BDNS (Identif.): 816854.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación
O obxecto desta orde é regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros docentes privados concertados dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no ámbito das bibliotecas escolares e do fomento da lectura, nas seguintes liñas de axudas:
a) Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados.
b) Clubs de lectura-concertados.
c) Radio na biblio-concertados.
d) Biblioteca inclusiva-concertados.
e) Lectura e familias-concertados.
Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e do acceso, por parte das persoas interesadas na sede electrónica da Xunta de Galicia, ao formulario de solicitude (anexo I), denomínase «Axudas para centros privados concertados no ámbito das bibliotecas escolares e do fomento da lectura» (código de procedemento ED516B).
Segundo. Bases reguladoras
Orde do 12 de febreiro de 2025 pola que se convocan axudas para centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura para o curso 2024/25 (código de procedemento ED516B).
Terceiro. Importe
O importe máximo das axudas ascende a 247.800 € con cargo ao orzamento de 2025.
Dado que esta convocatoria abrangue a actividade das bibliotecas escolares durante o curso 2024/25, o orzamento desta convocatoria pode cubrir os gastos orixinados entre o 1 de outubro de 2024 e xuño de 2025.
Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar a solicitude será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Enténdese por último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional
