A Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, recolle no seu artigo 5 as bibliotecas escolares como integrantes do Sistema Galego de Bibliotecas, e no artigo 6 recoñece, entre as obrigas das persoas físicas ou xurídicas titulares das bibliotecas integradas neste Sistema Galego de Bibliotecas, a de promover, no ámbito das súas competencias, un desenvolvemento sustentable, coherente, innovador e constante dos seus propios servizos bibliotecarios.
A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 113 establece que os centros de ensinanza disporán dunha biblioteca escolar, que estes instrumentos educativos contribuirán a fomentar a lectura e a que o alumnado acceda á información e a outros recursos para a aprendizaxe das demais áreas e materias, e poida formarse no seu uso crítico, debendo contribuír estas bibliotecas escolares a facer efectivos os principios pedagóxicos referidos á lectura e dispoñendo que a organización das bibliotecas escolares deberá permitir o seu funcionamento como espazo aberto á comunidade educativa dos respectivos centros, así como que a súa dotación se fará de forma progresiva.
Os decretos polos cales se establecen a ordenación e os currículos das distintas etapas de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria recollen, nos artigos referidos a bibliotecas escolares e lectura, a obrigatoriedade de que todos os centros docentes deben incluír dentro do seu proxecto educativo e funcional un plan de lectura coa finalidade de facilitar unha primeira aproximación á lectura na etapa de educación infantil e promover a lectura nas outras ensinanzas, que se concretará anualmente na programación xeral anual a través de actuacións destinadas ao fomento da lectura, da escritura e das habilidades no uso, no tratamento e na produción da información, en apoio da adquisición das competencias clave.
Así mesmo, os centros docentes contarán cunha biblioteca escolar e deberán incluír dentro do seu proxecto educativo e funcional un plan de biblioteca, que se concretará anualmente na programación xeral anual a través das correspondentes actuacións, coa finalidade de promovela como centro de referencia de recursos da lectura, da información e da aprendizaxe. A biblioteca escolar será tamén un punto de encontro entre alumnado, profesorado e familias que facilite a comunicación, a creatividade, as aprendizaxes, o traballo colaborativo e os intercambios culturais no centro, ademais de servir como instrumento de apoio para o desenvolvemento do plan de lectura.
As metodoloxías activas e colaborativas que os actuais currículos propoñen para garantir o desenvolvemento de competencias clave exixen transformacións na organización dos centros e demandan enfoques diferentes para as prácticas educativas. Así, o Decreto 155/2022, do 15 de setembro, explicita o uso de metodoloxías que partan dun enfoque globalizador e interdisciplinar baseado nunha aprendizaxe competencial, que permita conectar contidos das distintas materias curriculares ademais de abordar os diferentes elementos transversais, tendo en conta os recursos dos centros educativos, principalmente a biblioteca escolar como fonte de aprendizaxe e recursos.
As bibliotecas teñen o reto de favorecer a alfabetización múltiple a que fai referencia o documento do Consello da Unión Europea do 26 de novembro de 2012, que a salienta como competencia esencial para a vida e para todas as aprendizaxes, e a define como a comprensión, utilización e avaliación crítica de diferentes formas de información, incluídos os textos e as imaxes, escritos, impresos ou en versión electrónica.
Todas as bibliotecas, tamén as escolares, poden contribuír a unha aprendizaxe de alta calidade, así como favorecer a colaboración entre os diferentes sectores educativos, en especial para o alumnado máis desfavorecido, tal e como recolle o informe de 2015 do Consello e da Comisión Europea sobre a aplicación do marco estratéxico para a cooperación europea no ámbito da educación e da formación (ET 2020), onde se afirma que a educación e a formación deben aproveitar as vantaxes da evolución no ámbito das TIC e adoptar pedagoxías innovadoras e activas, tomando como base métodos participativos e baseados en proxectos.
Unha biblioteca escolar, activa e renovada segundo o modelo que se está a difundir, ofrece oportunidades excelentes para que alumnado e profesorado poidan avanzar nos seus obxectivos e ampliar a calidade dos procesos de aprendizaxe ou de ensinanza en que están inmersos; e proporciona un apoio imprescindible no desenvolvemento doutros programas do centro que poidan contribuír ao incremento do éxito escolar. Así conséguese reforzar as bibliotecas escolares como espazos para o desenvolvemento persoal, social e cultural de todo o alumnado e das comunidades educativas no seu conxunto, incidindo nun enfoque inclusivo e na potencialidade da biblioteca escolar como factor de compensación social e de equidade, promovendo a participación activa do alumnado e a presenza das familias, e contribuír á consecución dos Obxectivos 2030 de equidade, calidade, dixitalización e inclusión, así como a promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas e todos.
A Resolución do 2 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da organización e o funcionamento das bibliotecas escolares nos centros docentes non universitarios, de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no curso académico 2024/25, recolle que se deberán establecer as medidas organizativas oportunas para poñer á disposición do alumnado, profesorado e, na medida do posible, do resto da comunidade educativa, unha biblioteca escolar que favoreza o achegamento a libros informativos e de ficción, e a outros recursos informativos, en soporte impreso, audiovisual ou electrónico; presentes na biblioteca ou dispoñibles a través da internet, relacionados cos contidos do currículo ou que poidan cubrir a variedade de intereses de lectura e de aprendizaxe. Lémbrase nestas instrucións que o espazo da biblioteca deberá organizarse en función das prácticas que interesa incentivar. Incídese, así mesmo, en que esta biblioteca deberá ser cada vez máis inclusiva, que dea resposta ás necesidades de todo o alumnado no que atinxe á accesibilidade, aos recursos dispoñibles a través da colección física ou virtual, aos equipamentos e ás actividades propostas e, tamén, en que a biblioteca escolar deberá facilitar o tratamento transversal dos contidos e un enfoque interdisciplinario en proxectos e actividades, contribuíndo así aos cambios metodolóxicos imprescindibles.
O Plan LIA (2021-25) ten entre os seus obxectivos fundamentais dotar os centros educativos de bibliotecas escolares útiles, estables, sustentables e acordes ás necesidades do século XXI, facendo delas espazos creativos de aprendizaxes innovadores e inclusivos que apoien a adquisición das competencias clave do alumnado.
Así, é necesario tomar medidas que aseguren non só a estabilidade e a continuidade das bibliotecas escolares no sistema educativo galego, senón que reforcen e melloren o nivel de excelencia conseguido pola Rede de Bibliotecas Escolares galegas.
Deste xeito, en 2018, iniciouse a través desta convocatoria unha liña de axudas pola que se dá continuidade ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, xa iniciado en 2016 para estes centros, e facilítase a participación en Clubs de lectura, Radio na biblio, Biblioteca inclusiva e Lectura e familias, conformando cinco modalidades de axuda ás que se poderán acoller parcial ou globalmente.
En consecuencia, de conformidade co exposto e por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, como conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,
ACORDO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
O obxecto desta orde é regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros docentes privados concertados dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no ámbito das bibliotecas escolares e do fomento da lectura, nas seguintes liñas de axudas:
a) Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados.
b) Clubs de lectura-concertados.
c) Radio na biblio-concertados.
d) Biblioteca inclusiva-concertados.
e) Lectura e familias-concertados.
Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso, por parte das persoas interesadas na sede electrónica da Xunta de Galicia, ao formulario de solicitude (anexo I), denomínase «Axudas para centros privados concertados no ámbito das bibliotecas escolares e fomento da lectura», co código de procedemento ED516B.
Artigo 2. Financiamento e contía das axudas
1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo ás seguintes partidas orzamentarias:
– 07.03.423A.482.1 por un máximo de 8.100 €.
– 07.03.423A.482.2 por un máximo de 8.000 €.
– 07.03.423A.482.3 por un máximo de 8.100 €.
– 07.03.423A.780.1 por un máximo de 25.000 €.
– 07.03.423A.780.2 por un máximo de 98.400 €.
– 07.03.423A.780.4 por un máximo de 6.000 €.
– 07.03.423A.780.5 por un máximo de 48.000 €.
– 07.03.423A.780.6 por un máximo de 37.500 €.
– 07.03.423A.780.7 por un máximo de 8.700 €.
O importe máximo das axudas ascende a 247.800 € con cargo ao orzamento de 2025.
1. Dado que esta convocatoria abrangue a actividade das bibliotecas escolares durante o curso 2024/25, o orzamento desta convocatoria pode cubrir os gastos orixinados entre outubro de 2024 e xuño de 2025.
2. A contía da axuda para cada centro determinarase en función da valoración da documentación presentada de acordo cos criterios de valoración establecidos no capítulo VII (normas específicas) desta orde.
CAPÍTULO II
Finalidade das axudas e requisitos para poder solicitalas
Artigo 3. Finalidade das axudas
As axudas reguladas nesta orde poderán utilizarse para:
1. Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados (continuación das axudas á actualización das bibliotecas escolares iniciadas en 2016), por un importe global de 131.500 €.
2. Clubs de lectura-concertados (vinculados á biblioteca escolar, para realizar fóra das aulas, é dicir, do tempo das materias) destinados a alumnado de ensino primario, secundario, ciclos formativos e educación especial, por un importe global de 48.000 €.
3. Radio na biblio-concertados (laboratorio de radio, vinculado á biblioteca escolar en centros xa integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados durante o curso 2023/24), por un importe global de 14.100 €.
4. Biblioteca inclusiva-concertados (melloras para a accesibilidade concretadas no mobiliario, equipamento e colección das bibliotecas escolares de centros específicos de educación especial e de centros que teñan unidades de educación especial ou melloras na colección dos centros que impartan ensinanzas de educación infantil, educación primaria ou educación secundaria obrigatoria, sen unidades de educación especial), por un importe global de 37.500 €.
5. Lectura e familias-concertados (vinculado á biblioteca escolar en centros xa integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados durante o curso 2023/24), para o desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, por un importe global de 16.700 €.
Artigo 4. Requisitos do centro
Os centros privados concertados que desexen optar a estas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:
1. Contar cun espazo destinado exclusivamente á biblioteca escolar de centro e equipamento específico para ela.
2. Designar a unha persoa integrante do equipo docente e que estea dentro do concerto educativo co cargo de coordinador/a de biblioteca na aplicación CentrosPrivados (https://www.edu.xunta.gal/centrosprivados/).
3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Os requisitos para cada unha das modalidades de axudas detállanse no capítulo VII (normas específicas).
CAPÍTULO III
Solicitude e prazos
Artigo 5. Forma e prazo de presentación
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (código de procedemento ED516B).
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. O procedemento de solicitude iniciarase a través da aplicación en liña dispoñible desde a páxina web ProgramasBibliotecas https://www.edu.xunta.gal/programasbibliotecas, cubrindo o formulario electrónico ED516B-anexo I Axudas para centros privados concertados no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura para o curso 2024/25 dispoñible na aplicación.
4. Unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación en liña, e, posteriormente, realizarán a presentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, segundo as indicacións dispoñibles na aplicación https://www.edu.xunta.gal/programasbibliotecas
5. Así mesmo, o formulario de solicitude (ED516B-anexo I) e os demais vinculados a esta orde (anexos II a XVI) estarán accesibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (para os efectos informativos).
6. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
7. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
8. Deberá cubrirse unha única solicitude por centro, na que se recollerán todas as modalidades de axuda solicitadas. No caso de que algún centro presente unha nova solicitude, entenderase que desiste da anterior.
Artigo 6. Documentación complementaria
1. Os centros docentes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
1.1 . Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados:
1.1.1. Centros que se incorporen por primeira vez e centros non integrados no programa no curso anterior:
a) Análise da situación da biblioteca do centro (anexo II).
b) Memoria de actividades realizadas no período 2022-2024 (anexo III).
c) Programa de biblioteca escolar para o curso 2024/25 (anexo IV).
d) Relación do profesorado responsable da biblioteca escolar e integrante do equipo de apoio no curso 2024/25 (anexo V).
e) Certificado da persoa titular da Dirección coa data de presentación no Claustro do Programa de biblioteca para a súa aprobación (anexo VI).
f) Certificado da persoa titular da Dirección coa data de aprobación no Consello Escolar do programa de biblioteca para a súa inclusión na programación xeral anual (anexo VII).
g) Certificados acreditativos das actividades de formación do profesorado responsable de poñer en marcha o programa de biblioteca escolar e compromiso escrito de participar na formación específica que se oferte durante o curso 2024/25.
1.1.2. Centros incorporados nas convocatorias entre 2016 e 2023 e que solicitan a continuidade:
a) Liñas prioritarias de actuación da biblioteca escolar para o curso 2024/25 (anexo VIII).
Aqueles centros que soliciten a incorporación ao Plan de mellora de bibliotecas escolares na presente convocatoria, pero que xa tivesen formado parte do programa e causado baixa anteriormente por diferentes razóns, poderán ser seleccionados sempre que acaden a valoración suficiente e sempre que transcorrese un mínimo de catro anos desde a data de baixa. Neste suposto poderán percibir como máximo 4.000 €.
1.2. Clubs de lectura-concertados:
1.2.1. Centros que se incorporen por primeira vez e centros non integrados no programa no curso anterior:
a) Certificado da persoa titular da Dirección coa data de aprobación no Consello Escolar do proxecto de clubs de lectura para a súa inclusión na programación xeral anual (anexo IX).
b) Descrición do proxecto de clubs de lectura (anexo X).
c) Certificados acreditativos das actividades de formación do profesorado responsable dos clubs de lectura e compromiso escrito de participar na formación específica que se oferte durante o curso 2024/25.
1.2.2. Centros que participaron no programa Clubs de lectura-concertados no curso 2023/24:
a) Certificado da persoa titular da Dirección coa data de aprobación no Consello Escolar do proxecto de clubs de lectura para a súa inclusión na programación xeral anual (anexo IX).
1.3. Radio na biblio-concertados:
a) Certificado da persoa titular da Dirección conforme a emisora de radio e as súas actividades estarán vinculadas á biblioteca escolar (anexo XI).
1.4. Biblioteca inclusiva-concertados:
a) Memoria das actividades da biblioteca escolar no curso 2023/24 (anexo XII).
b) Descrición das necesidades concretas para avanzar como biblioteca inclusiva (anexo XIII).
1.5. Lectura e familias-concertados:
a) Certificado da persoa titular da Dirección coa data de aprobación no Consello Escolar do proxecto de Lectura e familias para a súa inclusión na programación xeral anual (anexo XIV).
b) Descrición do proxecto de Lectura e familias (anexo XV).
1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 7. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.
1. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e de xustificación do gasto (anexo XVI) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deben realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
CAPÍTULO IV
Procedemento para a adxudicación das axudas
Artigo 9. Criterios de valoración
Para a baremación das solicitudes presentadas teranse en conta os criterios recollidos no capítulo VII (normas específicas), segundo as modalidades de axuda solicitadas.
Artigo 10. Instrución e Comisión de Valoración
1. O procedemento de concesión das subvencións será o de concorrencia competitiva.
2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa.
3. Durante a instrución do procedemento, constituirase como órgano colexiado unha Comisión de Valoración que, de acordo cos criterios establecidos no capítulo VII (normas específicas), avaliará as solicitudes e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada.
4. A valoración das solicitudes será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:
a) Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.
b) Vogais:
– A persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo ou persoa en quen delegue.
– A persoa titular da Xefatura do Servizo de Apoio Económico ou persoa en quen delegue.
– A persoa titular da xefatura do Servizo de Innovación e Programas Educativos ou persoa en quen delegue.
a) As persoas responsables da Asesoría de Bibliotecas Escolares na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Unha delas fará as funcións de secretaria.
1. A Comisión de Valoración, como resultado da aplicación dos criterios do baremo, elaborará un informe cunha relación ordenada de solicitudes, que incluirá os centros admitidos indicando a modalidade de axuda ou axudas que correspondan e os importes adxudicados.
2. A percepción de asistencias desta comisión de selección atenderá á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.
3. Unha vez avaliadas as solicitudes e emitido o informe da Comisión de Valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor, que formulará as resolucións provisionais que correspondan.
4. Por último, logo do informe final da Comisión de Valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor, que formulará a proposta de resolución definitiva e a elevará ao conselleiro para resolver.
CAPÍTULO V
Resolución
Artigo 11. Resolución provisional
1. Valoradas as solicitudes, o órgano instrutor fará pública a resolución provisional co importe asignado a cada centro, que se difundirá no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia https://www.edu.xunta.gal
2. A exposición abrirá un prazo de dez días hábiles para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión das axudas ante a persoa que exerza a presidencia da comisión.
Artigo 12. Resolución definitiva
1. Unha vez transcorrido este prazo, estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, o órgano instrutor elevaralle á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a proposta definitiva en que se sinalará a concesión ou a denegación das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.
2. A resolución definitiva será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, por delegación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e publicarase no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses, contado desde o remate do prazo de solicitude.
3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, e ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme os artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
4. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva os centros solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos que proceda.
Artigo 13. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efecturanse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efecturanse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 14. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 14 bis. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicaranse á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola base.
Artigo 15. Compatibilidades
Estas axudas serán compatibles con outras que o centro poida percibir para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, tendo en conta o disposto nos artigos 11.d) e 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 16. Renuncias
1. Os centros docentes poderán renunciar á axuda nos dez días hábiles seguintes á publicación da resolución provisional.
2. Se un centro renunciase á axuda despois deste prazo non poderá concorrer á concesión desta nos dous cursos seguintes ao correspondente a esta convocatoria.
CAPÍTULO VI
Pagamentos
Artigo 17. Pagamento
1. O pagamento da axuda farase antes do remate de novembro de 2025 e logo da completa xustificación do cumprimento das condicións e da finalidade para a cal se concedeu.
2. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e pagamento de subvencións de Galicia.
Artigo 18. Documentación xustificativa
1. Para o pagamento, o centro docente concertado terá que presentar, antes do 8 de setembro de 2025:
a) Formulario normalizado de xustificación de gasto (anexo XVI) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
b) As facturas emitidas entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de xuño de 2025 e os xustificantes de pagamento por cada unha das liñas de axudas concedidas.
1. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.
2. Para o pagamento o centro presentará, xunto cos documentos citados no punto 1 deste artigo e antes do 8 de setembro de 2025, unha memoria das actividades realizadas por cada unha das liñas concedidas, asinada pola persoa representante legal do centro, que permita asegurar a relación directa dela cos xustificantes de gasto que se acheguen. Toda a documentación da memoria achegarase a través da aplicación (https://www.edu.xunta.gal/programasbibliotecas):
3.1. Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados.
Deberase cubrir a través da aplicación (https://www.edu.xunta.gal/programasbibliotecas) un formulario no que deberán detallarse diversos aspectos de interese en relación coa situación da biblioteca, as actividades desenvolvidas e o seu papel como recurso imprescindible na vida do centro. Este formulario, cuberto pola persoa responsable da xestión da axuda recibida, cubrirase coa data límite anteriormente indicada. A través da aplicación achegarase, así mesmo, a documentación que se recolle a seguir:
De xeito obrigatorio:
a) Memoria Plambe: actividades desenvolvidas en relación coa xestión técnica, o fomento da lectura, a educación para a competencia en información e outras, así como o grao de cumprimento dos obxectivos propostos, os indicadores e instrumentos de avaliación e as previsións de futuro (máximo 10 páxinas, formato .pdf).
b) Plan anual de lectura e, no caso de que fose revisado no curso 2024/25, o Plan de lectura do centro (formato .pdf).
Opcionalmente, presentarase a seguinte documentación complementaria:
a) Materiais xerados pola biblioteca, como guías de usuarios, recomendacións lectoras, trípticos informativos, infografías... (comprimidos en formato zip).
b) Imaxes actualizadas da biblioteca escolar (máximo 5 imaxes, formato jpg, cun máximo de 150 kb por imaxe, comprimidas en formato .zip).
c) Certificados de formación realizada no presente curso escolar en materia de biblioteca escolar e/ou fomento da lectura da persoa responsable e dos membros do equipo da biblioteca (formato .pdf).
d) Avaliación das actividades realizadas e do funcionamento dos servizos da biblioteca: ferramentas (enquisas, informes, cuestionarios), indicadores, resultados... (formato pdf).
Para a cualificación final das actividades da biblioteca durante o curso 2024/25 terase en conta toda a información recollida nesta memoria e a documentación complementaria.
3.2. Clubs de lectura-concertados.
Os centros que recibiron axuda para o funcionamento dun club de lectura ao abeiro desta convocatoria de apoio a actividades de fomento da lectura elaborarán unha breve memoria dun máximo de 6 páxinas das actividades levadas a cabo durante o curso 2024/25, na cal se deberán detallar:
a) Formas de organización e funcionamento dos distintos grupos. Periodicidade e horario para cada un dos grupos.
b) Breve descrición das actividades desenvolvidas no club de lectura.
c) Materiais elaborados, se os houbese.
d) Colaboracións con outros clubs ou con outras institucións culturais da contorna, se é o caso.
e) Aproveitamento das posibilidades e os recursos da biblioteca escolar.
f) Medios que se utilizarán para a difusión das actividades entre a comunidade escolar.
Tamén se deberán achegar os certificados da formación recibida en cursos, grupos de traballo, seminarios, etc. durante os cursos 2023/24 e 2024/25 en materia de fomento da lectura por parte de todo o profesorado participante na mediación dos grupos de lectura.
3.3. Radio na biblio-concertados.
As bibliotecas participantes deberán entregar ao finalizar o curso unha breve memoria das actividades desenvolvidas (máximo 2 páxinas e ata 5 imaxes anexas).
Así mesmo, achegarán unha produción sonora elaborada polo alumnado no contexto do proxecto Radio na biblio-concertados, acompañada dunha descrición do proceso debidamente documentado (contexto, contido, tarefas, guión, participantes...), para a súa difusión nun espazo web específico que se creará para tal efecto.
3.4. Biblioteca inclusiva-concertados.
As bibliotecas participantes nesta modalidade de axudas deberán entregar unha breve memoria das actividades desenvolvidas (máximo 2 páxinas e ata 5 imaxes anexas das melloras realizadas ou dos materiais adquiridos ao abeiro desta liña de axudas, convenientemente contextualizadas).
3.5. Lectura e familias-concertados.
As bibliotecas participantes deberán entregar unha breve memoria das actividades desenvolvidas (máximo 2 páxinas e ata 5 imaxes anexas) na que se deberán detallar:
a) Grao de consecución dos obxectivos previstos no proxecto inicial.
b) Breve descrición das actividades desenvolvidas ao abeiro do programa.
c) Recursos e materiais de elaboración propia.
d) Participación activa das familias no seu conxunto.
e) Aproveitamento das posibilidades e os recursos da biblioteca escolar.
f) Avaliación. Elaboración de indicadores, avaliacións realizadas e resultados.
g) Visibilidade. Medios empregados para a difusión das actividades entre a comunidade escolar.
1. Para a cualificación final das actividades desenvolvidas nas diferentes modalidades durante o curso 2024/25 teranse en conta a memoria de actividades, a documentación complementaria e os datos recollidos nos formularios previstos nalgunhas das modalidades.
2. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberase presentar a declaración responsable recollida no artigo 5 desta orde prevista no anexo I e no anexo XVI asinados dixitalmente, no momento da solicitude e do pagamento.
Artigo 19. Seguimento dos programas
Tanto a Inspección educativa como as persoas responsables en materia de bibliotecas escolares da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderán supervisar e avaliar o desenvolvemento do plan.
Artigo 20. Fiscalización e control
1. As entidades beneficiarias quedarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.
2. Así mesmo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.
3. As entidades beneficiarias darán a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.
Artigo 21. Modificación da resolución de concesión
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. De conformidade co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:
a) A obtención da subvención falseando os datos, os feitos ou a documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.
b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.
c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.
Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento da axuda
1. O centro docente perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:
a) Xustificación de forma incompleta ou fóra de prazo.
b) Falta de entrega da documentación da memoria no prazo sinalado.
c) Incumprimento total ou parcial dos programas ou das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión.
d) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. De concedérselle outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón o artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.
3. No caso de que se revogue a axuda, o centro docente terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei 9/2007, do 13 de xuño.
CAPÍTULO VII
Normas específicas
Sección 1ª. Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados
Artigo 23. Obxecto e ámbito de aplicación
1. O Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados ten por obxecto seleccionar un máximo de 10 centros novos para a súa incorporación ao programa e apoiar a continuidade dos incluídos en anteriores convocatorias.
2. O Plan de mellora procura incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que recollan:
a) A organización, actualización e dinamización da biblioteca de centro, entendida como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe. O deseño de espazos, recursos e actividades cun enfoque inclusivo.
b) A incorporación de novas tendencias en materia bibliotecaria: espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido.
c) A súa contribución á mellora dos procesos de ensinanza e de aprendizaxe e á adquisición das competencias clave do alumnado.
d) O concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.
e) O deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, é dicir, as competencias de uso, tratamento e produción de información nos diferentes soportes e formatos, así como o tratamento das linguaxes dos diferentes medios de comunicación.
f) A imprescindible integración da cultura impresa e a cultura dixital.
g) A realización de actividades de formación de persoas usuarias das bibliotecas e os seus recursos.
h) O papel da biblioteca escolar no desenvolvemento do Plan de lectura do centro.
i) O fomento da lectura e da escritura.
j) A contribución da biblioteca á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro.
k) As posibilidades que ofrece para a incorporación de metodoloxías innovadoras e consecuentes coas necesidades educativas actuais.
l) A implicación da biblioteca en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.
Artigo 24. Financiamento e contía das axudas
1. A dotación global das axudas ascende a un máximo de 131.500 € e tramitarase con cargo ás seguintes partidas orzamentarias:
a) 07.03.423A.780.2, destinada á adquisición de fondos documentais, en distinto soporte, por unha contía máxima de 98.400 €.
b) 07.03.423A.780.1, para a renovación de mobiliario e outros equipamentos, por unha contía máxima de 25.000 €.
c) 07.03.423A.482.3, para axudas de Bibliotecas Escolares a centros concertados, por unha contía máxima de 8.100 €.
1. Para determinar a contía individual das axudas teranse en conta os seguintes criterios:
a) Centros de nova incorporación. Unha vez coñecida a puntuación acadada, seleccionarase un máximo de 10 centros con maior puntuación e, tendo en conta esta puntuación, o número de unidades e o alumnado do centro determinarase a contía individual das axudas, ata o importe global máximo de 51.000 €.
b) Centros que se integraron no Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados na convocatoria de 2023. Determinarase a contía individual das axudas tendo en conta as necesidades descritas na solicitude, a valoración da memoria do curso 2023/24, así como o número de unidades e alumnado, ata o importe global máximo de 37.500 €.
c) Centros que se integraron no Plan de mellora de bibliotecas escolares nas convocatorias anteriores, entre 2016 e 2022. A contía individual das axudas para fondos determinarase tendo en conta os mesmos criterios da letra b), ata o importe global máximo de 43.000 €.
Artigo 25. Finalidade das axudas
1. Os centros de nova incorporación destinarán as axudas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento.
2. Os centros concertados incorporados a este programa na convocatoria de 2023 poderán percibir axudas para fondos documentais, mobiliario e outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento; os de convocatorias anteriores (2016 a 2022), poderán percibir axudas para fondos documentais.
3. O gasto da cantidade concedida a cada proxecto deberá axustarse aos seguintes requisitos:
a) Fondos documentais. Xunto coa asignación total concedida a cada proxecto detallaranse as contías que deberán ser destinadas a sufragar gastos comprendidos nos seguintes conceptos: adquisicións de fondos documentais impresos, electrónicos, audiovisuais ou multimedia; subscricións a publicacións periódicas con destino á biblioteca escolar, tamén en soporte papel ou electrónico.
Deberán incluírse materiais destinados á atención da diversidade (libros e outros materiais destinados ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, necesidades educativas especiais, altas capacidades, alumnado de incorporación tardía ao sistema educativo etc.). A multiculturalidade e as diversas linguas con presenza no centro deberán ser convenientemente recollidas, e sempre de acordo co Proxecto Lingüístico do centro. Un mínimo dun 50 % deberá ser en lingua galega. Así mesmo, e coa finalidade de equilibrar a colección e atender ás necesidades de todas as áreas de aprendizaxe, a asignación desta partida destinarase nunha porcentaxe significativa (non menos do 50 %) a materiais informativos relacionados coas diferentes áreas de coñecemento (vinculados, por exemplo, aos proxectos de investigación que se leven a cabo no centro durante o ano escolar). As adquisicións realizaranse, preferentemente, a través das librerías da zona de referencia do centro.
b) Mobiliario e equipamento. Destinarase á adquisición de mobiliario específico, como expositores, andeis, mobiliario para os espazos de lectura informal, mesas e cadeiras etc. Incluirase aquí a adquisición doutro equipamento específico para a biblioteca, necesario para atender as necesidades da comunidade educativa e cumprir as súas funcións como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe e, en especial, para poder abordar a imprescindible alfabetización múltiple.
c) Outros gastos de funcionamento da biblioteca escolar. Comprenden material funxible, pequenas obras, material non inventariable; edición de materiais impresos para o alumnado ou as familias, como guías de lectura, guías da biblioteca, materiais para a formación de usuarios ou programas para a competencia informacional, etc.
Artigo 26. Requisitos dos centros
1. Os centros de nova incorporación deberán reunir os requisitos seguintes:
a) Presentar un programa para o funcionamento e utilización da biblioteca escolar, acorde coas pautas recollidas nesta convocatoria, cunha xestión centralizada dos fondos documentais e unha organización que permita o seu aproveitamento por toda a comunidade escolar, con prioridade do alumnado e o profesorado.
b) Designar un profesor ou profesora responsable da biblioteca escolar, entre o profesorado estable no centro que forme parte do concerto educativo, por un período mínimo de dous anos, e asignación de horas, dentro do seu horario lectivo e/ou complementario, en número suficiente para as funcións que lle son propias, aproveitando as marxes que ofrece a actual configuración do réxime horario do profesorado. Este responsable integrarase na Comisión de coordinación pedagóxica do centro.
c) Crear un equipo de biblioteca ou grupo de apoio, de carácter interdisciplinario, formado por profesorado dos diferentes niveis ou departamentos presentes no centro, con dispoñibilidade e dedicación específica para a realización das distintas tarefas derivadas do programa, que se terá en conta na elaboración dos horarios do profesorado ao comezo do curso escolar. Preferentemente, será este profesorado o que realice as gardas de biblioteca, co fin de garantir a unificación de criterios na xestión e organización dos fondos, e un maior aproveitamento dese tempo lectivo para formación, orientación, asesoramento do alumnado como usuarias e usuarios de fontes informativas, como lectoras e lectores críticos e como produtoras e produtores de información en diversos soportes e formatos; tamén para a propia organización de todas as actuacións nas que intervén a biblioteca.
d) Integrar a biblioteca no desenvolvemento do plan de lectura do centro. Incluír o programa da biblioteca na programación xeral anual de centro.
e) Detallar unha serie de compromisos para o vindeiro curso:
1º. Asignar un orzamento anual específico (entre un 5 % e un 10 % do orzamento para gastos de funcionamento do centro, para o funcionamento e actualización da biblioteca escolar, independente das asignacións ou das axudas ás que puidese dar lugar a participación na presente convocatoria.
2º. Destinar a totalidade do financiamento conseguido ao abeiro desta convocatoria para a actualización e funcionamento da biblioteca escolar do centro.
3º. Crear unha Comisión de Biblioteca no seo do Consello Escolar (agás naqueles centros que non conten con este órgano).
4º. Participar nas actividades de formación sobre biblioteca escolar que se oferten de forma específica para os centros integrantes do programa. Ademais, todos os centros que se incorporan a este programa poderán solicitar formación na modalidade de grupos de traballo ou seminarios ao centro de formación e recursos de referencia, nos prazos establecidos, para realizar ao longo do período 2025-2027, relacionada co funcionamento da biblioteca escolar e os seus principais aspectos.
f) Contar coa aprobación do Claustro e do Consello Escolar, así como o compromiso de ámbolos dous órganos para facilitar a posta en práctica do proxecto.
2. Os centros incorporados ao Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados entre 2016 e 2023 deberán acadar unha puntuación positiva na memoria do curso 2023/24.
Artigo 27. Criterios de valoración
Para a selección dos novos centros participantes teranse en conta os seguintes aspectos:
1. Atención á biblioteca escolar nos dous anos anteriores (máximo 105 puntos).
a) Intervencións no espazo físico da biblioteca escolar, equipamento, recursos, fondos (ata 9 puntos).
b) Emprego de sistemas estandarizados (CDU) (ata 6 puntos).
c) Xestión documental informatizada (ata 6 puntos).
d) Servizo de lectura en sala, consulta de libros e outros soportes (ata 3 puntos).
e) Acceso á internet para as persoas usuarias (ata 3 puntos).
f) Servizo de préstamo individual e colectivo (ata 3 puntos).
g) Asesoramento a persoas lectoras e mediadoras (ata 3 puntos).
h) Publicación de boletíns informativos, recomendacións, guías de lectura... (ata 3 puntos).
i) Publicación de guías de persoas usuarias (ata 3 puntos).
j) Realización de actividades de formación de persoas usuarias (ata 6 puntos).
k) Realización de actividades de traballo coa información (ata 6 puntos).
l) Coordinación de proxectos de carácter interdisciplinario (ata 6 puntos).
m) Realización de actividades para a competencia mediática (cos medios audiovisuais, prensa etc.) (ata 6 puntos).
n) Realización de actividades de animación á lectura/formación de persoas lectoras (ata 3 puntos).
o) Realización e sistematización de actividades de fomento da lectura: hora de ler, mochilas, lecturas compartidas... (ata 3 puntos).
p) Traballo sobre a lectura comprensiva en todas as áreas e materias (ata 3 puntos).
q) Concepción da lectura como alfabetización múltiple (ata 9 puntos).
r) Emprego de diferentes textos en formatos e soportes variados, pretendendo a integración da cultura impresa e cultura dixital (ata 6 puntos).
s) Uso de recursos e actividades para a atención á diversidade, programas específicos de apoio ao estudo (ata 6 puntos).
t) Programación de actividades dirixidas ás familias (ata 3 puntos).
u) Implicación das familias en tarefas de xestión e/ou actividades de dinamización (ata 3 puntos).
v) Colaboración con outras bibliotecas escolares ou públicas ou outras entidades (ata 3 puntos).
w) Apertura da biblioteca no período extraescolar (ata 3 puntos).
1. Equipo de biblioteca (máximo 30 puntos).
a) Organización horaria da persoa responsable da biblioteca escolar (ata 6 puntos).
b) Número de membros do equipo de apoio (ata 3 puntos).
c) Organización horaria do equipo de biblioteca escolar (ata 6 puntos).
d) Formación específica da persoa responsable da biblioteca escolar (ata 9 puntos).
e) Formación específica do equipo de biblioteca escolar (ata 6 puntos).
1. Grao de adecuación do programa ás orientacións publicadas na convocatoria (máximo 63 puntos).
a) Utilización da biblioteca escolar como un centro de recursos da información ao servizo da comunidade escolar (ata 3 puntos).
b) Participación no desenvolvemento de actividades de ensino e aprendizaxe (ata 3 puntos).
c) Participación do profesorado responsable da biblioteca escolar no desenvolvemento do Plan de lectura do centro (ata 6 puntos).
d) Realización de actividades para o fomento da lectura/formación de persoas lectoras (ata 3 puntos).
e) Realización de actividades de extensión cultural entre a comunidade escolar (ata 3 puntos).
f) Previsión de melloras para converter a biblioteca nun espazo axeitado para o traballo persoal, o estudo, a busca documental e a lectura (ata 3 puntos).
g) Programación de actividades de formación de persoas usuarias (ata 3 puntos).
h) Previsión dun programa de educación documental (acceso e tratamento da información) (ata 3 puntos).
i) Previsión dunha actualización equilibrada dos fondos en diferentes soportes: impreso/dixital (ata 3 puntos).
j) Elaboración do plan de adquisicións en colaboración con todo o equipo docente a través de ciclos e departamentos (ata 6 puntos).
k) Acceso directo das persoas usuarias aos fondos (ata 3 puntos).
l) Previsión de adquisición de fondos axeitados para a atención da diversidade ao alumnado con NEAE, incorporación tardía ao sistema educativo etc. (ata 3 puntos).
m) Realización de actividades para a atención á diversidade, programas específicos de apoio ao estudo (ata 3 puntos).
n) Programación de actividades dirixidas ás familias (ata 3 puntos).
o) Implicación das familias en tarefas de xestión e/ou actividades de dinamización (ata 3 puntos).
p) Colaboración con outras bibliotecas escolares ou públicas ou outras entidades (ata 3 puntos).
q) Previsión de programas de formación no uso da biblioteca escolar, no propio centro (ata 3 puntos).
r) Horario de atención da biblioteca, con atención axeitada, correspondente ao período lectivo (ata 3 puntos).
s) Apertura da biblioteca escolar en período extraescolar (ata 3 puntos).
1. Avaliación da calidade dos servizos prestados pola biblioteca á comunidade educativa, así como do desenvolvemento e resultado das actividades desenvolvidas (máximo 21 puntos).
a) Existencia de criterios para a avaliación do proxecto (ata 6 puntos).
b) Deseño de indicadores de calidade do funcionamento dos servizos ofertados pola biblioteca escolar (ata 6 puntos).
c) Definición de procedementos e instrumentos para realizar esta avaliación (ata 6 puntos).
d) Emprego do instrumento de autoavaliación que recomenda a Asesoría ou unha adaptación do mesmo (ata 3 puntos).
1. Grao de implicación do equipo directivo e do profesorado do centro no seu conxunto (máximo 21 puntos).
a) Presenza do uso da biblioteca escolar e o proxecto elaborado (Plan de biblioteca) nos documentos organizativos do centro (ata 6 puntos).
b) Colaboración do profesorado do centro para a posta en marcha do servizo de biblioteca e a súa integración nas actividades pedagóxicas (ata 6 puntos).
c) Apoio do equipo directivo ao proxecto de biblioteca escolar que se pretende (ata 3 puntos).
d) Orzamento (ata 6 puntos).
1. Calidade, coherencia e viabilidade do programa (máximo 24 puntos).
a) Existencia dunha dinámica de atención á biblioteca escolar como espazo de lectura e aprendizaxe (ata 3 puntos).
b) Realización dunha análise de partida con previsións de melloras realistas (ata 3 puntos).
c) Relación entre as propostas e os obxectivos previstos (ata 6 puntos).
d) Correspondencia do programa co modelo proposto pola Consellería (ata 3 puntos).
e) Contribución da biblioteca á adquisición das competencias clave por parte do alumnado (ata 6 puntos).
f) Coherencia interna do programa (ata 3 puntos).
Artigo 28. Formación e asesoramento
O profesorado dos centros seleccionados e integrado no concerto educativo, unha única persoa por cada centro, deberá participar nas actividades de formación sobre biblioteca escolar que se oferten de forma específica desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para o profesorado responsable deste programa nos centros implicados, no contexto do Plan anual de formación do profesorado.
Os centros participantes poderán, así mesmo, recibir asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, dependente da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa), desde onde se coordinarán todos estes programas e se levará a cabo o seguimento e supervisión oportunos.
Artigo 29. Certificación
A participación do profesorado implicado neste programa de innovación educativa, en calidade de responsable da biblioteca escolar, con funcións de coordinación do equipo de apoio á biblioteca, e pola especial dedicación que require, poderá recibir unha certificación de innovación, equivalente a 30 horas de formación permanente do profesorado por curso académico, ao abeiro do artigo 37 da Orde do 14 de maio de 2013 pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o Rexistro das actividades de formación permanente do profesorado de Galicia.
Sección 2ª. Clubs de lectura-concertados
Artigo 30. Obxecto e ámbito de aplicación
1. O obxecto desta modalidade é apoiar a creación de clubs de lectura vinculados á biblioteca escolar en centros privados concertados mediante a asignación dunha contía para a posta en marcha desta actividade.
2. O club de lectura deberá realizarse fora das aulas, é dicir, do tempo das materias, e ter funcionamento ao longo de todo o curso 2024/25 para fomentar hábitos de lectura entre as persoas participantes e contribuír á creación dun ambiente proclive á experiencia lectora entre os distintos sectores da comunidade educativa.
3. Valoraranse especialmente iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que busquen contribuír a un maior vínculo dos mozos e mozas coa lingua e a literatura galegas e a fomentar a participación nos grupos de lectura de varóns, co fin de contrarrestar os estereotipos de xénero nesta materia. Igualmente, serán valoradas as propostas que impulsen a participación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, sempre segundo os requisitos xerais da convocatoria (actividade voluntaria fóra das aulas).
4. Así mesmo, terase en conta a apertura e implicación das familias, nomeadamente nos clubs de lectura formados en educación primaria.
Artigo 31. Financiamento e contía das axudas
1. A dotación global desta axuda ascende a un máximo de 48.000 €, que se tramitará a través da partida orzamentaria: 07.03.423A.780.5.
2. Unha vez coñecida a puntuación acadada e tendo en conta esta puntuación determinarase a contía individual das axudas.
Artigo 32. Finalidade das axudas
Esta axuda destinarase á posta en marcha das actividades de fomento da lectura previstas no seu proxecto, mediante a adquisición de libros para facilitar o funcionamento do club, que pasarán posteriormente aos fondos da biblioteca escolar.
Artigo 33. Requisitos dos centros
1. Poderán solicitar esta modalidade de axudas aqueles centros privados concertados que conten con unidades concertadas de educación primaria, educación secundaria, ciclos formativos ou educación especial.
2. Os centros deberán incluír un club de lectura na programación de actividades da biblioteca escolar ou contar con profesorado que pretenda poñelo en marcha cun grupo de alumnas e alumnos en tempos de lecer ou horario extraescolar.
3. No club de lectura poderán participar, se fose o caso, membros dos distintos sectores da comunidade educativa, pero é imprescindible a participación do alumnado nalgún ou en todos os grupos.
4. Esta iniciativa deberá estar incluída na Programación Xeral Anual e ser aprobada previamente no Consello Escolar.
Artigo 34. Criterios de valoración
1. Para a selección daqueles centros que non participasen no programa no curso 2023/24, valoraranse os seguintes aspectos do proxecto presentado, cun máximo de 10 puntos:
a) Coherencia e calidade das actividades propostas, en función das finalidades previstas (ata 3 puntos).
b) Compromiso do profesorado responsable, que se poñerá de manifesto en aspectos da organización e funcionamento previstos, tales como o número de persoas responsables dos grupos de lectura, os tempos dedicados ás reunións ou número de participantes (ata 2 puntos).
c) Iniciativas destinadas ao fomento da lectura en galego (ata 1 punto).
d) Propostas para estimular a participación de varóns nos grupos de lectura (ata 0,5 puntos).
e) Propostas para estimular a participación das familias nos grupos de lectura (ata 0,5 puntos).
f) Propostas para fomentar a participación de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (ata 1 punto).
g) Formación recibida en cursos, grupos de traballo, seminarios, etc. durante os cursos 2022/23 e 2023/24 en materia de fomento da lectura por parte dr todo o profesorado participante na mediación dos grupos de lectura (ata 1 punto).
h) Implicación do resto do profesorado do centro e apertura a distintos sectores da comunidade educativa (ata 1 punto).
1. Os centros que participaron no programa Clubs de lectura-concertados no curso 2023/24 deberán acadar una puntuación positiva na memoria dese curso.
Artigo 35. Formación e asesoramento
O profesorado que coordine os clubs de lectura e integrado no concerto educativo, unha única persoa por cada centro, poderá ser convocado á xornada de clubs de lectura que, anualmente, organiza a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para o profesorado responsable deste programa nos centros implicados, e que adoita desenvolverse no terceiro trimestre de cada curso, no contexto do Plan anual de formación do profesorado. Esta actividade formativa é de obrigada asistencia, agás causa xustificada, e sendo neste caso substituída por outra profesora ou profesor do centro.
Os centros participantes poderán, así mesmo, recibir asesoramento a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, dependente da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa), desde onde se coordinarán todos estes programas e se levará a cabo o seguimento e supervisión oportunos.
Sección 3ª. Radio na biblio-concertados
Artigo 36. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta modalidade de axudas ten como obxectivo estimular o desenvolvemento do modelo de biblioteca cara a espazos creativos das aprendizaxes e promover a creación de emisoras/laboratorios de radio no contexto das bibliotecas escolares de centros concertados integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado. Búscase, así mesmo, ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.
2. Seleccionaranse un máximo de 5 centros para a súa participación no programa Radio na biblio-concertados durante o curso 2024/25.
Artigo 37. Financiamento e contía das axudas
1. A dotación global desta axuda ascende a un máximo de 14.100 €, que se tramitarán a través das seguintes partidas orzamentarias:
a) 07.03.423A.780.4, destinada á adquisición de equipamentos necesarios para a posta en marcha de Radio na biblio-concertados, por un máximo de 6.000 €.
b) 07.03.423A.482.1, destinada a contratación de servizos puntuais de formación para o programa Radio na biblio-concertados, por un máximo de 8.100 €.
1. Unha vez coñecida a puntuación acadada, seleccionarase un máximo de 5 centros coa maior puntuación e, tendo en conta esta puntuación, determinarase a contía individual das axudas, ata o importe global máximo.
Artigo 38. Finalidade das axudas
As axudas concedidas a través desta modalidade deberán ir destinadas á adquisición de equipamentos para a creación dun laboratorio de radio vinculado á biblioteca escolar, así como á realización de obradoiros de formación, no propio centro, dirixidos ao grupo de alumnado que o Claustro decida pola súa pertinencia e para garantir a continuidade do proxecto no centro.
Artigo 39. Requisitos dos centros
1. Os centros interesados deberán estar integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados no curso 2023/24.
2. Poderán participar nesta modalidade de axudas as bibliotecas de centros concertados que conten con unidades concertadas de educación infantil, primaria, secundaria, ciclos formativos ou educación especial.
3. Os centros seleccionados non poderán ter recibido axuda por esta liña específica en convocatorias anteriores.
4. A persoa responsable da biblioteca en cada centro deberá coordinar e garantir a integración desta iniciativa na programación anual da biblioteca escolar, coa colaboración dos restantes membros do equipo de biblioteca ou doutro profesorado do cadro docente.
Artigo 40. Criterios de valoración
Seleccionarase un máximo de 5 centros para a participación neste programa. Ademais dos requisitos previstos no artigo 39, terase en conta a valoración acadada pola memoria da biblioteca no Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados correspondente ao curso 2023/24. Terán prioridade aqueles centros que presentan unha actividade media-alta e que se materializará a través da seguinte puntuación:
a) Grao de cumprimento dos obxectivos propostos no programa inicial o nas liñas prioritarias para o curso 2023/24 (ata 1 punto).
b) Actividades desenvolvidas (ata 2 puntos).
c) Materiais elaborados (ata 1,25 puntos).
d) Implicación do centro e da comunidade educativa (ata 1 punto).
e) Participación en actividades de formación do profesorado (ata 0,75 puntos).
f) Avaliación realizada (ata 1 punto).
g) Previsións de futuro (ata 1 punto).
h) Grao de transformación da biblioteca nun centro de recursos para a Lectura, Información e Aprendizaxe (ata 2 puntos).
Sección 4ª. Biblioteca inclusiva-concertados
Artigo 41. Obxecto e ámbito de aplicación
1. A finalidade deste liña de axudas é a de estimular a mellora dos equipamentos e dos recursos presentes na biblioteca escolar que poidan facilitar o achegamento á lectura, ao mundo de ficción e de información e outras actividades propias da biblioteca escolar a aquel alumnado que poida presentar dificultades de aprendizaxe recollidas no denominado alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (ANEAE).
2. As melloras para a accesibilidade concretaranse no mobiliario, equipamento e colección das bibliotecas escolares de centros específicos de educación especial e de centros que teñan unidades concertadas de educación especial ou melloras na colección dos centros que impartan ensinanzas de educación infantil, educación primaria ou educación secundaria obrigatoria, sen unidades de educación especial.
Artigo 42. Financiamento e contía das axudas
1. A dotación global desta axuda ascende a un máximo de 37.500 €, que se tramitarán a través da partida orzamentaria 07.03.423A.780.6, destinada á adquisición de equipamento, mobiliario e fondos (segundo proceda) para o programa Biblioteca inclusiva-concertados.
2. As solicitudes admitidas percibirán esta axuda na contía individual que resulte segundo a puntuación obtida, co límite máximo por centro de 3.000 €.
Artigo 43. Finalidade das axudas
Estas axudas destinaranse única e exclusivamente á adquisición de equipamentos e materiais destinados á biblioteca escolar, desde un enfoque inclusivo:
1. Os centros privados concertados específicos de educación especial e centros que teñan unidades concertadas específicas de educación especial poderán recibir axudas para equipamento/mobiliario e fondos documentais. Poderán realizar melloras no mobiliario para que estea mellor adaptado, ou no equipamento, para que responda ás necesidades do alumnado NEAE existente no centro. Así mesmo, poderán investirse na mellora dos fondos da biblioteca de forma que poida contar con textos adaptados ás necesidades deste alumnado, recursos en soportes e formatos axeitados, xogos e material manipulativo, material multisensorial, etc.
2. Os centros sen unidades concertadas de educación especial poderán recibir axudas para fondos documentais, coa finalidade de mellorar a súa colección.
Artigo 44. Requisitos dos centros
1. Poderán participar nesta modalidade de axuda os centros privados concertados específicos de educación especial e centros que teñan unidades específicas concertadas de educación especial, así como os centros que impartan ensinanzas de educación infantil, educación primaria ou educación secundaria obrigatoria sen unidades concertadas de educación especial.
2. Os centros solicitantes non poderán ter recibido axuda por esta liña específica en convocatorias anteriores.
Artigo 45. Criterios de valoración
Para a resolución desta modalidade de axudas valoraranse as solicitudes presentadas cun máximo de 10 puntos, tendo en conta os seguintes aspectos:
1. Número de unidades concertadas de educación especial no curso 2024/25 (ata 6 puntos).
2. Actividades desenvolvidas pola biblioteca escolar durante o curso 2023/24.
a) Actividades de fomento da lectura (ata 1 punto).
b) Actividades de educación en información e medios de comunicación (ata 1 punto).
c) Actividades de atención á diversidade promovidas desde a biblioteca (ata 1 punto).
d) Melloras na xestión e funcionamento da biblioteca escolar para unha mellor atención da diversidade (ata 1 punto).
Sección 5ª. Lectura e familias-concertados
Artigo 46. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta modalidade de axudas ten por obxecto estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, destinadas ao conxunto da comunidade educativa ou especificamente pensadas para a formación e a participación destas familias en experiencias de lectura e, tamén, de traballo coa información e medios de comunicación, coa finalidade de que poidan, pola súa vez, intervir con mellores recursos e eficacia na formación das súas fillas e fillos como persoas lectoras e cidadás usuarias de información. Estas actuacións realizaranse ao longo do curso 2024/25.
2. Seleccionaranse un máximo de 5 centros para a súa participación no programa Lectura e familias-concertados durante o curso 2024/25.
Artigo 47. Financiamento e contía das axudas
1. A dotación global destas axudas ascende a un máximo de 16.700 €, que se tramitarán a través das seguintes partidas orzamentarias:
a) 07.03.423A.780.7, destinada á adquisición de fondos, por un máximo de 8.700 €.
b) 07.03.423A.482.2, destinada a contratación de servizos puntuais de formación para o programa Lectura e familias, por un máximo de 8.000 €.
1. Unha vez coñecida a puntuación acadada, seleccionarase un máximo de 5 centros coa maior puntuación e, tendo en conta esta puntuación, determinarase a contía individual das axudas, ata o importe global máximo.
Artigo 48. Finalidade das axudas
As axudas concedidas a través desta modalidade deberán ir destinadas á adquisición de materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades previstas, así como para a realización de obradoiros de formación, ciclos de conferencias ou outras experiencias deseñadas e vinculadas ao obxecto desta convocatoria.
Artigo 49. Requisitos dos centros
1. Os centros interesados deberán estar integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados no curso 2023/24.
2. Poderán participar nesta modalidade de axudas as bibliotecas de centros concertados que conten con unidades concertadas de educación infantil, primaria, secundaria, ciclos formativos ou educación especial.
3. A persoa responsable da biblioteca en cada centro deberá coordinar e garantir a integración desta iniciativa na programación anual da biblioteca escolar, coa colaboración dos restantes membros do equipo de biblioteca ou doutro profesorado do cadro docente.
Artigo 50. Criterios de valoración
Para a selección dos proxectos valoraranse as iniciativas presentadas cun máximo de 10 puntos tendo en conta os seguintes aspectos:
a) Orixinalidade e valor intrínseco da proposta en liña co exposto como obxecto desta convocatoria (ata 3 puntos).
b) Iniciativas destinadas ao fomento da lectura en galego entre a comunidade escolar (ata 1 punto).
c) Propostas para que as familias desenvolvan recursos en materia de uso da información e medios de comunicación que inflúan favorablemente na formación de súas fillas e fillos (ata 1 punto).
d) Propostas destinadas á formación das familias en materia de lectura (ata 2 puntos).
e) Presenza e importancia da Biblioteca Escolar no desenvolvemento das iniciativas previstas (ata 1 punto).
f) Grao de participación e impacto previsible no conxunto da comunidade educativa do proxecto presentado (ata 2 puntos).
Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.
Disposición adicional segunda. Información coas directrices para elaborar a documentación necesaria para tramitar o presente procedemento
1. Modelo de biblioteca escolar.
Tal e como aparece recollido no Marco de referencia sobre as bibliotecas escolares, publicado polo Ministerio de Educación en 2011, as bibliotecas escolares que se precisan na actualidade son centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe: entornos educativos específicos integrados na vida da institución escolar. Apoian ao profesorado no exercicio das súas prácticas de ensinanza e facilitan ao alumnado a aprendizaxe dos contidos curriculares, así como a adquisición de competencias e de hábitos de lectura, nunha dinámica aberta á comunidade educativa.
Na biblioteca centralízase todo o material informativo que pode empregarse para os traballos escolares e para o tratamento e fomento da lectura (libros, revistas, xornais, discos, vídeos, discos DVD, mapas, fotografías, diapositivas, materiais de produción propia, seleccións de recursos electrónicos dispoñibles na rede, etc.). A biblioteca acolle, organiza, facilita e difunde, entre os diversos sectores da comunidade escolar, os recursos existentes para un uso eficaz destes. Presta diversos servizos (lectura en sala, préstamo, información, formación de usuarios, orientacións e materiais para a educación en información, actividades de fomento da lectura, acceso a internet....). A súa principal misión é contribuír á adquisición das competencias clave recollidas no currículo e apoiar os proxectos e programas que leva a cabo o centro educativo, favorecendo así mesmo a adquisición e o desenvolvemento de hábitos de lectura entre os distintos sectores da comunidade educativa. Constitúe un instrumento imprescindible para a integración da cultura impresa e a cultura dixital nas intervencións do profesorado e nas prácticas de aprendizaxe do alumnado.
Así mesmo, debe enfrontar o reto de contribuír á correcta alfabetización múltiple do alumnado, competencia esencial para a vida e para as aprendizaxes, tal e como é recollida no documento do Consello da Unión Europea de 26 de novembro de 2012, e que a define como a comprensión, utilización e avaliación crítica de diferentes formas de información, incluídos os textos e imaxes, escritos, impresos ou en versión electrónica.
A biblioteca debe, así mesmo, abrirse a novas tendencias sociais no ámbito das bibliotecas e configurarse como centros creativos de construción do coñecemento, habilitando espazos e proporcionando oportunidades para que as persoas usuarias (alumnado, profesorado, outros membros da comunidade escolar) poidan atoparse para pensar, deseñar, debater e desenvolver proxectos persoais ou sociais de carácter cultural, manipulativo, de investigación, de creación, de axuda..., sexan de carácter informal ou vinculados á educación formal específica do centro educativo.
Desta forma, a biblioteca pode ser un instrumento útil e apreciado para a aprendizaxe ao longo da vida. Integrar os medios para desenvolver proxectos maker, a robótica, os videoxogos ou o equipamento necesario para a produción autónoma de contidos audiovisuais ou transmedia poden servir para atraer á cultura e ao mundo do coñecemento a alumnado en risco de exclusión, por exemplo.
Para unha axeitada xestión e organización dos materiais, cómpre seguir criterios estandarizados no ámbito bibliotecario, simplificando o sistema de clasificación e adaptándoo ao contexto escolar. A Asesoría de Bibliotecas Escolares publicou no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional diversos materiais de apoio neste sentido (Adaptación da CDU para bibliotecas escolares galegas, orientacións, etc.). Desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a través de Amtega (Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia), facilítase aos centros que o soliciten un programa para a informatización da biblioteca escolar.
O equipo de biblioteca elaborará un plan de adquisicións acollendo as suxestións e necesidades dos diversos niveis ou departamentos do centro, establecendo prioridades en función dunha actualización equilibrada dos fondos. Segundo as directrices internacionais, unha proporción recomendable sería a de un 60 % de materiais de carácter informativo e un 40 % de materiais de ficción, incluídos todos os soportes. A este respecto, cómpre consultar diferentes recursos dispoñibles no espazo temático das Bibliotecas Escolares de Galicia, do Portal Educativo, no enderezo https://www.edu.xunta.es/biblioteca
É recomendable que todos os recursos documentais do centro (agás os de carácter administrativo), sexan xestionados pola biblioteca central, evitando a dispersión destes por aulas, ciclos, departamentos, seminarios e outros lugares, o que dificulta o coñecemento dos fondos existentes e a súa accesibilidade. Isto non quita que a biblioteca realice préstamos temporais en función das necesidades do profesorado, na súa práctica pedagóxica, e do alumnado. As necesidades derivadas da posta en marcha do Plan de lectura ou do tratamento dos distintos aspectos do currículo poden exixir a creación de seccións de aula, que se nutrirán dos recursos da biblioteca do centro (ou doutras bibliotecas), mediante o sistema de préstamo temporal.
O criterio para a colocación dos fondos terá en conta a accesibilidade a eles por parte do alumnado. Os andeis serán preferentemente abertos, sen pechos nin barreiras innecesarias. Os armarios pechados non facilitan o acceso directo promovido no ámbito bibliotecario, tampouco actitudes responsables nin autonomía no uso dos bens comúns.
A existencia dunha biblioteca escolar, organizada e dinamizada, facilita:
• Apoio aos procesos de ensinanza e de aprendizaxe.
• Aprendizaxe autónoma.
• Tratamento da lectura comprensiva en todas as áreas curriculares.
• Desenvolvemento de habilidades e de competencias básicas.
• Achegamento aos distintos soportes e formatos nos que se transmite a información: alfabetización múltiple.
• Educación para a competencia informacional: para o uso, tratamento e produción da información.
• Integración das tecnoloxías da comunicación e da información na recollida e tratamento dela, e na selección de lecturas.
• Creación e consolidación de hábitos de lectura e de escritura.
• Acceso igualitario aos recursos culturais.
• Educación nunha vivencia saudable do tempo de lecer.
• Apoio ao alumnado con necesidades educativas específicas.
O horario de funcionamento da biblioteca deberá ser o máis amplo posible, segundo a dispoñibilidade horaria do profesorado; en calquera caso, procurarase que estea aberta e atendida pola persoa responsable ou por integrantes do equipo de apoio a totalidade do tempo lectivo. Para a súa apertura no horario extraescolar poderá contarse con persoal auxiliar, en colaboración con outras institucións como a asociación de nais e pais, o concello ou outras, baixo a indispensable coordinación, sempre, da persoa responsable designada pola Dirección; previo acordo escrito e con coñecemento das autoridades educativas.
Os equipos directivos dos centros, atendendo á normativa vixente, preverán o funcionamento da biblioteca escolar como unha das necesidades organizativas do centro e, en consecuencia, terán en conta esta circunstancia á hora da distribución horaria de comezo de curso.
Así, a ordenación curricular da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ás etapas de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria, recolle, nos seus respectivos artigos referidos a bibliotecas escolares e lectura, que os centros docentes deberán incluír dentro do seu proxecto educativo e funcional un plan de lectura coa finalidade de promover a lectura ou a aproximación a ela, que se concretará anualmente na programación xeral anual a través de actuacións destinadas ao fomento da lectura e á escritura ou da aproximación a elas, e das habilidades no uso, no tratamento e na produción da información, en apoio da adquisición das competencias clave. Do mesmo xeito, os centros docentes contarán cunha biblioteca escolar e deberán incluír dentro do seu proxecto educativo e funcional un plan de biblioteca, que se concretará anualmente na programación xeral anual a través das correspondentes actuacións, coa finalidade de promovela como centro de referencia de recursos da lectura, da información e da aprendizaxe. Así mesmo, a biblioteca escolar será un punto de encontro entre alumnado, profesorado e familias que facilite a comunicación, a creatividade, as aprendizaxes, o traballo colaborativo e os intercambios culturais no centro, ademais de servir como instrumento de apoio para o desenvolvemento do Plan de lectura.
Para ampliar estas orientacións, recoméndase a consulta do Marco de referencia sobre as bibliotecas escolares, publicado polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte (2011), accesible no seguinte enderezo: https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=node/409
Así mesmo, poderán terse en conta as Instrucións do 2 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2024/25, nos centros docentes de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ou aquelas que especificamente se publiquen para o curso 2024/25.
2. Educación en información. Fomento da lectura.
No deseño de programas de dinamización da biblioteca escolar, cómpre ter en conta dous tipos de actividades: aquelas dirixidas á formación do alumnado en tanto que usuario da biblioteca e á adquisición de habilidades e procedementos para o acceso á información e o seu tratamento (o que se coñece como alfabetización informacional ou competencia informacional, e que constitúe un dos obxectivos básicos da biblioteca escolar), e aquelas outras que se engloban no concepto de fomento da lectura: narracións, lectura individual, lecturas compartidas, presentacións de libros, encontros con autoras/es ou ilustradoras/es, libro-fórum, clubs de lectura, amadriñamentos e apadriñamentos lectores, lecturas compartidas, xogos de animación, talleres de escritura creativa... Cómpre considerar a lectura nun senso amplo: a lectura para aprender, para facer un resumo, para buscar un dato, para resolver un problema, para elaborar un traballo; pero tamén a lectura pracenteira, a que realizada en soidade ou en compañía ten como único obxectivo o gozo do texto literario. Así mesmo, é imprescindible orientar e facilitar prácticas de lectura en todo tipo de soportes, atendendo ás particularidades da lectura en pantalla e ampliando a experiencia lectora do alumnado.
A biblioteca escolar ten un papel preponderante á hora de deseñar e desenvolver o Plan de lectura de centro, documento que, segundo o previsto na normativa curricular, articulará todas as intervencións que o centro vai levar a cabo en relación coa lectura, a escritura e as habilidades informativas, e que se plasmará en plans anuais de lectura. Da mesma forma, a biblioteca escolar é o espazo natural de achegamento á información en calquera formato, incluído o electrónico. As bibliotecas han ser espazos de integración da cultura impresa e da cultura dixital.
3. Responsable da biblioteca escolar.
O funcionamento eficaz da biblioteca escolar supón unha axuda fundamental para o labor de todo o profesorado, sendo necesaria a colaboración de todas e todos para a súa existencia. Porén, resulta imprescindible a presenza dunha persoa responsable deste recurso do centro. A persoa responsable da biblioteca escolar debe ser designada pola Dirección, garantindo no posible a estabilidade e o bo funcionamento deste servizo. Para iso, terase en conta o interese, a idoneidade, a formación ou a experiencia neste ámbito, así como a dispoñibilidade horaria do profesorado.
As funcións da persoa responsable da biblioteca escolar son:
• Elaborar a programación anual de biblioteca escolar, atendendo aos proxectos curriculares do centro, e unha memoria final.
• Colaborar co deseño e a posta en práctica do Plan de lectura do centro, coordinándoo, de ser o caso.
• Realizar o tratamento técnico dos fondos (seleccionar, organizar, clasificar e catalogar).
• Informar o Claustro das actividades da biblioteca e integrar as súas suxestións.
• Difundir os fondos existentes e as súas posibilidades de consulta entre toda a comunidade escolar.
• Definir os criterios para o préstamo e atender ao servizo xunto co equipo de apoio.
• Asesorar o profesorado en técnicas de animación á lectura, estratexias de dinamización, formación de usuarios e traballo documental, seleccionando e elaborando materiais, xunto co resto do profesorado, para a formación do alumnado nestes aspectos e a dinamización cultural do centro.
• Coordinar o equipo de apoio á biblioteca escolar.
Deberán terse en conta tamén as Instrucións do 2 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para a organización e o funcionamento da biblioteca escolar, xa aludidas, ou aquelas que especificamente se publiquen para o curso 2024/25.
4. Equipo de apoio.
Estará formado por profesorado dos diferentes niveis ou departamentos existentes no centro, que traballará en coordinación coa persoa responsable da biblioteca para a consecución dos obxectivos previstos e a posta en marcha das actividades organizadas. A xefatura de estudos, aproveitando as marxes horarias do cadro de profesorado, preverá as necesidades da biblioteca escolar á hora de elaborar os horarios do mesmo, nos cales quedará recollida a súa participación neste servizo.
As funcións das persoas integrantes do equipo de biblioteca son:
• Apoiar a persoa responsable da biblioteca na organización e dinamización da mesma, desenvolvendo así as funcións que se lle encomendan á biblioteca escolar.
• Recompilar informacións, materiais e recursos necesarios para o bo funcionamento do servizo, co fin de facilitárllelos ás persoas usuarias da biblioteca escolar.
• Cooperar ao deseño, organización e posta en marcha das actividades programadas.
• Establecer criterios para a adquisición e actualización dos fondos da biblioteca.
• Recoller propostas e suxestións do profesorado e o alumnado co fin de mellorar as intervencións e colaborar co desenvolvemento da competencia lectora, o hábito lector e as habilidades de traballo intelectual.
5. Comisión de Biblioteca no Consello Escolar.
A creación dunha Comisión de biblioteca no seo do Consello Escolar resulta de gran interese para a sensibilización de todos os membros da comunidade escolar respecto da necesidade deste servizo, procurando á súa atención e estabilidade, así como a necesaria colaboración coa biblioteca pública de referencia. (Inclúese como requisito para a participación na convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares-concertados).
A Comisión de Biblioteca podería ter a seguinte composición: por parte do Consello Escolar, un/ha profesor/a, un/ha nai/pai, unha persoa representante do concello, unha persoa representante da Dirección; por parte da Asociación de Nais e Pais, unha persoa representante; por parte da biblioteca pública máis próxima, a persoa responsable; a persoa responsable da biblioteca escolar, quen actuará como secretaria/o. A comisión reunirase unha vez ao trimestre, presidida pola xefatura de estudos ou a/o director/a.
As funcións desta Comisión de Biblioteca serían:
• Analizar as necesidades da biblioteca escolar referidas a infraestrutura, equipamento, mantemento e atención en horario lectivo e en horario extraescolar.
• Realizar propostas ao Consello Escolar para as melloras necesarias.
• Xestionar a apertura da biblioteca en horario extraescolar, procurando as necesarias colaboracións e garantindo que todas as intervencións se realizarán seguindo os criterios establecidos polo equipo de apoio e a persoa responsable da biblioteca escolar.
• Propor estratexias de colaboración entre a biblioteca escolar e a biblioteca pública máis próxima.
• Promover actividades de sensibilización e dinamización cultural entre toda a comunidade escolar.
• Realizar propostas para a adquisición de fondos e equipamento, co correspondente proxecto orzamentario, que se remitirán ao Consello Escolar.
• Realizar xestións cos sectores culturais, educativos, sociais e económicos do contorno do centro educativo que poidan colaborar coa biblioteca escolar e os seus obxectivos.
Disposición adicional terceira. Visibilidade da participación no programa
Os materiais elaborados pasarán a ser propiedade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, conservando a autoría dos seus creadores, co fin de servir como exemplo de boas prácticas, para o que deberán ser publicados cunha Licenza Creative Commons CC BY-NC-SA

