos informes favorables e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de novembro de dous mil vinte e catro,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública
O Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, queda modificado como segue:
Un. Engádese unha nova letra l) no número 3 do artigo 2, coa seguinte redacción:
«l) A Oficina de Avaliación Financeira da Comunidade Autónoma de Galicia».
Dous. Engádese un novo capítulo VI no título II, coa seguinte redacción:
«CAPÍTULO VI
A Oficina de Avaliación Financeira da Comunidade Autónoma de Galicia
Artigo 28.bis. A Oficina de Avaliación Financeira da Comunidade Autónoma de Galicia
1. A Oficina de Avaliación Financeira da Comunidade Autónoma de Galicia é un órgano administrativo colexiado, adscrito á consellería competente en materia de facenda, cuxa finalidade é analizar a sustentabilidade financeira dos contratos de concesión de obras e de concesión de servizos e emitir, no ámbito do sector público autonómico definido no artigo 3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, os informes preceptivos previstos no artigo 333 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.
2. A Oficina de Avaliación Financeira da Comunidade Autónoma de Galicia estará composta por:
a) Catro membros, que serán:
1) A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería competente en materia de facenda, que a presidirá.
2) A persoa titular da subdirección competente en materia de programación financeira e de seguimento de políticas de gasto.
3) A persoa titular da subdirección competente en materia de política financeira.
4) A persoa titular da subdirección competente en materia de contabilidade.
b) A Oficina será asistida por unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral Técnica, designada pola persoa que exerza a Presidencia da Oficina, que terá a condición de secretario/a e actuará con voz, pero sen voto.
c) Así mesmo, a persoa titular da Presidencia poderá invitar a asistir ás reunións, con voz pero sen voto, un ou varios representantes da consellería ou entidade afectada polo contrato ou acordo obxecto de informe.
3. Os membros da Oficina de Avaliación Financeira e o persoal ao seu servizo non poderán, no exercicio das súas funcións, solicitar nin aceptar instrucións de ningunha entidade pública ou privada.
4. Correspóndelle á Secretaría Xeral Técnica prestar o apoio administrativo e técnico necesario á Oficina para un axeitado funcionamento e desenvolvemento das súas funcións».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, catro de novembro de dous mil vinte e catro
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
